A tarefa encomendada pola mestra para o día vindeiro era clara: escribir un soño e lelo en alto para toda a aula. O soño desa mesma noite ou doutra noite calquera. Por tolo ou absurdo que fose.
El non quería desgustar a mestra, á que lle tiña moita lei. Sempre facía as tarefas, por difícil que fose atopar tempo e gañas. Nos exames non lle ía tan ben, estudaba ben de comezo, intenso, mais logo a concentración e o ánimo decaían… logo ía aprobando, pero con cualificacións frouxas. Os mestres preguntábanlle, algo decepcionados: “Pero se sempre fas ben as tarefas, traballas ben en clase e non dás problemas”… sen pedírllelo, os docentes subíanlle decote a nota final.
Era un corredor de fondo, un maratoniano da regularidade infantil, non un artista da inspiración, un caloteiro co truco de maxia no intre xusto. Por iso sempre, tamén logo de mozo, desprezaba os exames por inxustos, por deshonestos. Así transcorreu o seu devir académico, con notas mediocres en ciencias, gramática e educación física, algo superiores en literatura e lingua e excelentes en debuxo. O debuxo era o seu, nunca o interpretou coma unha materia de estudo, senón como un desafío. E fóra da aula, coma un refuxio. Naquel tempo e naquela terra, un refuxio valía máis ca o ouro.
O noso neno estaba aquel día aínda en primaria e tiña que escribir un soño. El, que era o “soñador” como lle dicían retranqueiro os seus pais e irmáns, por non chamarlle pasmón. El, que non soñaba.
Ata que comezaron os bombardeos era posible que si soñara, non o lembraba, era moi pequeno e a esa idade os anos mídense en eternidades. Agora durmía cun ollo entreaberto para sentir as alarmas, descansaba ben, pero non soñaba. Se cadra non durmía profundamente dabondo para dar soñado. Dicíanlle que estaba a salvo, mais el sabía que lle mentían, que era polo seu ben, para que durmira, xa que non podían pararlle as bombas e ninguén estaba seguro baixo esa chuvia de chumbo. Mentiras para sentirse seguro e durmir ben.
Sen soños, que ía contar no día vindeiro na aula? Se os maiores mentían, concluíu, el tamén podía mentir ós demais para facelos sentir ben. E escribiu unha bonita historia, era un heroe de guerra do seu pobo (no campo de batalla, non nunha casoupa agardando o proxectil final, sobre eses heroes ninguén escribe), ferírono, unha enfermeira o curaba, casaba con ela, volvía á guerra e gañaban. Ou algo polo xeito, infantil e épico.
Leu a historia de primeiras timidamente, logo con afouteza dramática. Cando rematou observou en silencio a mestra e os compañeiros. Estaban abraiados. Todos aplaudiron e lle deron os parabéns. E o máis importante: ninguén se decatou da mentira.“Quen tivera soños así”, dicían.
Aparte desta, daqueles anos gardaba só lembranzas borrosas. Non había soños, só cascallos e ausencias. Cascallos a escola, cascallos a súa casa, cascallos atoando as rúas e a cidade enteira. Cascallolandia. Cascallópole. Ausencias dun compañeiro, do pai de outro, dun curmán… Dicíanlle, “Marcharon”, mentiras novamente para non incomodalo nin incomodarse eles, non co obxectivo de que o rapaz as crese, senón para non falaren máis do tema.
Do pai, nunca máis soubo. “Marchou”, dixéronlle de igual xeito, mentres a nai se desfacía en bágoas. O neno tiña certa unha cousa: o seu pai non era dos que marchaban por vontade, dos que abandonaban. Polo tanto, a única explicación posible… Ben, había varias, e todas eran a mesma: bomba, disparo de francotirador, mina antipersoal, detido e torturado e executado…
A nai anunciou á prole que marchaban, pero doutro xeito: colleu os seus tres fillos máis pequenos, parte do pouco que tiñan e liscaron cara a fronteira. Primeiro foron fuxidos, logo refuxiados. Agora eran estranxeiros nada máis, no país que os acolleu e que sempre os miraría como estranxeiros, sempre. Porén, pouco lembraba desa fuxida.
Agora estaba establecido neste país, frío e civilizado, que xa era máis seu có outro, Cascallolandia. Durmía profundamente, sen medo ás bombas. Rematou o seu ensino, sen moitos honores mais sen grandes dificultades alén da aprendizaxe do idioma do seu novo país, ó pouco da chegada. “Os nenos xa se sabe, adáptanse a todo”, din os adultos paifocos, que saberán eles. E o dos cómics comezaba funcionar. Non paraba de debuxar e ter encargos (non tan ben pagados como se pensaba, todo sexa dito) e a súa primeira novela gráfica funcionaba moi ben.
Coa súa obra tiña a mesma sensación que cando escribira o seu soño inventado e o lera para a aula. Esa mentira ben feita, esa admiración desatada por unha invención, esa satisfacción amarga de dar fabulado ben porque non hai verdade que amosar.
O seu editor comentoulle un día, informalmente:
– Estaría ben unha banda deseñada sobre o teu país.
– O meu país? Cal deles?
– O de alá. Volve estar de actualidade, volve a guerra.
– Seino -dixo el, pero non o sabía, non quería saber de alá.
– Ti estiveches alí de neno, podes contalo, as túas lembranzas. Terías carta branca, enfocalo como queiras. Dariámosche un adianto. Pode dar para outra novela gráfica, algo persoal, que dis?
– Si, vale, pensareino -mentiulle.
Xa estaba máis que pensado. Non tiña nada que escribir nin debuxar sobre o asunto, e si moito traballo por diante noutros proxectos. Daqueles anos só lle restaban lembranzas esluídas de ruína, destrución, cascallos e mais aquela anécdota do soño inventado e lido en alto para a clase.
Seguía sen soñar. En efecto, aínda non sabía a que se refería a xente con iso de soñar, se o que vían era como unha película pasada cos ollos pechados ou que cousa. Se cadra as pálpebras se convertían en pantallas pola cara de dentro. Só chegou envexar na puberdade os soños húmidos e eróticos dos seus compañeiros, pero tampouco lles daba moito creto a eses bocaláns. Pero se están durmidos, como saben o que están vendo? Andrómenas.
E dos soños esperto, eses outros soños… andrómenas tamén. A xente soñaba de máis e traballaba de menos. Total, logo soan as sereas e non estás seguro en ningures. Aquelas sereas, rachando a noite… aínda lle facían arreguizos.
Sobre o tema dos soños, non pensaría moito niso se non fose pola súa muller, moi preocupada polo asunto.
– A ti o que che pasa é que tes soños, pero logo ó acordar non os lembras. Bloquéalos. Como todo o vivido naquela guerra -os telexornais preferían en troques o eufemismo “conflito”-. Cando iso saia, vivirás máis feliz. Deberías acudir ó psicanalista.
“Cando iso saia, cando soñe, a clase rematará”, matinaba el, pola contra. “A bomba acadará a escola. E eu xa non precisarei escribir nin debuxar, porque xa terei os meus soños. Contarei o meu soño e sentarei no meu pupitre. Tería que mudar de oficio. Rematar co de inventar historias”.
Unha noite foi cedo para cama. A insomne da súa muller non traballaba o día seguinte e quedou mirando libros no sofá, seguramente ata tarde. Durmiu sen compaña, emperador da súa cama, profundamente como unha hora ou dúas, logo acordou e mirou o reloxo. As tres. Era absurdo acordar a unha hora así. Deu un par de voltas para volver retomar o sono, pero non foi quen. Como o estómago protestaba decidiu ir á cociña a comer un iogur. Advertiu que a esposa xa estaba durmindo ó seu carón, non a sentira chegar. Marchou silandeiro ata a cociña, con coidado de non espertala.
Colleu un iogur da neveira e acendeu o televisor pequeno da cociña e quitoulle o son, para non molestar a muller. Estaban dando novas de Cascallolandia, que noutras circunstancias adoitaba evitar cambiando de canle, mais xa era tarde para iso. Apareceu aquel neno, cos ollos ben abertos, paralizado polo medo, diante del, a cámara, detrás, a cidade destruída unha vez máis, pedras ciscadas, tixolos, terra, fume, poeira. O ceo nocturno iluminábase cos proxectís e a xente bulía dun lado para outro. O rapaz non, estaba aí quedo e mudo, na pantalla, mirando para el e para o seu iogur. Logo cambiaron de nova, deixándoo alí estarrecido en pixama, de pé na cociña.
Bebeu un pouco de auga e marchou para cama, onda a súa muller. Non durmiu ben no que restaba de noite. Aquel neno fitaba para el cos seus ollos de medo. Aquel neno lía en alto o seu soño para toda a clase, e era a mesma historia que el lembraba inventar e ler na aula había dúas décadas. Aquel neno era a un tempo o cativo do televisor e el mesmo naqueles anos, e os seus compañeiros de aula non estaban sentados en cadeiras, senón en obuses. E todos miraban abaixo cos ollos baleiros, tapaban as orellas, asemellaban non querer oír a súa historia. E a mestra ergueuse e tiroulle das mans o caderno que estaba a ler, acusándoo: “Mentes. Ti non soñaches isto”. Logo a explosión, o tragar po e terra, po na lingua, encorar…
Volveu acordar, tusindo, coas costas enchoupadas de suor. Xa non adormeceu máis.
Pola mañá almorzou só, a cismar coa cunca de café. Cando apareceu a súa muller non tardou en espetarlle:
– Penso que soñei.
E contoulle o acontecido. O das novas da televisión e o soño posterior. Ela inquiriu:
– Que hora era cando acordaches por primeira vez? Cando fuches para a cociña?
– As tres e pouco. Mirei o reloxo.
– Eu fun para cama ás catro, estiven a ler no sofá. E non te vin saír do dormitorio.
– Si tal. Ti quedabas na cama. Xa te deitaras.
– Estiven esperta ata as catro e en todo ese tempo ti non saíches do dormitorio. Estou segura.
– Estabas na cama.
– Acende o televisor.
Colleu o mando a distancia do televisor e tentou acendelo, sen éxito.
– O televisor pequeno da cociña está fundido dende hai dous días, non lembrara avisarche porque total, case nunca o miramos. O de erguerte ás tres, baixar á cociña e ver ese rapaz na pantalla… tamén o soñaches.
Ese día estivo a matinar no acontecido. E que acontecera? Neste mundo do real, nada, tan só unha mala noite. Só no outro, o dos soños e as lembranzas. Soñara todo, a súa esposa tiña razón. A clase concluíra. En teoría rematou co debuxo e a banda deseñada, non? Non era o que lle dicía o cinismo? Cambiar de oficio? Rematar coa mentira?
Decidiu irse duchar, vestir e comezar o día. Pero de camiño ó baño, sentou na súa mesa de traballo. Bosquexou a lapis moi superficialmente aquel rapaz da televisión. Debuxou un fondo a gris degradado de edificios medio esboroados e pedras. Pensou e lembrou na panadería do seu tío, que sempre lle agasallaba bolos ata que “marchou”, un obús rebentou o negocio con el dentro. Había dúas décadas que non lle viña o do tío á mente. Fóronlle chegando máis cousas, máis historias esquecidas.
Foi debuxando todo en bosquexos sinxelos, como para lelo na aula para a señorita e os outros nenos. Precisamente, facíao por aqueles nenos. A súa tarefa de clase atrasada. Rematar coa fraude, debuxar a verdade.
Tería que chamar logo ó seu editor. Despois.
You might also like
More from Francisco Castiñeira
Cuspidiños
E non sabes con quen me atopei? Coa Sabela, a do Roxo. Si, ía ben de tempo sen vela, porque …
O escribente
- Que queres? -inquiriume secamente o vello. Medio corpo tapado pola porta que abrira só en parte, o outro medio …