Os irmáns Santilari volven ofrecer o seu traballo ao público barcelonés. Vendo as pezas colgadas na histórica galería Artur Ramon asombra pensar nas horas de traballo que hai nun debuxo de 35×41 cm ou nun óleo de 41×60 cm. Oficio de artesáns.
Lito Caramés
Bodegóns, figuras, paisaxes
Josep e Pere Santilari son xemelgos, comparten o mesmo obradoiro e mesmo pintan cadros a medias. Agora presentan L’Altra Llum, unha nova colección de 40 pezas, entre debuxos e óleos, que certifican a plenitude e estado de fecundidade destes dous artistas. Os temas abordados demostran a continuidade da súa pescuda.
Os bodegóns, certeiras impresións de luz, seguen a estética directamente chegada desde o ascetismo dun Sánchez Cotán ou dun Zurbarán (practicarán o sufismo estes dous irmáns?). A frugalidade colorista aplícase a naturas mortas de rabiosa actualidade: bolsas de plástico, embutidos ao baleiro, bandexas de aluminio; todo comprado no supermercado da esquina. Unha provocación elaborada desde o máis ortodoxo figurativismo; un neo-realismo pictórico moi atractivo. Para chegar á obra final os Santilari usan a fotografía como recurso do que extraer referentes de luz sobre os que investigar, para traballar semanas e evitar que as froitas podrezan ou que o pan vire azul co balor. A luz é o eixe de produción, a ditadora do traballo, a mestra que lles di cando remataron a obra. Pero o seu realismo non é fotográfico, é luminoso. A fotografía e o vídeo si que confeccionan bodegóns realistas e adaptados a estes tempos, naturas mortas sometidas ás máis novas tecnoloxías, como proban os traballos de Ori Gersht ou de Sam Taylor-Wood.
Tamén nesta ocasión os artistas de Montgat mostran paisaxes, case sempre veduta de Barcelona, matizadas pola luz, pola man de Pere, polas horas de traballo. E figura. Case todas as figuras de Josep repiten modelo e buscan a combinación dun nu clásico cos elementos de comunicación actuais: computadores portátiles, teléfonos móbiles, e-books.
Vanitas
Entre as ilusionadoras novidades apreciadas en L’Altra Llum resaltan as vanitas, tema de inspiración barroca, aquí outra volta actualizado. Segundo confesión de Josep Santilari, comezaron a facer as vanitas hai pouco máis dun ano. Para narrar o tempus fugit e a inconsistencia do ser humano, xunto coa caveira, os xemelgos colocan noces, referencias obvias ao cerebro, dados precisos para consentir o azar, moedas da venalidade, teléfonos móbiles e seus cargadores como a presente dependencia da comunicación e da tecnoloxía efémera.
Nas exposicións anteriores os Santilari xa apostaban por mirar aos artistas barrocos (Caravaggio, Zurbarán) ou Goya. Daquela os fondos das pezas tiñan cores claros ou directamente eran brancos, limpos, só habitados por algunha sombra; brancos zurbarán. Agora, en plena madurez creadora, os que pintan coa axuda de fotografías, de pé cos lenzos e papeis sobre cabaletes, descubriron os fondos escuros e a luz tensa e enfocada ao primeiro plano. Están un paso máis aló, superaron a luz das cousas, universal e das horas de dedicación, e chegaron con indagación á luminosidade que xeran os obxectos mesmos, a luz de dentro cara fóra: L’Altra Llum.
Cada vanitas ten unhas 90 horas reais de traballo, horas para refacer a realidade á súa visión propia. As creacións en debuxo precisan de numerosos lapis Faber Castell que o Pere usará como o pianista manipula as teclas, e así mellor aplicar os sfumato, os fondos negros que aprendeu observando os gravados de Goya e Rembrandt. Se quen prepara o lenzo de óptima calidade comprado en Bélxica é o Josep para unha pintura, imprime a tela dun branco chumbo, para despois repasar cun gris intermedio, e aínda un negro, un vermello, un ocre, alí onde logo irán obxectos desas cores; ao final toda esa base irá emerxendo, fornecendo as sutís tonalidades que hai séculos tanta beleza lle reportaron a Vermeer. Tanto nun caso coma noutro ambos plasman …las comunes cosas / el agua, el pan, un cátaro… en palabras que Borges dedicou a Góngora, e compoñen sonatas para a contemplación e o arrebato, Lloraré mi muerte ya / y lamentaré mi vida, / en tanto que detenida / por mis pecados está (Juan de la Cruz). Na peza Preludi (unha caveira e un móbil) a carcasa humana é a permanencia, o resultado final, mentres que o móbil aposta pola comunicación, a velocidade, a luz, e tamén o espello; espello da non banalidade.
El Cuadro, David Trueba (2013)
David Trueba, escritor e director de cine, coñeceu aos irmáns Santilari con motivo da publicación da súa primeira novela, Saber perder. A imaxe para a portada foina atopar nunha pintura de Josep Santilari: SMS: posar-li memòria al temps, 2005. Logo despois, sorprendido do traballo artesanal dos xemelgos propúxolles filmar a xestación dunha das súas obras. Escolleron Ell@, de Josep. O resultado é o magnífico documental El Cuadro, filmado ao longo de máis do ano que o artista precisou para rematar a peza de 175×185 cm. que retrata unha muller núa reclinada nun sofá, pensativa, e acompañada polo móbil e mais polo computador (terá esta pintura a concepción doutra vanitas?). A claridade entra pola esquerda, intensa e clara, e deixa o fondo na penumbra. O David Trueba ía cada tantos meses ao obradoiro de Montgat e filmaba o que Josep estivese pintando. Diante da cámara vaise plasmando a meticulosidade e dedicación dos Santilari: o debuxo e a cuadriculación da tea, a pintura dos fondos, das roupas e, finalmente, as tonalidades do corpo da modelo (todo un blues cadencioso de regueifa salferida); e tamén as súas reflexións sobre arte, a importancia do deseño, a creatividade pictórica. Na presentación oficial do documental acontecida no Museu Nacional D’Art de Catalunya (MNAC), David Trueba, coa súa retranca, ironizou (sobre o destino final da tela) que ás veces hai pinturas que teñen mala sorte e rematan colgadas nas salas dalgún museo. El Cuadro é un monumento á pintura, aos tempos sen tempo, á cultura, á vida. Os Santilari xa teñen, e ben merecido, o seu Sol do marmeleiro. A pintura Ell@ está agora na galería Artur Ramon.
Pintura realista
Pódese dicir que a pintura propiamente dita, a pintura como manifestación artística autónoma, non comeza ata que a prioridade esencial do artista-artesán foi a luz. E iso acontece a finais do cinquecento coa obra de Caravaggio e seguidores (Gentileschi, Ribera, Rembrandt). Antes o prioritario foran os volumes ben perfilados (románico) e os xogos xeométricos dunha perspectiva tramposa cos seus puntos de fuga e liñas de simetría (gótico, renacemento). A pintura alcanza a maioría de idade no momento en que quen pinta se libera da obriga de mostrar o contorno, de explicitar que os corpos e os obxectos están enteiros, e dedica as súas destrezas a plasmar as tonalidades da luz sobre as superficies. E os Santilari levan anos iluminados por eses focos, faros guieiros da Pintura. A luz, reveladora do acto pictórico, luz/sombra, ingredientes dos séculos e das pinceladas, caprichosas aliadas da transcendencia artística. Os Santilari, refractarios á voráxine da sociedade actual, nadadores de fondo e contracorrente nas augas anti-modas, deixan pegada no parnaso artístico. Cómpre lembrar que na vila de Barcelona a mestría de artistas como Tàpies xunto coa oposición á ditadura vetaron expresións realistas durante décadas.
Nos anos 70 escribiu Octavio Paz: “ninguna pintura puede contar porque ninguna transcurre. La pintura nos enfrenta a realidades definitivas (…) En los cuadros las cosas están, no pasan (…) La pintura construye presencias.” (Mono gramático, 1974). Paz tamén escribía das obras que co tempo crearían os Santilari.
É lícito ser pintores realistas? É lícito despois das vangardas rachadoras, suxestivas doutros ollares? Os Santilari traballan sobre a realidade, o mundo visible e cotián, oito horas diarias coma calquera artesán. Labouran xuntos nun piso de Montgat, un lugar común, nada bohemio, nada romántico. Os dous son patróns de si propios, sen oficiais nin aprendices. E fan pintura e deseño realistas, do cotío de hogano. Por que non? Se non é lícita esta pintura outras disciplinas tampouco o serán. En tal caso non debe aceptarse outra fotografía artística que non sexa a fotografía experimental, cuestionando así a apaixonante fotografía de Outumuro, a de Avedon, por non falar das polémicas e millonarias pezas de Hirst e demais artistas mediáticos.
EXPOSICIÓN L’Altra Llum
Galería Artur Ramon
ata o 25 de abril de 2015
You might also like
More from Crítica de arte
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …