A arte está morta art is dead: o que había non vale, rómpese coa tradición
O poema e a vida son un mesmo e ás veces un sen sentido.
A escrita devólvenos á vida e a vida danos a escrita.
A morte non é tal, só unha invención da vida.
Morrer e nacer tantas veces como faga falta
Destruír e crear.
Ademais nese xogo do azar, a escrita ensíname o meu pensamento, e devólveme ao primixenio. Ao comezo. Nun acto simultáneo de escrita e vida.
Nese sen sentido que nomeaba, a realidade histórica acredita, a sen razón: as guerras, as vítimas das mesmas.
Por iso é unha oda ao humanismo: á vida, á comprensión ao amor. Entendido nun senso universal. Un canto á irmandade, a igualdade a liberdade como en Francia.
Porque a literatura tamén fai o mundo, nomeándoo. E o mundo transfórmase e refaise coa literatura.
Falamos de compromiso político da arte, da literatura e mesmo se asume que é primordial. Eu diría que o meu é un compromiso humanista como asumían Sartre e Beauvoir cando escribían sobre o existencialismo. Pero tamén hai espazo para o contrario: para a infelicidade, para os ocos que só podemos cubrir con experiencias, que nos forman e conforman mesmo nun berro de silencio.
Pisar o chan do baleiro e enchelo desas experiencias, para nun acto transparente refacer a existencia.
Esa transparencia que nos leva ao coñecemento dun propio. Ese taos do que falo que supón ese previo autocoñecemento. Entender o mundo debe partir de aquí.
Con todo a sen razón da que falaba fainos enfrontarnos a un mundo cruel un mundo que queremos reverter, tamén coa escrita.
Pobo dicía o pobo galego que avanza cara a pretendida felicidade pódese topar coa misantropía dalgunhas liñas de Over the fall. O Sistema e os seus medios entre eles o espectáculo lévannos polo camiño da fragmentación do eu non realizado. Cando se xunten os eus totais e emprendamos unha vía de cambio aí tamén estará o poema, moitas veces silenciado. Cambio de valores, de ideas, de acción. Porque tamén é unha invitación á acción, a moverse, a danzar e iso: a loitar.
Por outra parte, está a natureza e en como nos relacionamos con ela. Unha visión natúrica da vida está instalada e con preceptos como o respecto e mesmo a louvanza para quen nos permite seguir vivos.
Ese espazo tamén para o amor, por veces platónico-romántico , por veces universal, lévanos da man do que hai de secreto, do imprevisíbel e do non –dito
Porque ao nomear dicía estamos creando e tamén recreando.
Poñemos palabras-imaxes a estas experiencias (que nos fan e desfán ), así como tamén as creamos ficcionalmente porque non deixa de ser un artefacto o poema. Relacionado coa vida iso si, pero tampouco podemos achar unha estrita biografía , si hai ficción. Esa dunha muller que corre pola praia para berrar o nome sagrado, aquel da persoa amada. Esa muller son e non son eu.
Antes e despois está o silencio que tamén é parte do libro. E coa lectura xa non somos os mesmos despois, xa fomos alcanzados polo verbo, pola escrita, atravesados por ela. E transformámonos, mudamos, convertérmonos. Nun acto epifánico que nos leva cara o mar. Sempre cara o mar.
*
[Apresentação de Over the fall (Lautana Editorial, A Coruña), em 2 de dezembro de 2017 na Fundación Luis Seoane]
You might also like
More from Estela Pan Vázquez
A noite. Ausencias e Presenzas (Filmografia de M. Duras)
A noite, as mans (azuis e negras) Un auto que percorre as rúas de París. Música de violín A noite. As mans abertas. …
Entrevista | Diego Giráldez: “Agora mesmo a soidade é un antídoto”
Diego Giráldez (O Porriño, 1976) leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo. Dirixiu distintos xornais e revistas, e …