Continúa a revisión, por parte de diversas entidades, das creacións de fotógrafas e fotógrafos que nos anos 50, 60 e seguintes revolucionaron a fotografía na España baixo a ditadura. Agora tócalle a quenda a Oriol Maspons, fotógrafo da moda, da publicidade. A presentación das imaxes de Maspons faise nas salas do MNAC, unha institución á que, en principio, non lle corresponde ocuparse da arte da segunda metade do século XX. Que está a pasar no mundo da arte barcelonesa? Que roles asumen o MNAC e mais o MACBA? Por que se pisan os espazos temáticos?
*
“Oriol Maspons. La fotografia útil”. MNAC
«Solo me pagaban las fotos publicadas, lo cual era muy común y probablemente también ahora lo sea. Por eso, consciente e inconscientemente mis colegas y yo creamos imágenes con el propósito de verlas impresas en los medios. En este aspecto no hay mucha división para un fotoperiodista, estamos alerta en todo momento por si surge una imagen que pueda formar parte de nuestro trabajo» (Oriol Maspons, entrevista en InfoLibre, 2013).
Nestes meses de verán o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) vén de inaugurar unha exposición titulada Oriol Maspons, la fotografía útil / 1949-1995, unha antolóxica sobre o gran fotógrafo dos anos 50, 60 e 70 que, xunto con moitos outros e outras, traballaron para renovar a fotografía dentro da ditadura franquista. Maspons formou parte dunha lexión de fotógrafos que lles tocou traballar despois da Guerra Civil e decidiron abandonar a fotografía academicista, pictorialista e/ou costumista que propuña o “réxime” e mirar a outras xeografías á procura de referencias para alimentar as súas instantáneas de contido social.
A mostra Oriol Maspons, la fotografía útil / 1949-1995 é extensa e ben estruturada. Comeza nos primeiros anos de traballo de Maspons nos que, como moitos outros fotógrafos daqueles anos –Paco Gómez, por exemplo, ou Gabriel Cualladó–, eran amateurs. Pero Maspons logo muda o rumbo. No ano 1957, con 29 anos, regresa de París onde coñecera aos grandes fotógrafos daqueles momentos: a Cartier-Bresson, o retratista do “intre decisivo”; a Brassaï, unha das personalidades máis emblemáticas da fotografía en París; e Doisneau, capturador do romanticismo cotiá de París. Ao chegar a Barcelona asóciase con outro fotógrafo, Julio Ubiña, e xuntos montan o estudo fotográfico Maspons-Ubiña que funcionará durante moitas décadas; tanto é así que nalgúns traballos que fixeron para revistas, custa saber que instantánea é dun ou do outro. Maspons logo se asocia á AFAL a gran asociación e revista de fotografía de Almería, dirixida polos fotógrafo Pérez Siquier, e responsable en gran medida da renovación da fotografía na España gris e triste dos anos 50 e 60. Maspons e Ubiña (Santander, 1921) comezaron a traballar para revistas como La gaceta ilustrada, e tamén a colaborar no que se chamaron os fotolibros: creacións nas que participaba un profesional da escrita e outro da fotografía.
A exposición Oriol Maspons, la fotografía útil / 1949-1995 no MNAC, lugar que en principio por cronoloxía non lle correspondería, é a consecuencia lóxica do feito de que no ano 2011 o propio Oriol Maspons depositou no MNAC todo o seu arquivo fotográfico. En total agora o MNAC dispón de 7.000 fotografías en papel, e negativos e outros materiais fotográficos. Grazas á Fundación Nando i Elsa Peretti o MNAC puido comprar 200 fotografías máis e tamén dixitalizar 3.000 das do seu fondo. Esta fundación, radicada en Roma, dedica fondos á educación, ás axudas a países con grandes necesidades, así como á cultura. Elsa Peretti, precisamente, foi unha das modelos ás que retratou Maspons, sendo unha desas fotografías das instantáneas máis coñecidas de Maspons: “esa muller de pernas interminables”.
En Oriol Maspons, la fotografía útil / 1949-1995 preséntanse 530 imaxes dese arquivo que Maspons entregou en vida ao MNAC, un número ben importante como para acabar tendo unha boa panorámica do traballo deste fotógrafo. Neste vídeo pódense escoitar as declaracións de Cristina Zelich, comisaria de Oriol Maspons, la fotografía útil / 1949-1995. E neste outro declaracións do propio Oriol Maspons.
Maspons profesional. La publicitat, la moda
«Para mí una buena foto tiene que informar al espectador. Darle un tipo de información que sea nueva en un cierto modo. También, dependiendo del encargo, buscas un efecto u otro» (entrevista a Maspons, D. Casado, 2013).
Antes de pasar a formar parte dos fotógrafos profesionais, Oriol Maspons viaxou a diversos lugares e tirou fotos. No ano 1954 viaxou a Ibiza, illa daquela non masificada, coa súa cámara Rolleiflex. Alí coñeceu ao fotógrafo francés René Petit e puido fotografar a paisaxe, as edificacións aínda tradicionais da illa, igual cas mulleres e homes ibicencos. E tamén retratou á modelo Monique Koller, da que fixo unha fotografía que leva o significativo título de Monique, primer bikini de Ibiza (1954), unha instantánea na que sorprende o primeiro plano, o corpo esvelto da modelo que contrasta co fondo de casas brancas á beira do mar e a presencia de dous soldados que abandonan a escena. Precisamente será René Petit o que lle dará contactos a Maspons para iren a París.
Ao regresar a Barcelona é cando Maspons abandona a Agrupación Fotográfica de Cataluña polos seus postulados conservadores e costumistas. No ano 1957, ademais, publica en Arte Fotográfico o artigo Salonismo que foi unha dura crítica contra as posicións que mantiña esta agrupación, e onde atacaba, entre moitas outras cousas: «la dictadura estética de los restrictivos jurados de los concursos, que imponen una fotografía superficial, ridícula y fuera de su tiempo». É entón cando entra a ser membro de AFAL, onde tamén estarán fotógrafos tan valiosos como Joan Colom, o fotógrafo do Raval; Gabriel Cualladó, “o rei da forografía española”; Francisco Gómez, o xastre fotógrafo; Gonzalo Juanes, Ramón Masats, autor da mellor fotografía de futbol; Xavier Miserachs, o autor do libro Barcelona, Blanc i negre; Francisco Ontañón; Carlos Pérez Siquier, a alma mater de AFAL, Leopoldo Pomés, outro virtuoso da publicidade; Alberto Schommer, Ricard Terré ou Julio Ubiña. En Barcelona, e formado o estudo Maspons-Ubiña, comeza a traballar para revistas como La Gaceta Ilustrada, onde os dous colaboraron durante moitos anos. Ao tempo tamén se inician en traballos para a moda. A partir de 1958, e durante seis anos, Oriol Maspons é o responsable da imaxe publicitaria da marca Lavanda Puig. O encargo chegoulle porque Alexandre Cirici Pellicer, profesor universitario e crítico de arte, tamén foi empresario e, xunto co Victor Sagi, fundou a axencia de publicidade PAN. E foi esa axencia a que encargou os traballos a Maspons. Por outra parte Maspons, que xa asistira en París á rodaxes de filmes da Nouvelle Vague, participará tamén como fotógrafo en moitas rodaxes cinematográficas das que se deu en chamar a Escola de Barcelona.
No ano 1962 Oriol Maspons foi un dos 11 fotógrafos españois que viaxaron a París, perante unha semana e convidados polo estado francés (Servis Oficiels du Tourisme Français), para que fixesen unha reportaxe sobre a vida na capital parisiense. Tiveron de entrada dúas censuras: unha, non podían ir á universidade da Sorbona, pois daquela había manifestacións e asembleas seguidas do movemento estudantil (igual se contaminaban da rebeldía) e tampouco lles deixaban fotografar aos clochards, os sen teito, os homeless, as persoas que de tan pobres viven na rúa; aqueles clochards que anos antes fotografara tan ben Brassaï, nas súas homenaxes a París e mais ao mestre Atget. En París Maspons practica un tipo de fotografía que non era adoito nel. Non fixo reportaxes directas, como xa tiña feito; decide tirar fotografías onde priman os aspectos gráficos, os xogos de planos, e tamén como visións persoais da vida parisiense.
La “Gauche Divine”. Retratos, fotolibros
«En esos días la vida creativa de esas metrópolis (Barcelona, París, Roma, Nueva York) estaba interconectada. Todos nos conocíamos y trabajábamos en proyectos juntos, a veces por ser amigos. Por ejemplo podías ver a Antonioni venir a mi casa y pedirme que le hiciera unas fotos para algo, y yo lo hacía. En mi época muchos fotógrafos simplemente no podían permitirse ser directores de cine, así que teníamos que especializarnos en fotografía y hacer toda una película en un solo disparo» (Maspons, entrevista en InfoLibre, 2013).
En Barcelona Maspons participou directamente do ambiente cultural da cidade. Despois da presentación da editorial Tusquets (1967), o escritor Joan de Segarra escribiu un artigo no Tele/eXprés no que chamou por primeira vez gauche divine ao conxunto que formaban editores, escritores, artistas, debuxantes, empresarios, poetas, directores de cine, modelos, etc., persoas heteroxéneas con aires provocadores e poses antifranquistas, pero sen compromisos sociais concretos. Os seus niños eran, por exemplo a sala de festas Bocaccio. A partir de aí Maspons retratará a moitas destas persoas. Cousa que facían outras/os fotógrafos que formaban parte desta elite intelectual, como por exemplo Colita, autora de fotografías icónicas, como as de García Márquez.
Agora na mostra Oriol Maspons, la fotografía útil / 1949-1995 tamén están algúns retratos ben coñecidos, e que xa forman parte do imaxinario colectivo, daquelas persoas da chamada gauche divine. Por exemplo os retratos de Carlos Barral, o máis coñecido quizais sexa o que representa ao escritor na praia nunha posición ben forzada, simulando que é o deus Pan. Outras fotografías, outros retratos ben representativos deses anos e da vida en Barcelona, son os de Jaime Gil de Biedma, José Agustín Goytisolo, José María Castellet, e moitos outros. Dentro do seu traballo para a publicidade, Maspons tamén se atopou coa música, facendo moitas portadas para discos de xentes tan coñecidas como Serrat, Núria Feliu, Raimon ou Bonet. E tamén coa literatura: a partir de 1958 Maspons fará moitas portadas para os libros da colección Biblioteca Breve que lanzou a editorial Seix Barral, algunhas delas icónicas xa, como a de La Ciudad y los Perros ou Últimas Tardes con Teresa.
No ano 1961 Esther Tusquets, que acaba de asumir a dirección da editorial Lumen, decide lanzar –con moita vista empresarial– a colección Palabra e imagen. A valente colección foi saíndo durante uns dez anos (1961-1972), e alcanzou os 19 números nos que sempre se mesturaban fotografías en branco e negro e textos literarios. A escrita e a linguaxe visual inventando mundos. Os textos levan as firmas de escritores tan recoñecidos como Delibes, Cela, Vargas Llosa, Lorca, Neruda, Barral, entre outros, e as fotografías son creacións dos mestres Maspons, Colom, Miserachs, Colita, Masats, Català-Roca, etc. Pois ben, Maspons participa en varios destes libros. O primeiro foi La caza de la perdiz roja, con textos de Miguel Delibes. Curiosamente algunha das fotografías tomadas por Maspons para este libro cooperativo lembran moito imaxes do filme Los Santos Inocentes (1984), de Mario Camus e baseada na novela homónima de Delibes. O seguinte foi Toreo de Salón (1963), con textos de Camilo José Cela. No ano 1965 Maspons e Ubiña viaxan a New York para captar imaxes para uns artigos de Delibes para a revista Destino. Como resultado da súa estancia e da cantidade de material fotográfico co que regresaron, os fotógrafos propuxéronlle a Esther Tusquets a publicación do libro Poeta en New York, de Federico García Lorca, coas imaxes que eles aportaban. O resultado é espléndido. Como curiosidade dicir que Esther Tusquests, no seu libro de memorias Confesiones de una vieja dama indigna (2009) escribe que Maspons foi o seu primeiro amor de xuventude.
O MNAC, o MACBA e a crise no mundo artístico barcelonés
«¿Por qué es el Museu Nacional d´Art de Catalunya, y no el Macba, que en sus inicios debía asumir el arte posterior a 1940, el centro que está haciendo las lecturas de conjunto del arte catalán reciente? (con muestras como “Del segon origen. Arts a Catalunya 1950-1977”; “Liberxina. Pop i nous comportaments artístics, 1966-1971”; o ahora Oriol Maspons y El Víbora… )» (Sergi Vila-Sanjuán, ¿Qué pasa en el mundo del arte barcelonés?, La Vanguardia, 2019).
Como ben explicita Vila-Sanjuán no artigo que vén de publicar no suplemento Cultura/s da Vanguardia («¿Qué pasa en el mundo del arte barcelonés?»), no mundo da arte barcelonesa pasa algo. Algo serio. Por unha banda, as persoas responsables das galerías de arte declaran que “non se vende”, que non hai clientes e que aquel gusto polo coleccionismo de arte que había ata comezos do milenio desapareceu. Artistas que levan vivindo e traballando nesta cidade décadas recoñecen que van a outras cidades (Madrid, Bilbao) á procura de clientes. É tan forte a parálise?
A atonía que identifican os axentes do mundo artístico tamén se estende ás institucións museísticas. No artigo citado, Vila-Sanjuán informa que en xuntanzas ás que asistiu invitado polo concello de Barcelona, as persoas asistentes pediron accións para dinamizar o mundo artístico na cidade, dada a mala situación do sector. Quéxase tamén –e con razón– Vila-Sanjuán de que as exposicións que se presentan nesta vila non teñan a cualidade que sería desexable: «Escasez de grandes exposiciones –escasez aunque no inexistencia: sobre todo las de CaixaForum y el Museu Picasso contribuyen decisivamente a paliar este déficit». Poida que o autor redactase esa parte con premura. Caixaforum trae á cidade de Barcelona “algunha” mostra importante, pero tamén carrexa “saldos” do British Museum e doutras institucións internacionais onde as propostas e as pezas presentadas non acadan niveis óptimos. Ou quizais Vila-Sanjuán refírese a “grandes exposiciones” a aquelas que presentan gran número de pezas? Por contra, deixa o autor de citar a entidades que durante anos trouxeron e traen a esta vila exposicións moi importantes. Tal é o caso da Fundación MAPFRE que, nas salas da Casa Garriga Nogués, ten presentado mostras de pintura (Renoir, El Triunfo del color), escultura (Rodin) ou fotografía (Brassaï, Abbott, Michals, Davidson) do máximo nivel. Ou galerías como Mayoral que programou a primeira exposición de mulleres surrealistas que se fixo en España, ou Artur Ramon.
O mesmo autor sorpréndese dos roles que dentro da cidade están a exercer dúas entidades públicas, o MNAC e mais o MACBA (Museu d’Art Contemporani de Barcelona). Sorpréndese, por exemplo, –xunto con outros analistas– de que a exposición conmemorativa do décimo aniversario do pasamento de Josep Guinovart –celebrado hogano– a fixese unha fundación privada, a Fundació Vila Casas, e non o MACBA, como lle corresponde por importancia do artista e mais por criterios cronolóxicos. A mostra celebrada nos Espais Volart da Fundació Vila Casas foi ampla e representativa, organizada conxuntamente co museo Guinovart de Agramunt, pero de xeito privado. Por que? A seguir Vila-Sanjuán comenta a exposición que o MACBA si que fixo sobre a obra de Jaume Plensa, un grande escultor con obra por todo o mundo. E sobre esta oferta das creacións de Plensa na súa cidade os críticos estiman que foi unha mostra “curta”, que tiña que ter sido moito más ampla e representativa das diversas liñas de traballo do escultor en ferro (Paralelamente o Centro Nacional de Arte Reina Sofía presentaba en Madrid outra do mesmo artista, moi atractiva). Que está a pasar no MACBA? Pode ser que, desde a “crise da Besta e o Soberano”, a institución non acade os seus espazos, os seus roles? A mentada crise veu provocada pola exhibición, na exposición La Bèstia i el Sobirà, da peza HC4 Transport, da artista Ines Doujak. A tal peza representa a un home, con gran parecido físico ao rei Juan Carlos, sodomizado por unha dirixente mineira boliviana e mais por un lobo. Liouse tal rebumbio que, primeiro retirouse a peza, logo volveuse expor, pero dimitiron ao director do MACBA, Bartomeu Marí (que agora dirixe un museo en Corea!). Unha censura en toda regra!
E por último Vila-Sanjuán sorpréndese do rol que en todo isto está a representar o MNAC. O MNAC ten encargado ocuparse das manifestacións artísticas ata o ano 1940. Pero, desde hai anos vén presentando á cidadanía de Barcelona e visitantes mostras de artistas actuais, por exemplo Liberxina, ou o caso da revista satírica El Víbora, e agora Oriol Maspons, la fotografía útil / 1949-1995. Trátase dunha guerra entre institucións? O MNAC está a punto de ver ampliados os seus espazos para exhibir os seus fondos e outras manifestacións artísticas; acabará o MNAC coméndolle tempos e espazos ao Museu d’Art Contemporani?
Que futuro ten o MACBA neste panorama? Cal son as causas da crise no mundo da arte barcelonesa?
*
EXPOSICIÓN: Oriol Maspons, la fotografía útil / 1949-1995. MNAC. Ata o 12 de xaneiro de 2020
You might also like
More from Crítica de arte
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha
Recuperación de Eveli Torent, artista modernista | Lito Caramés
Eveli Torent foi con toda liberdade progresista e masón. Non contaba coa Guerra Civil provocada polos fascismos, e acabou pagando …