O amigo Pepe Cáccamo há pouco que regressou do encontro de poesia visual de Peñarroya (Córdova, Espanha). Por lá andavam alguns dos melhores poetas visuais da Espanha. Era o 5º Encontro, dedicado ao livro de artista. O nosso participou com uma palestra intitulada de igual modo que a exposição que teve a oportunidade de organizar com as suas peças, das quais um total de 35 foram expostas no próprio centro e no pátio do concelho. “La experiencia objetual” constituiu um relato em castelhano sobre a sua experiência nesse mundo, que agora amavelmente o poeta e artista resume para a nossa revista:
«A finais dos anos 80, perto eu xa dos meus corenta, comecei a ensamblar obxectos a partir de refugallo de ferro, madeira e plástico. Foi inicialmente unha ocupación de carácter lúdico, un entretemento que non procuraba comunicación pública e que –entendino máis tarde- dialogaba coas procuras de cerna surrealista actuantes no sustrato da miña escrita poética discursiva. Conforme fun asentando a vontade de permanencia no novo oficio manual, identifiquei tamén as orixes do meu labor de homo faber en certos xogos da nenez e da adolescencia que continuaron na mocidade : a construción de maquetas arquitectónicas, a fabricación de máquinas absurdas e inúteis –algunha delas causante de escandaloso curtocircuito por causa de imprudente conexión á rede eléctrica-, a decoración de pelouros colleitados na beiramar e certa tentativa frustrada de aprendizaxe das artes da cerámica.
Aquel primeiro ciclo de obxectos ensamblados, no que talvez se poida localizar unha liña expresiva que combina as poéticas do surrealismo e a arte povera coas do kitsch de intención crítica e irónica, foi xenerosamente acollido para a súa mostra no pub El Turco de Ourense, no café Liceum de O Porriño e nas galerías Ad Hoc de Vigo e Citania de Santiago de Compostela entre os anos 1989 e 1995. Unha pausa creativa de seis ou sete anos serviume logo para ir preparando unha mudanza de rumbo cara aos territorios da Poesía Obxectual e do Libro Obxecto, con Joan Brossa como referente crucial. Creo que nos alicerces dos meus códigos expresivos vibra tamén o pouso da miña admiración pola obra de artistas como Ives Tanguy, Giorgio de Chirico, Mario Mertz, Antoni Tàpìes, Joseph Cornell ou Christian Boltanski, creadores de atmósferas oníricas e de xeografías matéricas polas que viaxo abraiado.
Desde o ano 2006, coa serie titulada Underwood, comecei a amosar os meus libros abertos –unha das posíbeis variantes do libro de artista- e un conxunto de máquinas de escribir deconstruídas –ou reconstruídas, manipuladas, intervidas- con diversos criterios e intencións creativas. A carón destes dous tipos de pezas, continúo a presentar obxectos concebidos desde a ollada metafórica e simbólica da tradición surrealista, voluntariamente obrigado agora ao esforzo de síntese propio da Poesía, -discursiva, visual ou obxectual- vontade que aínda non dirixía de xeito consciente o meu traballo dos anos 90.
Moitos dos meus poemas obxectuais establecen relacións intertextuais coa miña propia obra literaria e coa de determinados autores cos que quero dialogar en homenaxe: Eduardo Pondal, Manuel Antonio, Amado Carballo, Castelao, Avilés de Taramancos, Kafka, Borges, Juan Rulfo, Antonio Gamoneda …. A presenza de textos, lexíbeis ou incorporados á peza ao xeito de mancha gráfica de impreciso ou abstracto valor semántico, conforma unha constante do meu labor. Son incursións na sedutora tradición do letrismo, modalidade da poesía visual que teño practicado tamén sobre soportes de lenzo e papel. Do conxunto de cultivadores desta especialidade quero destacar os nomes de tres artistas cuxa obra me interesa moi especialmente: Fernando Millán, Ana Hatherly e Severo Sarduy.
Algúns dos temas reiterados na miña obra obxectual constitúen tamén motivos constantes da miña escrita poética: a memoria dos días da nenez, a crítica irónica da morbosa moral imposta polo dogma católico, a sedución da vertixe provocada pola desmesura da arquitectura urbana. Reincido tamén no uso de determinados obxectos e aparellos que me atraen tanto polas súas calidades formais como polo seu sentido simbólico: chaves, teclas, mapas, lapis, ferramentas…
Ao longo dos anos desta segunda etapa, tempo en que fun afortalando as miñas certezas no ámbito creativo da Poesía Obxectual e do Libro de Artista, tiven a oportunidade de amosar o resultado do meu labor en diversas galerias de Galiza e de España. As miñas máis recentes experiencias resultaron especialmente gratificantes. Foron as exposicións tituladas Biblio-Grafías, realizada na Sala Provincia do Instituto Leonés de Cultura no ano 2013, Biblioteca de Olladas (con Baldo Ramos, Caxigueiro e Carlos González Villar) en Bus Station de Santiago de Compostela en 2014 e La experiencia objetual, que se integrou nas actividades do 5º Encuentro de Poesía Visual de Peñarroya-Pueblo Nuevo, onde participei ademais coa ponencia do mesmo título, cuxo resumo presento aquí. Directamente conectado coa obra exposta na galería Bus Station, o libro titulado Cara Inversa, editado por Follas Novas na colección Libros da Frouma, é o resultado do diálogo interxenérico e interpersoal dos poemas discursivos e os libros de arte realizados por Baldo Ramos e por min, que continuaremos a amosar en próximas exposicións. Como puiden comprobar no Centro de Poesía Visual de Peñarroya e xa constatara na experiencia colectiva de Bus Station e no proceso de colaboración fraternal con Baldo Ramos, o mundo da Poesía Visual está habitado por artistas especialmente xenerosos e proclives á cooperación.
Pepe Cáccamo
(*) Este texto é o resumo dunha ponencia presentada no curso do “5º Encuentro de Poesía Visual”, desenvolto durante os días 17, 18 e 19 de outubro pasado no Centro de Poesía Visual de Peñarroya-Pueblonuevo (Córdoba).»
You might also like
More from Desenho
A “maraña” de lorena conde | Antonio Seijas
A maraña que habita dentro do cranio de Lorena Conde quédanos parcialmente exposta na mostra que forma parte do proxecto Nómades: …
Leandro Lamas | Desenho
"Lá de cima de uma montanha acendemos uma fogueira para não se apagar a chama que dá vida na noite …