A obra dramática de Sade –unhas vinte pezas, a maioría escritas durante as súas estadías no cárcere de Vicennes e na Bastilla– son obxecto de controversia. No entanto, hai que dicir que segundo propias palabras do marqués, a súa obra teatral era a que «máis lle interesaba». A carreira teatral de Sade, como a súa vida, como as súas obras narrativas, sufriron múltiples infortunios. O seu único «éxito» teatral foi a obra que se traduce a continuación: Le comte Oxtiern. O público parisiense só puido ver esta obra en dúas representacións: a primeira o 22 de outubro de 1791, a segunda, o 4 de novembro seguinte, no escenario do mesmo teatro, o Théâtre Molière, especializado en teatro patriótico (1). Le Moniteur universel consagroulle unha detallada recensión, na que se pode ler: « Le comte Oxtiern ou les Effets [sic] du libertinage, drama en tres actos, en prosa, foi representada con éxito neste teatro». O propio director do Théâtre Molière expresou ademais o desexo de que se representasen outras pezas de Sade para que o público puidese apreciar o talento do autor. Finalmente, unha última representación de Oxtiern –na que se lle amputaba ao título a palabra «Conde»– tivo lugar oito anos máis tarde, o 13 de decembro de 1799, no escenario da Société Dramatique de Versailles. O propio Sade interpretaba o papel de Fabrice, o fondista virtuoso que se opón ás manobras do senador Oxtiern. Segundo biógrafos do marqués, a prensa recoñeceu o seu talento como actor.
Como comprobará o lector, o tema central desta peza teatral de Sade é o da corrupción de Oxtiern. Este tema, o da corrupción, tamén aparece en outras obras teatrais súas: Le Prévaricateur e Le Suborneur, de 1873. Estas dúas pezas foron rexeitadas por todos os administradores de teatro a quen o marqués llas presentou: que se saiba, non foron nunca representadas no seu tempo. Cómpre subliñarmos que na obra teatral de Sade non hai nada de obsceno nin de pornográfico. Como afirma Maurice Lever, nestas pezas non hai «nada de lubricidade, de histeria, de imprecacións, ningún deses suplicios mediante o cales Sade exorciza as nosas consciencias». O que pode explicar, en parte, a perplexidade non só do lector, a quen no nome de Sade remite a …, senón tamén dalgúns dos seus esexetas.
A intriga desta obra é simple, como comprobará o lector, e o desenlace feliz. Mais talvez foi unha táctica do marqués para poder efectuar nesta peza (lembremos, aínda non se producira a Revolución, a censura monárquica persistía ferozmente) a relación entre a corrupción e a temática, inherente ao republicanismo clásico, das ameazas que representan as riquezas e os cartos para a vida dunha comunidade política ou dunha República sabiamente ordenada. Máis especificamente, no contexto francés de 1791, os debates sobre os problemas que formulan a especulación, a «axiotaxe», estaban á orde do día. Tanto no teatro como na novela. Outras obras de teatro puñan en escena esta problemática: Les Portefeuilles de Collot d’Herbois, por exemplo.
Desde a primeira escena do primeiro acto, lánzase o debate. Pero, como se verá, as réplicas máis suxestivas da importancia desta temática en Sade son as que intercambian Oxtiern e Drebac na primeira escena do segundo acto. Cando o primeiro medita sobre os medios de librarse do amante de Ernestine coa axuda de falsas testemuñas e de xuíces corruptos, sen se preocupar das obxeccións moralizadoras de Derbac. Cando este último lle ceiba: «E as leis, meu amigo, as leis?, Oxtiern replica laconicamente: «Nunca vin que resistisen ao poder do ouro».
A representación da corrupción inherente ao «poder do ouro», e máis xeralmente ás altas funcións políticas e xudiciais, é crucial na obra: inicia a obertura dos dous primeiros actos e caracteriza toda a peza. O que permite situar a Sade en relación con diversos moralistas do século das Luces. Mais tampouco debemos esquecer que Sade foi un dos maiores representantes da Ilustración… como ben viron Adorno e Horkheimer en Dialéctica da Ilustración.
***
OXTIERN
OU AS DESGRAZAS DO LIBERTINO
Representada no Teatro Molière de París en 1791, e en Versalles no Teatro da Société dramatique, o 22 de frimario, o ano VIII da República.
PERSONAXES
O CONDE OXTIERN, senador sueco.
DERBAC, amigo e confidente do conde.
O CORONEL FALKENHEIM.
ERNESTINE, filla do coronel.
AMÉLIE, criada de Ernestine.
CASIMIR, axuda de cámara do Conde
O SR. FABRICE, dono da pousada onde se desenvolve a acción.
HERMAN, amante de Ernestine.
CHARLES, criado da casa.
———
A acción desenvólvese na pousada de Fabrice, preto de Estocolmo, na estrada de Norrköping.
ACTO PRIMEIRO
O teatro representa, nos dous primeiros actos, unha sala de pousada que comunica con diversos cuartos; nun dos lados hai unha mesa escritorio e unha cadeira de brazos.
ESCENA PRIMEIRA
FABRICE, CASIMIR.
FABRICE: Pensades, Señor Casimir, que este cuarto será axeitado para a moza que o voso amo traerá hoxe á miña casa?
CASIMIR: Penso que si, señor Fabrice. Hai preto un gabinete para a súa criada, Amélie, e outra alcoba onde poida deitarse a señorita Ernestine?
FABRICE: Por suposto, vede aí dous cuartos que comunican con esta sala. Unha soa chave cerra todo. Estarán ben aquí, respondo diso… Nun barrio tranquilo…. Dá a un xardín: nin o menor ruído de viaxeiros.
CASIMIR: De marabilla. (Leva a FABRICE a un á parte e misteriosamente.) Señor Fabrice?
FABRICE: Dicídeme?
CASIMIR: O meu amo é un home extraordinario, non si? Estaredes de acordo, xa que o coñecedes desde a súa mocidade…
FABRICE: Coñezo o Conde Oxtiern desde hai moito tempo; por iso mesmo aposto que non hai un mortal máis perigoso en todas as provincias de Suecia.
CASIMIR: Si; mais paga ben.
FABRICE: Iso é o que o fai máis temíbel; non hai nada tan pernicioso como o ouro en mans de malvados. Quen pode resistir a quen posúe o medio máis seguro para todas as corrupcións? Amigo meu, gustaría que non houbese ricos, agás os honrados… Mais, decídeme, rógovolo, de que vai esta nova aventura?
CASIMIR: Unha rapaza encantadora… Oh, señor Fabrice, que mágoa! Santo Deus, vos o permitistes. Semellante criatura debía ser a vítima do engano e do desenfreo!
FABRICE (moi sorprendido): Como, o crime xa foi consumado?
CASIMIR: Así é, señor Fabrice, así é… É, no entanto, trátase da filla do coronel Falkenheim, o sobriño-neto do favorito de Carlos XII; raptouna… deshonrouna. Confésovolo, señor Fabrice, está perdida.
FABRICE (como antes): E non a desposou: a unha rapaza virtuosa, seducida, enganada e raptada a que trae… Casimir, correde onde o voso amo e decídelle que a miña casa está chea… dicídelle que non podo recibilo. Teño xa demasiados motivos de queixa polos excesos que pensa está no dereito de se permitir na miña casa, porque me fai o honor de me mirar como ao seu protexido. Non quero a protección dun gran señor cando só é o resultado, como de costume, da complicidade nos seus abusos (Sae.)
CASIMIR (correndo cara a el para detelo): Un momento… un momento! Perderiádelo todo e con iso nada se arranxaría… É mellor que continuedes con vosos coidados, e se vos é posíbel, tratade secretamente de prestardes algún servizo a esta rapaza. (Hai que subliñar ben o que segue.) Só hai unha legua de aquí a Estocolmo… non é tarde… elas descansarán; vós tendes amigos na capital… escoitádesme, señor Fabrice?
FABRICE (despois de reflexionar un momento): Amigos!… Si, si teño; mais hai outros medios, medios máis seguros que espero que teñan éxito. (Óese agora o ruído do coche do Conde).
CASIMIR: Calemos… chega un coche… Pasemos agora ao voso cuarto e dareivos alá explicacións máis amplas. Que alboroto! Non hai dúbida que debe tratarse do señor conde: que o vicio camiñe con tanto ruído!
FABRICE: Gustaría que o voso señor conde se aloxara no quinto nabo. É un oficio terríbel o de ser dono dunha pousada cando lle hai que abrir as portas a toda caste de xentes… Non hai nada que me moleste máis nesta profesión.
ESCENA SEGUNDA
FABRICE, CASIMIR, CHARLES
CHARLES (a FABRICE): Señor, son dúas damas as que veñen hospedarse aquí de parte do señor conde Oxtiern: el mesmo ségueas moi de preto; detívose cun amigo, o señor Derbac, a algúns pasos de aquí, e mentres que el chega, desexa que aloxedes estas damas no voso mellor cuarto. Hai en verdade máis de vinte correos que acompañan o vehículo.
FABRICE (con humor): Vaites!, está ben, está ben. Vou recibilas. Hospedaranse aquí… Moita prudencia, Casimir, e socorramos a desgraza cando se presente a ocasión. Resulta tan fermoso facer o ben, amigo meu, que non hai que descoidar ningún medio para conseguilo cando temos a sorte de atopalo. Seguídeme, Charles.
ESCENA TERCEIRA
CASIMIR (Só): Que home tan honesto! E velaí no entanto onde atopamos a virtude… Nun ser escuro… sen educación: mentres os que naceron en medio do que a fortuna ten de máis brillante, non ofrecen ao seu carón senón corrupción ou vicio… Mais, por que o conde non chegaría con Ernestine? Ah, sen dúbida está a porse de acordo con Derbac, este digno compañeiro das súas orxías; pero como é máis prudente, oporase talvez á infamia desta aventura.
ESCENA CUARTA
CASIMIR, FABRICE, ERNESTINE, AMÉLIE
FABRICE (a ERNESTINE): Espero, señora, que gustedes deste cuarto. Puxen en preparárvolo todos os coidados que me encomendou o señor conde e que vos merecedes.
ERNESTINE (co maior abatemento): Todo está ben, señor, todo está ben, todo está demasiado ben para min; a máis fonda soidade, velaí o único que me convén.
FABRICE: Xa que desexades estar tranquila, vou prover outros coidados que poderán facervos a miña casa máis soportábel. (Sae.)
CASIMIR (a ERNESTINE): O señor conde pasará ao voso cuarto cando chegue?
ERNESTINE: Non é o amo?… Non o é xa de toda a miña existencia?… Déixenos, señor, déixenos… Necesitamos estar soas.
ESCENA QUINTA
ERNESTINE, AMÉLIE
AMÉLIE: O voso estado de abatemento inquiétame, señora. Canto me gustaría que descansarades un pouco!
ERNESTINE: Descansar! Santo ceo!… Oh, non, non, xa non pode haber descanso sobre a terra para a infeliz Ernestine!
AMÉLIE: Pero, o bárbaro autor dos vosos males, non pode xa reparalos?
ERNESTINE: Tales crueis aldraxes tiveron algunha vez reparación, Amélie?… Que enganos empregou este home para arrancarme da miña familia… do meu amante… de todo o que quero máis no mundo. E ese obxecto adorado do meu corazón, o respectábel Herman, sabes que o fai xemer cargado de cadeas? Unha acusación sen fundamento, calumnias, delatores e traidores, velaí o que perdeu a ese mozo infortunado: o ouro e os crimes de Oxtiern manexárono todo; Herman está prisioneiro. Talvez condenado. E sobre as cadeas do ídolo do meu corazón, o covarde Oxtiern acaba de inmolar a súa infeliz vítima.
AMÉLIE: Estremecédesme, señora.
ERNESTINE (desesperada): Que esperar… que desexar, meu Deus? Que auxilio me pode quedar agora?
AMÉLIE: Pero… e o voso pai?
ERNESTINE: Sabes que foi afastado por un tempo de Estocolmo, cando Oxtiern, enganándome cruelmente, me conduciu á súa casa, facéndome crer que mediante esta xestión podería obter a liberdade do meu amante. A súa man, talvez, a cambio da axuda de seu irmán o senador, que debía, dixo, encontrarse alá. Xestión tan culpábel como temeraria, sen dúbida, pero podía eu pensar un compromiso sen o consentimento de meu pai? Ben me castigou o ceo… Sabes quen se ofreceu aos meus ollos no canto do protector que esperaba? Oxtiern, o feroz Oxtiner, cun puñal na man, a pedirme a miña deshonra ou a miña morte, sen deixarme mesmo a capacidade de elixir… Se puidese elixir, Amélie, non vacilaría; o máis espantoso dos suplicios sería máis doce para min que as humillacións que este home perverso me preparaba. Lazos espantosos impedíronme defenderme… Infame… e para colmo de males o ceo deixoume vivir… aínda me ilumina o día e estou perdida! (Cae na cadeira de dous brazos que está xunto da mesa.)
AMÉLIE (chorando, collendo as mans da súa ama): Oh, a máis infeliz das mulleres!… Non desesperedes, rógovolo!… O voso pai estará informado da vosa desaparición; crédeme, non perderá un minuto en voar na vosa defensa.
ERNESTINE: Non é del de quen espero o castigo do meu verdugo.
AMÉLIE: Se o conde cumprise a súa palabra. Falou, paréceme, de nós queridos, de vínculos eternos…
ERNESTINE: Aínda que Oxtiern os desexase, podería eu consentir pasar a miña vida nos brazos dun home aborrecido… dun home do que recibín a máis espantosa inxuria? Podemos tomar por esposo a quen nos degradou?… Pódese amar o que se despreza? Ah!, estou perdida, Amélie, estou perdida!… A dor e as bágoas son todo o que me queda; non teño máis esperanza que a morte, porque nunca se sobrevive á perda da honra!… É posíbel consolarse de todas as demais, pero nunca desta!
AMÉLIE (mirando por todas as partes): Señora, estamos soas, que nos impide fuxir, ir implorar á Corte unha protección que vos é ben debida e á que tendes tanto dereito?
ERNESTINE (orgullosamente): Aínda que Oxtiern estivese a mil leguas de min, iría cara a el, lonxe de fuxirlle. O traidor deshonroume e teño que vingarme. Non irei buscar a unha Corte corrompida unha protección que me refusaría. Acaso non sabes até que punto o crédito e a riqueza degradan a alma dos homes que habitan ese lugar de honor? Monstros! Talvez sería eu un alimento máis para os seus espantosos desexos!
ESCENA SEXTA
Os anteriores, FABRICE
FABRICE (interesado e triste): O señor conde manda dicir que un asunto importante o retén preto de aquí; non poderá chegar a casa até dentro dun cacho. Quixera a señora darme as súas ordes?
ERNESTINE (mostrando a porta do cuarto que pensa que é para ela): Non é este o cuarto que me destinades para a noite, señor?
FABRICE (ídem): Si, señora.
ERNESTINE: Vou retirarme… Imos, Amélie, imos reflexionar nos importantes proxectos que me ocupan e que son os únicos que poden devolver a paz á túa infeliz ama.
ESCENA SÉTIMA
FABRICE (só): Casimir tiña razón, esta rapaza é fermosa e interesante… Oh, señor conde, sodes o culpábel de causar a desgraza desta moza; debía, con tantos títulos para a vosa veneración, converterse na vítima da vosa maldade, da vosa brutalidade? Mais, védeo aí, calemos; os traidores non aman a verdade e non hai no mundo homes que desexen tanto a gabanza. O crime causa tanto horror, mesmo a eles, que gustarían, a fin de se esqueceren da necesidade que teñen de seren malvados, que se lles xulgase e se lles pintase sempre como virtuosos.
ESCENA OCTAVA
FABRICE, O CONDE OXTIERN
OXTIER: Canto teño que agradecerche, meu caro Fabrice! Cada vez máis móstranse o teu antigo cariño e a túa amizade por min: non sei que palabras usar para demostrarche o meu agradecemento.
FABRICE (honrado e afectuoso): Un pouco máis de franqueza, señor, e menos agradecementos; non me anunciedes cal sería o prezo dunha mala acción, xa que me desagradaría. Sede sincero, quen é esta rapaza que traedes á miña casa e que pretendedes facer con ela?
OXTIER (interrompéndoo vivamente): As miñas intencións son lexítimas; Ernestine é honesta e eu non a forcei; talvez un exceso de amor precipitou as xestións que a unirán a min para sempre; pois ela debe ser a miña esposa, e seraa, meu amigo. Atreveríame eu a considerala con outros títulos e traeríaa á túa casa se fose doutro xeito?
FABRICE: Non é o que din, señor; e no entanto debo crervos; se me enganásedes, non podería recibirvos.
OXTIERN: Perdoo as túas sospeitas, Fabrice, en atención ao motivo virtuoso que as provoca; mais, tranquilízate, amigo meu, repítocho: os meus proxectos son puros como aquela que mos inspira.
FABRICE: Señor conde, vós sodes un gran señor, seino; mais persuadídevos, rógovolo, de que no intre en que a vosa conduta vos volva vil aos meus ollos, non vería en vos xa máis que un home tanto máis desprezábel canto nacera para ser honesto; e que ao ter máis títulos que calquera outro que lle deberían procurar a estima e a consideración xerais, é ao mesmo tempo máis culpábel de non saber aproveitalos.
OXTIERN: Pero, a que vén esta inquietude, Fabrice? Fixen algo que autorizase as túas sospeitas?
FABRICE: Aínda nada, quero crer… Mais, finalmente, onde levades esta rapaza?
OXTIERN: Ás miñas terras, preto de Nordkopinq, e casaremos en canto esteamos alá.
FABRICE: Entón, porque non a acompaña seu pai?
OXTIERN: Non estaba en Estocolmo cando ela marchou de alí e a violencia do meu amor non me permitiu demasiadas formalidades… das que xulguei poder prescindir. Estás moi escrupuloso, meu amigo… Nunca te vira tan severo.
FABRICE: Non se trata de severidade, señor, senón de xustiza: gustaríavos, se fosedes pai, que secuestrasen a vosa filla?
OXTIERN: Non me gustaría que fose deshonrada. Ernestine, estarao cando case comigo?
ESCENA NOVENA
Os mesmos, AMÉLIE
AMÉLIE: A señora rógavos, señores, que pasedes a outro cuarto; está a descansar un minuto e quixese…
OXTIERN (vivamente): Asegúralle, cara Amélie, que imos obedecela; desexaría eu outra cousa no mundo que a felicidade e a tranquilidade da túa ama?
AMÉLIE: Oh señor! E no entanto, que lonxe está de ambas cousas!
OXTIERN (a FABRICE, sen prestar atención ao que AMÉLIE acaba de dicir): Vén, Fabrice, quero acabar de te convencer de que nunca entraron na miña alma principios que poidan aflixir a túa… Amélie, rogo a Ernestine que me diga cando quere recibirme. (Sae AMÉLIE.). (A FABRICE.): Saiamos, amigo meu.
FABRICE (Só): Axiña vos sigo… Eu, amigo deste home, oh! non, nunca!… Aínda que me dese toda a súa fortuna, non sería o seu amigo… Advertido por Casimir, podo agora servir utilmente a Ernestine; corramos a Estocolmo, non se irán até mañá e teño tempo. Teño que salvar esta infortunada rapaza ou perder a vida: a honra e a xustiza fan diso un deber para min; son as leis máis sagradas do meu corazón.
NOTA
(1) Patriota: nos anos anteriores e posteriores a 1792, é dicir, ao estalido da Gran Revolución Francesa, o substantivo patriota era adoptado polas correntes progresistas. Adopción que durou até, máis ou menos, os anos 1830, cando os monárquicos tamén adoptaron ese substantivo. Desde entón, os progresistas, os revolucionarios, deixaron de se autodenominar «patriotas» e adoptaron o de «republicanos». Despois da implantación da III República, sobre as ruínas da Comuna de París, destruída a sangue e fogo, os revolucionarios adoptaron, até hai dous días, outro substantivo: proletario. (Todo isto, evidentemente, en Francia.)
You might also like
More from Teatro
Projecto Planta I Malvada Associação Artística
Convocados por um instinto que reclama uma (re)ligação à natureza, a importância da alteridade das plantas e uma vontade urgente …
THEATRO MENOR. Velamento | José Emílio-Nelson
THEATRO MENOR. Velamento | José Emílio-Nelson