Acaban de gravarme para a TVG a falar do antreproxecto de Lei de Economía Sustentábel / disposición primeira. Temo ter soltado un lío de afirmacións sen xeito, mais en fin, faise o que se pode. A miña argumentación pretendía ser a seguinte:
Paréceme que a disposición primeira está pensada para protexer os negocios particulares, non para mellorar o benestar común dos cidadáns. Se vai adiante podería chegarse á indefensión xurídica dos usuarios dos medios dixitais, porque se permitiría o peche de páxinas web a instancias dunha autoridade administrativa, case sen intervención xudicial. Isto acontece nunhas circunstacias en que o goberno socialista anuncia o propósito de introducir as TIC na vida diaria dos colexios. Se asume o goberno que as tecnoloxías da información e o coñecemento son ineludibles nos programas de ensino porque o futuro laboral da maioría pasará por usalas, por que non as toma realmente en serio e lexisla en consecuencia? A verdade é que semella que aínda perdura a vella visión de que na internet só pululan unha morea de rapaces trastes, cando na realidade todos sabemos que o presente e futuro do mundo desenvolvido están xa instalados no traballo dixital.
Esta Lei suporía que se teño un blogue, e nel teño unha ligazón para outro que á súa vez liga para un terceiro que supostamente fai negocios ilícitos, podería a Administración pechar o meu pola relativa “promoción” dun negocio ilegal. É dicir, un despropósito. Nese caso eu non estaría a facer negocio de ningún tipo e por suposto non son responsábel dos contidos dos outros. A Rede funciona con rapidez, e este facto beneficia o que fai ben e tamén para o que fai mal, está claro, facilitando que o ilegal desapareza se oculte ou mude inmediatamente de máscara. Mais criminalizando o usuario xeral ou cobrándolle un cánon pola suposta ilegalidade dos máis indignos non se chega a unha situación de xusticia aceptable.
Os argumentos completos de Red SOStenible, sensatos e oportunos, xa foron traducidos para o Blogomillo:
«Consideramos imprescindíbel a retirada da disposición final primeira da Lei de Economía Sustentábel polos seguintes motivos:
1.-Viola os dereitos constitucionais en que se ha de basear un estado democrático en especial a presunción de inocencia, liberdade de expresión, privacidade, inviolabilidade domiciliaria, tutela xudicial efectiva, liberdade de mercado, protección de consumidoras e consumidores, entre outros.
2.-Xera para a Internet un estado de excepción no cal a cidadanía será tratada mediante procedementos administrativos sumarísimos reservados pola Audiencia Nacional a narcotraficantes e terroristas.
3.-Establece un procedemento punitivo “á carta” para casos en que os tribunais xa teñen manifestado que non constituían delicto, implicando incluso a necesidade de modificar polo menos 4 leis, unha delas orgánica. Isto implica un cambio radical no sistema xurídico e unha fonte de inseguridade para o sector das TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación). Lembramos, neste sentido, que o troco de coñecemento e cultura na rede é un motor económico importante para saír da crise como se ten demostrado amplamente.
4.-Os mecanismos preventivos urxentes de que dispoñen a lei e a xudicatura son para protexer toda a cidadanía fronte a riscos tan graves como os que afectan á saúde pública. O goberno pretende utilizar estes mesmos mecanismos de protección global para beneficiar intereses particulares fronte á cidadanía. Ademais a normativa introducirá o concepto de “lucro indirecto”, é dicir: a min poden pecharme o blogue porque “promociono” un que “promociona” outro que vincula un terceiro que fai negocios presuntamente ilícitos. […]» (Ler máis en blogaliza.org)
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …