Errázuriz. Evelyn I, 1983
As disidencias ante réximes autocráticos son duras e habitualmente teñen altos custos persoais. A fotógrafa Paz Errázuriz retratou as faces antiestéticas, incómodas da ditadura de Pinochet. E segue na mesma liña. Na loita, atopou os seus vieiros para poder vivir desde “dentro” realidades desprezadas, negadas, e así, desde o compromiso, a empatía, saber retratar as persoas que se atopan “fóra” dos parámetros estéticos burgueses. Dentro, fóra; mirar a sociedade desde a outra cara do espello.
❧
Paz Errázuriz. KBr Barcelona Photo Center. Beleza?
Niñita de pescadores / que con viento y olas puedes, / duerme pintada de conchas, / garabateada de redes. / Duerme encima de la duna / que te alza y que te crece, / oyendo la mar-nodriza / que a más loca mejor mece. / La red me llena la falda / y no me deja tenerte, / porque si rompo los nudos / será que rompo tu suerte… (Gabriela Mistrtal, Canción de pescadoras, 1924).
A premio Nobel chilena, Gabriela Mistral, publicou estes versos con 35 anos. A poeta sempre procurou reflectir os universos femininos, as preocupacións polas persoas que traballan, a morte e a identidade. Décadas despois a fotógrafa Paz Errázuriz segue por carreiros similares. Errázuriz ten que vivir a ditadura de Pinochet, pero as súas creacións non seguen os canons estéticos que o réxime represivo e autocrático desexa que sexan bandeiras da “boa saúde” da sociedade chilena. Nas numerosas series que a autora de Vejez vai elaborando polos anos 70 e 80 non se atopa o beneplácito, nin tampouco escenas de “familias tradicionais”, a familia que o violento patriarcado esixe como única norma aceptable. A súa preocupación polas persoas, por aqueles colectivos desfavorecidos, encarrílaa a visitar psiquiátricos, asilos de persoas grandes, prostíbulos. Aí non se atopan “familias felices” e fermosas. Nin mulleres ganadoras de concursos de beleza convencionais.
Paz Errázuriz vai pola vida dominada pola curiosidade. Non pode aceptar as imaxes que lle venden as rúas de Santiago despois da sanguenta represión; non a visión burguesa que mira de vender benestar. Errázuriz viaxa polos espazos e os días cun espello. E sempre quere mirar que é o que hai por tras: o reverso. O oculto. Na primeira semana da ditadura (setembro de 1973) o exército entra na súa casa: fusís apuntándoa a ela que ten un meniño no colo. É o aviso, o telegrama do terror. Desde ese momento, unha muller pola rúa cunha cámara fotográfica é sospeitosa; non é a esposa “doméstica” que se espera que sexa. Moito máis sospeitosa do que m podía ser un home. As mulleres sempre por vieiros máis difíciles.
Como pode, a fotógrafa vai tirando retratos; poucos porque escasea o material fotográfico (carretes, reveladores, etc.). E aínda así é quen de artellar series enteiras. Unha das primeiras é a de Dormidos (1979), que non ofrece a mellor cara da capital chilena. Logo virán outras xa máis comprometidas. E estas instantáneas, en revistas e outros medios, vanse publicando. Como é que o réxime ditatorial permite que tales imaxes se fagan públicas? Será desprezo cara unha manifestación artística minoritaria?, considerada inofensiva? Quizais. Pero, tamén pode ser que o propio goberno de Pinochet queira vender certa imaxe de apertura, de “liberdade” (en escasas doses), consentindo algunhas creacións artísticas. En España o franquismo garda moitas semellanzas co pinochetismo. As ditaduras seguen guións parecidos. No ano 1958, en plena ditadura, as autoridades decidiron que os artistas máis vangardistas que traballaban dentro de España estivesen no pavillón oficial na Biennale de Venezia. Alí houbo pezas informalistas e abstractas de Saura, Juana Francés, Chillida, Tàpies, Millares e moitos máis; algo así como unha reedición do que o nazismo chamara Entartete Kunst. A explicación deste inusual fenómeno é que o franquismo procuraba lavar a súa cara represora coa exportación de obras vangardistas. Aconteceu algo similar en Chile?
Paz Errázuriz. Compromiso coas persoas.
Yo revierto el término minoría. Son absolutamente mayoría. Los súper sofisticados y los súper privilegiados son en realidad minoría. De todos modos prefiero ocupar la palabra minorías, que la palabra marginal, que siempre me aplican (Paz Errázuriz, 2022).
Aínda que Paz Errazuriz ( 1944) non sexa unha fotógrafa coñecida por estas terras (demasiado ollar para o embigo?), é unha profesional que xa recibiu moitos premios internacionais, entre eles o Premio PhotoEspaña, 2015 (ano no que participou na Biennale de Venezia) ou o Premio Nacional de Artes Plásticas de Chile. Colabora con diversas revistas e axencias de prensa, e as súas fotografías xa están en museos como a Tate Gallery, o MOMA ou o Guggenheim. En 2018 a Fundación Mapfre adquire 175 obras de Paz Errázuriz, fotografías emblemáticas que abranguen as series que elaborou ao longo de 50 anos de traballo. A exposición que agora se presenta no KBr Barcelona Photo Center (Paz Errázuriz) –comisariada por Carlos Gollonet, conservador de fotografía da Fundación Mapfre– é unha coidada escolma feita a partir das pezas que pertencen á Fundación Mapfre e onde se atopan instantáneas desde os anos 70 ata a actualidade.
As series de Errázuriz respiran serenidade. Non se busque nas súas imaxes o predicado de Cartier-Bresson, o “instante roubado”. Non. As instantáneas da autora de El Infarto del alma son froito da convivencia, do contacto reiterado de retratadora e retratados. É ben coñecido o método de Errázuriz cando visita psiquiátricos, ou áreas onde vive algunha etnia bastante esquecida, un circo ou rúas onde se practica a prostitución. Primeiro é o contacto, o coñecemento, a confianza mutua, ata chegar á convivencia. Logo virá a cámara e os retratos. Sempre o consentimento. Tales prácticas baséanse no respecto que a fotógrafa garda cara outras persoas, un respecto humanista, empático. O respecto que Errázuriz sinte polas persoas outsiders que retrata vese reflectido nos títulos que lle vai pondo ás súas pezas: en moitas das series van aparecendo nome e apelidos da persoas retratada. Nas obras doutros fotógrafos é habitual atopar títulos como Muller 1, Muller 2, … Circo 1, Circo 2... Por contra Errázuriz vai individualizando, e dignificando, cada persoa. Todas as persoas importan.
Que título tan impactante para denominar os retratos de persoas internas nun psiquiátrico: El infarto del alma. Tamén é sorprendente de onde vén esa frase. Un día que Errázuriz estaba no cuarto cunha das internas (que permanecía atada ao leito), falaron e fumaron xuntas. Cando a fotógrafa lle preguntou que lle pasaba para estaren así, respondeu: Tengo un infarto del alma. Contacto directo, respecto, confianza. Outro detalle revelador destas prácticas é o feito de que, cando Errázuriz volvía visitar o manicomio de Putaendo, os internos ao vela comezaban a berrar: La tía Paz! Ha llegado la tía Paz! Neste caso a empática visitante loce un nome adecuado, ben posto: Paz. Anos máis tarde (1999) a fotógrafa volve a Putaendo para outra serie: Antesala de un desnudo, que recolle ás internas nas duchas do manicomio. Son imaxes impactantes, tiradas por Errázuriz con serena naturalidade. As internas, os seus corpos son captados con dignidade, coa alma espida. Non son corpos xuvenís, de estética convencional; son corpos vividos, corpos que falan das vidas desas persoas. Contemplando esta serie, eses corpos avellentados, en grises duros, vénse aos miolos escenas similares que se tiveron que dar nos campos de exterminio nazis. Tiña a fotógrafa algunha intencionalidade nesa dirección?
Así Paz Errázuriz é a fotógrafa que constrúe imaxes desde dentro, para retratar as persoas que están fóra.
O espello ao revés: Paz-Alicia entra no espello (a realidade desprezada polo poder, pola sociedade patriarcal) e mira cara tras -o reverso- para ver as persoas que están fóra desa sociedade, as persoas outsiders. Implicarse permite observar a outra ribeira.
Paz Errázuriz. Disidencias.
Lo que a mi me ha interesado desde siempre es dar a conocer los cuerpos invisibilizados, escuchar a los silenciados y hacerles sentir que en mi fotografía sí tienen un espacio. Para mi ha sido importantísima la comunicación con ese otro. (Paz Errázuriz, 2024).
Ser muller e fotógrafa nos negros días da ditadura era complicado. Paz Errázuriz foi e é unha disidente serena e teimuda. Foi das fundadoras da Asociación de Fotógrafos Independientes que fomentou a fotografía comprometida socialmente; as postais do reverso. Por medio desta organización (que chegou a xuntar uns 300 membros) puidéronse facer exposicións colectivas nas que se ían presentando “postais incómodas”, imaxes non fermosas, como as presentadas en Chile desde adentro (1991). Segunda declara a propia retratista, a visita a Chile da fotógrafa documentalista Susan Meiselas , presidenta da Fundación Magnum e un referente mundial no fotoperiodismo, animouna a ela (e a outros fotógrafos) a mostrar as represións do pinochetismo, tal e como recolleu na serie Protestas.
Os ollares de Errázuriz escoran cara todo aquilo que está “fóra” do politicamente correcto e estético. Especialmente cara os universos femininos. En 1992 presenta Mujeres de Chile, mulleres traballadoras en todo tipo de actividades; mulleres loitadoras pola vida cotiá. Errázuriz non ten tomas para as convencións televisivas, fermosas, estranxeiras, illadas das realidades reais, pero que promove o réxime ditatorial. Traballadoras do mar, do carbón, mergulladoras, de calquera lugar do país tal alongado, mulleres que sofren as desigualdades, os desprezos sociais. O humanismo de Errázuriz tamén está presente noutro aspecto: a selección dos temas a retratar. Errázuriz vive nun país de variadas, extremas paisaxes, desde desertos a neves perpetuas; atractivos temas. Por contra, a autora de Circo non se sinte atraída por tales tomas naturais. As súas preocupacións e ocupacións están coas persoas, coas persoas que son maioría social.
Paz Errázuriz, resistente desde a empatía co universo das maiorías, aínda que perdedoras. Rebelde con causas, sen falsas afabilidades. Tenacidade e resistencia. Volvendo ao xa dito que a autora de Muñecas constrúe imaxes desde dentro, para as persoas que están fóra, é de xustiza citar a serie La Manzana de Adán (1983-84). Seguindo os seus xeitos de penetrar nas realidades, coñece e visita a familias nas que os homes se travisten; travestis que exercen a prostitución (da que viven), en plena ditadura e que reciben moi malos tratos. Estas persoas son presentadas nos seus ambientes, sen loanzas, pero tamén sen xuízos de valor: a realidade exposta desde o coñecemento, desde “dentro”. Eles/elas son realmente outsiders -seres que viven fóra– perseguidos polas autoridades (e usados polas mesmas?).
Ser muller fotógrafa, nun medio tan hostil como é unha ditadura, onde se espera que a muller traballe no fogar, coide aos fillos; ser muller, favoreceu ou foi unha eiva para retratar as realidades que se atopaban “fóra de marco”? Pasada esta pregunta á fotógrafa polo que subscribe, Errázuriz respondeu que en moitos casos foi un atranco. Por exemplo, cando quixo entrar nos clubes de boxeadores para tirarlles retratos (serie Boxeadores). O=s homes directamente prohibíronlle a entrada (“aquí no entran mujeres”). Pouco a pouco, foi aproximándose con revistas nas que saían fotografías de loitadores, e unha ver “dentro” puido tirar as instantáneas (que non mostran vencedores, precisamente).
Para outros temas, a fotógrafa recoñece que ser muller puido favorecer o achegamento que ela sempre procura: serían os casos das prostitutas (Muñecas), travestis, mulleres traballadoras, …
Cada profesional da fotografía (como de outras disciplinas) ten os seus mecanismos para alcanzar o clima favorecedor dos seus traballos. No caso da fotografía -se se entende, segundo a Susan Sontag, que fotografar é violentar- interesa rachar prexuízos e reservas da persoa que vai ser retratada. A táctica da rebelde serena xa se coñece: metamorfosearse en Alicia para entrar no espello e mira cara tras -o reverso-: ver as persoas que están fóra desa sociedade, as persoas outsiders. Implicarse permite observar a outra ribeira.
No caso do fotógrafo Philippe Halsman a súa técnica chamouna Jumpology. Halsman dicía que para facer bos retratos había que facer sesións curtas e áxiles, antes de que a persoa a retratar comezase a dar mostras de cansazo. Ao acabar estas sesións pediulle a algúns dos personaxes que viñan retratarse ao seu estudo que saltasen. Si, que saltasen; jump, ou jumping. O fotógrafo decatárase que as persoas mudan de face e de actitude cando saltan; co salto despístanse e perden a formalidade e a rixidez. Que mentres saltan a súa atención diríxese ao acto de saltar, e é entón cando lles cae a máscara, desinhíbense, abandonan os prexuízos e xorde outra personalidade.
Para estes comezos de verán de 2024 visitar a mostra Paz Errázuriz é unha intelixente e deliciosa iniciativa. O KBr Barcelona Photo Center, o gran centro de fotografía da capital catalá oferta esta suxestiva exposición antolóxica.
❧
EXPOSICIÓN: Paz Errázuriz. KBr Mapfre, ata o 15 de setembro de 2024
You might also like
More from Artes
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …