Nos números 13, 14, 15 e 16 do boletín ciclostilado O Pote, pertencentes respectivamente aos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril de 1998 apareceu este traballiño que, pensamos, non está de máis recuperar, aínda que os datos só serven para o tempo en que se realiza a enquisa, e as reflexións talvez hoxe non sexan nin axeitadas nin oportunas. O Pote. Boletín do Grupo Anónimo de Barcelona tirábase (sic) a 50 exemplares, distribuídos entre unha serie de xentes e institucións escollida polos redactores (anónimos) de tal boletín. Anónimos porque non asinaban nin os seus textos nin as súas traducións. Deste boletín apareceron 24 números, numerados do 0 ao 23-24, desde decembro de 1996 a decembro de 1998. O traballo estaba dedicado ao poeta e investigador Miro Villar. Na versión actual elimináronse toda unha serie de reflexións e de mencións que hoxe nada dirían ao posíbel lector.
O libro galego na prensa.
Conclusións e propostas (IV)
Conclusións. Se collemos un hipotético (e ideal) lector do «Faro das letras» saberemos que durante os meses que van de setembro de 1995 a xuño de 1996 puido decatarse do nacemento de 197 libros galegos e revistas (e algún folleto) editados Galicia. Se ese mesmo lector o é da «Revista das letras» do Correo Galego, coñecería da existencia doutros 185 volumes. E se, finalmente, resulta que tamén o é do «Guieiro» d’A Nosa Terra, engadiría 200 volumes. En total 482, mais cómpre restarlles 12 que foron criticados nos tres xornais citados e máis 14 que foron comentados, co que o lector quedaría sabendo da existencia de 458 libros (e revistas e anuarios) publicados en galego.
Ora ben, este hipotético (e ideal) lector interésase pola literatura e polo libro e, por tanto, quere saber do nacemento dun ou doutro libro, polo que acode ás recensións-críticas (e entendemos estas as que pasan de 2200 signos). Este hipotético lector deixou de lado o suplemento de La Voz de Galicia, pola súa inutilidade total, e dedicouse aos outros tres xornais. Desta maneira puido ler 256 recensións-críticas de libros, menos doce títulos que foron comentados polos tres mencionados xornais, o que dá un total de 244 títulos que tiveron a sorte de seren comentados criticamente nos tres medios de comunicación que máis interese mostraron polo libro galego. Temos así que só un terzo dos volumes aparecidos na Galicia durante estes meses mereceu unha recensión crítica. [Facendo unha suma dos libros que se dan como novidade nos Bendado da Libraría Couceiro, dá un total de 722 libros e revistas editados en galego neses dez meses. Tendo en conta unha marxe de erro –mínima– dun dez por cento, neses meses puideron editarse uns 800 libros galegos, e as consabidas revistas, etc.] E a acta de nacemento –ou de defunción, vaian saber vostedes– foille outorgada a pouco máis da metade.
Como curiosidade diremos que se vostede, que, por puro acaso, me está a ler, é autor de libros de historia, ou de economía, ou de arte, ten poucas posibilidades de que lle dean unha acta de nacemento un pouco digna. E seguindo coas curiosidades, libros como Iniciación á música, de P. Pereiro, O libro da auga, de X. Chao Rego, A sede da Terra, de Ramom L. Suevos, ou mesmo a Gramática histórica, de M. Ferreiro (que só foi comentada criticamente n’A Nosa Terra, e que esgotou a súa primeira edición nun mes), non foron comentados. E un caso clamoroso, polo de paradigmático: Arqueofaxia, de Manuel Lourenzo González, premio García Barros de novela, non foi comentada en xornal ningún. Non se trata de alongar a triste lista, só de salientar algún caso.
Sería necesario, por último, sabermos da utilidade dos suplementos literarios. É dicir, sabermos se o posíbel que o lector use destes para comprar as novidades ou libros que quere ler. Ante a falta de enquisas sobre o particular, será mellor non dicir palabra, aínda que, persoalmente, dubida da eficacia dos suplementos de libros que, repetimos, son un ghetto onde hoxe se coloca un produto inclasificábel. Por outra parte, o lector pode botar en falta unha relación das críticas aparecidas nas revistas trimestrais (ou cando saen) que existen na Galicia, mais só quixemos facer un traballiño sobre a prensa diaria ou semanal, aquela que se dirixe a un público máis amplo, non de especialistas.
Propostas. Nun número d’A Nosa Terra, que agora non acho nos meus arquivos, a poeta Ana Romaní falaba da débeda que teñen os medios de comunicación para co país. Débeda que non dá impresión de estaren dispostos a pagar. A débeda é con todo o país, e mais a súa cultura; e tamén co libro. Dentro deste apartado (o do libro) cómpre un grande esforzo por parte de todos: escritores, editores, medios de comunicación e lectores, ben que estes sexan os máis inocentes e, ademais, os que pagan. A responsabilidade do escritor, hoxe, a máis urxente, é non deixarse chantaxear polos difusores do pensamento, que ademais de estaren disociados dos produtos están a determinar non só o seu volume senón a natureza da produción. (Tampouco debe esquecer o escritor que el debe ao público unha obra, non a súa persoa. É dicir, que o «acontecemento» é a obra, non el. Sobre o tema pódese ler con moito proveito, La littérature à l’estomac e Pourquoi la littérature respire mal, de Julien Gracq, ambos incluídos en Préférences, Paris, José Corti, 1981, nova edición aumentada. Do primeiro texto existe unha excelente versión portuguesa, cun non menos excelente prólogo de Ernesto Sampaio, Lisboa, Assírio & Alvim, 1987.)
Sobre o esforzo do lector, nada podemos dicir. Non sabemos das súas necesidades nin do seu modo de «consumo». É necesario facer enquisas para que a base empírica poida axudar a un desenvolvemento teórico; mentres, todo será teorización no baleiro. A falta dun departamento de socioloxía da literatura na Universidade de Santiago, ou calquera outra (falta da que se laiaba con toda razón Antón Capelán no limiar de Contra a Casa da Troia), fainos temer que a cousa continuará igual por moito tempo. Con todo, o departamento de filoloxía galega, ou o Centro Ramón Piñeiro, podían intentar facer unha enquisa sobre os lectores, unha parte dos lectores, para poder acadar un intento dunha determinación obxectiva nas eventuais variacións na lectura e apreciación artística e ideolóxica das obras literarias, segundo os diversos estratos que compoñen a sociedade galega (o rural e o urbano).
Sería necesario máis dun cuestionario. Un primeiro que recadase información social, económica e educativa e, ademais, dedicase unha ampla sección a investigar o trato do enquisado coa lectura, o tipo de interese literario, os xornais e revistas que regular ou ocasionalmente le, así como os temas que lle interesan. Para confirmar a exactitude das respostas, sería necesario un sistema cruzado de preguntas. Este cuestionario podería entregarse ao maior número de persoas, mais, de inicio, talvez o número ideal estivese entre 200 e 300 (xentes de cidade, vila e aldea). O cuestionario tería que ser repartido entres os diversos estratos da sociedade –clases sociais. Estes estratos deberían dividirse en tres grandes grupos: clase baixa, clase media e clase alta. Esta división debería ter en conta tres elementos: os ingresos económicos, os sistemas de vida e a propia visión dos enquisados sobre a estrutura social.
Outro cuestionario debería entregarse ás persoas que, respondendo á primeira enquisa, estivesen dispostas a contestar a enquisa propiamente literaria. Debería formularse o máximo de preguntas posíbeis sen, con todo, superar o límite de 50. A aquelas persoas dispostas a responder a enquisa, deberíaselles entregar un libro clave da literatura galega. Un libro que tivese, entre outras, as características seguintes: novela, texto breve, que non presentase dificultades de linguaxe aos diversos tipos de lectores, que a súa anécdota sexa simple, que formule problemas coñecidos da sociedade galega, que sexa plausíbel de diversos niveis interpretativos, desde os simples argumentais até os sociais, filosóficos e os propiamente artísticos. Este segundo cuestionario debería facilitar a proxección do lector sobre o texto para facilitar así as respostas nas que se superpoñan a visión do libro coa participación do lector dentro da súa existencia vicaria. Nestas preguntas deberían cubrirse os diversos campos de funcionamento psíquico: a circunstancia social e a circunstancia política; a participación funcional e afectiva; a intelección dos símbolos e significacións superiores da obra; as relacións estruturantes entre os personaxes e situacións narrativas prototípicas; os puntos escuros da novela; as zonas de sensibilización emocional ou estética, etc.
Debe preverse, en todo momento, que as preguntas poidan ser contestadas polos diversos estratos educativos, de modo que desde un operario non cualificado ou un labrego simplemente amante da lectura a un profesional universitario podan facerse igualmente cargo dos seus significados.
Un terceiro cuestionario –aínda que, de poderse, as preguntas que integrasen este deberían incluírse nos dous anteriores– debería dirixirse cara a un tipo de preguntas que dese resposta á maneira de elixir un libro por parte dos enquisados, as súas preferencias por xéneros e por que, os seus autores preferidos, a cantidade de libros que le nun ano, etc.
Unha enquisa deste tipo, laboriosa, e que quizais necesitase a axuda de departamentos universitarios como os de Psicoloxía e Ciencias da Información, é de urxente necesidade para nós. Tamén o sería para o grupo de universitarios que a fixese. Evitaría a impotencia e a cerrazón a que conduce ás veces a interpretación exclusivamente sectorial ou exclusivamente literaria dos textos literarios. (Como exemplo do que estamos a dicir, véxase o libro, interesante e discutíbel de Xoán González-Millán, A narrativa galega actual (1975-1984). Unha historia social.)
Sobre o mundo dos medios de comunicación escrita, é dicir, xornais e revistas, é necesaria unha reconversión ou cambio de postura a respecto do libro galego e da cultura en xeral. Como que a reconversión dos semanarios é, aínda que semelle o contrario, máis difícil debido ao número de páxinas e á rixidez das seccións, referirémonos só aos diarios, cuxa reconversión sería urxente.
Os xornais, que deben ser os primeiros interesados en apoiar o libro como medio de comunicación e cultura, terían que cambiar as súas “propostas” culturais. E por falar só do libro, que é o que nos trae aquí, quizais deberían eliminar os suplementos de cultura e de libros, verdadeiro ghetto de apestados de luxo. Se se quere que a crítica de libros sexa algo vivo dentro do xornal, esta debería integrarse no seu conxunto. Unha crítica, diaria, por xéneros, con diferentes críticos ou críticos especializados nos diversos xéneros, mais sen compartimentos estancos, daría un mínimo de 365 libros comentados con dignidade (sempre cun mínimo de 3000 signos). Se cada xornal galego fixese isto cos libros que se publican en galego, a débeda que aínda teñen co país, comezaría a saldarse, aínda que non integramente. Se unha gran parte da mellor literatura do século XX apareceu nos xornais (nunca nos suplementos de libros), quizais a salvación do libro estea nestes. Ou a salvación da literatura tout court, pois como dicía non hai moito me parece que H. Jauss, a poesía do século XXI aparecerá nos xornais. Só a poesía?
O libro galego na prensa (e V)
Apéndice. Se un lector calquera analiza as entrevistas que cada xoves publicaba La Voz de Galicia no suplemento «Cultura», máis coñecido como Pulgarcito, podería decatarse de moitas cousas, pero non saberá nunca se os escritores galegos teñen algunha estratexia para chegar ao lector. É curioso que se queixen de todo e de todos, da falta de crítica, de estruturas editoriais, de falta de promoción, etc., pero ideas de como facer para que os lectores se interesen polas súas obras, ningunha. Para o escritor galego, seica, os seus libros deben ser como botellas lanzadas ao mar cunha mensaxe. Se alguén a encontra, perfecto, senón, a queixarse sobre a inmensidade do mar. Porque se vostede analiza todas esas entrevistas, decatarase de que o escritor galego non sabe (ou non quere saber, que é moito peor), que nas librarías, a carón da última obra que acaba de dar ao prelo, se encontrarán tamén as últimas obras de García Márquez, Vázquez Montalbán, Eduardo Mendoza, Juan Marsé, José Saramago, Paul Auster ou Günter Grass, por só citar uns poucos dos que venden, aínda que non todos sexan santos da miña devoción. Ou sexa, a competencia é brutal. Ou se se prefire a comparación, hoxe o escritor galego –e por analoxía os escritores europeos– non teñen unha competencia «de trazer por casa», senón que os seus competidores abranguen toda a literatura mundial; e, como enfrontarse a ela? Que narrativa, que poesía producir para competir cos grandes nomes da literatura universal? Dáme a impresión de que a maioría dos escritores galegos nunca se formulou este tipo de preguntas. Ou se na súa intimidade meditou sobre elas, nunca exteriorizou as súas conclusións. Ben que hai outros que fronte a esa competencia, «feroz porque ferozmente desleal» (Mário Cesariny), fan chamadas aos instintos máis baixos: a nacionalidade. É dicir, consuma produtos galegos porque son galegos, non importa que sexan de baixa calidade ou que teñan data de caducidade moi temperá.
Con todo, a única solución para loitar contra esa competencia é facer boas novelas e excelentes poemas, non hai outra: todo o demais son apósitos e parches mal colocados. A competencia ten que situarse no plano literario, só así o escritor galego pode chegar ao lector. O difícil, como sempre, é saber que interesa aos lectores. E hoxe, debido á importancia cada vez maior dos mediadores, talvez esa dificultade sexa máis grande que nunca. (Son consciente de que o escritor non debe escribir pensando no que lle pode interesar ao lector –como máximo, e como avisaba Borges, abonda con non porlle dificultades suplementarias.) Só magnas enquisas persoais, é dicir, a grande número de lectores, e con datos reais de venda nas mans –datos proporcionados, por exemplo, aos escritores pola editoras en base ao declarado á facenda pública–, poderían entregarnos algúns indicios. Por iso, como apéndice ás entregas publicadas anteriormente, damos unha listaxe dos libros máis vendidos nunha libraría de características especiais.
Trátase dunha libraría situada fóra de Galicia (en Barcelona) e que só vende libro galego ou sobre Galicia, o que quere dicir, nun principio, que quen entra a procurar un libro faino en función de intereses, teoricamente, literarios. Mais os intereses, en realidade, son múltiplos e, infelizmente non se poden describir: habería que interrogar a cada un dos compradores. No entanto, unha parte dos compradores son levados por un interese determinado: son alumnos dos diversos cursos de galego promovidos pola Xunta de Galicia e que se levan a cabo en diversas institucións: Universidade, asociacións galegas, etc. Ora ben, e fundamentándonos nas vendas, si se pode afirmar que o alumno destes cursos poucas veces compra libros que non sexan estritamente “escolares”. Mais vaiamos aos números e que cadaquén tire dos datos as conclusións que máis lle gusten.
A listaxe fíxose a partir dos libros vendidos entre o 4 de setembro de 1995 e o 29 de xuño de 1996, ou sexa, os mesmos meses que traballamos con diferentes suplementos citados nas entregas anteriores.
Ao longo destes dez meses vendéronse, exactamente, dous mil cincocentos dezaoito (2518) volumes, dos cales 256 en español, o que dá a cantidade de dous mil douscentos sesenta e dous (2262) libros galegos; ou en galego –por aquilo das traducións.
Á parte dos libros, vendéronse cento sesenta e sete (167) revistas (Galicia Internacional, Nordés, Luzes de Galiza, Dorna, Análise empresarial, Grial –37 exemplares–, A Trabe de Ouro –23 exemplares–, etc.); e 53 “Cadernos” de A Nosa Terra, dos que 22 corresponden a O país das gaitas.
O total dos libros repartímolo por «xéneros», aínda que o ensaio, por exemplo, é difícil de diferenciar. Nós, os galegos, de Marcial Gondar, é ensaio ou filosofía? Decidimos colocalo no apartado de filosofía, en troques, o Ensaio histórico sobre a cultura galega, de Otero, ou as Prosas, de Cuevillas, colocámolos na apartado de ensaio –todo isto é un pouco arbitrario, pero é funcional. Fixemos un apartado de varios, nos que metemos unha serie de libros de pouca venda que, normalmente, nada teñen a ver uns cos outros, pero foi para non alongar a lista: viaxes, música, fascículos, tarots, etc. No apartado Xornalismo van tanto libros sobre o tema como facsímiles. Outros dous apartados que cómpre matizar son o de Filoloxía, no que se colocaron libros como O teu nome ou Dialectoloxía do galego, e Sociolingüística, onde entran tanto Lingüística e colonialismo como Historia da lingua. Os métodos de aprendizaxe de galego, as gramáticas e os libros de normas ortográficas conforman un apartado diferente. Feitas estas precisións, vaiamos ao número de exemplares vendidos por «xénero» e, dentro de cada apartado, aos máis vendidos.
A orde por apartados de libros máis vendidos é a seguinte:
1. Manuais de lingua e normas ortográficas: catrocentos cincuenta e sete (457), un 20% con décimas.
2. Narrativa: catro centos corenta e cinco (445), case o 20%.
3. Poesía: cento oitenta e dous (182), 9,8%.
4. Dicionarios: cento cincuenta e oito (158), 6,9%.
5. Infanto-xuvenil: cento cincuenta e un (151), 6,7%.
6. Historia: cento vinte e tres (123), 6,7%.
7. Manuais de historia da literatura e historias de literatura: cento dezanove (119), 5,3%.
8. Ensaio literario: cento dous (102), a partir de aquí, menos do 5% por apartado.
9. Etnografía e folclore: cincuenta e un (51).
10. Biografías e memorias: corenta e oito (48).
11. Xeografía (incluídos mapas e planos): corenta e cinco (45).
12. Economía e política: corenta e catro (44).
13. Gastronomía: corenta e un (41).
14. Arte e fotografía: trinta e seis (36).
15. Ensaio: trinta e tres (33).
16. Diversos (fascículos, tarots, etc.): trinta e dous (32).
17. Gramáticas: vinte e catro (24).
18. Sociolingüística: vinte e dous (22).
19. Teatro: dezaoito (18).
20. Filoloxía: dezaseis (16).
21. Xornalismo: quince (15).
No apartado de libros máis vendidos en lingua española (256 volumes) salienta o nome de Álvaro Cunqueiro, que vendeu dos seus diversos libros en español un total de corenta e cinco (45) exemplares; séguelle o libro colectivo Los gallegos, de Editorial Itsmo, con vinte e tres (23) exemplares; e logo as guías de Galicia e de diversos lugares do país, que dan un total de cincuenta e dous exemplares a repartir entre moitos títulos. Dos títulos restantes, salientan os libros dedicados á vida e obra de Valle, cun total de trinta e catro exemplares.
Unha vez coñecido o número de exemplares vendidos por «xéneros», vaiamos aos títulos máis vendidos por cada apartado, deixando fóra o primeiro, xa que é evidente que os libros comprados neste apartado o foron por obriga, polo que empezamos polo apartado de «Narrativa».
1. Que me queres, Amor?, de Manuel Rivas: vinte e nove (29). O libro foi editado en decembro do 1995.
2. A sombra cazadora, de Suso de Toro: vinte e un (21).
3. Tic-Tac, Suso de Toro: dezasete (17).
4. Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares: dezaseis (16). Editado dous meses antes de fechar a enquisa.
5. Os dous de sempre, Castelao: once (11).
6. En salvaxe compaña, Manuel Rivas: dez (10).
7. Arraianos, X. L. Méndez Ferrín: nove (9).
8. Á lus do candil, Ánxel Fole: oito (8).
9. O porco de pé, Vicente Risco: sete (7).
10. Un millón de vacas, de Manuel Rivas e Unha noite con Carla, de Aníbal C. Malvar: seis (6).
Ora ben, dentro deste hit-parade non colocamos dous libros moi específicos: Lendas de tradición oral, edición de X. M. González Reboredo, vinte e cinco (25) exemplares; e Antoloxía do conto popular, a cargo de H. Harguindey e Maruxa Barrio, dezanove (19). Se do total de libros de narrativa descontásemos estes corenta e catro (44), que se poderían incluír no apartado de etnografía, teriamos en realidade catrocentos un (401) libros de narrativa vendidos e noventa e cinco (95) de etnografía e folclore, sen, no entanto, cambiar ningún dos dous xéneros no lugar do ranking de vendas. Tampouco colocamos no hit-parade de narrativa, por aquilo de falar de individualidades, unha escolma de relatos: Relato contemporáneo 1, de Ilda Nogareda, doce (12) exemplares vendidos.
No apartado de poesía as cousas están máis claras. Dos cento oitenta e dous (182) libros de poemas vendidos, corenta e tres (43) corresponden a obras de Rosalía, ben por separado, ben en obras completas. Logo de Rosalía, cun case 25% dos libros de poesía vendidos, a lista fica así:
2. Curros Enríquez (obras soltas e/ou completas): doce (12).
3. E. Pondal (obras soltas e/ou completas) e Poesía última de amor e enfermidade, Lois Pereiro: once (11).
4. Costa da Morte blues, Manuel Rivas: nove (9).
5. Poemas 1981-1991, Lois Pereiro: seis (6).
6. Viva Galicia Beibe, Antón Reixa: cinco (5).
7. Herba de aquí ou acolá, Á. Cunqueiro, Longa noite de pedra e Viaxe ao país dos ananos, de C. E. Ferreiro: tres (3).
Os restantes 76 libros repártense entre un mangado de poetas e títulos que nunca superan os dous exemplares dun mesmo poemario.
O quinto lugar, despois dos dicionarios, da lista de máis vendidos ocúpao o apartado infanto-xuvenil, con cento cincuenta e un (151) libros. Este apartado está copado case que na metade por A nosa historia, d’A Nosa Terra, cun total de setenta e tres (73) exemplares. Outros títulos a salientar: Contos populares. Os animais, edición de H. Harguindey e M. Barrio, seis (6) exemplares. E os diversos álbums de Astérix e Tintín que suman sete (7) e cinco (5) respectivamente. Non colocamos neste apartado A sombra cazadora, xa que a impresión primeira é que os compradores eran adultos e para uso persoal.
Os libros de historia, con cento vinte e tres (123) volumes vendidos ocupan o sexto lugar. Destes cento vinte e tres, cincuenta e dous (52) corresponden a diversos títulos da colección Historia, d’A Nosa Terra, salientando, por ser o último volume publicado neses meses, O nacionalismo galego, de Justo G. Beramendi e Xosé M. Núñez Seixas (once –11 exemplares). Outro libro de historia a salientar é o manual de historia de Galicia escrito por R. Villares e titulado, simplemente, A historia, con dez (10) exemplares. Os outros 61 libros repártense entre diversos títulos, que van desde volumes de prehistoria até monografías locais, cun máximo de dous ou tres exemplares vendidos por título.
En sétimo lugar, e con pouca diferenza a respecto da historia, con cento dezanove (119), as historias e manuais de literatura. Cómpre matizar que a maioría destes foron vendidos a alumnos dos cursos de galego. O hit-parade quedou así:
1. Manual de literatura galega medieval, Xosé R. Pena: trinta e un (31).
2. Historia da literatura, F. Fernández del Riego: dezasete (17).
3. Un libro de historia da literatura de BUP: quince (15).
4. Historia da literatura galega contemporánea, R. Carvalho Calero, e Diccionario da literatura galega. Autores, coordinado por D. Vilavedra, oito (8).
5. Literatura galega. Aportacións a unha historia crítica, Anxo Tarrío: sete (7).
6. Historia da literatura galega medieval, de X. R. Pena, seis (6) do primeiro volume e cinco (5) do segundo, que é unha escolma de textos.
7. Manual e escolma do Rexurdimento, Román Raña, catro (4).
8. Con tres (3), os títulos seguintes: Narrativa galega: tempo de Rexurdimento, M. Hermida; A Literatura galega durante a guerra civil, C. Rodríguez Fer; e Historia da literatura popular, de D. Blanco.
O resto de libros vendidos repártese entre diversos títulos a un exemplar por título.
O apartado de ensaio, onde colocamos títulos que ben puideron entrar no anterior conta con cento dous (102) libros vendidos, quedou así a lista:
1. Lírica galego-portuguesa medieval, G. Taviani: trece (13).
2. As cantigas de escarnio, G. Taviani e G. Lanciani: nove (9).
3. A cantiga de amor, de V. Beltran, e Trobadores e xograres, de António Resende de Oliveira, oito (8).
4. Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990), Xoán González-Millán: cinco (5).
5. Poesía galega. Crítica e método, C. Rodríguez Fer, e As cantigas de Pero Meogo, L. A. de Azevedo Filho: catro (4).
5. Con tres (3): A poesía de Eduardo Pondal, M. Forcadela; Prostitutas, damas e feirantas, C. Blanco; De Pondal a Novoneira, X. L. Méndez Ferrín; Manifestos das vangardas europeas, X. González Gómez.
Os trinta e oito volumes restantes repártense entre os catorce números especiais d’A Nosa Terra (dos que salientan cinco –5– exemplares vendidos do dedicado a Dieste) e diversos manuais sobre un ou outro escritor, para uso de colexiais.
Dos apartados que faltan, sinalemos que o de gastronomía está liderado por A cociña galega, de Álvaro Cunqueiro, con dezanove (19) exemplares sobre un total de corenta e dous (42). O apartado de economía e política, corenta e cinco (45) libros vendidos, son dous os «líderes»: Xosé M. Beiras, con O atraso económico de Galicia (once –11) e Castelao con Sempre en Galiza (oito –8). No apartado de arte torna a salientar Castelao, que dun total de trinta e seis (36) libros vendidos neste apartado, acada unha cifra de quince (15), doce (12) dos debuxos de guerra, edición d’A Nosa Terra, e tres (3) de 12 estampas. Os vinte e catro (24) libros de gramática vendidos repártense así: dezaseis (16) Gramática galega, de Álvarez/Monteagudo/Regueira, e oito (8) Gramática histórica galega, de M. Ferreiro. E no terreo da sociolingüística, de vinte e dous (22) libros vendidos salientan con doce (12) Estudos de sociolingüística galega. Sobre a norma do galego culto, e Historia da lingua galega, de I. Pérez Pascual, con cinco (5). E en ensaio, sobre un total de trinta e dous (32), o Ensaio histórico sobre a cultura galega, de Otero Pedrayo é o líder, con catorce (14) exemplares vendidos.
Por último, eis unha listaxe dos autores máis vendidos. Se ben necesitaría unha corrección, xa que se inclúen autores de manuais e antoloxías de contos e lendas populares que eran libros recomendados nos cursos de galego, pensamos que se achega á realidade (de 1998).
– Manuel Rivas, 59: 48 (narrativa), 9 (poesía).
– Suso de Toro, 46: 45 (narrativa) e 1 (outros).
– Rosalía de Castro, 43: 43 (poesía).
– Álvaro Cunqueiro, 43: 21 (narrativa), 3 (poesía) e 19 (gastronomía).
– Xosé Ramón Pena, 42: 42 (historia da literatura).
– Afonso R. Castelao, 39: 16 (narrativa), 8 (economía e política) e 15 (arte).
– Carlos Casares, 28: 25 (narrativa) e 3 (infantil).
– Carlos G. Reigosa, 25: 25 (narrativa).
– Henrique Harguindey, 25: 19 (narrativa) e 6 (infantil).
– R. Otero Pedrayo, 25: 11 (narrativa) e 14 (ensaio).
– F. Fdez. del Riego, 25: 1 (narrativa), 17 (historia da literatura) e 7 (outros).
– Giuseppe Tavani, 22: 22 (ensaio).
– X. L. Méndez Ferrín, 20: 15 (narrativa), 2 (poesía) e 3 (ensaio).
You might also like
More from Críticas
ATIRAR UM OSSO À ESPERA de Rita Pitschieller Pupo | Luís Serguilha
ATIRAR UM OSSO À ESPERA de Rita Pitschieller Pupo, por Luís Serguilha
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!