Caro Ernesto:
Agora tes que permitirme, pois non podo por máis tempo calar, que ofreza testemuño: eu son un iluminado. Teño con certeza unha encomenda que me foi revelada cando nunha visión me apareceron Rosalía e Murguía, de mans dadas (este último subido nun pedestal oculto por unha ofrenda floral). Eles miraban en fite para min, isolado nun deserto cultural en que só a miña pacata persoa facía sombra. Entón falaron: “Alfredo Ferreiro: somos os pais do moderno rexurdir da cultura galega, os catalizadores da única posibilidade de futuro desta cultura que inconscientemente se deixa morrer. Con todo o noso esforzo na terra erma do presente introducimos unha semente que debe crecer, e para iso é preciso que reciba a luz e a calor necesarias. E ti, estúpido, que tes todo este vasto territorio para deitar esa masa que chamas corpo, estás de pé no único lugar en que podías facerlle sombra. Arreda de aí, se non queres levar unha bastonada!”. Foi entón cando descubrín que experimentaba unha conexión directa cos desexos máis íntimos do galeguismo esencial, e que através de todos podía ver o que de común había nos seus corazóns: amor. Unha sensación de positividade embárgame desde aquel día con tal forza que en ocasións me leva até á levitación, e me permite ver por riba das cabezas de moitos dos axentes culturais de hoxe. E podo asegurarche que desde arriba moitas delas se ven baleiras, mais tamén podo certificar que a inmensa maioría están apoiadas nun bon corazón (resulta que tamén vexo através dos peitos).
Noutra ocasión, foi Curros quen falou: “Xosé Salgueiro [son outros nomes meus]: tes que ser máis positivo. A negatividade produce un discurso destrutivo e a positividade un discurso creativo. Non te fixes no desagradábel, senón realza e apoia o que che parece bon. Todo o traballo dun verdadeiro galeguista ten, nos tempos que corren, algo de meritorio, por moito que ti non o saibas ver.” Desde aqueles días moitos outros me teñen falado, e por iso podo sen medo afirmar que hoxe coñezo as pedras basilares do galeguismo de toda época: a cultura ha de facerse con esforzo e colaboración, senón non pode haber resultados. Todas as direccións tomadas até a data, se fundamentadas nesta honorábel predisposición a fornecer dignidade ao país, pertencen ao noso patrimonio cultural. Estes son os pasos que me guían (e estas as varas con que os antergos me afalan).
Ultimamente quen máis veces me visitan son Manuel Antonio e Eusebio Lorenzo, probabelmente os dous mellores poetas do século XX. Se tes a sorte de falar con eles algún día ten presente que eles non gustan nada da adulación (as marcas do meu lombo corroboran isto). A última vez que se comunicaron comigo, facendo un alto na súa partida de cartas, dixeron: “Eh, ti, o que case matas a semente da cultura: non te líes tanto a discutir, que así non contribúes. Estamos fartos de ver tanto intelectual pondo o seu ego diante dos bois, e así non hai quen traballe a leira. As discusións sobre os que son maus e os que son peores non leva máis que facer de ti un ser improdutivo. Se non fas algo de proveito a próxima vez que veñamos será acompañados do ás de bastos.”
Enfin, estas e moitas palabras peores fóronme dirixidas estes últimos tempos, até o ponto de que máis que por vontade fixen este blogue por medo. Así che digo, amigo, non sabendo en realidade por que os demais escritores deste medio escriben ni por que o fan o resto dos que por aí andan, que eu, que non fun capaz de escribir “galego direito” nunca, escribo e penso o máis direito que podo pola conta que me ten.
Esperando poder librarte dos pesares que eu pasei, e non pretendendo de ningún modo encamiñar os teus sinceros sentimentos galeguistas por vieiros impropios de ti, despídese cun fraternal abrazo
Alfredo Ferreiro
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …