Por un momento, Añón, Pintos, Camino, o patriarcado da nova época literaria, atraeron a atención pública e encheron o momento coa súa significación. Foi só un momento. Ao cabo de pouco tempo eclipsáronse e os seus nomes diante da magnitude dos poetas que chegaban. Xurdían as figuras gloriosas de Pondal, o símbolo do primitivismo galego, o símbolo das nosas loitas de vindicación, o bardo celta, Homero de Galicia. Curros Enríquez, verdadeiro poeta en toda a extensión da palabra, forte, robusto, delicado e sutil, que compartirá a primacía dos nosos clásicos con Lamas Carvajal, o cego poeta da terra –entendendo terra no sentido máis próximo á terra traballada–, Gabriel e Galán dos nosos lares. E por riba de todos, a enorme, a inmensa poeta que naceu muller para encarnar máis fielmente a alma do pobo, Rosalía de Castro, a doce e divina Rosalía, cuxo nome soa a bendición e é como dicir Galicia.
E arredor das figuras próceres, a lexión incontábel de secundarios para nos outorgaren a evidencia de que o Rexurdimento non era xenialidade de catro ou cinco valores eminentes, senón que era o ambiente e floración en todas as imaxinacións, como se neles residise –despois dos signos dos astros– a palabra inspirada do bardo: os tempos son chegados! (1)
Curros e Rosalía dan orixe a numerosa escola. A enumeración sería longa, o exame pesado. Vémonos, xa que logo, obrigados a facer un estudo a grandes liñas, explicando os aspectos máis capitais da literatura galega e a súa significación. Cada unha das personalidades que acabamos de mencionar ocuparía, cando menos, unha conferencia: algunha, como Rosalía, unha conferencia por cada obra.
Obsérvanse tendencias afíns na variedade do estro dos creadores.
Añón é o pai da musa festiva, que coa sentimental dan a visión da alma galega. Hai en Galicia un hálito de tristura que é constante como os seus ceos grises e os seus lindeiros perdidos, que non amarga a vida que se corresponde cunha alegría triste que é a ironía. Ironía é toda a musa festiva de Galicia, tan copiosa, tan abundante, tan variada, tan propicia. Finísima ironía, natural á intelixencia superior do home do Norte, marcada cunha paisaxe vaga e indefinida, limitada pola néboa, indecisa pola cor, misteriosa na desigual e sorprendente estrutura. E por outra parte, sentimentalidade relixiosa que é nas supersticións finura dos nervios, nos profundos e subxectivos cantos populares, finura das almas, nunha e noutros proxección e resumo da paisaxe, suxestión da terra sobre o home.
Añón, diciamos, é o pai da musa festiva, así como no século XVIII o Cura de Fruíme e máis adiante Benito Losada.
Pondal foi o poeta heroico de Galicia. A condesa de Pardo Bazán, que escribiu sobre o poeta unha das súas mellores páxinas (De mi tierra, Madrid), sitúao e colócao idealmente en época anterior ao cristianismo, en plena puxanza céltica. Non hai en toda a súa obra ningunha alusión a nada claramente histórico. Pondal é un rimador de evocacións afastadísimas, é un baladista errante. O seu nume inspirador son os piñeiros (sempre o sentimento da natureza nas letras galegas). Queixumes dos pinos titúlase o seu libro capital. Fixo poesía exclusiva, personalísima, chea de evocadora soidade, dunha evocación nada clara, senón confusa: había, máis que o testemuño das idades mortas e dos tempos vellísimos, o cheiro, o son, o presentimento. Falaba deles coa heroica vaguidade con que cantan os seus piñeiros ben amados, con tanto vigor e sequidade que semella presencialos. E é que os vía en presente, como os evocaba na natureza, na paisaxe brava que puido finxir que fose testemuño mudo e inalterábel do que aconteceu en tempos primitivos, e así Pondal escoita o son relixioso do piñeiral pensando que así soaron daquela, que foron acubillo das hostes de Breogán. E a ánima errática e aireada de todos os ventos recibía no heroico rumor o mandato doutras idades fortes, que estraña como aquel que leva un fantasma na imaxinación.
Asusta pensar como aquel home puido substraerse ao ruído do seu tempo, conservar a súa rara posición espiritual. Só seguindo a súa vida se explica e se atinxe a razón da súa obra. Sempre na aldea, no agro milenario de Bergantiños, viviu Pondal até os dez derradeiros anos da súa vida, en que se fechou na súa agudísima neurastenia na cidade (A Coruña) recluído no seu cuarto anos enteiros, até o punto de pasar cinco anos sen saír á rúa, rodeado de libros que lle falaban da dourada protohistoria de Galicia, así como volvéndolle a contar o soño dos seus breves poemas, sen se comunicar con ninguén, nin soster relacións de amizade, senón con rarísimas persoas e en rarísimas circunstancias. Así a súa obra había de pasar, para gloria do seu autor, inadvertida e incomprendida. A enorme popularidade do poeta debeuse a unha composición completamente en pugna, diametralmente oposta ao total espírito da súa obra, independente, áspera e espontánea. A campana de Anllóns, pesada, lambida, falsa concesión a un sentimentalismo de romanza. Nela ve a Pardo Bazán a única mostra de cristianismo da obra de Pondal e nisto o afirma a razón da súa popularidade.
Segundo era natural, non fixo escola. Hoxe, cando se van entendendo as súas obras, cultívase o seu xénero nos poetas da última xeración nacionalista. Está considerado como o verbo do primitivismo remexedor do sedimento ancestral da nosa patria e unha das súas poesías é a letra do Himno galego, ao que Pascual Veiga, o célebre autor da Alborada, lle puxo música.
López Abente é o poeta actual máis próximo a Pondal.
Rosalía de Castro foi o milagre da poesía popular, con aquel libro que foi o primeiro do Rexurdimento na orde cronolóxica, titulado Cantares gallegos, e que é unha colección de cantigas glosadas. Canto estarían identificadas a alma de Rosalía e a nosa alma colectiva, que moitos cantos populares pasan como se fosen da poeta e moitas glosas da poeta cántaas o pobo como súas! Porque, ademais, o gran sentido musical de Rosalía elixía o metro poético con marabillosa adiviñación.
Tres momentos espirituais marcan os libros poéticos de Rosalia. O de Cantares sinala a inicial idade do gozo e contentamento. O de Follas novas a cruel epopea do infeliz poeta, expresada xenialmente. En las orillas del Sar denuncia a sequidade espiritual, o esgotamento sensitivo malia o sufrimento intenso, o abatemento da alma, a morte de toda paixón: a chama luminosa apágase e queda o remol doloroso sobre a alma torturada, que resignada e xa chantada no padecemento, non sente nin chora. Despois do berro arrepiante de Follas novas a poeta senta diante da súa tumba a esperar filosofando un final que lle traia a nada ou o nirvana. En las orillas del Sar. O libro escrito en castelán, nota característica. Cantares gallegos é así como unha presa de rosas húmidas e frescas; é un libro matinal e virxinal que xa anuncia con melancólico sorriso o advento da futura dor. Follas novas é un vaso de fel, onde o curioso lector poderá ver o diario da poeta e un diagnóstico seguro dun sublime histerismo agudizado pola dor física latente na raza galega. En las orillas del Sar, libro da tebra, como unha noite sen lúa, é como un pouco de cinsa que o poeta coloca na palma da man.
Falar da poeta non é un traballo que se faga cun inciso. Deixando de lado a importancia que ten na revolución da métrica española, da cal foi inmediatamente precursora, como o foi do modernismo no pensamento, un estudo de cada un dos seus interesantes libros, un repaso á súa vida de castigo e de mortificación, sería tarefa abondo grata para min, por ventura a máis grata na que quixera empregarme, pero imposíbel pola imposición do tempo.
Foi numerosa a súa escola e a máis duradeira, que como tal continúa a latexar nos momentos actuais arredor da figura xenial de Ramón Cabanillas, a quen, aínda que personalísimo, podémolo nomear irmán espiritual da inspirada filla do Reitor de Padrón.
Curros Enríquez foi o poeta protestante da nosa literatura. Puxo o seu finísimo sentimento nunha barricada e exerceu a máis fonda suxestión nos oprimidos. Foi a arma poética da rebelión, foi o heraldo de todos os alzamentos dun apóstolo de calquera xustiza. Polo que respecta ás súas ideas, poderíase facer un estudo e seguramente deduciriamos que foi un rexionalista de sentimento e non de ideas, por ben que el protestase e afirmase que o era nos dous aspectos. Cousa completamente natural en que non acertou, pola súa mesma impetuosa e magnífica vehemencia sentimental, a dar fixeza ás ideas de falso cosmopolitismo tan en voga no século pasado e que el aprendeu malamente, e non xerminadas nos estudos senón tomadas de oídas por simpatía de sonoridade e fácil melodía. Mais foi, en troques, un poeta inestimábel, altísimo, cuxa lectura nos enche a alma de romantismo, de ataque, todo isto dito cunha sentimentalidade paterna, como dixo de Curros o poeta andaluz J. R. Jiménez (Platero y yo, Elegía). A formidábel espiritualidade de Aires d’a miña terra e a técnica de mestre d’O divino sainete, e en todo lugar o seu fondo galeguismo, desafían calquera continxencia da posteridade como valor perdurábel.
Foi maior que a de Rosalía a escola de Curros Enríquez, debido indubidabelmente ao fervor do momento que demandaba con urxencia voces ergueitas e espíritos decididos, e prefería á poesía contemplativa a poesía persuasiva.
Valentín Lamas Carvajal, por último, non tivo escola en toda a extensión de Rosalía e de Curros. Benito Losada e Lamas Carvajal son dous aspectos dun mesmo tema: o campo. O primeiro foi unha colleita de ditos e grazas: o enxeño. Lamas Carvajal especializou o seu canto no tema que todos finalmente tocaban, a terra, mais esta vez na súa acepción máis material e física. Retratou o campo e o campesiño galegos e contou as súas penas cunha verdade húmida de tenrura que fai acreditar un home rústico que escribía poemas, resumindo nel mesmo aquela facultade poética asperxida no inmenso anónimo da xente rural de Galicia. Hoxe revive a musa inxenua do cego Lamas Carvajal na fresca e cheirosa inspiración do cantor da montaña Noriega Varela.
Barros Sibelo, Vicente Turnes, García Ferreiro, Pereira, Barcia, Martelo, Cabeza de León, Armada, Figueroa, Puente y Brañas, Elices, Dato…
Todos coinciden, dentro da variedade espléndida, nas dúas características eternas: a posición espiritual e o sentimento da natureza.
A posición espiritual é dunha vaguidade rústica ou sentimental melancólica e a ironía. Velaí os dous polos en que se move a alma galega, a dor e a alegría temperadas pola melancolía en tristura e ironía. Este aglutinante de melancolía é un produto da paisaxe, de horizontes perdidos na néboa, da terra coloreada cunha gama prateada. Así como nos pobos de sol e de sombra, de gama dourada, a alegría embriagada e louca contraponse coa traxedia. Aqueles elementos naturais que nos entraron polos ollos determinaron a vocación da poesía subxectiva de Galicia diante do espectáculo do misterioso e do incerto, alimentando poderosamente a imaxinación, así como nos países de sol e de sombra, todo é máis concreto, máis definitivo e positivo, porque non hai limitación nin vaguidade.
E o sentimento da Natureza? O Rexurdimento non achegou outra novidade que a dos nomes e a orientación de modernidade e madureza. Mais entre os troveiros e o Rexurdimento, por enriba de todas as distancias, latexa forte e eterno, ao unísono, o formidábel sentimento da Natureza que, así como a outra característica espiritual, vibra desde a Peregrinatio Silviae da monxa Exeria do Beireza, até os versos triunfais de Cabanillas. Un sentimento da natureza que se manifesta na mesma vida económica tal como toda a vitalidade rexional (salvo a cidade de Vigo) está vinculada á aldea.
Até tal punto é constante a súa influencia nos costumes, que a música popular adapta a expresión das súas cancións á hora da Natureza, e así ten a alborada para o raiar da alba, para a posta o alalá sedutor e intensamente melancólico, cheo dunha nostalxia invencíbel.
As modernas orientacións das disciplinas positivas puxeron de relevo a transcendencia da imitación como factor dos actos humanos. Nós podemos formular unha teoría sen medo a pecarmos de esaxerados. Dicimos que así como a compaixón leva o espectador a tomar parte nos sufrimentos do paciente, copiando inconscientemente a carantoña de sufrimento e a crispación dolorosa; así como diante dunha relación de feitos graves as faces se poñen serias e diante dunha face sorrinte a nosa compenetración pinta o riso no rostro; así ao cabo de pouco tempo de vivir nun lugar forasteiro acadamos o peculiar acento prosódico e os costumes; así como asimilamos os xestos das persoas coas que vivimos, así tamén na máis ampla e afastada orde recibimos influencias análogas que mellor que nunca se plasman en nós mentres somos nenos (debilidade, falta de personalidade) e o axente influente ten algo de superioridade ou produce admiración. Atracción ou simpatía que fai de cada alma un centro e da sociedade un anel que no trato humano é eixo de toda a ética en paridade co gran feito da atracción física do universo; e o espírito de imitación, tan característico, onde ao fin e ao cabo se resumen herdo e predisposición. Nunha orde amplísima, a Natureza, o cosmos, ser superior a nós (por moito que o home reaccione sobre eles) educa e forma os homes en moldes especiais. Deus vive na súa obra, a Natureza fai os homes a imaxe e semellanza dela. E o home do Norte e do Sur, o da planura e o da montaña, o do val e o da ribeira son tipos distintos. O home é unha imitación da súa paisaxe: a psique modúlase pola paisaxe e o home da planura é plano e o do fogar sinuoso é sinuoso. E o fillo da néboa é triste e irónico. E o fillo do sol é fecundo e tráxico. E os poetas da primeira son vagorosos e humorísticos, e os do segundo brillantes e decisivos. O primeiro país é reflexivo e reconcentrado. E o segundo é pasional e impulsivo. Eis aí o carácter fillo da paisaxe.
O idioma, finalmente, é a suprema imitación da Natureza. É evidente que ten que haber algunha razón para que no mundo e incluso nun mesmo idioma haxa tantos aspectos e bifurcacións lingüísticas. Reparemos inmediatamente en que a cada paisaxe corresponde unha lingua peculiar e que tantos idiomas son falados no mundo como variantes hai da Natureza. Ao comezo da vida os xefes da humanidade falaban de maneira constante unha soa lingua, até o día da Torre de Babel, que ao colleren as familias distintos camiños realizaron a primeira deslocación ou difusión de poboación, faláronse linguas diferentes. E os idiomas nais, os idiomas tronco, fóronse desdobrando, adaptándose a cada lugar en que estabelece a súa habitación. Desta maneira, Deus, que impulsou toda evolución, vía continuada unha vez máis a súa obra polos axentes que saíron das súas mans.
Que máis? Ao comezo, segundo a Xénese, Deus fixo primeiro a Natureza, despois o home. O home, ao fin, como resultado de todo aquilo. E despois de que fixese os ríos, as montañas, os mares e os ceos, mandou Deus ao home que falase.
Toda a nosa vida é obra da Natureza. E esta imitación estética entra e determina até o factor económico, en canto a paisaxe marítima ou montañesa, o terreo pantanoso ou o de saltos de auga sinalan típicas economías que á súa vez teñen un refluxo sobre a linguaxe, enchéndoa de palabras da técnica dos oficios, empregadas para designaren por analoxía as ideas máis universais da vida.
Ao requerimento do Rexurdimento, que lixeiramente delineamos, espertaron os folcloristas, realizando unha obra copiosa e en alto grao estimábel, de onde saíron os inventarios eruditos, as inéditas historias, os coros conservadores da riquísima música popular e a numerosa bibliografía, inxustamente esquecida despois de tan pouco tempo sen ter en conta que aqueles principios foron a base destas realidades. Hoxe aquilo é denominado rexionalismo de folclore con pouco piadosa intención e aínda hoxe hai quen quere descartar os símbolos sentimentais da raza! Como se se puidesen borrar! E como se o rexionalismo de loita e de acción non debese os favorábeis acollementos e a oportunidade e a razón de existencia a aquelas manifestacións líricas! Precisamente o nacionalismo como idea política é a concreción dun profundo sentimento (2). É unha obra de ambiente de espiritualidade que se arraiga na exaltación da personalidade, na acusación forte e vital dun carácter colectivo que nunca se marcará tan distintiva e claramente como cando é expresada na manifestación espontánea da beleza e na tradición estética. A política é arte de aplicación, cousa secundaria, que toma os seus elementos de criterios máis altos. É consecuencia, adaptación; reconduce e regula a vida segundo o seu imperio, porque a vida é anterior a calquera política. Os sistemas que colocan a política en primeiro termo, cambiando o seu carácter adxectivo por unha substantivación e eficiencia, son precisamente os malos partidos que combaten contra a saúde de España.
Son os Rexurdimentos positivas orientacións rexionalistas (Pondal, sobre todo), pero máis que isto, pola significación galeguista do Rexurdimento, polo ambiente que formaron as ideas nacionalistas actuais de Galicia, teñen que recoñecer a filiación daquelas causas. E a partir delas a evolución foi sinxela e breve, desde os himnos de Añón á decidida orientación de Cabanillas na súa poesía En pé!, que resume a vocación nacionalista dos poetas e que ollada á luz destes días e na paisaxe de Compostela nos lembra aquel home (3) ao que estaba dedicada, que caeu na metade do camiño que aqueles versos lle sinalaban.
Ao chegarmos aquí, enunciamos dous temas que poden ser obxecto doutro estudo. Un é a literatura actual de Galicia, na que claramente se ve un considerábel progreso, pola maior e complexa variedade de aptitudes literarias. O outro é o estudo do futuro desta literatura, estudando aquel achegamento a Portugal que comeza a se albiscar, solución que pode dar un valor universal ás nosas letras e sae ao encontro do mito profético de L’Atlàntida, que albisca que o xigante lusitano ha desencantar a doncela do Noroeste.
NOTAS
(1) En galego no orixinal (Ndt.)
(2) O caso de Alfredo Brañas, poeta e definidor do rexionalismo, era ben característico (Nota de Pita Romero).
(3) O poema «En pé!», de Ramón Cabanillas está dedicado a Luís Porteiro Garea (1889-1918) (Ndt.)
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …