Hincapié. Vitrina, 1989
A frase anterior foi escrita pola artista María Teresa Hincapié, que aproveitou a súa formación teatral para facer do seu corpo ferramenta e peza de arte viva ao tempo. As súas performances sorprenderon nos anos 80 en Colombia. Nestes meses o MACBA presenta ao público unha moi ampla escolma de creación desta artista tan especial. Camiñar polas salas desta mostra é acompañar a Hincapié na súa viaxe entre as rutinas diarias e a telúrica conexión co planeta, iso si, coa poderosa arma creativa que foi o seu corpo.
❧
Si este fuera un principio de infinito. O propio corpo é instrumento e tamén peza de arte
aquí las bolsas. aquí el bolso. aquí la tula. aquí la caja. aquí la tula y encima el bolso. (…) vaciamiento. dispersión. todo se vacea. todo sale. todo se dispersa. se riega. se mezcla. se detienen. se cuadran uno tras otro indiferentemente… (M. T. Hincapié, texto para a performance Una cosa es una Cosa, 1990).
A artista María Teresa Hincapié (1954-2008), iniciada en grupos de teatro de Bogotá xa non soubo prescindir do seu corpo sempre e cando quixo crear. A preeminencia da performance vital, das forzas telúricas que conectan o corpo humano coa totalidade da Natureza.
En 1993 o director de cine Sergio Cabrera estrenou o filme La Estrategia del Caracol, unha verdadeira performance colectiva. A trama, personaxes e situacións da película están ao servizo dun dos dereitos básicos das persoas: ter unha vivenda onde residir. O filme pódese analizar desde moitos puntos de vista, un deles consiste en contemplar un reducido formigueiro humano que manobra arredor da verdadeira protagonista: a casa. Desde esta óptica hai certo paralelismo co que sempre pretendeu facer María Teresa Hincapié: empregar o seu corpo para crear espazos, accións, tendo como protagonista, non un edificio, non unha vila ou comarca, non, o planeta.
A cabalo entre 2022 e 2023 o MACBA presenta unha extensa e intensa mostra sobre a creatividade da artista colombiana María Teresa Hincapié. Si este fuera un principio de infinito. Xa neste título hai choscadelas ao que foron as súas teimas. Hincapié executou en reiteradas accións o que se pode interpretar como “a viaxe do doméstico ao sublime”. Tal aconteceu na performance “Si este fuera un principio de infinito” (1987) e en “Punto de fuga” (1989), dúas postas en escena ben parecidas (a segunda dentro do Museo de Arte de la Universidad de Nacional de Colombia. Hincapié, durante 12 horas e varios días, facía nunha sala as accións diarias que calquera persoa realiza na súa casa: erguerse, lavar, limpar, comer, durmir… Este tipo de accións, ou similares compúxoas en varios lugares e anos. Por exemplo, a máis elaborada de todas as da primeira época, Una cosa es una Cosa (aquí o vídeo da acción). Na exposición agora instalada nun andar enteiro do MACBA, mestúranse vídeos con fotografías, materiais diversos con espazos para a reflexión crítica.
En todos os casos a artista emprega unicamente o seu corpo como instrumento co cal crear algunha cousa nova. E, ao tempo, o seu corpo vén sendo a súa propia creación. E en todos estes casos as accións do seu propio corpo circulan polo interior dun espazo doméstico: cuartos, salas. É dicir, outro tipo de estratexia de caracol.
Tamén é certo que Hincapié aproveita estas performances para convidar a reflexións críticas sobre os roles que as sociedades rematan por impor ás mulleres (eses traballos domésticos que a metade masculina da humanidade rexeita, sempre e cando non sexan ben remuneradas), e por suposto a invisibilidade e gratuidade deses traballos femininos. Así, elabora a acción escénica Vitrina: perante o Encuentro Latinoamericano de Teatro Popular de Bogotá, a artista instálase no escaparate dun centro comercial céntrico e, en bata azul, vai progredindo nos traballos que fan as mulleres acotío, mesmo escribindo frases no vidro alusivas ao que fai, ou aos espectadores que a observan asombrados.
Atendendo ás apreciacións sociais que se fan sobre os traballos fundamentais que fan as mulleres, estes días fixéronse públicos os restaurantes aos que a empresa Michelin outorga as súas coñecidas estrelas. Adiviñan quen dirixe eses restaurantes tan caros e exclusivos?, mulleres ou homes?
Este tipo de accións que realizou Hincapié tamén se inclúen na tradición feminista, nas prácticas de aproveitar o corpo feminino como ferramenta política de reivindicación.
Hogano, en pleno século XXI esas accións xa non sorprenden tanto, xa se reiteraron en diferentes continentes e décadas. Pero hai 40 anos eran rachadoras, denunciadoras. Por exemplo, a ben coñecida artista da performance, Marina Abramović creou Rhythm 0 na que se meteu nun cuarto con 72 obxectos e coa lenda: O obxecto son eu”, e invitando ao público a empregar os obxectos sobre o seu corpo, como quixesen. Perante 6 horas o público botou man de obxectos como rosas, perfume, uvas; pero tamén tesoiras, unha pistola cargada, bisturí… Co paso das horas o público fíxose a cada intre máis agresivo. A conclusión de Abramović: se lle dás liberdade ao público, poden matarte.
Si este fuera un principio de infinito. Aldea-Escuela La Fruta. O sacro, o mundano
Pretendo crear una aldea en la que se sensibilizará a los participantes acerca de la diferencia entre el pensamiento fragmentado, propio de la cultura occidental, y el pensamiento integral, propio de la cultura oriental y de algunas comunidades indígenas. Se pretende en la aldea reproducir la experiencia comunitaria, creativa y espiritual. (M. T. Hincapié, Aldea-Escuela La Fruta, 1996.
Nos anos 90 María Teresa Hincapié continuou coas súas performances, pero xa dando unha volta á concepción e á execución das mesmas. Cada vez o corpo da artista precisaba máis a conexión coa Terra. Do fondo dos tempos chegáronlle forzas telúricas que a impeleron a reclamar respecto para o planeta e, xa que logo, ser cada intre máis crítica co capitalismo destrutor, máis reivindicativa dos valores humanistas. Entre 1995 e 1998 executou Tu eres santo e tamén Hacia lo sagrado, dúas performances moi similares. Hacia lo sagrado (o título é elocuente) fíxose nunha galería de arte, e dentro do marco dun premio artístico. Habilitou un espazo e esixiu que a sala onde ía estar conectase cun patio: o medio doméstico e a Natureza.
Para o público que entraba había unha lousa de instrucións que habían seguir co gallo de disfrutar da mostra; a primeira delas, e a máis potente ideoloxicamente, rezaba: sea consciente de que no entra a un supermercado, ni centro comercial. É dicir, o que rezaba a segunda advertencia: allá adentro no hay nada que se pueda comprar o vender, ni cosas bonitas ni feas. Canto se dicía con tan poucas verbas! Canta crítica durmida nos trazos das humildes e cotiás palabras.
Nestas accións co seu corpo, Hincapié está falando de respecto, de respecto a todo, aos seres vivos (nesa performance tiña con ela un músico e tamén a súa cadela). Hincapié cada vez máis preto das concepcións orientalistas, do Tao, de que a Pachamama (o Planeta) é a deusa, o ser vivo que permite vivir aos outros seres vivos. Hai, por tanto unha aproximación ao que di na declaración para a fundación da Aldea-Escuela que quere crear: o pensamento das comunidades indíxenas.
No mundo andino a presenza da Pachamama é permanente, xa en actos favorecedores (boas colleitas, bos partos de llamas, vicuñas e demais animais), xa en actos de castigo do quefacer dos humanos: erupcións volcánicas, destrutivas, temibles terremotos, inundacións. Como non reverenciar a forza e viveza da nai de todas as cousas, da Pachamama! Aínda hoxe, e nas cidades (moito máis en aldeas), se fan rituais á Pachamama antes -un exemplo- de comezar a construír un edificio.
O proxecto final no que se implicou María Teresa Hincapié -e que lle acabou custando a vida- foi a creación da Aldea-Escuela, na Sierra Nevada de Santa Marta e na propiedade que adquiriu ela mesma á que denominou La Fruta, emulando o que podería ser
¡Qué descansada vida
la del que huye del mundanal ruído,
y sigue la escondida
senda, por donde han ido
los pocos sabios que en el mundo han sido;
a oda que Luís de León compuxo emulando o Beatus ille do poeta clásico Horacio. Ou, por que non?, unha proposta de retiro zen nun mosteiro xaponés, Hincapié marcha da cidade para a serra para crear unha comunidade onde se refuxiasen (ou mellor dicir, se “humanizasen”) artistas e estudantes que se ofrecesen para compartir esa filosofía de vida. A colación desta proposta, dicir que hai unha magnífica novela (non das máis coñecidas) do gran romancista portugués Eça de Queirós denominada A Cidade e as Serras, na que o protagonista opta tamén pola bucólica vida nas aldeas no interior/norte de Portugal, fronte á súa anterior estancia en París.
Ao longo dos anos Hincapié levou a cabo varias accións plásticas, e en público, encamiñadas a preparar esa obra total e final que sería a Aldea-Escuela. Así, en 2005 elaborou e executou, xunto con persoas voluntarias, en diversos lugares e intres, unha chea de performances que titulou xenericamente Peregrinos urbanos : as persoas móvense moi a modo polas rúas, unhas atrás das outras, vestidas de branco, cunha estética que mesmo remite ás tradicións orientais. O obxectivo de tales accións era a concienciación sobre a grave situación medioambiental do planeta.
Hincapié traballou moitísimo na preparación de terras e construcións de La Fruta, ata que enfermou e tivo que deixar o proxecto, realidade que sería o remate de todas as pescudas que fora realizando ao longo da vida: aproximarse ao sagrado, convivir coa Pachamama sen intermediarios; ser parte das forzas telúricas.
Actualmente o fillo de Hincapié, Santiago Zuluaga, trata de seguir adiante co proxecto de Aldea-Escuela La Fruta, mirando de actualizar as instalacións e co obxectivo de que acabe instalando alí unha comunidade de artistas.
Non lonxe de onde está situada La Fruta aínda se conserva o que hoxe é un municipio colombiano, pero que perante séculos foi unha comunidade de ex-escravos: o Palenque de San Basilio. Por palenque coñecese no Caribe a comunidade que os cimarrones, escravos fuxidos da escravitude e feroz explotación das plantacións fundaban en lugares de difícil acceso e fácil defensa, onde establecer comunidades libres e nas que trataban de recrear os xeitos de vida africanos que deixaran ao ser apresados e vendidos. Houbo moitos deses palenques (na Habana, antes de escurecer, pechaban as portas da muralla pois sabían que logo rondarían os cimarrones polas proximidades). A estas comunidades en Brasil chamáronlle ladeiras, e en Arxentina quilombos (palabra que hoxe -por efecto do racismo- emprégase con significado pexorativo).
A primeira performance que executou Hincapié titulouna Si este fuera un principio de infinito (de aquí o título da exposición), e o título dado cando só tiña a artista 33 anos rematou por ben ben un resumo da súa viaxe vital reivindicativa e mística, cara a comuñón co que de sagrado hai na Natureza, cara unha ecoloxía entendida na globalidade universal.
❧
EXPOSICIÓN: Si este fuera un principio de infinito. MACBA, ata o 26 de febreiro de 2023
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …