Poemas do libro inédito Entre as sombras e a luz, como sentida homenaxe a Rosalía de Castro.
***
Agárdame.
Un día irei a ti.
Cando agromen as violetas sementadas no teu peito,
e de novo
escoitemos o teu canto.
*
Que misterio me une a ti,
que misterio.
No silencio, na palabra; sombra.
E na luz.
Que misterio…
*
A primeira e última andoriña daquel verán
deixaron sinal en ti.
Aínda es seu niño.
*
Veño pensar en ti,
nos límites dun novo paraíso
rescatado á malicia da serpe.
Veño buscarte no labirinto deste edén
onde é símbolo a mazá,
que preserva a frescura e a inocencia.
Veño pensarte nos límites dun tempo
que non se mide por distancias.
Veño sentirte, aquí, en Padrón,
no dourado solpor desta invernía
mentres canta o teu nome un reiseñor
por entre frondes malvas.
*
Nos acenos da pomba e da azucena, descífrote.
Na liberdade dos paxaros.
No zunido do vento, que se goberna só.
Descífrote na choiva, nos pinos e nas ondas.
Nos símbolos miniados dun libro de oracións…
No loureiro e na rosa, síntote,
Na cereal beleza da flor entre os trigais.
A clave en luz sonora desvélanma os teus versos.
E ti, que es constancia
no meu mundo interior.
*
Ti.
Es enigma
de néboa
e máis de lúa,
anainada nun son
de choiva e de campás.
Nos altares do tempo
es saudade
transida tan só
de saudade.
*
En Padrón, na súa alcoba, unha invisible man acariciou a rosa
que descansa no seu leito.
Pulsou a lira do silencio, e interpretou
unha sentida melodía.
E o cuarto iluminouse cun vivo resplandor.
Nese momento, nos recantos escuros,
acusouse o relevo dunha sombra.
E a luz revelou naquel espazo
unha nova dimensión…
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …