ACTO ÚNICO
(Suite nun hotel de luxo. Luz baixa. Ambiente íntimo. Unha cómoda ao fondo, unha cama e unha butaca. Sobre a cómoda, unha pequena mala. Unha parella madura conversa relaxadamente).
MULLER Impórtache se sento?
HOME Claro que non. Ponte cómoda. Hai preguntas que nesta altura non deberías facer.
MULLER Estou na casa, non sí?
HOME (A sorrir con ironía) Sabes perfectamente que non. Non é nin a túa casa nin a miña.
MULLER E non encontras iso romántico?
HOME Debo ter coidado contigo, Áurea. Tes a capacidade de lle dar a volta a todo. Digamos que é o lugar onde adoitamos vernos cada mes. Estaría ben así?
MULLER Estaría. Vou tirar os zapatos, se non che importa. Non me teño dos pés. Gústache este tacón? É algo atrevido, quizá. Merqueinos onte. Son elegantes e carísimos, pero xa ves. Destrozan os pés.
HOMES Estilizan a túa figura.
MULLER Pois claro que a estilizan. Por iso os elixín (ri ruidosamente encanto masaxea a planta dos pés). O problema do calzado novo é a súa dureza. O coiro demora en afacerse por completo á nosa forma. Debería haber xente que levase os nosos zapatos durante uns días, non cres?
HOME Non imaxino ninguén camiñando por aí cos meus zapatos. Resultaríame estraño.
MULLER Trataríase simplemente de que as bochas lle saísen a el e non a ti. A min pareceríame maravilloso.
HOME Pensa que non poderías estrear ti mesma os teus exclusivos modelos. As pernas de outra andarían a lucilos por aí.
MULLER Sabes que xamais pasaría por iso, Alexandre. O contrato recollería claramente que a “probadora” non podería saír da miña casa con eles postos. Todo se reduciría a que os pasease polo longuísimo corredor, da cociña ao salón, até que a pel cedese o xusto. Todo sen a máis mínima filtración ao mundo exterior. Ves? Sería algo así (pon-se de pé e camiña polo cuarto simulando desfilar como unha modelo de pasarela).
HOME (A rir, fascinado) Sempre adorei o teu sentido do humor. Que tal van as cousas na casa?
MULLER Hoxe resultoume difícil vir. Alfredo estava inquisitivo. Andava a remexer nos papéis, na procura de que sei eu. Púxose doente. Sempre lle ocorre cando organiza papéis. Ao ver que me preparaba para saír soergueu a cella encanto separava os lentes dos ollos, como preguntando: Onde vai esta?
HOME Cres que sospeita algo?
MULLER Estás preocupado, Alexandre?
HOME Non. Realmente,…
MULLER Déixao estar. Gústame como son as cousas agora. Ti estabeleciches a frecuencia nun día ao mes. Nun principio pensei que quizá me había resultar insuficiente e,…
HOME Está ben así, Áurea.
MULLER O único que ocorre é que un domingo,… teño medo de que todo isto acabe por te comprometer.
HOME Por que dis iso?
MULLER Alguén podería verte.
HOME Non nun hotel.
MULLER Claro. Non nun hotel. Despois de todo, gústache asumir certos riscos. Foi unha das cousas que me encantaron de ti. Sempre soubeches como mostrarme a túa devoción.
HOME Estamos facendo algo malo?.
MULLER Sabes que si. Non deberías estar neste cuarto de hotel, comigo, unha tarde de domingo. Un home do teu prestíxio, da túa significación social.
HOME O meu prestíxio? Vaia! Pensei que eras ti a muller do ano.
MULLER Non vaias por aí. Sabes que é un galardón concedido por unha serie de vellas aborrecidas. Cada vez levo peor o do Casino. Síntome abafada por unha responsabilidade tan absurda. Todo ese vacío,…
HOME Por que teimas en negalo? Es un referente para as mulleres da Cidade. A presenza obrigada en todas as festas, en todos os actos sociais. Áurea, saes no xornal día si día tamén. O risco do hotel pode ser en parte meu, pero tamén che afecta a ti.
MULLER Sabes como cumprimentar unha dona. Deixémolo en táboas. Un acordo que aos dous nos convén e que aos dous nos interesa. E todo bo acordo implica algo de emoción, de adrenalina, non cres?
HOME (Conciliador) Concordo absolutamente.
MULLER (Nun movimento preciso vira o seu ollar con aparente distracción cara os recantos do cuarto) Adoro este hotel. A maneira na que están dispostos os apliques de luz, con este ambiente tan íntimo. Encántame o debuxo das cortinas. Mesmo a roupa de cama e o porcelánico do chan. Normalmente non soporto a decoración das habitacións dos hoteis. Parecen tanatórios. Algo tan… contraindicado, non cres? Suponse que os clientes procuramos intimidade, unha atmosfera seductora.
HOME Si. Resulta acolledor. A cor pexego na que están pintadas as paredes… Dá a sensación de aloumiñar, de quecer todo o cuarto.
MULLER Pexego….(sorrí) Sabes que teño pel de pexego nas coxas?
HOME (A rir) Por favor, Áurea. Non me fagas rir. Estás maravillosa.
MULLER Pois si. Pel de pexego. Os anos pasan, Alexandre. Xa non son a mesma que era cando te coñecín.
HOME Diso se trataba, non sí? De deixar unha pegada indelébel…
MULLER (A ollarse no espello) Non frivolices comigo. Quero dicir que o tempo era algo que gozava consumindo. Agora, a sua auséncia, a rapidez coa que foxe entre os meus dedos, provócame angústia.
HOME Non pretendía facerte sentir mal. Ningún dos dous somos iguais, Áurea. O tempo é a nosa arma cando novos e agora vimos ser seus escravos.
MULLER (Segue a falar ao espello, sen virarse) Debo dicir que no teu caso obtés un interesante rendemento do paso do tempo.
HOME Sempre tan ocorrente. Tan intelixente e fermosa (achégase a ela, revisando as súas faccións no espello. Aloumiña suavemente o seu rosto, afastando con delicadeza o seu cabelo. Ela arrédalle a man, lenta pero firmemente).
MULLER Aínda non estou preparada.
HOME Claro que non. Síntoo.
MULLER Díxenche que tiña angústia. Non era un falar. Volvín visitar ao Doutor Mantiñán. Di que é moi probábel que teña un cadro de ansiedade.
HOME Ansiedade?
MULLER Si. Sorprendido? Son unha muller que asume máis cousas das que pode soportar. Si, ben sei o que vas dicir. Que estou maravillosa, que… como é iso que dis? Que estou refulxente. Sempre fuches tan rebuscado… (cavila brevemente) O caso é que dediquei a miña vida á família. Combatín por lograr o lugar que nos era próprio, o espazo que todo o mundo teimaba en nos discutir. Xamais o lograron. Criei os meus fillos e o meu home. Hoxe son referentes nesta Cidade. Manteño a miña actividade social, os concertos, o teatro, a caridade,…
HOME Mantés todo iso porque che supón satisfaccións, Áurea.
MULLER Ouh, non creas. Triunfar foi doado para min. Educáranme para iso. Moitas das outras tivéronno moi difícil. Os seus homes podían facer diñeiro pero eran unhas malas bestas; becerros criados nun cortello e vestidos con traxes a medida. Carecían de clase. Ás veces resulta tan difícil asumir o xeito no que a nosa clase se prostituíu, admitindo entre os seus á latrina da sociedade.
HOME Porque daquela, moitos entre nós non tiñan un peso. Sempre gustamos de vivir ben, non cres? Adaptarse a unha vida máis modesta non é o noso. Recoñezámolo Áurea. Disfrutamos co luxo, coa ostentación, co noso espazo suntuoso e intocábel. Eu, este cuarto, este Hotel,…
MULLER Que coñeza o meu mundo non significa que o adore, Alexandre. Na miña vida non hai unha fenda á improvisación. Nin unha soa.
HOME Agás a miña.
MULLER Efectivamente. Ti es a miña excepción. O meu segredo (afasta o ollar con receo).
HOME Estás ben, Áurea?
MULLER Pésame a vida. Non soporto levar máis esta coda que me afasta do roce dos dedos. Non aturo a mediocridade de Alfredo, o seu abandono, a súa estúpida frivolidade. O egoísmo intransixente dos meus fillos.
HOME Educáchelos así, Áurea. Ti.
MULLER (Vírase irada) Ten coidado, Alexandre. Es a única persoa á cal permito que me diga determinadas cousas, pero iso non supón que,…
HOME Desculpa a miña falta de delicadeza. Coñezo-te de sempre, Áurea. Sabes que te admiro, que te admirei desde o mesmo momento no que te vin por vez primeira,…
(Áurea abandónase á quentura que adormece o seu corpo. Déitase na cama e estira os brazos con suavidade. Xoga coa sua melena encanto Alexandre a observa con fascinación).
Queres que sigamos adiante?
MULLER Por favor.
(Alexandre toma a mala para pousala devagar sobre a cómoda, de xeito que non se distinga o que contén. Pon unhas luvas cirúrxicas. Achégase a Áurea con unha xiringa nas mans, que previamente comproba).
HOME A túa dose mensual, Áurea.
MULLER Estou disposta. Dáme a tua receita máxica, Alexandre. Dáme o teu bótox. Alíviame de toda esta miséria.
HOME Ámote.
(Afunde a agulla con delicada precisión na faciana da muller).
PANO
You might also like
More from Teatro
Projecto Planta I Malvada Associação Artística
Convocados por um instinto que reclama uma (re)ligação à natureza, a importância da alteridade das plantas e uma vontade urgente …
THEATRO MENOR. Velamento | José Emílio-Nelson
THEATRO MENOR. Velamento | José Emílio-Nelson