A Porta do Inferno instálase en Barcelona
Auguste Rodin é o escultor coñecido por pezas como Le Penseur ou Le Baiser; pero xa non é tan sabido que esas dúas creacións, tantas veces reproducidas, foron ideadas para a súa integración na monumental La Porte de l’Enfer, posiblemente o programa iconográfico máis pretensioso, en escultura europea, desde a arte barroca. En que fontes bebeu Rodin para deseñar a magna obra? Pódese considerar a Rodin como un escultor revolucionario?
*
1880, o encargo de La Porte de l’Enfer
En même temps le public apprend qu’Auguste Rodin travaille à une porte colossale qui lui a été commandée pour le Palais des Arts décoratifs. Chacun sait que les motifs qui s’y dérouleront lui sont inspirés par l’Enfer du Dante. (…) tout un monde de souffrance et de volupté, hurlant sous le fouet des luxures, se ruant désespérément au néant des possessions charnelles, aux étreintes farouches des amours damnées et des baisers infâmes. Les corps marqués du mal originel, du mal de vivre en proie à la fatalité de la douleur, se cherchent, se poursuivent, s’enlacent, se pénètrent, spasmes et morsures (Octave Mirbeau, Combats esthétiques. Le Journal, 2 juin 1895).
Estes meses de finais de 2017, convulsos e controvertidos, son o seo temporal para a contemplación na cidade de Barcelona da magnífica exposición O Inferno segundo Rodin, que a Fundación MAPFRE vén de instalar na céntrica Casa Garriga Nogués. Todo un luxo poder reflexionar sobre as técnicas e xeitos de traballar de Auguste Rodin, un dos escultores que rachou coa tradición máis neoclásica e abriu portas para que as linguaxes estéticas das composicións en tres dimensións se enfrontasen ao desacougo das vangardas e a obsesivas teimas que transitaron (e transitan?) desde a perpetua interrogación sobre a función do escultor ata a destrución.
Rodin: Tympan de la Porte de l’ Enfer (1885)
Os comezos de Auguste Rodin (1840-1917) como artista non foron fáciles. Traballou en talleres de escultores á usanza gremial, decorando pezas de cerámica e retocando obras. Con 30 anos non o aceptan no exército por miopía (o que o exime de participar activamente na guerra Francoprusiana) e participa en exposición en Londres e aproveita para viaxar por Italia e coñecer a arte clásica e renacentista. En 1877 presenta en Bruxelas a súa peza L’âge d’Airain, a primeira escultura importante de Rodin. O modelado dese corpo masculino mozo corresponde ao dun soldado que nun primeiro momento o propio artista titulou Le Vaincu e levaba na man esquerda unha lanza. O traballo sorprendeu moito na capital belga, e Rodin foi acusado de ter modelado a peza a partir dun baleirado do natural, tal era a forza e tensión que mostraba aquela figura. O escándalo beneficiou a carreira de Rodin, o estado francés mercou a a obra, que se pasou a chamar L’âge d’Airain (A Idade de Bronce) e que, segundo o escultor, pretendía representar un humano dos primeiros tempos. Esta estatua, malia ser das primeiras do artista, xa reflicte liñas mestras do seu quefacer ao longo dos anos: a tensión interior, o movemento muscular proxectado sobre un corpo que, nunha primeira ollada, semella estar repousado.
Como consecuencia da compra de L’âge d’Airain, Rodin coñece a Edmond Turquet, subsecretario de Estado de Belas Artes do goberno de Francia, que será a persoa que lle fará o encargo do modelado dunha porta decorativa adornada con baixorrelevos que representen a Divina Comedia de Dante, segundo rezan as condicións do contrato firmado en 1880. A porta decorativa que lle pedían a Rodin estaba destinada á fachada dun museo de artes decorativas que o Estado francés quería construír en París, pero que daquela era un proxecto sen concreción. Esa indefinición arquitectónica representará problemas para o escultor ao non saber como será o edificio sobre o que se colocará a porta decorada.
O escultor entre a forma e o dinamismo
J’ai toujours essayé de rendre les sentiments intérieurs par la mobilité des muscles. (…) L’Illusion de la vie s’obtient dans notre art par le bon medelé et par le mouvement. Ces deux qualités sont comme la sang et le souffle de toutes les belles oeuvres (A. Rodin. L’Art, Entretiens reunis par Paul Gsell, 1911).
Auguste Rodin é un escultor que traballa principalmente o corpo humano. Tanto dá que se trate dunha peza intimista como dun grupo para un monumento público, A produción escultórica de Rodin centrouse na figura humana e no xeito de expresar as grandes paixóns da Humanidade. E, asemade, busca imprimir a esas figuras dinamismo: a xestualidade e tensión muscular teñen que ser o espello dos estados anímicos das persoas. Auguste Rodin, contra o que era a norma nos tempos que el estudou, non pretendeu a harmonía estática das figuras, ben o contrario. Desde L’Age d’Arain ata Les Bourgeois de Calais as súas estatuas e grupos sobresaen por mostrar tensión nos corpos; un dinamismo que tanto pode vir das forzadas posicións nas que coloca os corpos humanos ou pola propia tensión muscular e xestual que se aprecia a simple vista. Ese é o xeito que Rodin ten de exteriorizar emocións, estados de ánimo das personaxes.
Para lograr as posturas forzadas e incómodas que reflictan paixóns, sentimentos, Rodin pedíalles aos seus modelos masculinos e femininos que se movesen polo obradoiro, mirando de buscar aquelas posturas que o escultor pretendía atopar. Mentres tal cousa facían os modelos, o mestre riscaba en follas de papel liñas definidoras de corpos, curvas de tensión, diagonais ou espirais das que poder extraer a composición dolorosa, lúdica, sensual que buscaba. Á hora da concreción final tamén tiña outros modos de imprimir emocións ás figuras: deixar as pezas a medio esculpir; xogar con corpos que se insinúan sobresaíndo da materia primeira (pedra, bronce). Un corpo sensual, sinuoso, adoecido, emerxendo do granito provoca no espectador (un dos elementos fundamentais da obra de arte) suxestións, posibilidades; obrígao a participar na elaboración final da composición escultórica.
Rodin: Andromède (1885)
Un exemplo evidente das técnicas utilizadas por Rodin para insuflar ás súas obras a forza emotiva é a peza titulada Adromède ou Danaïde (1885). A figura dun corpo feminino, en posición fetal, pero de costas para arriba e virado cara o seu lado esquerdo, está emerxendo, pulido, sensual, da pedra basta e pouco traballada. Está emerxendo ou está mergullándose na base pétrea? Os escravos de Miguel Anxo Buonarroti libéranse da pedra ou quedan oprimidos pola mesma?
Os tres proxectos de La Porte de l’Enfer
E ela a min:”non existe dor maior / cá de lembrarse dunha feliz hora / na miseria; sabe esto o teu doutor. / Mais xa que a arela de saber que fora / raíz do noso amor así te estreita, / falarei coma aquel que fala e chora. / Liamos por lecer naquela feita / de Lanzarote e como o amor lle deu: / estabamos nós sós e sen sospeita. / Por máis veces os ollos nos ergueu / a lectura, co rostro demudado; / pero só unha pasaxe nos venceu. / Cando lemos que o riso desexado / era beixado por tan nobre amante, / e que xamais de min será afastado / a boca me beixou todo vibrante, / foi Galahot o libro e quen o fixo: / aquel día non lemos máis adiante”. (Dante, Divina Comedia, Canto quinto, palabras de Francesca da Rimini a Dante. Tradución ao galego de Daría Xohan Cabana).
Auguste Rodin recibe o encargo da porta decorativa con 40 anos, e traballará nela ben ben ao longo da súa vida. A interesante mostra O Inferno segundo Rodin que a Fundación MAPFRE ofrece a residentes e visitantes de Barcelona coincide co centenario da morte do escultor. Unha das razóns polas que O Inferno segundo Rodin é escepcional é polo feito de ofrecer ao público os traballos preparatorios en papel e mais e xeso para a execución de La Porte de l’Enfer, as diversas maquetas que o escultor foi elaborando ao longo dos anos e as variacións que ía introducindo, figuras e grupos escultóricos repetidos en variados tamaños e materiais. Todo iso para que as persoas visitantes rematen cunha visión moi completa do proceso de creación da Porta.
Atraído pola obra de Dante, Rodin decide que o que ha representar é La Porte de l’Enfer, e non outra parte da Divina Comedia. O artista comeza a idear a porta que lle encargaron a partir de modelos que xa tiña vistos. Coñecedor e admirador de monumentos do pasado artístico, viaxa por Francia copiando portas, góticas e doutras épocas, e ten presentes aquelas outras que xa vira en Italia nas súas viaxes. En principio a súa proxección é deseñar unha porta (non se sabe moi ben para onde) articulada a partir de liñas verticais e horizontais que xeran cuadrículas onde instalar diferentes baixorrelevos. Este xogo bastante clásico lévao polos vieiros dun retablo gótico ou barroco, polas trazas dun iconostasio bizantino ou polas equilibradas estruturas de portas renacentistas. Concretamente unha das súas primeiras referencias son os magníficos relevos da Porta del Paradiso que Lorenzo Ghiberti creou e fundiu en bronce para a entrada ao Baptisterio de Florencia, entre 1425 e 1452. Deste xeito Rodin comeza un inxente traballo de preparación e concreción a partir de debuxos e modelados en xeso.
Tal e como ditaba o contrato, a decoración da porta habíase inspirar na Divina Comedia de Dante. Na obra de Alighieri o realmente importante son as visións cristiás da humanidade, primando os pecados que mulleres e homes cometen ao longo da súa vida e, por tanto, nos diferentes e duros castigos que reciben, os sufrimentos que a súa conduta lles provoca a eles mesmos. Por aí vai, xa que logo, o traballo de Rodin. Os versos a seguir son parte do canto primeiro na magnífica tradución que fixo Darío Xohan Cabana (publicada por Edicións da Curuxa) dos máis de 14.000 versos da Divina Comedia de Dante:
Pénsoche, pois, que prá o teu bon goberno
debes seguirme, e eu heite ir guiando
pra quitarte de aquí por sitio eterno,
onde ouvirás sen esperanza oulando
os antigos espíritos doentes
que por segunda morte están laiando,
e verás aqueloutros que contentes
están no fogo, porque esperan ir
un día ou outro onda as benditas xentes.
No ano 1885 o escritor e crítico de arte Octave Mirbeau publica a primeira descrición de La Porte de l’Enfer. A Mirbeau atribúese a descuberta de Rodin como importnte artista. Na descrición que fai de La Porte de l’Enfer que anda a argallar Rodin, o crítico só menciona a Dante como fonte directa e única de inspiración. No seu escrito xa cita que no tímpano da porta represéntanse aos condenados chegando ao inferno e un Dante sentado, reflexivo (Le Penseur). Segue relatando a cabeza da Chorona rodeada de centauros e que hai un apartado para os amores malditos.
Rodin: Ombre attachée au rocher (1880)
Por eses mesmos anos Rodin xa se atopa bastante satisfeito co seu traballo e quere comezar a levala á práctica. Pide presupostos a fundidores para transformar os xesos en concrecións en bronce. A cousa semella que vai por bo camiño, pero finalmente a porta non pasa dos proxectos. En 1898 por fin Rodin decide montar a Porta e expoñela co gallo das mostras que se ían facer na Exposición Universal de 1900 de París. Para iso fixo que lle axudasen a facer moldes para completar La Porte de l’Enfer. Pero o que mostrará é un conxunto que defrauda, e non se saben os motivos de tal actitude. En 1900 gárdase a maqueta e logo será levada a Meudon, á casa dos Rodin.
Baudelaire, Les Fleurs du Mal
Como o proxecto non chega ao bronce, Rodin comeza a mirar a obra con outros ollos, e pouco a pouco vai fuxindo da primeira idea de facer unha porta con estrutura ben clásica e xeométrica. Tanto no aspecto formal como nas inspiracións dos motivos a representar, o escultor procura outros vieiros. E así chega ás influencias do poemario de Baudelaire, Les Fleurs du Mal. As referencias aos poemas de Baudelaire e o seu significado mudan a concepción tan pesimista da humanidade (pecado e sufrimento) e xorden apostas pola vida, expresións de certa ambigüidade, onde o inferno tamén permite a sensualidade e a sedución. Pódese dicir que Rodin “actualiza” a súa obra, pois as novas percepcións vitalistas aproximan La Porte de l’Enfer ao espírito de finais do século XIX.
Dentro das novidades que Rodin vai introducindo nesta magna obra inacabada (La Porte de l’Enfer) tamén hai algunhas que afectan á concepción e deseño da propia Porta. Agora aquela fragmentación tan rigorosa de “retablo”, en corpos e rúas, vaise esvaendo, e as partes non se delimitan tanto, e as figuras ou grupos escultóricos están cada vez máis metidos nun espazo unificado. Así mesmo xa non se pode falar de baixorrelevos; os corpos sobresaen case na súa integridade do fondo, pasando a ser altorrelevos, e aínda figuras exentas, de volume completo.
En 1888 o coleccionista Paul Gallimard pídelle a Rodin que ilustre o exemplar que posúe da edición orixinal de Les Fleurs du Mal. E Rodin ilústralle o libro con deseños feitos directamente sobre o libro. Para iso o autor do Munument des Bourgeoises de Calais volve sobre motivos que xa debuxara antano para La Porte de l’Enfer. Iso si, faino con absoluta liberdade: nalgúns casos un deseño só se relaciona cun verso dun poema, non con todo o poema. Tal é o caso do debuxo que acompaña ao poema Le Guignon que Rodin ilustra cun deseño a pluma: La Toilette de Vénus; e mesmo o poema Le Martyre conta co debuxo La Fatigue, ou Le Poison coa ilustración La Mort d’Adonis.
Algunhas das pezas que terán sitio na Porta teñen inspiración directa nos versos de Baudelaire, ata o punto que algún grupo foi titulado polo escultor coas palabras exactas que o poeta usa nun dos seus poemas. Tal acontece co poema La Beauté, e co grupo escultórico Je suis Belle, que son as tres primeiras palabras do poema devandito:
Eu sou bela, ó mortais! Como um sonho de pedra,
E meu seio, onde todos vêm buscar a dor,
É feito para ao poeta inspirar esse amor
Mudo e eterno que no ermo da matéria medra.
No azul, qual uma esfinge, eu reino indecifrada;
Conjugo o alvor do cisne a um coração de neve;
Odeio o movimento e a linha que o descreve,
E nunca choro nem jamais sorrio a nada.
O Inferno segundo Rodin, magna exposición en Fundación MAPFRE Barcelona
A Fundación MAPFRE, seguindo a súa liña de buscar e presentar exposicións de arte moi sobresaíntes, sorprende agora con O Inferno segundo Rodin, un conxunto de pezas coordinadas para poder amosar o proceso de creación que seguiu o escultor Auguste Rodin ao longo de vinte anos para a execución de La Porte de l’Enfer. Non se trata, por tanto, da acumulación de deseños e esculturas coa pretensión de afirmar “canto máis mellor”. Non. Na traballada e atractiva instalación das pezas hai un propósito expositivo de secuenciación do traballo que o escultor foi seguindo con tal de proxectar, retocar, engadir e eliminar pezas, buscar o programa iconográfico definitivo. Ao final La Porte de l’Enfer é unha das obras fundamentais da escultura do século XIX e de grande influencia na evolución da arte do século XX.
Rodin: Torse d’ homme qui tombe (1904)
O Inferno segundo Rodin presenta un total de 150 pezas, case todas chegadas do Musée Rodin de Paris. Entre as pezas que agora están no Eixample barcelonés hai 30 deseños do escultor –poucas veces amosados en público–, traballos preparatorios para ultimar a idea da peza e outros nos que se aprecian os cambios que o artista vai introducindo ao longo do seu proceso de creación. Tamén se poden contemplar moitas pezas cativas, en xeso, que son o seguinte paso creativo para a execución final de pezas como Le Baiser ou Fugit Amor. Para ser incluídas nesta exposición, algunhas das pezas foron restauradas adrede. A directora do Museo Rodin de París, Catherine Chevillot, remarcou, na presentación da mostra, que O Inferno segundo Rodin é unha ocasión inmellorable para entender o significado e as características da obra de Auguste Rodin, xustamente no centenario do seu pasamento.
A Fundación MAPFRE na súa nova sede en Barcelona xa leva ofrecido á cidade interesantes e ben diversas exposicións. Como mostra de todas elas é doado citar El triunfo del color. De Van Gogh a Matisse. Colecciones de los museos d’Orsay y de l’Orangerie, un percorrido pola pintura francesa de finais do século XIX; Renoir entre dones. De l’ideal modern a l’ideal clàssic. Col·leccions del Museus d’Orsay i de l’Orangerie, a perfecta ocasión para revisitar as pinturas serodias deste pintor impresionista; e outras de fotografía contemporánea: Bruce Davidson, Peter Hujar: a la velocidad de la vida ou Duane Michals, todos fotógrafos donos de linguaxes estéticos propios e ben diferenciados.
A volumetría do modelado. Escultor revolucionario?
Et si maintenant nous cherchons la significacion spirituelle de celle de Michel-Ange, nous constatons que sa statuaire exprime le reploiement douloureux de l’être sur lui-même, l’énergie inquiète, la volonté d’agir sans espoir de succès, enfin le martyre de la créature tourmentent des aspirations irréalisables (A. Rodin. L’Art, Entretiens reunis par Paul Gsell, 1911).
Vindo do Renacemento e da revalorización que ese momento histórico fixo da escultura clásica, mormente grega, nas súas versións “copia”, quizais sorprenda o método de traballo de Rodin. Os escultores do Renacemento coñeceron escultura clásica, si, admirárona, si, … pero nunca chegaron a saber que aquelas pezas en mármore branco que se atopaban por Italia eran copias. As orixinais gregas eran mormente en bronce. En xeral o traballo do escultor renacentista consistía en “quitar a pedra que sobra, pois a figura xa está dentro do bloque pétreo”.
Auguste Rodin era un modelador. O seu xeito de traballo era modelar as figuras ou grupos que ía crear, primeiro sobre papel, logo en barro, logo en xeso. Rodin creador. Sentiríase Rodin un deus que coas súas mans modela corpos, como antano outro fixera con Adán? O autor de L’Homme qui tombe non quita materia para crear as súas obras, Rodin suma, engade barro, acumula materia nas faces (na face de Balzac, por exemplo), nos corpos. O que fai Rodin é crear, crear volumes. E eses volumes vainos definindo co modelado, cos retoques ao barro, ao xeso; cos seus dedos sobre a materia. Canta influencia terá Rodin e os seus modelados sobre o traballo manual de Giacometti? Un modelado extraordinario é o resultante para a figura de L’Homme qui tombe, un torso atormentado por unha musculatura que insinúa desgraza, desesperación ou similar. Aínda que en diferente posición e con outros propósitos, ese torso lembra o famoso Torso Belvedere, atopado no século XV en Roma, e do que Miguel Anxo Buonarroti dixo: O autor do Torso Belvedere foi quen de atopar a ánima do ser humano.
Auguste Rodin é un escultor de finais do século XIX, difícil de definir ou encadrar. Algúns estudosos defíneno como simbolista, outros como impresionista, xa que amigo dos impresionistas foi, e os efectos de luz que trata de provocar co modelado pouco pulido tamén dan pistas cara eses vieiros. Por contra, non falta quen o define como romántico: o dramatismo e tensión que insufla nas súas figuras sitúano a carón de Delacroix, por exemplo. Rodin viviu na encrucillada. Por unha parte crea estatuas, estatuas coma as de Canova, Bernini ou Bellini, e usando técnicas tradicionais: modelado, talla en pedra e fundición en bronce. Por outra parte cando morre –hai agora cen anos– confeccionando formas convencionais, arredor seu fervían todas as vangardas con elaboracións que xa nada tiñan que ver co seu traballo. É revolucionario Rodin? Parece ser que non. Pero tamén é certo que a escultura despois del non volve ser o mesmo. Rodin fai estatuas, si, pero introduce o dinamismo, as emocións nas súas figuras, contra o qu o academicismo seguía preconizando nos seus tempos. Rodin modela formas inacabadas, figuras que se debaten entre as dúbidas e os sufrimentos. Anuncia a eliminación da estatua como tal que cubistas e escultores abstractos execitarán no século XX. Pero Rodin tampouco foi o derradeiro escultor figurativo. Logo del viñeron moitos máis, e ben significados. Para exemplo, Henry Moore.
Le Penseur, Je suis Belle
Au dessus du chapiteau de la porte, dans un panneau légèrement creusé en voûte, figure le Dante très en saillie et se détachant complètement sur le fond, revetú de has-reliefs que represéntent l’arrvée aux enferns. Sa pose rapélle un peu celle du Penseur de Michel-Ange. Le Dante est assis, le torse penché en davant, le bras droit reposant sur la jambe gauche, et qui donne au corps un inexprimable mouvement tràgique (O. Mirbeau, Auguste Rodin. La France, 18 de fevrier de 1895).
Rodin: Je suis Belle (1885)
A figura de Le Penseur (O Pensador), tal e como describe Mirbeau é a peza principal, sobresaínte, de toda a Porte de l’Enfer, no medio do tímpano rodeado de condenados que van chegando aos infernos. Parece ser que nun primeiro momento Rodin ideou que esa figura, tensa e compacta, fose Minos, o rei dos infernos que reflexiona sobre a sorte das almas que van chegando aos seus reinos do Alén. Pero logo mudou o escultor de idea e decidiu que era o propio Dante que, na súa posición sedente, valora a súa estada nos infernos e, asemade, o destino da humanidade. Le Penseur é unha das pezas máis famosas de Rodin, que acabou saíndo do Porta e tendo vida propia nas moitas copias que dela se foron facendo. Rodin como escultor é quen de facer figuras que no seu físico reflicten o estado anímico, sabe aflorar emocións e estados de ánimo ao pelello das súas creacións. Son creacións psicolóxicas. Esta figura que titulándose así, Le Penseur, é doado estimar que mantén o seu físico nun estado de reposo, é todo o contrario. O Pensador pensa con todos os músculos do seu corpo. Sentado, botado cara adiante, pensa co cello duro, cos labios tensos, cos puños pechados, a musculatura das costas a punto de rebentar, o cóbado esquerdo repousa sobre o xeonllo dereito, provocando un xiro na figura que lle retira a composición simétrica e mais o relax, ata os dedos dos pés están engruñados de tanta tensión como lle corre de dentro para fóra. Se a iso se engade que a talla en mármore (e moito máis en bronce) foxe das superficies lisas e homoxéneas, provocando xogos de luces e sombras, xa se pode dar por feito en Le Penseur é un ser vivo a punto de saltar do seu asento. Para engadir dramatismo á figura do poeta que ten o privilexio de visitar o Inferno en vida, fronte ás superficies da súa anatomía relativamente pulida, Rodin séntao sobre unha pedra basta e mal feita. Tamén nisto está presente a influencia de moitas pezas inacabadas de Miquelangelo Buonarroti.
Se Le Penseur é unha figura que Rodin escolleu nos primeiros momentos para La Porte de l’Enfer, baixo os influxos directos da Divina Comedia, Je suis Belle (1886) pódese situar entre os grupos escultóricos que obedecen máis ás orientacións lúdicas e sensuais que o autor do Monument de Balzac crea após a lectura de Les Fleurs du Mal. O grupo presenta a figura dun home espido, de rexa musculatura, que camiña con certa dificultade polo feito de levar no colo o corpo dunha muller encrequenado. Aquí a tensión aínda é más patente polos esforzos que o home ten que facer para erguer e soster á muller á altura da súa face. Malia o camiñar dificultoso e violento desta figura, o grupo presenta un eixo vertical que vai das cabezas (xuntas) dos dous personaxes ata un punto situado entre ambos pés do home. Os xogos de luz e sombra provocados polas musculaturas fortes, esaxeradas, imprimen ao grupo un dinamismo que non corresponde cun grupo que se organiza a partires dun eixo de simetría totalmente vertical. Igual que acontecía con Le Penseur, en Je suis Belle (as primeiras palabras do primeiro verso do poema de Baudelaire La Beauté) o grupo complétase cun pedestal pétreo que reforza a base das dúas figuras e mais por unha base do mesmo material. A parte non anatómica tamén está traballada na idea de material rugoso e burdo, tal e como Miguel Anxo deixara algunha das súas figuras, e a face da muller ten similitudes coa da figura da Noite, da tumba de Lorenzo de Medicis, tamén de Buonarroti. Para maior información sobre a as influencias desta peza escultórica, o mesmo Rodin gravou na base os primeiros versos do poema La Beauté de Baudelaire.
Ugolin et ses enfants, Le Baiser
Rien de plus effrayant que le groupe d’Ugolin. Maigre, décharné, le côtes saillant sur le penu, la bouche vide et la lèvre maille, d’ou semble tomber, ao contact de chair, une bave de fauve affamé, il rampe, ainsi qu’une hyène qui a déterré des charognes, sur les corps renversés de ses fils dont les bras et les jambes inertes pendent çà et là dans l’abîme (O. Mirbeau, Auguste Rodin. La France, 18 de fevrier de 1895).
Seguindo pola Porta adiante van xurdindo novas figuras, novos grupos escultóricos. Nos casos de Ugolin et ses enfants e no ben coñecido de Le Baiser ambos grupos proveñen directamente das fontes literarias de Dante, da súa camiñada polos vieiros do Inferno, acompañado nada menos que do poeta Virxilio.
Rodin: Ugolin et ses enfants (1882)
Como ben di Mirbeau no seu relatorio(o primeiro que se fixo) das características estruturais e mais dos contidos iconográficos de La Porte de l’Enfer, nada máis aterrador co grupo de Ugolin et ses enfants. Tamén aquí Dante, para transmitir os terrores do Averno, recorre a figuras da historia das cidades italianas. Ugolino della Gherardesca foi o político que dirixiu a cidade de Pisa durante cinco anos, aló polo século XIII. Despois deses cinco anos foi condenado por traizón. Ugolino, os seus fillos e netos foron pechados na Torre de Mida, onde morreron de inanición nove meses despois. Na Divina Comedia Dante refire que o propio Ugolino, no último círculo infernal, explícalle de que xeito a súa descendencia foi morrendo pouco a pouco, e como os seus fillos lle pediron que, ao morrer, que os comese. Relato aterrador. E Auguste Rodin non escatima detalles da pavorosa historia. Ugolino camiña a catro patas por entre os seus fillos e netos, xa mortos, xa moribundos, como un animal salvaxe, como unha fera, espido de todo atributo humano, baleiro de azos para seguir con vida. A figura de Ugolino repite os xeitos propios de Rodin: musculatura tensa, ben traballada no modelado, querendo transmitir desde fóra sentimentos e estados de ánimo.
Outra das figuras máis populares e emblemáticas de Rodin é Le Baiser (O Bico), que xa constaba nas primeiras propostas da Porta que Rodin argallou a partires dos versos de Dante. O grupo está baseado noutra historia real, na historia que a protagonista, Francesca da Rimini, lle conta ao propio Dante no círculo quinto dos Infernos. Francesca da Rimini foi unha muller que viviu no século XIII, da nobleza de Ravena, que foi casada con Gianciotto Malatesta por razóns políticas. Logo de casar Francesca setíuse atraída polo cuñado, Paolo Malatesta, e fixéronse amantes. Gianciotto descubre o adulterio e mata aos dous amantes. A inclusión desta historia na Porta do Inferno vén ao caso de ser un dos Amores Malditos que Rodin quere representar, e porque o mesmo Dante versifica a paixón destas dúas persoas na Divina Comedia.
Rodin foxe das representacións convencionais que xa se fixeran da parella (vestidos á moda medieval), e ofrece dous corpos espidos, sedentes, bicándose, e formando cos seus corpos unha espiral que incrementa a tensión paixoal e a sensualidade. Algo hai nesta composición que remite a Rubens. A única cousa representada fóra dos dous corpos dispostos para o amor é un libro que Paolo leva na súa man esquerda, o que fai pensar que se namoraron lendo novelas de amor cortés, ou quizais poemas de amor. As figuras volven presentar esa tensión tan propia do escultor que cos corpos proxecta estados de ánimo e emocións. As anatomías das dúas figuras están, neste caso, traballadas dun xeito máis pulido, sensual, e o asento contrasta con esas peles satinadas repetindo as formas de rochedo sen traballar. Co tempo Rodin decide retirar esta obra mestra, Le Baiser, da Porta do Inferno. As razóns parecen ser dúas: o seu volume total provocaba que sobresaísen moito dos batentes da Porta, e a composición idílica e sensual contrastaba moito con outras figuras de Amores Malditos.
Influencias. Actualidade de La Porte de l’Enfer
Os modos de traballo de Rodin xa tiveron continuadores nos discípulos do mestre. Un dos casos máis salientables é o da escultora Camille Claudel. Claudel entrou a traballar no obradoiro de Rodin no ano 1884 e xa participou na elaboración e concreción de moitos dos motivos destinados a La Porte de l’Enfer. A escultora traballaba nos modelados e tamén foi unha das modelas favoritas de Rodin. A escultura de Claudel segue polos derroteiros do dinamismo e da proxección das emocións nas figuras humanas. Outro dos que traballaron no obradoiro de Rodin e seguiron as súas pegadas foi Antoine Bourdelle. Pero tamén apareceron contrarios a Rodin. O exemplo máis coñecido (e máis nestas terras mediterráneas) é Aristide Maillol. Maillol buscou os seus referentes no clasicismo, na sinxeleza, na serena naturalidade dun Polícleto; Maillol procuraba as liñas primarias nos estatismos, e transitaba por eidos que só se atopan cando os artistas se enfrontan á divindade.
Rodin: Troisième maquette de La Porte de l’ Enfer (1880)
O inferno foi un tema recorrente na arte medieval e moderna europea. A relixión impuña as súas iconografías. Pero nas sociedades secularizadas contemporáneas o inferno volve, xa como proposta estética, xa como reflexión filosófica sobre a propia sociedade e as súas características socioeconómicas. O Inferno moderno foi o Holocausto, unha verdadeira visita da Humanidade aos peores terrores. Respecto de La Porte de l’Enfer, en concreto, no excelente catálogo da exposición Camille Morineau, conservadora das coleccións contemporáneas no Musée National d’Art Moderne, Centre Pompidou, repasa algunhas propostas artísticas que se fixeron nos derradeiros anos, e que teñen un precedente evidente na Porta de Rodin. Un dos casos é o da artista británica Rachel Kneebone, que en 2012 presentou no Brooklyn Museum unha exposición titulada Rachel Kneebone: Regarding Rodin. Nesta mostra, como se pode apreciar na propia web do Brooklyn Museum, hai figuras que semellan tiradas da propia Porta de Auguste Rodin; pero quizais o máis espectacular, e infernal, de todas as pezzas sexa The Descent (2012), que é un cono branco inzado de pequenas e infinitas figuras brancas –homúnculos– que baixan por unha pendente nun descenso abraiante: o Inferno. Kneebone nas súas pezas cuestiona a condición humana, os ciclos da vida, a renovación, e oscilan polas fronteiras entre o consciente e o subconsciente, o real e o imaxinado; todo e nada. E sempre cunha visión feminista.
Algo similar volve citar Morineau sobre obras da artista francesa Niki de Saint Phalle. Saint Phalle acumula pequenos bonecos desmembrados, nun desorde infinito, nunha obra que titula Autel des innocents, Aquí a ironía e referencias á arte relixiosa europea mestúranse coas alusións á La Porte de l’Enfer. Saint Phalle foi a artista que en 1966 creou a figura de corpo feminino máis grande que se teña feito: Hon (en sueco Ela). A peza, coas cores primarias e naifs propias da artista, instalouse en Estocolmo e viña sendo o edificio que albergaba unha exposición de contido feminista. A entrada á exposición era a vaxina. A exposición, que xa se preparara en segredo, pechouse aos poucos días de ter aberto. E aínda Morineau refire a peza inventada polos irmáns Jake e Dinos Chapman titulada Fucking Hell (2008). Os irmáns Chapman colocaron 9 vitrinas en forma de esvástica nas que se acugulaban 60.000 soldados minúsculos, en referencias á obra de Rodin, á de Goya ou á do Bosco. O Inferno nunca se acaba.
EXPOSICIÓN: O Inferno segundo Rodin. Fundación MAPFRE Barcelona. Ata o 21 de xaneiro de 2018.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …