A cuantiosa fortuna do meu pai pasaría íntegra ás miñas mans e, aínda que nunca pensara nela, estaba disposto a aceptala. Mais había un pero… Se quería herdalo, había unha condición. Tiña que ir vivir de inmediato á casona onde pasei a infancia. Esa mansión lúgubre, que nunca me gustou… Onde a única que demostraba certo cariño por min era miña nai. Os ollos do meu pai eran dúas liñas xeadas. Dábanme calafríos miralo… Nin consentía que me tocase, pois tiña as mans húmidas, esvaradías como a pel dun peixe. Para colmo, usaba unha loción ben desagradable, que cheiraba a auga estancada. Nin sequera lembro como era a súa voz, xa que apenas falaba… Todas as tardes, baixaba con sixilo ao soto da casa, polo que parecía sentir predilección. Pasaba moito tempo alí metido… Había días que non sabiamos nada del. Miña nai desculpábao sempre dicindo que, malia estar cheo de gretas, queríanos á súa maneira. Entón comecei a afastarme do seu camiño. Ata case odialo, a sentir por el auténtica aversión….
Confésoo. Non vía a hora de perdelo de vista. Rematada a carreira de avogado, non o dubidei. Instaleime nun piso alugado, onde me sentía independente, feliz, e dono de min mesmo.
Contrariado, cumprindo a última vontade do meu proxenitor, trasladeime a vivir a aquela casa, decidido a saír dela canto antes, pois nada dicía o testamento en sentido contrario. Roído pola curiosidade, mandei facer un duplicado das chaves (que non aparecían por ningures) e baixei ao soto, que sempre foi, para min, unha obsesión…. Intrigado, logo de abrir varios ferrollos, atravesei unha grosa porta metálica, e entrei na escuridade… Asaltoume un cheiro nauseabundo… Unha lámpada reveloume, baixo un chorro de fría luz, o dramático contido do soto… Había toda unha colección de obxectos do máis dispar: vellos traxes de corista, amortallados en po. Antigas máscaras de gas… Cascos de soldados romanos. Impecables uniformes nazis, de alta graduación… Outros, en estado lamentable de soldados rasos. Cabeleiras humanas, dentes de ouro ensartados, que brillaban na penumbra como sinistros colares… Pero aínda non vira o peor… Retrocedín espantado… A parede lateral era membranosa, e tiña vida propia… Pel que respiraba!! Nela aparecían diversidade de corpos monstruosos a medio formar, que flotaban en medio dunha linfa vermella e viscosa… Sangue! De súpeto, berreihorrorizado… Foi, o meu, superior ao Grito de Munch, pois todo canto había naquel soto xustificábao… Estaba fronte a un atroz experimento… O autor e coleccionista de tantas barbaridades, fora ese home de mirada fría e mans húmidas, esvaradías, a quen tanto temía… Enfrontábame ao seu proxecto máis aberrante, e non podería esquecelo nin en sete vidas. Unha vinganza contra min?… Entón lembrei as enigmáticas palabras da miña nai: “un home cheo de gretas”. E pensei que, adrede, aínda morto, estaría a rirse de min na súa tumba..
A miña conciencia de fillo, malia odialo, loitaba entre denuncialo ante as autoridades, ou ocultar para sempre tan terrible segredo.
De seguida souben o que tiña que facer…
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …