En case todas as culturas hai exemplos de humanos que fan o posible por voar, ou reflicten a admiración polos seres que si o fan. Laura Lio, artista multidisciplinar, presenta as súas reflexións sobre a capacidade de navegar os ceos e as súas veneracións polas aves na veterana galería Artur Ramon. Ás sobre pentagramas, ás elaboradas con mans brancas que son exvotos. Como se pode chegar a semellantes conclusións? As ás como ofrendas, a que deuses? Que música ilustra o voo?
As ás de Icaro. Quetzalcóalt, e outros deuses con ás
O melro, eu conheci-o,
Era negro, vibrante, luzidio,
Madrugador, jovial,
Logo de manhâ cedo
Começava a saltar, d’entre o arvoredo,
Verdadeiras risadas de cristal.
(Abilio Manuel Guerra Junqueiro, O melro, 1885).
Nas instalacións da galería de arte Artur Ramon hai agora instaladas as creacións da artista Laura Lio, titulada Cuando yo era pájaro, un xogo multidisciplinar no que a artista alude a esas milenarias pretensións dos humanos de querer voar coma os paxaros. Iníciase este primeiro apartado de valoración da proposta de Lio cos primeiros versos do emotivo poema de Guerra Junqueiro –un vate non moi coñecido, pero dunha calidade e sensibilidade moi especiais-: O melro, Este poema, enmarcado dentro das cronoloxías do naturalismo, ao igual que moitos dos romances de Eça de Queiroz e Pardo Bazán, é en realidade un conto en verso. Ao longo do relatorio do poema ben se alude á grande capacidade do melro para voar con axilidade e forza na súa pugna heroica contra o cura de aldea.
A limitación dos humanos para poder atravesar o ar en circunvolucións etéreas foi sentida desde moi antigo como unha eiva contra a que había que loitar. Unha das diferencias entre deuses e humanos é que os primeiros voan, trasládanse dun lugar a outro polo ar. Un exemplo, que se explicita no nome e mais nas súas capacidades é o do deus mesoamericano Quetzatcóalt, que seica foi pasando como un dos deuses principais de cultura en cultura (olmeca, maia, azteca, etc.). Quetzalcóalt, por riba, é a suma de dous animais ben diferenciados: da serpe (cóalt) e mais do fantástico paxaro das selvas de América Central, o quetzal. E por iso se lle aplica o apelativo de serpe emplumada, con capacidade para voar. Noutras latitudes a iconografía tamén se encargou de presentar aos humanos a deusas e deuses con ás; voadores. Isis, a irmá e muller de Osiris, a quen acaba reconstruíndo logo de ser despedazado por Horus. As ás de Isis probablemente veñan das viaxes que tivo que facer Nilo arriba, Nilo abaixo, para atopar todos os anacos do seu home.
Fronte á facilidade dos deuses para trasladarse polo ar de xeito case inmediato, está a envexa dos humanos. Que personaxe simboliza mellor ese espírito de superación ante a adversidade de ser animais terreais? Ícaro. E que representación tan fantástica dese mito grego brinda Pieter Brueghel na súa pintura A caída de Ícaro! Onde está Ícaro? Na pintura de Brueghel, que importancia ten o labrego que labra os seus campos preto do mar?, Ou o pastor, ou a vila? Ou os barcos (como a galera que viu o conde Arnaldos)? As ás do enxeñoso Ícaro, pegadas con cera, non resisten a proximidade ao sol. Que leva a Brueghel a presentar a Ícaro como un personaxe sen importancia, dentro da extensa pintura? O costumismo da pintura noreuropea prima a paisaxe e a paisanaxe por riba do heroe? Desprézase ao protagonista dun mito pagán? Ou é unha mirada máis humanista (o cadro é do século XVI) a que manda nesta iconografía? Neste último caso, a Brueghel dóelle o fracaso dun humano e, por tanto, abonda con mostrar as súas pernas entrando nas frías augas do mar.
A deusa exipcia Maat, a deusa da xustiza, tamén é posuidora de ás (e tamén unha pluma de avestruz no tocado da cabeza) para viaxar dun tribunal a outro; e ata o tribunal que xulgaba aos que acababan de morrer. O mesmo atributo –aínda que nos tornecelos– tiña Hermes, o deus mensaxeiro entre os gregos. Imposible esquecer a escultura de Praxíteles Hermes e Dionisos neno a pesar que as ás desaparecesen dos pés como consecuencia dos avatares polos que pasou a estatua.
Cuando yo era pájaro. Pombas, anxos, querubíns
Then this ebony bird beguiling my sad fancy into smiling,
By the grave and stern decorum of the countenance it wore,
`Though thy crest be shorn and shaven, thou,’ I said, `art sure no craven.
Ghastly grim and ancient raven wandering from the nightly shore –
Tell me what thy lordly name is on the Night’s Plutonian shore!’
Quoth the raven, `Nevermore.’
(Edgar Allan Poe, The Craven, 1845).
A galería de arte Artur Ramon aposta nestes meses de mediados do ano 2019 pola instalación Cuando yo era pájaro, da artista Laura Lio. Lio xa ten exposto en grandes espazos públicos e privados. A destacar no Museo Reina Sofía de Madrid e no Moma, de New York. Algunhas das súas esculturas públicas están en vilas de Alemaña (Darmstadt) e Italia. A mostra instalada agora en Barcelona é unha homenaxe ás aves, con choscadelas a mitoloxías, crenzas e rituais.
Nesta presentación das súas obras en Barcelona, Lio transfórmase nun paxaro tecedor e o paseo polo medio das súas propostas vén sendo unha loa á arquitectura das aves. Lio é quen de construír niños como se sempre estivese na primavera, á procura do mellor acubillo para as súas crías; admira a estrutura dunha á como se se tratase do mellor deseño posible feito coas últimas tecnoloxías. E non lle falta razón: o deseño dos avións provén do estudo das ás de tantas aves que hnos sobrevoan a diario.
Entre debuxos, pinturas e esculturas de Lio, a galería Artur Ramon tivo a ben ilustrar a creación da artista nada en Bos Aires coa compaña da Anunciación do pintor italiano Orazio Borgianni, pintada polas voltas do ano 1600. A ocorrencia é pertinente. Na anunciación de Borgianni o anxo que ocupa a parte esquerda da pintura leva unha amplas e longas ás. Os anxos veñen de lonxe. Xa nos comezos dos tempos –segundo A Biblia– un anxo é o encargado de botar a Adán e mais Eva do Paraíso; tamén un anxo é o emisario da divindade que para o brazo de Abraham para que non lle espete o coitelo ao seu fillo Isaac. Os anxos, en todas as súas categorías celestiais, voan e son emisarios. Os serafíns teñen tres pares de ás, cubertas por ollos, mentres que os querubíns só teñen dous pares. Xunto a este anxo enviado para dicirlle a María que vai ser nai, e no medio dos dous personaxes, irrompe no ceo –en pleno voo– unha pomba, unha das representación de deus. Acaso as aves son os seres terreais máis próximos á divindade? É esa unha das razóns da envexa dos humanos cara estes seres que remontan os voos ata altitudes sorprendentes? (Se voan alto, están máis preto dos deuses -tal a pretensión de Ícaro-). Esta pintura de Borgianni presenta a pomba branca con toda fidelidade e luxo de detalles. Esta magnífica pintura foi restaurada hai pouco tempo e o especialista en Caravaggio e nos seus seguidores –ditos caravaggistas–, Gianni Papi –especialista en pintores caravaggistas (como José de Ribera, Lo Spagnoletto)– foi a persoa que certifica que a autoría deste cadro é de Orazio Borgianni.
Realmente o paralelismo entre esta pintura barroca, escorada polos vieiros que transitou Caravaggio, e as creacións de Lio é moi acertada. Compleméntanse e poténcianse mutuamente.
Cuando yo era pájaro. Ás, exvotos e niños
Volverán las oscuras golondrinas
en tu balcón sus nidos a colgar,
y otra vez con el ala a sus cristales
jugando llamarán.
Pero aquellas que el vuelo refrenaban
tu hermosura y mi dicha a contemplar,
aquellas que aprendieron nuestros nombres…
ésas… ¡no volverán!
(Gustavo Adolfo Bécquer. Rima LIII, 1870).
A admiración polas aves non deixa de medrar entre os humanos á par dos estudos e coñecemento das súas características e hábitos de vida. Paxaros aínda cativos que son quen de voar distancias de milleiros de quilómetros nas súas migracións anuais. Por iso non sorprenden as afeccións ao ala delta, parapentes, e outros aparellos que permiten a ilusión transitoria de voar. No filme Mar adentro, de Almenabar (biopic de Ramón Sampedro), hai un intre no que Javier Bardem dille a Belén Rueda que pode voar. E abre as fiestras, corre e sae voando en dirección ao mar (este vídeo recolle esa escena), e coa voz e música da aria A l’Alba vinceró da ópera Turandot, de Puccini, cantada por Pavarotti. O voo como fuxida, como xeito de escapar á rutina cotiá. Neste senso tamén se pode citar o libro –grande éxito no seu momento– Juan Salvador Gaviota. (orixinal en inglés Jonathan Livingston Seagull), novela do escritor norteamericano Richard Bach, publicada por primeira vez en 1970. O éxito desta novela curta radica na eficacia e emoción coas que se refire a persistencia da gaivota, o seu inconformismo a facer o que os seus conxéneres non fan: voar facendo as acrobacias máis arriscadas.
E que dicir da música? Cantos compositores se inspiraron no canto dos paxaros para algunhas das súas obras musicais? Vivaldi dedicou todo un concerto ao humilde xílgaro, mentres Haendel o fixo ao cuco e mais ao reiseñor; tamén Schubert e Stravinsky se deixaron cativar por esta última ave cantora. Outro tanto lles aconteceu a Beethoven, a Strauss ou Sibelius, este último na composición A linguaxe dos paxaros. O músico finés Rautavaara artella o seu Cantus Arcticus (Concerto para paxaros e orquestra) no que aparecen gravacións de aves do norte do seu país. O músico Messiaen, que tamén era un bo ornitólogo, foi quen de poñer en pentagramas a música de pezas que levan nomes tan evidentes como Le merle noir, a Réveil des oiseaux e Catalogue d’oiseaux, para piano. Sen esquecer, po suposto, a popularidade que Pau Casals lle deu á cantiga popular catalá El Cant del Ocells ao interpretala por todo o mundo.
Nas súas elaboracións respecto da simpatía polas aves, Laura Lio chega á fusión de elementos en principio anacrónicos. Na peza Ala con exvotos a artista confecciona unha fermosa á branca coa repetición de mans humanas de escaiola. Esas mans brancas veñen substituíndo as plumas que en principio conforman as extremidades anteriores das aves. Son mans como as que se poden atopar en moitas igrexas e capelas, mormente de cera, ofrendadas por persoas que padecen (ou padeceron) algún mal nas súas mans. Que se propón Lio con este exercicio? Acaso está a facer unha homenaxe ás mans humanas, como a parte do corpo humano que, cos seus movementos, máis preto está de voar? En moitos bailes, de moitas latitudes, as mans das bailarinas e danzantes executan xiros e voltas á procura do voo das bolboretas e das aves. Tal cousa acontece en moitas danzas orientais, e no flamenco, por exemplo. É a admiración por esas execucións máxicas o que subxace na composición de Lio?
Esa á creada a partir da xustaposición de mans brancas (Ala con exvotos), lembra esa outra á que define o escudo do municipio de Alella (Maresme). Un dos posibles orixes do topónimo Alella é que signifique á pequena.
Laura Lio tamén é cesteira. O seu interese pola arquitectura aviar lévaa a confeccionar niños de paxaros, que en moitos casos acaba colgando de árbores en parques públicos de moitas cidades. A mostra Cuando yo era pájaro, da artista Lura Lio, é unha oportunidade de aproximarse ás creacións humanas desde a valoración pola vida dos animais. Os humanos temos o noso existir, a nosa permanencia neste azul planeta, totalmente ligado á vida do resto dos animais. Non entender isto é camiñar cara a autodestrución.
EXPOSICIÓN: Cuando yo era pájaro
Galería Artur Ramon
ata o 26 de xullo de 2019
You might also like
More from Artes
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …