Picasso. Los bañistas, 1956
Segundo deixou escrito Guillaume Apollinaire, poeta e amigo de Pablo Picasso, este último é quen de pintar de calquera xeito e cos instrumentos que lle peten. Pintar, debuxar, gravar, esculpir, facer cerámica. Co gallo da Celebración Picasso 1973 – 2023, o Museo Guggenheim Bilbao presenta a mostra temporal Picasso escultor. Materia y cuerpo, outra achega á diversa e múltiple creatividade do malagueño. Tanto impresionaron ao autor do Guernica a arte románica ou as esculturas da Grecia Arcaica como para que sexan o faro das súas pezas escultóricas?
❧
Picasso escultor. Materia y cuerpo. Museo Goggenheim Bilbao. Julio González
Je ne crois pas avoir employé des eléments radicalement différents dans mes différentes manières. Di le sujet appelle tal moyen d’expression, j’adopte ce moyen sans hésiter. Je n’ai jamais fait ni essais ni experiències. Toutes les fois que j’ai eu quelque chose à dire, je l’ai dit de la façon que je sentais être la bonne. De motifs différents exigent des méthodes différents. (Pablo Picasso, 1966).
Co gallo do 50 aniversario do pasamento de Pablo Picasso, os gobernos de Francia e mais de España acordaron traballar para que internacionalmente se fixese un pretencioso programa de actos e exposicións que celebrasen a creatividade, diversa e múltiple do artista malagueño. Desa colaboración nace Celebración Picasso 1973 – 2023. Como consecuencia Europa inzouse nestes tempos de exposicións temporais que procuran estudar e presentar as máis variadas fasquías da creatividade de Pablo Ruíz Picasso.
Ao Museo Guggenheim Bilbao tócalle presentar unha das maneiras de crear de Picasso que moitas veces déixase de lado, ou tense por menor: Picasso escultor. Materia y cuerpo. Trátase dunha magnífica exposición, unha antolóxica de longo percorrido, organizasdo en colaboración co Musée national Picasso-París. De Pablo Picasso tense gabado a pintura (os seus trunfos na formación do cubismo, por exemplo), os deseños, creados obsesivamente sobre un mesmo tema e acotío, a súa obra gráfica -tan inmensa e tan coñecida-. Máis, o seu amigo e colaborador Julio González -o grande escultor creador da Montserrat, a escultura que no Pavillón da República Española na Exposición Universal de París, 1937, miraba directamente ao mural grafittero Guernica- no seu libro Picasso esculpteur et les cathedrales (1936) afirma que Picasso é máis ca outra cousa escultor, que mesmo pinturas daqueles anos deviñan esculturas.
As relacións entre González e Picasso pasaron por varias etapas. Primeiro, foron amigos e compañeiros desde os tempos de Barcelona, que logo seguiron en París. Máis tarde, por mor duns debuxos, Julio decide romper a relación. Con posterioridade volverán traballar xuntos e mais a gozar das experiencias mutuas. No ano 1928, Picasso pide axuda a González. O autor de Guernica ten o encargo de facer unha escultura pública de homenaxe a Apollinaire; Picasso quere facela en ferro, e quen sabe de facer escultura con ferros?, Julio González. Durante tempo, pois, os dous traballaron xuntos no estudo de González sobre ese proxecto de monumento escultórico ao amigo. Guillaume Apollinaire (1880-1918) foi un poeta e escritor especial. De orixe bielorruso acaba sendo francés, preséntase voluntario no exército francés en 1914. Foi ferido varias veces, e morre en 1918 a causa da terrible e mal chamada “Gripe Española”. Os seus escritos cultivan estilos ben diversos, estando nalgúns deles moi nas liñas do surrealismo.
Para artellar a homenaxe ao seu amigo Apollinaire -morto aos 38 anos- Picasso tivo a grande idea de imaxinar a escultura con forma de gaiola. Agradáballe a idea polo xogo divertido de pechar aire entre barrotes: que hai máis libre co aire que foxe polos barrotes dunha gaiola? Picasso, que coñecía moi ben ao seu amigo Julio González -que proviña dunha familia de artesáns; semella que o seu avó era natural da provincia de Lugo- sabía que levaba tempo investigando sobre a escultura feita con metal e xa tiña moita experiencia técnica no manexo do ferro. Por iso, non dubidou en chamar a González para que lle axudase na concepción e creación da escultura en honor de Apollinaire. Como amigo seu que era, Picasso tivo o empeño de que o monumento ao autor de Le poète assassinée se fixese. Investiu boa parte do seu traballo como escultor neste proxecto. Proxecto que, logo despois, non se concretou por non gustar as propostas de Picasso de facer unha peza con “arames” ao comité Apollinaire. É evidente que nese proxecto están moi presentes as influencias do cubismo e mais os traballos que xa iniciara González na escultura de desmaterializar a escultura.
Dentro desta gozosa Celebración Picasso 1973 – 2023 a Fundación Mapfre programou hai cousa dun ano unha mostra temporal magnífica, referente das relacións entre eses dous grandes artistas: Julio González Pablo Picasso. La desmaterialización de la escultura. Pondo por exemplo o monumento para Guillaume Apollinaire, cabe máis desmaterialización dunha peza escultórica? O aire pasa, e mais cousas … Cómpre lembrar que, por aquel entón, xa anda por París Giacometti, o escultor que invisibiliza os corpos das súas figuras, e deixa só as súas almas. Giacometti, traballador incansable, nunca sabe cando unha peza está rematada. Deixou escrito (1957) que unha obra nunca se remata: Unha escultura non é un obxecto, é unha pregunta, unha cuestión, unha resposta. Non pode ser acabada nin perfecta. (…) Para Michelangelo Buonarroti, coa Pietà Rondanini, a súa derradeira escultura, todo volve comezar. Se o cubismo marcou un antes e un despois na traxectoria artística da pintura, de certo foi máis definitivo para a evolución da escultura ao longo do século XX.
Picasso escultor. Materia y cuerpo. Arte Románica?
On peut peindre avec ce qu’on voudra, avec des pipes, des timbres-postes, des cartes postales ou à jouer, des candélabres, des morceaux de toile cirée, des faux-cols. (Guillaume Apollinaire, Picasso et les papiers collés , Cahiers d’art, 1932).
A comezos do ano 2017 o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) programa a peculiar mostra Picasso-Romànic. A tese da devandita exposición é evidenciar a “influencia de Pablo Picasso na arte románica”. Así mesmo. Picasso sobre a arte de mediados da Idade Media. Non se trata dun erro. O MNAC artellou a mostra presentando obras do artista malagueño por entre as impresionantes pinturas e esculturas románicas; con esa complicidade pretendíase demostrar que Picasso influíra na arte chamada románica.
O 5 de setembro de 1934 Pablo Picasso visita as salas do Museu d’Art de Catalunya (co tempo o actual MNAC) co propósito de ver como quedarían instaladas algunhas das súas obras. O Museu d’Art de Catalunya será definitivamente inaugurado o 11 de novembro de 1934 nos espazos do Palau Nacional, edificio principal da Exposición Universal de 1929 e lugar onde segue instalado hoxe o MNAC. Pablo Ruíz Picasso ía acompañado na visita polo seu amigo Joan Vidal Ventosa e mais por Joaquim Folch i Torres. Segundo contan as crónicas do momento, admirou la força, la intensitat i l’ofici, la seguretat de visió i execució, l’aplom i la convicció amb què la mà de l’artista ignorat havia expressat en aquells panys de paret les idees i els sentiments que li ocupaven l’esperit (Carles Capdevila en La Publicitat, 6-IX-1934).
O artista malagueño -bautizado como Pablo Diego José Francisco de Paula Juan Nepomuceno María de los Remedios Cipriano de la Santísima Trinidad Ruiz Picasso- xa se atopara con pezas do que agora se chama arte románica en 1906 cando Pablo Picasso, de 25 anos, e a súa compañeira, Fernande Olivier, chegan pola primavera á localidade do pre-pirineo catalán de Gósol, unha pequena vila ao pé da montaña do Pedraforca e no corazón da Serra del Cadí. Desde entón a forza e a expresividade da alta Idade Media quedoulle prendida, mesmo lle pareceron obras de grande modernidade. A hipótese da amentada exposición demóstrase ao quedar claro que Picasso foi o principal voceiro que deu a coñecer a importancia da escultura e pintura dos séculos X, XI e XII, ditas románicas. Agora no Guggenheim (Picasso escultor. Materia y cuerpo) abundan probas de como Picasso se deixou levar pola potencia expresiva, pola primitiva rotundidade de creacións medievais e antigas.
La femme au vase (Dama Oferente) -1933- confeccionouna primeiro Picasso en xeso, e xa no ano 1937 preséntaa, baleirada en cemento, no Pavillón da República Española da Exposición Internacional de París. Alí se atopaba a peza confrontarase con moitas outras fundamentais da pintura e da escultura da década dos anos 30. O devandito Pavillón acolle tamén o Guernica (1937); feito que demostra a importancia que para o artista teñen as súas esculturas. A Dama Oferente formou parte do “Legado Guernica”, e por iso a familia de Picasso e mais o Estado francés acordaron a súa devolución ao Estado español, tras a ditadura de Franco en 1985, tal como fora a vontade de Pablo Picasso. Por esa razón La femme au vase está albergada no Museo Nacional Reina Sofía de Madrid. La femme au vase é unha figura feminina frontal que mesmo pode remitir ás koré arcaicas gregas, aquelas figuras pouco traballadas que eran portadoras de ofrendas aos deuses. É monumental, desproporcionada, mal traballada, sen respectar as proporcións dun corpo feminino. Tal vez por iso -ao contemplala- os miolos vanse ás figuras de deusas da fertilidade da Antigüidade. Non ten cara como as venus prehistóricas. Por que? Porque a escultura representa unha divindade colectiva, global; a que favorece a fertilidade das mulleres? Por que quere referirse á totalidade das mulleres? Como acontece con esculturas románicas, o brazo que porta a ofrenda é forte, ben grande, desproporcionado (o outro desaparece); non acontece o mesmo coa Venus de Willendorf?, os brazos dela -como non teñen importancia neste caso- quedan reducidos a simples liñas riscadas na pedra.
De 1943 é a obra L’homme au mouton (Home con año). Neste caso hai que ir máis lonxe no tempo. A iconografía que representa un home ergueito e frontal, e que leva nos brazos un año corresponde a unha figura que xa se atopa no primeiro Clasicismo grego, o Moschophoros (570 a.n.e.), e actualmente no Museo de la Acrópolis, Atenas. Ben é certo que Picasso fai a súa interpretación, e que non hai unha correspondencia total entre unha figura e outra, pero aí están o precedente e a réplica do século XX. Posteriormente o portador do año pasará como iconografía ao cristianismo (“o bo pastor”).
«Picasso escultor. Materia y cuerpo». Guggenheim. Surrealismos?
Pourquoi croyez-vous que je date tout ce que je fais ? C’est qu’il ne suffit pas de connaître les œuvres d’un artiste. Il faut aussi savoir quand il les faisait, pourquoi, comment, dans quelle circonstance. Sans doute existera-t-il un jour une science que l’on appellera peut-être «la science de l’homme», qui cherchera à pénétrer plus avant l’homme à travers l’homme créateur (…) Je pense souvent à cette science et je tiens à laisser à la postérité une documentation aussi complète que possible... Brassäi, Conversations avec Picasso, 1964).
Moitas das pezas que ao longo dos anos foi creando Picasso -mormente tendo presente as circunstancias históricas polas que atravesou ao longo da súa extensa vida- coñécense grazas ás fotografías do grande retratista da cidade de París: Brassaï. Non só se sabe das obras, se non que, pola súa presenza nunha instantánea é doado atribuírlle a determinada escultura ou pintura unha ben aproximada de realización. Perante os anos 40, anos de ocupación nazi de París, Pablo Picasso decidiu quedarse na cidade e non fuxir aos EEUU como fixeron moitas e moitos outros artistas (ou a calquera outro lugar, afastado da barbarie nazi). Picasso resistiu cara a cara coa Gestapo, aínda sabendo que obras súas eran destruídas por ser consideradas polas hordas de Hitler Entartete Kunst (“arte dexenerada”). Os esbirros de Hitler montaron unha grande exposición con ese nome (con obras de Picasso) e paseárona por toda Alemaña para que visen o que era “malo”. Foi un éxito de público… Sempre quedará a dúbida se a xente ía seguindo os criterios nazis, ou se ía porque era unha ocasión magnífica para ver arte de vangarda europea.
Mentres os movementos por París (e fóra da cidade) estaban coutados pola ocupación nazi, Gyula Halász ( co pseudónimo de Brassaï) visitou o estudo de Picasso e foi retratando os seus traballos e conversando con el, de onde saíu unha amizade. Froito de tales relacións é o libro Conversations avec Picasso, publicado anos despois. Libro ilustrado coas fotografías e coas confesións que lle fixera o autor de Les Demoiselles d’Avignon. O ano 2018 a Fundación Mapfre programou unha magnífica exposición, antolóxica, das fotografías do autor de París de Nuit: Brassaï.
Volvendo a Picasso e á escultura, hai indicios que fan pensar que, na súa mocidade, o artista do século XX, considerou a escultura como un instrumento para a pintura. Algo así como un traballo preparatorio para obras máis decisivas executadas ao óleo. Tal práctica na historia da arte viña de vello. Xa os pintores renacentistas (senón anteriores) tiñan no seu poder pequenas figuras de madeira e outros materiais que empregaban para copiar as proporcións anatómicas das figuras qu aparecían nalgunhas das pinturas. Sábese polo testamento que El Greco gardaba no seu obradoiro varias pezas destas coas que traballar na elaboración das súas espectaculares teas. Posteriormente mudou de opinión, e dedicou tempo e esforzos a mellorar técnicas e a traballar diversos materiais, como o demostra a actual exposición no Guggenheim Bilbao.
Sorprende que nalgunhas das creacións escultóricas Picasso seguise os vieiros que tanto practicaban os surrealistas da espontaneidade e xogos co azar que lles brindaba (e brinda) o uso dos objects trouvés. Do emprego destas prácticas sabían moito artistas como Yves Tanguy, un dos grandes pintores surrealistas, e mais Joan Miró, como se demostrou na excelente mostra Miro i l’objecte.
Nos anos vinte e trinta -quizais coincidindo coa forza do surrealismo Picasso elabora pezas como Cabeza de home ou Cabeza de muller (ou a famosa Cabeza de Toro, confeccionada cun guiador e un asento de bicicleta) onde emprega pezas industriais para lograr conformar o que o título indica: coadores, molles, pranchas de ferro, … Posteriormente, en 1956, Picasso volve, outra volta, aos objects trouvés, os obxectos atopados para crear un conxunto escultórico ben diferente: Los bañistas, que remite e mesmo devolve a Picasso ás prácticas que fixera a comezos de séculos nos tempos do cubismo. Son seis esculturas -illadas e posteriormente elaboradas definitivamente en bronce- que as crea, en primeira instancia, con mangos de vasoira, con anacos de mobles, e moitos outros obxectos que o artista atopa en tendas de vello ou tirados. Este conxunto é peculiar, pois cada peza (aínda formando parte dun todo) ten “personalidade” propia, como se nada tivesen que ver unhas figuras con outras. É máis, poden ir por separado. Esa frontalidade remite a esculturas exipcias ou románicas? Ou -sabendo o “métomentodo” que era este artista- acaba xogando coas súas influencias das artes antigas e aproveita este tema para facerlles choscadelas a un pintor como Auguste Renoir que pintou Les Baigneuses moi ao final da súa vida?
❧
EXPOSICIÓN: Picasso escultor. Materia y cuerpo. Museo Guggenheim Bilbao, ata o 14 de xaneiro de 2024
You might also like
More from Artes
Paz Errázuriz, o reverso da realidade chilena | Lito Caramés
A fotógrafa Paz Errázuriz retratou as faces antiestéticas, incómodas da ditadura de Pinochet. E segue na mesma liña.
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …