El non é guapo, pero si alto e interesante. Viste un elegante traxe de Armani, calza brillantes zapatos de deseño e un nariz rotundo e agresivo. Nariz que apunta inquisitorio e apremiante cara a súa presa, da que non se lle escapa o máis mínimo detalle. Nen sequera o tenue recendo dos seus máis íntimos efluvios femininos…
Ela é nova. Moi nova. E guapa, moi guapa; pero leva un vestido barato, transparente, de dubidoso gusto. Calza zapatillas deportivas dende as que ascenden, ata o triángulo da pube, dúas longas e torneadas pernas. Ten unhas coxas flexibles e perfectas.
A ollada penetrante del faille unha minuciosa radiografía á rapaza, da que agarda que axiña, moi axiña, lle amose o resto dos encantos que medio se adiviñan a través da muselina do vestido.
Toman café. Él bébeo con seguridade e lentitude, sen deixar de apuntala co nariz, nin quitarlle ollo.
Ela, a cabeza inclinada, intimidada, nervosa, nin se atreve a tocar a cunca. As mans trémenlle.
– Deus! –pensa- Qué sorte, pero que sorte a miña! De entre as mozas que se presentaron ao casting, tan guapas, tan desenvoltas, el elixíume a min! Estarase a burlar?
Non, non parece… E se de verdade lle gusto, e se me dá unha oportunidade?
– Pese a que non tes ningunha experiencia –dixo el, interrompendo as súas meditacións- voume arriscar. Hoxe mesmo fareiche unha proba. Se a pasas, é teu o papel; pero advírtoche: non será doado… sonche moi, pero que moi esixente…
Ao fin a rapaza atreveuse a enfrontar o nariz dominante, os ollos, que eran todo elucubracións e cálculo.
– Fareino o mellor que poida. –dixo cun fío de voz.
– Ben, ben! -soltou el, adiviñando máis que entendendo as súas palabras, e arriscándose a darlle unhas palmadiñas nas coxas-. Eu acostumo facer unha primeira proba a soas, na intimidade da miña alcoba… Resulta máis cómodo, máis natural… Axudarate a vencer a timidez, e a torpeza que delata a túa absoluta inexperiencia…
A moza avergoñada, cega de indignación, levantouse precipitadamente e, sen querer, derramou o contido da súa cunca de café pola perneira do pantalón do director.
-Sintoo, sintoo, de verdade… Non foi querendo. Queimeino? Ai! perdoe… Eu, non merezo isto, non señor! Non lle son unha calquera! -dixo indignada, coas bágoas asomando aos ollos- Crín que se trataba de algo serio, que fora elexida para interpretar un verdadeiro papel. Paréceme indecoroso que…
– Es parva, nena!! –dixo o director, interrompéndoa, facendo de cada ángulo do rostro unha ameaza- Mira, mira como me puxeches! Estragáchesme o pantalón. Pois claro que che estou a ofrecer un papel, o melloriño do reparto. O de “Se a miña amante por unha noite”. Se quedo satisfeito, pequena Sherezade, quen sabe…
-Está ben, está ben!- Dixo ela despois de pensalo un intre.
Resolutiva, volveu sentar ao seu lado. E, ensaiando un sorriso ladino de media lúa oriental, despregou coa mirada todo un catálogo de mimos e caricias…
-A que hora me presento na túa casa? –Murmuroulle melosa na orella…
Acababa de lembrar o final feliz do conto das Mil e unha noites.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …