Desde sempre os cafés son un lugar de tertulia e debate. Neste café estanse a pór en común temas que son actualidade no século XX e XXI e que nos fan viaxar a través das propias palabras das actrices. Sete reflexións que na súa maior parte -agás o inicio e o final- son feitas, cada unha delas, por unha conversa de a dúas.
Os temas dos que falan están enmarcados dentro da postmodernidade (ou os seus comezos). Se ben tamén existen reflexións con carácter político, estas non deixan de figuralas como factores relacionados coa arte. Así a arte sitúase no epicentro e as liñas marcadas trasládannos a lugares diversos dende aquel dos maias pasando pola resistencia francesa ou o cine inglés máis vangardista. Vexamos entón as tramas do filme que fan referencia ao dito, ao diálogo, ás palabras que nos fan entrar e saír da narración.
No prólogo paseamos polo peculiar universo de Greenaway, director que tendo estudado artes plásticas infire nos seus filmes unha aureola de misticismo no que o postfreudianismo está presente. As súas propostas achégannos a un mundo onírico no que as personaxes non dubidan en vivir de maneira extrema levando a termo as súas ideas que poden ser ás veces radicais e pasando por riba do amor e da morte. Convértense así en suxeitos que se apoderan do seu destino e que desdebuxan límites que a tradición borraba, descartaba. Concretamente estamos perante o filme O fillo de Macón, se cadra a aposta máis arriscada do autor levando o diálogo ao terreo do misticismo, do nacemento, da dor inaugural.
O inicio introdúcenos no tema da vida e a obra, sostendo que existe unha interrelación das mesmas a través dunha performance de Marina Abramovic en China a finais do século pasado. Esta deixa ver que non podemos fuxir do que a unha a rodea, das circunstancias vitais e que diso mesmo se pode inspirar un artista. Xa dicía Sartre que ao artista non se lle pode xulgar só pola súa obra, senón ademais polo que é o resto do tempo.
Adéntranos no mundo intelectual das protagonistas, mulleres que reflexionan, que comparten, que achegan os seus pontos de vista poñéndoos en común. Porque os discursos son acción e na acción sitúanse estas 12 mulleres pensadoras, libre-pensadoras, nunha época, ademais, a nosa, chea de baleiro, de irreflexión, de barbarie.
De seguido o tema cambia de trazos. Non obstante, seguimos a ver un diálogo baseado no coñecemento mutuo e o intercambio que asimesmo remite a un aspecto da modernidade so século XX, a Segunda Guerra Mundial, que dá paso de seguido a postmodernidade e as teorías postmodernas. Poñémonos diante da Resistencia francesa contra a ocupación nazi. Nesta época os intelectuais de esquerda apoiaban aos combatentes contra o fascismo e mesmo algúns deles loitaron pola causa. Poucos días antes da victoria combatentes antifascistas eran asasinados. L’affiche rouge quedou na memoria da historia francesa e no imaxinario dos seus habitantes, como un fito tráxico e unha mostra da loita pola liberdade.
A segunda parte do filme pon no foco o mito de Edipo e a súa reactualización co Anti-Edipo de Deleuze, filósofo francés representante do nomeado postmodernismo que critica, como xa o facían na escola de Francoforte, o sistema capitalista e as súas fendas. O sistema no que estamos inmersos xoga cos desexos e transfórmaos en obxectos de consumo.
En canto a Edipo realízase un percorrido pola literatura grega e polos mecanismos de construción da mesma, xa que todas tiñan a mesma estrutura.
Seguidamente a literatura amerindia é a protagonista. Esta invítanos a pensar que os universais literarios son construídos desde unha óptica occidentalizada. Ao igual que a terceira vía en política, en literatura tamén se reivindica o pasado antes da colonización e estes pobos prehispanos desexan sobrevivir tamén grazas á súa literatura, ás súas narracións, que nalgúns casos son mesmo sagradas.
O tema que prosegue fai referencia ao libro de Derrida Escritura e diferenza. Aquí achamos temas chave na fin de século que veñen da man deste escritor e que fan pensar ás filósofas en aspectos como o falocentrismo, que remite ao poder do masculino na creación de imaxinarios. Ademais, o discurso áchase enclaustrado nos esquemas mentais dicotómicos que non deixan avanzar o pensamento. Demasiada barbarie deixa tamén baleiros os razoamentos. Podemos incluso preguntarnos que sentido ten escribir, dialogar, no medio de, como dicimos, tanta barbarie.
A parte final deixa un halo de positividade posto que nos demostra que con acción artísticas e culturais pode mudar o pensamento e polo tanto as accións que a proseguen, da humanidade. Unha performance que critica a guerra, a do Vietnam, pero tamén todas as outras guerras, todas. Yoko Ono transmítenos as ideas de paz e amor que deberían basear as relacións humanas.
You might also like
More from Audiovisual
Inma Doval: “[círculo dentro do círculo]” | Carla Nepomuceno
O corpo, a vertigem, os ângulos... são alguns dos elementos que encontramos em [círculo dentro do círculo] de Inma Doval …
Marta Cortezão: “Cantiga Maria” | Carla Nepomuceno
A escritora Marta Cortezão lê um poema seu intitulado CANTIGA MARIA, deleitando-nos com a sua escrita.