Xosé Luís Martínez Pereiro gañou con Os deuses suicidas o VIIº Premio Antonio Prados Ledesma de Viveiro. Do poemario a miña compañeira no xurado Lucía Novas e máis eu temos que dicir que sobresaiu claramente entre os candidatos. De inspiración surrealista, marca un fito nas miñas lecturas de poesía galega actual. Obrígame a viaxar aos noventa, cando eu propio estaba a desfrutar do libertario imaxinario de Breton, Paz, Helder, Cesariny ou António María Lisboa, e a voltar ás lecturas de tempos próximos con Cirlot, Gamoneda e Char, por exemplo. O mellor da poesía moderna sempre foi para min o fruto desa corrente de espiritualismo estético experimental; porque o surrealismo non é unha pose, como moitas sensibilidades superficiais afirman, é o experimentalismo espiritual dos artistas ateus. E como tal sustén unha procura gnóstica profundamente comprometida.
Ora, teño que dicir que o xurado atopou neste poemario un certo “culturalismo”. Lucía facía notar referencias neste senso e eu digo aínda que a actitude xeral, unha vez escollida polo autor esta tendencia estética incanonizábel, informulábel, defende directamente un culturalismo que fai frente á poesía plana que tantas veces cheiramos nos xardíns de hoxe; como se nos estertores a “poesía da experiencia” dese por esmorecer nun social-realismo individualista e confesional que abarata a poesía até o saldo final.
E resulta ademais que do surrealismo (hai que recoñecer que desde que Gamoneda apareceu en escena) a varios membros da xeración dos oitenta oín falar ultimamente en termos positivos, como para tentar realimentar o discurso poético, entendo que de metáforas, claro, despois do que tanto hoxe se publica. E resulta tamén que a criticar o culturalismo vin membros da xeración máis nova, na defensa, semellaba, dunha poesía comprensíbel e interpeladora que faga vibrar na vida cotidiana o cidadán común.
Percibo xa, despois dun tempo a indagar con paciencia para non sucumbir a causa de insostíbeis ansias de polémica, liñas contrarias na poesía actual. Nalgúns casos desexos expresos antes do que consecucións, noutros perspectivas poéticas definidas que se atravesan nun punto de mil posíbeis e non volven encontrarse. Unha hereroxeneidade que adoro, e que me satisfai talvez moi tarde só polos meus ollos non seren capaces de ver o que outros hai tempo desfrutaban. Mais fique aquí esta opinión.
E para celebrar este encontro, nada mellor que homenaxear o Xosé Luís cun poema de René Char, de quen hoxe escoitei dicir a Ana Romaní no Diario Cultural era o centenario do seu nacemento:
Homenaxe e fame
Muller que te acompasas coa boca do poeta, ese torrente de lodo sereno, que o ensinaches, cando aínda non era máis do que semente cativa de lobo ansioso, tenrura dos altos muros lustrados polo teu nome (hectares de París, entrañas de beleza, o meu fogo ascende baixo a saia da fuga), Muller que dormes no polen das flores, deposita sobre o seu orgullo a túa xeada de medium sen límite, de modo que até á hora do toxal de osamentas el continúe a ser o home que para adorarte mellor retrasaba indefinidamente en ti o alvo do seu nacemento, o puño da súa dor, o horizonte da súa vitoria.
(Era noite. Apertáramonos baixo a grande aciñeira de bágoas. Cantou o grilo. Como sabía, solitario, que a terra non había de morrer, que nós –crianzas sen claridade– habíamos logo de falar?) Os que permanecen, René Char (1945)
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …