Hai diálogos entre artistas afastados no tempo que resultan frutíferos; as súas creacións ben poden estar a falar do mesmo: o paso do tempo, a decadencia, a reivindicación. As fotografías de Humberto Rivas conversan cos gravados de Piranesi nas paredes da galería Artur Ramon. Pódense considerar románticos estes dous artistas? Que buscan entre ruínas e construcións castigadas polo tempo?
*
Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Romanticismo
Son como un espírito que mora / no máis fondo do corazón. / Sinto os seus sentimentos, / penso os seus pensamentos / e escoito as conversas máis íntimas da alma, / a voz que só se oe no burbullo do sangue, / cando o ritmo dos latidos / semella as sosegadas ondadas do océano estival. (Percy B. Shelley, 1816)
A galería Artur Ramon acaba de inaugurar unha nova exposición temporal. Neste caso unha proposta ben atractiva e lúdica na súa concepción: Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies.Todo un xogo, todo un teatro.
Estes dous artistas, Piranesi e Rivas –gravador e fotógrafo– distan biograficamente douscentos anos. Piranesi foi un gran artista do século XVIII, nado no Véneto pero que fixo toda a súa carreira artística na cidade de Roma. Arquitecto (levantou un só edificio: Santa María del Priorato, en Roma) e gravador; interesado e entusiasta pola arquitectura. Pese a dedicarse 40 anos á técnica do gravado, non foi pintor, cousa que o difire doutros excelsos gravadores como foron Durero, Rembrandt ou Goya.
Humberto Rivas chegou a España en 1976 fuxindo da ditadura arxentina, e traballou aquí practicamente 40 anos, aínda que xa iniciaraos seus periplos de fotografía vital no seu país de orixe. Ten a particularidade de ter sido un dos fotógrafos que máis axudou a que neste país se vise a fotografía como unha arte; non só como documento. Namorado do cinema, atopará nos filmes de Visconti, Bergman ou nos do neorrealismo inspiración para os retratos que foi facendo ao longo da vida, xa a persoas, xa a outras cousas.
Desde as distancias cronolóxicas que os separan, estes dous artistas coinciden en máis aspectos da súa creación do se poida sospeitar. Un deses achegamentos é a concreción da fasquía “romántica” na súa práctica artística. Para comezar, Piranesi é un artista que se cría no apoxeo do Neoclasicismo, como demostra a igrexa que levantou en Roma. É, por tanto, un artista anterior ao Romanticismo como movemento cultural e artístico. Por contra, Rivas transita por boa parte do século XX, é dicir un século despois do “romanticismo” como tal. E, aínda así, os coñecedores das creacións do fotógrafo e mais do gravador afirman que son románticos. O romanticismo que Piranesi verte nas láminas da Roma antiga vén sendo un feito paralelo á evolución de Francisco de Goya: criado no neoclasicismo pero con sensibilidades caras ao romanticismo; o que pode ser síntoma de que o mesmo lles puido pasar a outros artistas (poetas, pintores) do mesmo tempo. O romanticismo do autor de tantas vedute de Roma atópase nas composicións que procura para as paisaxes urbanas: non lle interesa ser fiel á realidade obxectiva, prefire chegar á elaboración da ruína, de aplicar a destreza dos seus burís para plasmar a magnificenza das construcións de época romana (republicana e imperial) que resisten o paso do tempo na cidade do Tíber, ou que esmorecen pouco a pouco. Piranesi gosta de confeccionar escenografías para un tempo vindeiro de nova grandeza.
No caso de Humberto Rivas, un artista amante do cinema e contemporáneo de movementos tan potentes como o expresionismo abstracto ou a Pop Art, é sinxelo comprobar que as súas instantáneas levan esa pátina de restos arquitectónicos, de ruína, da ausencia, tal e como xa fixera Piranesi 200 anos antes. Cando Rivas capta un edificio da provincia de Jujuy, de Barcelona ou de outros lugares, todo indica que non busca as características formais da construción. Máis ben anima á luz a que –coa crueza do branco e negro– xogue cos volumes para evidenciar a decadencia, o perfil “romántico” das edificacións. Rivas é testemuña dun tempo que remata, de realidades que se mudan (en Barcelona retrata edificios que están a piques de sucumbir baixo as escavadoras dos xogos olímpicos de 1992. Quizais sen pretendelo, Rivas brinda perfectos decorados para unha representación teatral das Leyendas de Bécquer.
Hay unhas semanas, na presentación da exposición Juana Francés, l’informalisme també era dona, na galería Mayoral, o comisario, Tomás Llorens, comentou unha peculiaridade da pintura da artista e mais uns xeitos de traballar diferentes, aínda dentro das mesmas concepcións estéticas e formais do informalismo. Reflexionaba Llorens que a pintura informista e matérica de Francés era elaborada cunha suavidade que non se atopa noutros membros de El Paso (estes envorcaban xestualidades agresivas, comandados por Antonio Saura). A seguir Llorens veu dicir que iso acontecera en bastantes ocasións, pondo como exemplo que algúns románticos (románticos do Romanticismo, neste caso) tendían a buscar a liberdade na acción, na protesta, na loita, mentres que outros –como o poeta Shelley– optaba pola poesía intimista. É dicir, entre os románticos quen apostaba pola épica, e quen pola poética. Seguindo a reflexión de Llorens, tamén no romanticismo e na súa pintura, se pode facer o distingo entre as súas composicións espirais de Eugène Delacroix (Chasse au tigre) e outros pintores románticos como Friedrich (Der Mönch am Meer).
É atrevido afirmar que tal cousa aconteceu sempre? A pouco que se observe o estilo dun Sánchez Cotán, creador de bodegóns frugais no século XVII (Bodegón del cardo), ben se comproba que está lonxe de coetáneos e barrocos como Rubens (Rapto de Perséfone) ou, nalgunhas pezas, de Artemisia Gentileschi (Judith e Holofernes). Eses mesmos exemplos pódense transportar a outros movementos e a tempos máis próximos ao século XXI. A pouco que se coñezan as composicións tensas e hiperactivas de Pollock ou de de Kooning –dentro do chamado expresionismo abstracto–, evidénciase que pouco ou nada teñen a ver coas reflexións metafísicas e monocromas do seu compañeiro Marc Rothko.
Volvendo a Piranesi e Rivas –e dento deste xogo conceptual e actitudinal– estes dous artistas entrarían dentro da visión poética do feito artístico. Tanto as pezas do gravador como as do fotógrafo nacen nas ribeiras non vitoriosas, na estética creada polo paso do tempo. Rivas ten dito que, para el, a fotografía está máis preto da poesía ca da pintura.
Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies. Artur Ramon
Ha pasado algún tiempo. El tiempo pasa y no deja nada. Lleva, arrastra muchas cosas consigo. El vacío, deja el vacío. Dejarse vaciar por el tiempo como se dejan vaciar los pequeños crustáceos y moluscos por el mar. El tiempo es como el mar. Nos va gastando hasta que somos transparentes (…) El mar, el tiempo, alrededores de lo que no podemos medir y nos contiene. (José Ángel Valente, Desde el otro costado, 2019).
A mostra que agora ocupa os espazos da galería Artur Ramon, Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies, arrinca da proposta de confrontar miradas ben afastadas no tempo, de procurar as querencias dos dous artistas por obxectivos urbanos similares. O traballo do comisario José Aristizábal (que vén de presentar a súa tese doutoral sobre Humberto Rivas), axudado por Salvador del Carril, o fillo e coidador do arquivo do fotógrafo, consistiu en mirar de atopar coincidencias entre os gravados que Piranesi fixo das ruínas da Roma antiga aló polos mediados do século XVIII e as abundantes fotografías coas que Rivas captou paisaxes urbanos, edificios singulares (para el); estéticas do pretérito. A labor foi moita, o resultado ben atractivo.
Os gravados de Piranesi entre os que escolmar para esta exposición son propiedade da galería Artur Ramon. Na presentación, Mónica e Artur Ramon explicaron a historia dos Piranesi dos que agora son propietarios. O seu pai comproulle algunhas coleccións deses gravados a un libreiro de vello cando tiñan as súas instalacións no Carrer de la Palla. Un notario de Argentona foilles comprando bastantes desas vedute de Roma e arredores que eles tiñan, e tamén da serie Carceres. Cando o notario se xubilou, preguntoulles que podía facer con eles, e Artur Ramon volveullos comprar. Respecto das fotografías de Humberto Rivas están todas no arquivo que a familia do artista ten en Poble Nou (e que coida Salvador del Carril). Segundo Aristizábal hai máis de 2000 copias de época, feitas polo propio Rivas, e logo negativos e outros materiais como por exemplo fotografías de grandes fotógrafos: un Man Ray e outras xoias. As copias presentes agora na galería Artur Ramon son de época, e foron feitas todas polo propio artista.
O obxectivo da mostra Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies consiste en atopar as imaxes do século XVIII e as do XX que ofrezan visións similares de paisaxes urbanos. E o xogo concretouse na presentación duns 20 gravados de Piranesi en diálogo constante cunhas 35 fotografías de Rivas. A proposta é moi interesante, por novidosa e por suxestiva. O que se pode ver nas paredes de Artur Ramon é un xogo; brinquedo que se basea na unidade dos contrarios: pasar a responsabilidade ao visitante co gallo que atope as semellanzas ou as sete diferencias entre os traballos con buril (e posterior tinta) e as instantáneas da cámara de retratar, e a tensión dada no laboratorio ao branco e negro (máis negro ca branco). Por momentos é un xogo sobrecolledor.
Procurando primeiros planos escuros para guindar a vista directamente aos edificios romanos que aínda se manteñen en pé 1.800 anos despois de ser levantados, como pode Piranesi conmover a quen observa? E que pretende Rivas coas súas instantáneas de casas de arrabalde (nada senlleiras, no seu anonimato arquitectónico)? Que vexamos nas feridas que o tempo vai deixando un retrato que, por veces, semella humano?; o retrato de quen habita neses locais?
O que presentan agora Mónica e mais Artur, Artur e Mónica, é unha representación teatral. A función consiste en regalar aos visitantes o diálogo que os dous artistas manteñen desde as súas creacións, ese portento que de parar o tempo mentres dura a función. O tempo é a dimensión máis enigmática e máis dinámica. Agora nas paredes de Artur Ramon o tempo está detido, comprimido en cápsulas sobre papel.
Rivas-Piranesi: vedute, Gran Tour, retratos. Mapas
Cuando alguien se emociona con el trabajo de otro es porque ha traspasado una línea que no todos podemos franquear. No somos omnipotentes, Yo disfrutaré de cosas que otros no, y al revés, otros disfrutarán de cosas con las que yo no disfruto. Al hacer pasa lo mismo. Si no consigues lo que quieres es por incapacidad, o porque te has equivocado de medio, o porque no lo dominas. (H. Rivas. Entrevista de M. Laguillo, 1988).
Na mostra Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies é doado desfrutar basicamente de vedute de Roma. Pero Piranesi na antiga capital imperial facía o que outros artistas executaban noutras vilas: facer que as perspectivas e copias de espazos urbanos romanos aparezan máis grandes do que en realidade son. Para iso emprega técnicas como presentar ás persoas en tamaño reducido ou dilatar dimensións de rúas e prazas. Nun dos gravados, por exemplo, Piranesi recreou a Piazza del Popolo moito máis ampla, longa do que realmente é. Piranesi tivo tanto éxito coas súas series de vedute da cidade que chegou a crear unha empresa para imprimir os seus gravados e mais para vendelos. A quen? Pois mormente aos viaxeiros/turistas da Gran Tour, esa peregrinación que a mocidade das familias ricas da Gran Bretaña, Alemaña, Francia e outros lugares de Europa facían polos escenarios das civilizacións antigas: Italia, Grecia, Exipto. (A este respecto, moi recomendable o libro Peregrinos de la Belleza, de María Belmonte). É dicir, o que Piranesi argallaba na cidade de Roma era algo similar ao que Il Canaletto, o mellor propagandista de Venecia, viña facendo nacidade dos canais. Pero diferente. Canaletto ofrece como postais aos viaxeiros da Gran Tour as perspectivas dunha cidade fermosa, cos edificios pletóricos de saúde; mentres que Piranesi, romántico, andaba á procura da estética da ruína, iso si, reivindicando a magnificenza da antiga Roma, e esixindo a recuperación desas construcións. Nos seus escritos, Giambatista Piranesi aínda ía máis lonxe e negaba a importancia dos legados culturais de gregos e etruscos. Por que? Todo a máis gloria da grande urbe romana, a que un día foi capital do mundo.
Humberto Rivas –o fotógrafo que afirmaba que a relación do fotógrafo co modelo (sexa este o que sexa) é unha contenda, unha guerra; guerra que, se o fotógrafo é bo, sempre debe ganar– foi obxecto dunha extensa e completa antolóxica das súas creacións por parte da Fundación MAPFRE no ano 2018: Humberto Rivas. El creador de imágenes. Nesa retrospectiva estiveron as súas instantáneas conseguidas, en boa lide, polo norte de Arxentina, en Barcelona e por Europa, xa de edificios, xa de persoas, xa de cans. Unha das cousas que sorprende de Rivas é esa capacidade portentosa para personalizar todo o que non é humano. O retrato dun can ben pode asimilarse, polas poses, polo que reflicte, a unha persoa (ao seu dono?). O que logra Rivas é facer sempre retratos. As casas, construcións, que agora se poden contemplar en diálogo coas paisaxes urbanas de Piranesi, son en verdade retratos. Eses albergues para humanos elaborados con diversos materiais veñen tendo aparencias de seres vivos: uns son máis vellos, ou esveltos, ou illados, ou fantasmagóricos. Rivas vai virando, vai procurando os efectos de luz sobre as superficies, vai á busca do mellor ángulo. Os seus retratos son angulados. Non hai máis que deterse en espreitar que posición lle agradou para inmortalizar a Jorge Luís Borges e logo repasar as infinitas tomas que fixo de edificios. Os ángulos son practicamente os mesmos. A loita Borges-Rivas foi moi dura? Ganar ganou o fotógrafo.
O diálogo establecido nas salas de Artur Ramon ben se pode referenciar á confrontación de paisaxes. Hai un ano esta mesma galería presentou a mostra L’Espai del paisatge, un percorrido polas diversas opcións de paisaxes que os artistas crean, xa para representar realidades, xa para inventar o mundo. As obras de Piranesi e Rivas que agora están colgadas nos muros de Artur Ramon ben puideron formar parte daquela exhibición.
A exposición Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies é unha escolma de mapas. Si. Os gravados de Piranesi son paisaxes-postais nos tempos que aínda non había tarxetas postais como tais, pero son postais da cidade de Roma: a enésima veduta que axude á formación da magnificenza urbanística da urbe. En troques, as fotografías de Rivas son anti-postais. Rivas non vai perseguindo a toma amable, a perspectiva grandiosa dunha rúa, non; máis ben o contrario. Todo invita a pensar que o fotógrafo andou corenta anos na persecución da mesma toma, das mesmas paredes; como o pintor que sempre pinta a mesma obra.
Pero o que si son en ámbolos dous casos é mapas. Nos dous casos trátase de mapas infinitos, de mapas tan dilatados coma as vidas dos seus creadores, mapas sen rematar. O paso do tempo é ilusorio. Ao longo dos anos estes artistas van perfilando as mesmas liñas, os mesmos espazos; espazos que habitan no seu interior. Son autores de mapas paradóxicos. Se por algún azar fantástico estes dous artistas coinciden un día nunha vila, se coñecen, camiñan xuntos polas súas rúas, de certo entre eles irá un grego amante dos paradoxos: Zenón de Elea. Se Aquiles non adianta á tartaruga, por máis gravados, por máis fotografías, nin Rivas nin Piranesi darán rematado os seus mapas.
Rivas-Piranesi: Teatro Metafísico?
Neste mundo em que esquecemos
Somos sombras de quem somos,
E os gestos reais que temos
No outro em que, almas, vivemos,
São aquí esgares e assomos.
(Fernando Pessoa, 1911).
Os gravados e fotografías que se manteñen en constante diálogo en Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies son parte da función do teatro do mundo. Son unha miga da extensa representación da visión e recreación que os humanos facemos das realidades. E se esas realizacións, separadas por 200 anos, fosen espellos? E se tanto un coma outro artista quixesen na esencia das súas execucións redefinir, redeseñar teorías verbalizadas hai máis de 2.500 anos?, serán novas versións do Mito da Caverna? Hai dous anos Artur Ramon tivo o acerto de programar a mostra Tiempo imaginario da artista Pamen Pereira. Naquela ocasión a artista, a xamán das ucronías, a feiticeira que fai voar restos orgánicos, que teletransporta ao visitante, tamén xogaba co tempo, facéndoo bascular entre o surrealismo e o as miradas a través de espellos do tempo. Tamén tiña visos de estar a xogar co mundo das ideas; como Platón. Os edificios de Rivas, con luz forzada, moitas veces en contraluces, queren significar a “idea” de casa? E Piranesi, á procura do pasado glorioso e a súa recuperación, risca sempre os mesmos trazos?, foxe das aparencias?
Non falta quen afirme que tanto Rivas como Piranesi móvense en dimensións queridas polo pintor metafísico Giorgio de Chirico, o autor de paisaxes imaxinados, o pintor que deixou escrito, en 1913: Unha das sensacións máis estrañas e profundas que nos deixou a prehistoria é a do presaxio. Esa sensación existirá sempre. É como unha proba eterna da non-sensación do universo. As súas estruturas xeométricas, inzadas de arcos de medio punto –tan romanos, tan románicos– camiñan á par das instantáneas de Rivas e mais dos gravados de Piranesi.
Dentro do xogo deste teatro de realidades (de vaidades?) ao que convida Artur Ramon tamén caben outras visións: Piranesi e Rivas andaron acumulando vanitas, esa manifestación tan barroca, tan debedora da mortalidade dos humanos. Tal vez estes artistas non están tan lonxe como se pode sospeitar de pintores actuais como os irmáns Santilari, os inventores da frugalidade compositiva para aprehender os silencios da vida.
*
EXPOSICIÓN: Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies. Galería de arte Artur Ramon. Ata o 24 de abril de 2020
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …