A arte da pintura ten unha historia ben encerellada en Europa. Desde hai século e medio mesmo semella que a caixa artística de Pandora rebentou e as opcións pictóricas pasaron a ser infinitas, case sempre dirixidas pola Liberdade. En tan competitivo escenario, que un artista sexa orixinal e logre atopar o seu propio vieiro creador –e sexa este camiño estimado pola crítica e mais polas institucións é un gran triunfo. Jorge R. Pombo, pintador de pinturas, é un destes casos.
Viatge a l’essència de la pintura. Fundació Vila Casas
Barnett Newman, pintor abstracte i intelectual notable de l’escola de New York, va escriure que el salt evolutiu de l’escola veneciana de pintura –que va acabar poc abans de 1600– va ser tan gran que es podria canviar per capritx l’ordre cronològic de tots els pintors entre aquella data i Delacroix (1830) sense detectar-ne les alteracions. De fet l’artista romàntic francès va recuperar els valors de Tintoretto i El Greco, sobretot la sensació de moviment global de l’escena, i va conferir-los una nova dimensió (Jorge R. Pombo, 2018).
O artista Jorge R. Pombo vén de abrir unha nova escolma da súa creación nas salas de Can Framis, espazo privilexiado da Fundació Vila Casas. A oferta que Pombo presenta en Barcelona en Viatge a l’essència de la pintura vén sendo un resumo do seu quefacer dos últimos dez anos. Pombo (Barcelona, 1973, e cos seus ancestros na bisbarra de Becerreá) decidiu marchar hai dez anos desta vila, onde se formou como pintor, e residir en varias cidades; entre elas New York, onde coñeceu novos xeitos de enfrontarse a un lenzo, e posteriormente en Italia onde vive actualmente. En New York foi onde se atopou con eses xeitos bastante automáticos de traballar, herdados dos enfants terribles do expresionismo abstracto, e nos que tamén bebeu Barnett Newman, pensador que se atreve a saltar desde 1600 ata 1830 polo que respecta ás innovacións importantes no mundo da pintura. E Caravaggio onde queda, señor Newman, antes de 1600 ou despois desa data tan redonda? Prescindir da súa revolución pictórica semella sacrilexio.
A relación de Jorge R. Pombo coa pintura é especial. O artista é un gran coñecedor da pintura europea, admirador dos grandes mestres. Así o demostran os traballos que leva feito a partires da análise e coñecemento da obra de Velázquez, de Caravaggio, Delacroix, Tintoretto, Reni e Tiziano. O que realmente lle importa a Pombo é o proceso creativo, o tratamento da pintura sobre unha superficie plana para, dese xeito, pretender reproducir a realidade visible. Moi influenciado, no seu momento, polos xeitos de traballar de artistas como Richter ou Polke, que foron quen de facer interactuar a pintura e mais a fotografía aló polos anos 60 e seguintes (interrogando así á tradición pictórica europea), a Pombo foille quedando como eixo das súas teimas a PINTURA, en singular e en cores. A pintura máis aló dos motivos que se poden escoller para pintar, máis aló de elementais ou complicadas composicións e estruturas. Contan que unha das veces que Ives Tanguy, o pintor surrealista que sempre soubo combinar pensamento e práctica artística, andaba moi mal de cartos quixo vender un cadro a un amigo; o amigo dille que non, que xa ten obras súas, “pero se queres pintar o enreixado da casa …” Tanguy aceptou. Comentario do amigo: “non se molestou, para Tanguy a pintura é a pintura”. Pois ese é o senso que ten a pintura para Pombo. O seu propósito é pintar a pintura sen teorizacións; con automatismos.
Jorge R. Pombo, furafollas libertario
Si el arte ha estado basado sucesivamente en el canon, la Belleza, interpretada objectiva y subjetivamente, durante aproximadamente unos veinticuatro siglos, amplio período que podemos calificar como del Clasicismo, y, después, durante la segunda mitad del siglo XVIII, se amplía su horizonte de tal manera que no se encuentra otro que el de la inabarcable Libertad, que lógicamente autoriza, en principio, todo, ¿cómo enhebrar con ese infinito hilo un mismo patrón que, de alguna manera, unifique tan diversos significados y prácticas? (F. Calvo Serraller, El Arte contemporáneo, Taurus, 2014).
Hai escasos meses Pombo tivo exposta obra na galería Artur Ramon, tamén de Barcelona. Daquela tratábase de mostrar un tema sobre o que leva tempo traballando o artista agora residente nese paraíso da pintura que é Italia: Variacións de Tintoretto, o magnífico pintor veneciano. Quen visitou aquela exposición xa comprendeu moitas cousas das liñas mestras que encamiñan a Pombo a xogar e saber xogar perfectamente coa tradición barroca ou renacentista e mais coa actualidade do século XXI. Pombo vén sendo un saltimbanqui no mundo da arte. Dito o de saltimbanqui cos máximos respectos: a persoa que sabe facer pinchacarneiros por riba de espazos e tempos, que coñece a forza da maxia concentrada nas pinceladas que lle chegan desde a profundidade de 5 séculos, e que cun Ale hop! sabe revirar e reinterpretar.
O artista Pere-Joan Viladecans –autor dunha obra moi particular, que apela á poesía do mesmo xeito que aposta polos modos abstractos— ten afirmado que l’art intueix, l’art és com una ombra, un núvol. Que intúe Pombo cando se atreve a reproducir obras clásicas para logo agredilas? Vai á procura desa nube da que fala Viladecans? Os pinchacarneiros que Pombo, furafollas, executa teñen moito que ver coas reflexións do mestre de mestres, Francisco Calvo Serraller, finado hai poucos días. Quedan as súas obras, o seu traballo intelectual e artístico, pero xa se comeza a sentir o baleiro da súa bela presencia, a liberdade coa que sempre expresou as súas opinións. Calvo Serraller, no seu clásico estudo sobre a Arte contemporánea, recolle aseveracións doutras e doutros estudosos á hora de xogar coa derrota dos canons para mirar de interpretar a historia da arte. E Pombo –na súa práctica artística, e querendo ou sen pretendelo– atópase no medio do furacán. Cando, coa súa vea artesá, copia exactamente obras renacentistas e barrocas e románticas o amante da Pintura está a estudar e asimilar a Beleza, ese canon que viaxa desde a Grecia Clásica a cabalo da cultura occidental. Comprende o estatismo e os dinamismos intrínsecos a pezas de Reni ou de Delacroix, o emprego destas e daquelas cores. E a seguir –envurullado na súa capa luminosa de feiticeiro libertario– o artista guinda disolvente sobre a obra replicada. Viva a Liberdade! Como se atreve este mozo a provocar as iras dos séculos, a racionalidade das clasificacións? Será o artista que está a dar respostas á pregunta do mestre Calvo Serraller?: ¿cómo enhebrar con ese infinito hilo un mismo patrón que, de alguna manera, unifique tan diversos significados y prácticas?
Nestes comezos de século XXI, onde o mundo artístico se se define por alguna cousa é polo seu eclecticismo, Pombo segue atraído polas liberdades que lle aportan as aprendizaxes do expresionismo. Desde o surrealismo (u-los os comezos destes estilos, das súas estéticas? No Bosco?, en Goya?) os automatismos son atractivos de seu; transportan na súa irracionalidade o xermolo de toda a Liberdade
Nestes últimos días o Museo Thyssen de Madrid propuxo a 25 chefs de prestixio que elaborasen cadansúa receita culinaria arrincando dunha obra pictórica que estivese no museo. O resultado é sorprendente. E de aí saíu un libro: Thyssen en el plato, la colección interpretada por 25 grandes chefs. Unha das pezas que serviron de inspiración foi un lenzo de Pollock. Esteticamente o prato creado ten moito que ver co pretendido dripping e a action painting dese pintor icónico. Degustará Pombo ese prato, aínda que só sexa para remexer cores e texturas? Argallará na creación culinaria coa mesma liberdade coa que se enfronta a obras dos grandes mestres?
Viatge a l’essència de la pintura. Os mapas e os días. POST NO BILLS
Un mapa, al fin y al cabo, también es un cuadro, una representación a escala del mundo, un sistema de signos visuales que han de ser descifrados por la mirada y por la inteligencia. El pintor camina por Roma o Venecia como por uno de esos mapas de Borges que tienen el tamaño y el detallismo exactos de los territorios que representan. Y cuando mira un mapa de la ciudad encuentra la belleza plástica suprema de su topografía, y es como si la estuviera viendo desde arriba (Antonio Muñoz Molina, 2018, no catálogo da Fundació Vila Casas).
Na exposición, Viatge a l’essència de la pintura, que agora ofrece Pombo ao público barcelonés, ese público que xa nos anos 90 coñeceu ou puido coñecer obra súa (aínda que diferente), é doado observar que aspectos da pintura lle produciron o atractivo de envorcarse nun traballo minucioso, exhaustivo. Hai en Can Framis varias pezas que teñen como base argumental os mapas, os planos de cidades. Jorge R. Pombo é unha persoa que levita. A forza de abstracción que ten permítelle sobrevoar a realidade. Só así se entende que traballe con mapas. Os mapas, representacións aéreas do mundo. Como podían hai séculos imaxinar a representación dos continentes desde o aire? Os humanos non voan! Como se elaboraron mapas cun punto de vista tan pegado á terra? Os humanos nin en globo podían constatar a fasquía dos espazos. Agora si. E Pombo non desaproveita a ocasión para levitar. Nas salas de Can Framis están os mapas/planos de cidades como New York, Jerusalem, Roma, Istanbul, etc. Planos sobre os que logo practica os seus exorcismos. Os planos urbanos que se poden apreciar colgados das paredes en formatos grandes, semellan ampliacións fotográficas desas pezas que nas oficinas de turismo reparten aos turistas. Pero non. Pombo tampouco é Richter, ou Polke. Non. Pombo o primeiro que fai na elaboración de Tríptic New York (2012-14), ou en Tríptic de Religare (Jerusalem, Vaticano, Makkah al Mukarramah (2015) –por exemplo– é pintar con todo detalle e ao óleo os inmensos planos das cidades (os planos de New York chegan aos 3 metros, e o propio artista confesa que lle levou ano e medio pintar con toda meticulosidade rúas, peiraos, ríos, etc.). Nada de fotografía ampliada. Non. Só pintura ao óleo. O saltimbanqui levita e traballa artesanalmente. Despois, unha ver rematado este primeiro estadio, fidel á representación que do espazo urbano se fai, e ao proceso reprodutor das artes gráficas, comezan as súas intervencións sobre a pintura: grafitteos, rodetes con pintura industrial sobre a outra pintura ao óleo. E tamén fai outra cousa: superpoñer no mesmo lenzo –e sempre con óleo– imaxes de fachadas de edificios de dúas cidades que, en principio, non teñen aparente relación entre elas (México DF/Genova, 2012; Doha/París, 2011). Puro xogo de transparencias e superposicións.
Pombo ten afirmado que a el atráelle moito o xogo de contrarios, o automatismo. Na presentación de Viatge a l’essència de la pintura o artista comentou unha anécdota que ilustra as súas intencións. Cando Basquiat pintaba, en New York, facíao coa televisión prendida, como unha compañía na soidade do estudo. E na pintura que andaba a artellar podía aparecer Mickey Mouse ou outra personaxe dos cartoons que estaba vendo. Intención? Ningunha; puro automatismo, nada de intencionalidades. Este xeito de facer Pombo aprendeuno precisamente nas súas estadas en New York: non procesos intelectuais, nin interpretacións previas á obra. Non. O puro automatismo tan preto do action painting. Estes meses hai en Barcelona (Fundación Mapfre) a interesante exposición Picasso-Picabia. La pintura en cuestión, nela pódese ver algunha peza de Francis Picabia (Barcelone, por exemplo) onde utiliza o seu famoso e innovador recurso das transparencias: superpoñer varias imaxes no mesmo lugar; unha forma inventada por Picabia de traballar collages con pintura. Xeitos de brincar aos surrealismos: o retrato dunha muller (española), o perfil doutra persoa, e de fondo unha reprodución caricaturesca do Cristo en Maxestade de san Climent de Taüll. Pombo fai transparencias cos mapas de grandes urbes; e Picabia, que facía? Mapas das esencias do ser humano?
Pombo é o saltimbanqui provocador, o furafollas retranqueiro, inconformista, incómodo. As pezas que agora colgan en Can Framis pódense ler como palimpsestos: espazos nos que se escriben máis dunha mensaxe, unha sobre outra. A provocación segue. Cando estivo en New York cansouse de ver polas rúas, nas obras de edificios en construción ou restauración o cartel POST NO BILLS, un aviso feito con plantilla e pintura industrial e rodete. Pois ben en varios casos e pezas Pombo copia ao detalle (tamaño e cores) unha peza clásica, La Pietà dei mendicanti, de Guido Reni, é unha delas, e sobre esa famosa e fermosa composición de 1614, Pombo espétalle –400 anos despois– o afiche POST NO BILLS. Pura provocación. Loita de contrarios. Automatismos.
Jorge R. Pombo, moitas exposicións en Italia
El pintor (Jorge R. Pombo) ha visto en Italia los grandes ciclos de frescos que se dilatan por muros, bóvedas, cúpulas, corredores, los paisajes y las multitudes humana, las arquitecturas pintadas que se miden con la escala de lo real y aprovechan el engaño óptico de la perspectiva para extenderse hacia las profundidades y lejanía, al fondo de arcos y columnatas, bajo cielos pintados que se parecen mirados desde abajo al cielo real (Antonio Muñoz Molina, 2018, no catálogo da Fundació Vila Casas).
A valía dun artista como Pombo pode medirse de moitos xeitos. A viaxe das súas creacións por galerías de arte de España, Estados Unidos, Italia e Alemaña é imparable. Pero hai un feito aínda más consistente nesa apreciación: a valoración das institucións. Mormente en Italia. No ano 2014, por exemplo, Pombo presenta a súa exposición Lucca – The Passion, dentro da Chiesa di Santo Cristoforo da cidade toscana de Lucca. Nada menos que en 2016 presenta o seu proxecto Religare no Grande Museo del Duomo de Milano. Para ocasión tan fausta, Pombo arrinca, neste caso, da utilización dese infinitivo latino (religare) co significado de atar, volver a xuntar, recoser, para encher as paredes da capela de San Gottardo in Corte –adxunta ao Duomo de Milano– con planos e mapas de cidades sagradas para as relixións monoteístas: Jerusalem, Vaticano, Makka. Con ese significado conceptual elabora un discurso de aproximación, de crítica, de evidencia dos conflitos, dentro dun espazo destinado precisamente ao culto relixioso.
Neste ano en curso, ano da celebración do Cinquecento Anni di Tintoretto, Pombo presenta na Scuola Grande di San Rocco (Venezia) as súas Variazioni della Strage degli Innocenti do Tintotetto. É a única exposición dun pintor coetáneo que participa dentro do programa oficial da conmemoración do Cinquecento Anni di Tintoretto, efeméride que celebra o V centenario do nacemento do pintor Jacopo Comin, máis coñecido como Il Tintoretto, polo oficio do seu pai.
E neste mes de outubro pasado, no Palazzo da Mosto, Reggio Emilia, Pombo, xunto co escenógrafo Daniele Ardillo, vén de presentar a peza MAPS 1:610. En realidade trátase dunha composición musical, con escenografía de danza e pictórica. Sobre un ou máis mapas pintados con carbón por Pombo, uns e unhas bailarinas danzan ao son das músicas, intervindo sobre o pintado, e variando formas e liñas dos mapas. Ao final deste vídeo pódese ver a preparación da performance.
Viatge a l’essència de la pintura. As variacións
La utilització de pintures clàssiques per a la meva recerca pictòrica va començar el 2005, amb el Crist a la Creu de Velázquez, i va continuar després amb altres mestres, com ara Caravaggio, Tiziano, Guido Reni, … Ho concebo com un exercici conceptual d’apropiació. Una proposta contradictòria, d’homenatge i vandalisme alhora. Amb la lluita de contraris com a camp de lloc, com a plantejament de base de cadascun dels meus quadres (J. R. Pombo, 2018).
Desde o ano 2005 Jorge R. Pombo dedícase prioritariamente, e nese seu entender a pintura e o seu proceso creador, a xestionar variacións sobre obras consagradas de grandes mestres da pintura. Reproduce a obra, tal cal, e logo guinda sobre ela o azar: un disolvente. Que busca? Que pretende? Coa primeira parte pode, evidentemente, dicir que rende homenaxe a quen fundamentaron a pintura europea ao longo dos séculos. E coa destrución caprichosa desa exacta reprodución? Nesta parte o artista envurúllase coa túnica do místico e percorre os vieiros do camiño, o Tao. Execución, eliminación. Os contrarios. Pombo coloca a pintura de Tiziano ou Delacoix, copiada amorosamente, no chan e sábese monxe budista ante a mandala primorosa e rematada. Que cómpre?: destruíla. O importante é o proceso, non o resultado final. Pero o disolvente non bota as cores ao vertedoiro: xoga con eles. E aquí é onde entra o azar, as improvisacións que se escoitan a un Coltrane sublime. A pintura automática herdada do surrealismo, vía a escola de New York e o seu expresionismo abstracto. O baldeo contra o dripping.
Pombo ten o descaro de facer o que lle peta. Practica a metapintura apropiándose do espírito e as esencias estéticas de grandes artistas, para logo rachar con eles: en curto espazo de tempo, en escasos metros cadrados é quen de convocar aos demiúrgos, e proceder á alquimia de viaxar violentamente do pasado ao futuro. Cal é a resultante? O presente, puro e duro. O presente do xogo. Se fose fotógrafo sería tamén un enfant terrible.
Con este proceso longo, respectuoso e debedor na súa primeira parte, e inesperado, na segunda, o artista culmina elaboracións tan suxestivas como as variacións sobre La Liberté guidant le peuple (1830), de Eugène Delacroix, en especial esta Variation on Delacroix’s ‘Liberty Leading the People‘ (II), de 2009. As figuras ben coñecidas que se intúen por medio da néboa dos séculos, brazos, corpos, bandeiras a vibrar co capricho do disolvente. Ou trátase do que hai máis aló do espello? E se Pombo entrou con este lenzo maxestoso na caverna platónica e está a mostrar as ideas? Non as ficcións falsas das aparencias; non. A idea. Todo un xogo: pintar a liberdade dun romántico para logo desvelar a Liberdade real; a conceptual. Delacroix, fillo da Revolución Francesa, homenaxea a Liberdade, con maiúsculas, a promesa dun mundo mellor. Pero, ¿non estará tamén apostando pola ruptura do canon anterior, e –premonitoriamente– anunciando a chegada da liberdade creadora que se xeneraliza no século XX?
Outro tanto é preciso dicir da Variation on Caravaggio’s ‘Saint Jerome‘ (4), 2015. A fantástica pintura do grande innovador da pintura europea céntrase aquí nunha vanitas barroca: o santo ermitaño reflexionando sobre a vida, ante o futuro, a caveira. O resultado de Pombo vén sendo un mandala tinguido de vermello na que manda a idea da morte, da transitoriedade. Na galería Artur Ramon, precisamente Pombo presentou hai escasos meses as súas variacións sobre Tintoretto. Aproveitando que neste ano 2018 en Venecia conmemoran o Cinquecento Anni di Tintoretto, o saltimbanqui da pintura executa as súas variacións sobre obras deste pintor veneciano. En concreto sobre unha obra icónica para a cidade dos canais e ben coñecida dentro da historia da pintura: Il Miracolo dello Schiavo (1548). Trátase dun lenzo de 415 por 541 centímetros que a Sereníssima lle encarga a Tintoretto. Unha peza grande que Pombo reproduce varias veces con exactitude, para logo baldear disolvente e esperar que o azar a as propiedades químicas decidan o resultado final. Automatismos.
Lito Caramés
EXPOSICIÓN: Viatge a l’essència de la pintura
Fundació Vila Casas – Can Framis
ata o 30 de xaneiro de 2019
You might also like
More from Lito Caramés
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …