No comezo do seu famoso discurso radiofónico Tynged yr Iaith (‘O destino da lingua’), Saunders Lewis, fundador do partido nacionalista galés Plaid Cymru, afirmaba en 1962 que “Gales sen a lingua galesa non será Gales”. Lewis denunciaba entón as políticas negativas cara ao galés levadas a cabo historicamente polo goberno do Reino Unido, e a pasividade da mesma poboación galesa ante o maltrato sufrido pola súa lingua. A conclusión do líder nacionalista foi a seguinte: “non será doutro xeito que a través dunha revolución que se restablecerá o galés en Gales. O éxito só é posible por métodos revolucionarios”.
Hoxe en día, o galés goza do status de lingua co-oficial. O bilingüismo inglés-galés está presente nos sinais das rúas, nos documentos e webs oficiais, nas facturas da auga e do gas, etc. Probablemente, esta non sería unha solución que contase coa aprobación de Lewis, xa que a presenza do inglés non deixa de dotar ao galés de certa invisibilidade e permite que se poida ignorar completamente esta lingua mentres que o inglés mantén a súa posición de dominancia intacta. Porén, o camiño cara a este bilingüismo non foi nin moito menos doado, e o discurso de Saunders Lewis tense visto como inspirador dunha serie de accións de protesta e iniciativas para a promoción da lingua (incluída a creación de escolas galesas monolingües) que levaron ao recoñecemento legal do galés e á súa recuperación.
Hai xa algún tempo, na Universidade de Bangor (onde traballo), tiven a oportunidade de visitar unha pequena exposición que recollía documentos e fotografías que reflexaban a devandita loita do activismo galés nos anos posteriores ao discurso de Lewis, e sobre todo no ámbito da propia universidade no período 1976-1984. Unha daquelas imaxes capturaba, por exemplo, sinais de tráfico (en inglés) que foran arrincados como forma de protesta en contra da ausencia do galés na vida pública.
A historia contada naquela exposición que máis me impresionou foi a dos Beasleys, un matrimonio galés-falante que loitou durante oito anos para que as facturas dos seus impostos locais fosen escritas na súa lingua. Por unha desas felices casualidades, acompañábame aquel día o meu amigo Myfyr, nado na comarca e estudante de doutoramento en Bangor. Ao chegar a unha das vitrinas, sinalou unha foto: “Esa é a miña avoa”. Foi entón cando coñecín a historia de Trefor e Eileen Beasley.
Ao pouco de casar, en 1952, e despois de mercar unha casa na vila de Llangennech, Eileen Beasley escribiulle ao goberno local, pedindo que as facturas dos impostos lles chegasen en galés. Ante a rotunda e mesmo hostil resposta do concello, os Beasleys negáronse a pagar os impostos até que a normativa respecto á lingua cambiase. Durante oito anos, foron levados dezaseis veces a xuízo, e como forma de compensación pola falta de pagamento, os alguacís foron confiscando os seus bens persoais ao longo dos anos: o mobiliario, as estanterías, o piano, mesmo os agasallos que recibiran na súa voda. “Acabaron levando a moqueta”, dixo Myfyr. O único que quedou na casa foi un bote de marmelada que fixera Trefor. Pero os Beasleys resistiron, fieis aos seus principios e conscientes da importancia que as súas accións tiñan para a súa lingua. Na mesma vitrina da exposición podíase ver unha folla de papel envellecido, escrita en galés e en inglés. As penurias pasadas polos Beasleys convertéronse en testemuño da dificultade do seu triunfo: en 1960 recibiron do concello unha factura bilingüe, que por fin incluía o galés.
No antedito discurso de 1962, Saunders Lewis refiriuse á loita dos Beasleys, que son considerados actualmente como precursores do activismo a prol do galés. Eileen Beasly é, en particular, chamada a Rosa Parks de Gales ou a “nai da acción directa” no país. A loita da parella ten sido mesmo levada á literatura infantil pola escritora Angharad Tomos, en Darn Bach o Bapur (Un pequeno anaco de papel), quen tamén escribiu unha obra de teatro baseada na súa historia, Dyled Eileen (A débeda de Eileen).
Accións coma as dos Beasleys lémbrannos a importancia que ten cada acto individual na loita por unha sociedade máis xusta e na defensa da lingua propia do país. As verbas do líder nacionalista galés mencionadas ao comezo lembran o dito por Castelao en Sempre en Galiza: “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Como mostra a historia da lingua galesa, a defensa da identidade lingüística propia é normalmente un camiño cheo de atrancos, e os Beasleys son sen dúbida un exemplo para os falantes de linguas minorizadas.
You might also like
More from Crónicas
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …