Facer fotografías, algo tan cotián -e hoxe mesmo abusivo–, devén unha arte por obra da sensibilidade e creación dalgunhas persoas. Hai límites para unha imaxe? Hai cancelas para a imaxinación?
Lito Caramés
Caixaforum Barcelona vén de abrir unha nova mostra artística; neste caso de fotografía histórica. Trátase de ¡Sorpréndeme!, a exposición antolóxica do retratista Philippe Halsman. A mostra está producida polo Musée de l’Elysée (Lausanne) -institución consagrada á fotografía ao pé do lago Leman-, en colaboración co Philippe Halsman Archive de Nueva York (un centro dedicado a preservar o legado do fotógrafo), aínda que a organización de ¡Sorpréndeme! corresponde á Fundació LaCaixa. A importancia da mostra mídese polas súas dimensións: alberga máis de 300 instantáneas do fotógrafo natural de Riga (Letonia), que por circunstancias políticas comezou a súa carreira profesional en París e viviuna case toda en Nova York, fuxindo dos nazis por mor da súa orixe xudía. Tamén cómpre salientar que é a primeira mostra antolóxica dedicada a Halsman en España. Pouco antes da súa morte Philippe Halsman (Riga, 1906—Nova York, 1979) vendeu os seus fondos fotográficos a un coleccionista privado; dez anos despois a súa filla, Irene Halsman, puido mercar o legado do seu pai que agora descansa no Philippe Halsman Archive de N. Y. ¡Sorpréndeme! Está comisariada por Anne Lacoste, comisaria do Musée de l’Elysée (Lausanne) e mais por Sam Stourdzé, director dos Rencontres de la Photographie d’Arlés. Este último comentou na presentación da mostra que Halsman era un gran narrador de historias en imaxes. Nesta montaxe audiovisual pódese contemplar unha panorámica das salas de ¡Sorpréndeme!
¡Sorpréndeme!, o título da mostra, fai referencia ás actitudes que adoptou o fotógrafo ao longo de 40 anos de profesión. Halsman contaba que un día en París Jean Cocteau preguntoulle a Serguéi Diáguilev, fundador dos Ballets Rusos, que podía facer para colaborar con el. E Diáguilev respondeulle: “Sorpréndeme!”. Philippe Halsman aceptou esa resposta como se fose unha máxima que lle chegase desde o seu destino e aplicouna ao longo da vida. E procurou aplicarlla ás xentes que o rodearon. Unha proba diso é a serie Jumpology.
Halsman. Jean Cocteau. 1949
París, surrealismo e revistas
Desde hai tempo a fotografía deixou de imitar outras disciplinas artísticas. A emancipación produciuse grazas ao seu uso diario na prensa e aos avances técnicos. O seu obxectivo é documentar desde o seu propio espazo, con claridade e precisión, e ao tempo ser algo máis ca unha forma de rexistro, creando obras de arte precisamente por conta da verdade e a beleza da imaxe e da visión (Halsman, no texto da súa primeira exposición: Portraits et nus, Galeria La Pléiade, 1936)
Philippe Halsman foi un visionario; ou un supervivente. Cando era un mozo viuse implicado na morte accidental do seu pai, e foi condenado a 10 anos de prisión, da que saíu polas protestas de moitos intelectuais da época (Einstein, Mann, Freud). Logo a súa adaptación a París, coa amizade de Einstein ou Chagall, e por último a súa vida en Nova York, onde triunfou definitivamente. Froito desa supervivencia e/ou visión de futuro son as etapas e métodos de traballo que foron variando ao longo dos anos. Soubo conseguir a profundidade psicolóxica dos retratos de tantos personaxes que se puxeron diante do seu obxectivo e captou o que os franceses chaman l’air du temps. É dicir, comprendeu que a fotografía podía converterse no medio de comunicación de masas, mesmo competindo coa televisión, que semellaba que viña para ditar a pena de morte da fotografía convencional. Para iso soubo facer magníficas postas en escena -polas beiras do surrealismo- onde a imaxinación dirixía boa parte dos seus revolucionarios métodos de traballo.
No París dos anos 30 (chega a París en 1931) realiza os seus primeiros traballos para a galería La Pléiade, que acababa de fundar o editor Jacques Schiffrin. Alí comeza a mostrar as súas novidades no campo fotográfico, encadres orixinais, fotos de vagabundos (clochards) que adoptan diferentes personalidades, e os primeiros retratos de famosos: André Gide, Le Corbusier, Marc Chagall, Einstein, Malraux; retratos onde xa busca trazas psicolóxicas da persoa retratada. Así mesmo dedicou bastante tempo aos nus femininos. En París xa comezou a colaborar con revistas, cousa que logo fará moito máis en EEUU. Nestes anos Halsman andaba moi próximo ao surrealismo, e bebía moito dos preceptos que animaban Man Ray e compañía. O surrealismo fotográfico convidaba a realizar manipulacións técnicas na instantánea co gallo de lograr efectos inusitados. As intervencións eran tales como a fotomontaxe (tan recorrida), a sobreimpresión, os xogos e usos da imaxe en negativo, deformacións de obxectos e persoas, uso constante da luz artificial para provocar siluetas e xogos de composición. Cando chegue a Nova York terá que abandonar estas prácticas artificiosas. En París traballou para revistas como Vogue, Vu, Le Monde Illustré, para as que chegou a facer series de instantáneas de animais do zoo de Valenciennes, que se acababa de inaugurar coa novidade de que os animais vivían relativamente ceibes, non en gaiolas.
A fotografía de Halsman identifícase polo seu método directo, por un dominio absoluto dos medios técnicos que a industria vai aportando á fotografía e por un escrupuloso coidado aos detalles máis cativos. Nunca se conformou con rutinas, e os resultados do seu traballo son moi variados, froito do seu esforzo continuado de renovación. Onde non chegaba a industria, chegaba el. A súa formación como enxeñeiro e a insatisfacción lévano a inventar unha cámara fotográfica propia. Xa en París deseña unha cámara de gran formato, que usaba negativos de 9×12 cm (ideal para ampliacións), e con caixa de caoba. Xa en EEUU encarga a mesma pero en metal, que foi a súa máquina de retratar favorita ao longo dos anos.
No ano 1949, coa complicidade do actor Fernandel, creou un novo produto, o picture book. Fernandel, o mellor actor cómico francés do momento, e Halsman víronse e saudáronse como se xa se coñecesen. Desa complicidade saíu a idea de facer unha entrevista con moito sentido do humor. Fernandel non falaba inglés, e Halsman non falaba francés, así que Halsman facíalle unhas preguntas en inglés (logo traducidas) e Fernandel contestaba poñendo caras, facendo carantoñas. O resultado é The Frenchman, unha chea de expresións faciais de Fernandel respondendo a cada pregunta. Se se mira co cursor sobre cada carantoña pódese ler cada unha das preguntas que lle fixo Halsman.
Halsman. Albert Einstein. 1947
American Photo
Cando cheguei a América o ano 1940 tiven que adaptarme ao estilo americano, é dicir, facer fotos tecnicamente perfectas, claras, precisas e ben iluminadas, sen distorsións (…) Calquera xeito artificioso considerábase deshonesto (Halsman, 1968).
En 1940, fuxindo dos nazis, Halsman (de nacemento Filips Halsmann) chega a Nova York. Viaxan a súa muller Yvonne Moser, tamén fotógrafa especializada en retratar nenos e a primeira filla da parella, Irene. Buscada nas redes telemáticas información sobre Yvonne Moser, non se atopa ren; por que será? A través da amizade con Albert Einstein os Halsman obteñen un visado para poder entrar nos EEUU.
En Nova York vivirá o resto da súa longa vida. Na cidade americana logo se dedicará a publicar en revistas, posuíndo un récord: ter feito 101 portadas para a revista Life, o fotógrafo que máis portadas fixo para a revista que nos anos 40 e 50 -coa tirada de 8 millóns de exemplares- mostraba o mundo filtrado para a sociedade norteamericana e que daba prioridade ao fotoperiodismo. Na revista traballaban e colaboraban fotógrafos de primeira liña, polo que, cando saíu a súa portada número 100, Halsman afirmou: É como gañar cen veces unha competición de máximo nivel. Comezou a súa colaboración con Life en 1944 e a maioría das portadas firmadas por Halsman versaron sobre estrelas do cinema de Hollywood, por exemplo Bogart, Woody Allen, Audrey Hepburn, Lauren Bacall, Clint Eastwood, Marilyn Monroe, Grace Kelly. Para aqueles tempos foi un fotógrafo imaxinativo e sabía -e máis en EEUU- que a televisión era un dos grandes inimigos da fotografía convencional; por tanto, cumpría competir con ela, facer espectáculo coa fotografía, mirar de darlle movemento. Iso foi unha das cousas que fixo con Dalí. Unha constatación de que foi quen de competir coa televisión fronte a fronte é o feito de que fose o fotógrafo que realizou máis de 70 portadas da revista TV Guide, que comezou a aparecer a finais do ano 1953 e que se transformou nunha revista de tirada estatal, e a máis vendida en todos os EEUU.
Halsman. Portada Life. Marilyn Monroe. 1959
O retrato psicolóxico
Fago moitos retratos e tómoos moi en serio. Trato de captar a esencia dos protagonistas, buscando a verdade e fuxindo do artificio. O meu obxectivo é facer fotografías que pasen á historia como imaxes icónicas (…) Hai algo que se pode identificar como o carácter (da persoa) e que os seus trazos dominantes forman a esencia da personalidade. Se puidésemos captar todos eses aspectos teríamos o retrato perfecto (Halsman, 1968).
Esa foi unha das súas especialidades, tratar de que as persoas mostrasen nos retratos aspectos do seu carácter. Fixo retratos para a época ben famosos como o de Sammy Davis Jr., para un libro sobre a súa biografía, outro de Winston Churchill, que está sentado de costas nun xardín e non se lle ve o rostro, ou os de Albert Einstein ou Cassius Clay.
Dentro deste apartado destaca moito a serie que fixo ao longo de dez anos e que bautizou como Jumpology. Halsman dicía que para facer bos retratos había que facer sesións curtas e áxiles, antes de que a persoa a retratar comezase a dar mostras de cansazo. Ao acabar estas sesións pediulle a algúns dos personaxes que viñan retratarse ao seu estudo que saltasen. Si, que saltasen; en inglés jump, ou jumping. O fotógrafo decatárase que as persoas mudan de face e de actitude cando saltan; co salto despistábanse e perdían a formalidade e a rixidez. Que mentres saltan a súa atención diríxese ao acto de saltar, e é entón cando lles cae a máscara, desinhíbense, abandonan os prexuízos e xorde outra personalidade. Durante dez anos pasaron por este retrato psicolóxico tan especial e peculiar moitos políticos, científicos, actrices e actores, cantantes ou bailaríns… tales como os Duques de Windsor, Richard Nixon, Brigitte Bardot, Dean Martin, Anthony Perkins, Peter Ustinov, Ava Gardner, Gina Lollobrigida ou Deborah Kerr. Esta experiencia, tan dilatada no tempo e tan diversa polo que a personaxes se refire, tamén rematou na editorial e veu sendo o libro Jump Book (1959), do que se fixeron varias edicións.
Un caso á parte foi o de Marilyn Monroe. A Marilyn retratouna entre 1949 e 1959, con imaxes que acabaron na portada de Life. Halsman e Monroe coñecéronse en 1949, cando a revista Life o enviou para facer unha reportaxe a Hollywood sobre actrices non coñecidas, pero que comezaban as súas carreiras. E de todas elas Halsman fixouse en Marilyn Monroe, pois era a que xa mostraba algo diferente ás demais. No seu estudo de Nova York (1954), Halsman pediulle que, despois dunha sesión de fotos, saltase; e saltou. Saltas como unha nena pequena, espetoulle o fotógrafo cando viu a foto que viña de facerlle saltando. A teoría de jumpology funcionaba. A actriz asustouse coa imaxe que a espía emocionalmente, e non quixo repetir o ensaio. Tardou cinco anos en volver para saltar. Na nova sesión fixo máis de 200 saltos, ata que consideraron que había un que era perfecto; ese salto foi portada de Life, despois de pasar o sisudo exame do seu home, Arthur Miller (!?).
Halsman. Duques de Windsor. 1956
Dalí Exhibicionista
A relación de Philippe Halsman con Dalí durou corenta anos e xurdiu espontaneamente. Atopáronse vendo unha exposición en Nova York e xa foi fluíndo a empatía. En común tiñan algunhas cousas: o interese pola psicanálise, vivir en EEUU fuxidos da II Grande Mundial, certo sentido do humor e amor pola escenificación, etc. Dalí tamén se prestou a participar en Jumpology (como non!), pero fíxoo á súa maneira, con gatos, auga e diversos materiais, dando orixe a Dalí Atomicus. Máis adiante ambos comprobaron que os bigotes do pintor (todo un sinal de identidade) daban moito xogo. E comezaron as sesións fotográficas entre Halsman -armado coa súa Rolleiflex 4×5 e o flash electrónico- e Salvador Dalí esgrimindo o seu rocambolesco bigote. A serie, de 1953, deu paso a fotografías excéntricas e espontáneas, onde a improvisación era un elemento máis, á par de moscas, ou flores. O resultado foron unhas ducias de instantáneas que tamén acabaron formando parte dun libro: Dali’s Mustache, editado en 1954.
Lito Caramés
Yvonne Halsman. Marilyn Monroe e Philippe Halsman. 1954
EXPOSICIÓN: Philippe Halsman ¡Sorpréndeme!
Caixaforum Barcelona
Ata o 6 de novembro
Halsman. Dalí Atomicus, 1948
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …