Modotti. Manos de mujer lavando ropa, 1928
Quen vén sendo Tina Modotti? A artista de orixe italiano e practicas revolucionarias foi ben coñecida en moitos países e círculos. Publicou poemas, artigos, foi retratista do México revolucionario. Por que, logo do seu pasamento, caeu sobre a súa persoa esa espesa néboa do esquecemento? Non por cruzar o río Limia, non. Hogano o KBr da Fundación Mapfre faille xustiza, cunha magnífica exposición, a quen chamaron The best-known unknown photographer of the twentieth century.
❧
Tina Modotti. KBr Barcelona Photo Center. Fundación Mapfre
La nueva rosa es tuya, la tierra es tuya: / te has puesto un nuevo traje de semilla profunda / y tu suave silencio se llena de raíces. / No dormirás en vano, hermana. / Puro es tu dulce nombre, pura es tu frágil vida: / De abeja, sombra, fuego, nieve, silencio, espuma: / De acero, línea, polen, se construyó tu férrea, /tu delgada estructura. (Versos do poema Tina Modotti ha muerto que Pablo Neruda dedicou á artista).
O centro fotográfico de referencia en Barcelona, o KBr Barcelona Photo Center que a Fundación Mapfre estableceu mirando á plenitude do mar Mediterráneo, ten o acerto de presentar agora a exposición temporal Tina Modotti, unha retrospectiva sobre esa artista e fotógrafa de traballos de pescuda orixe obreiro e italiano que rematará por vivir boa parte da súa vida madura en México. Previo a esta magna exposición hai un exhaustivo traballo de investigación que permitiu coñecer moito máis sobre os traballos desta fotógrafa. Por varias razóns que logo se comentarán, Modotti foi unha de tantas artistas sobre a que caeu un molesto e inxusto silencio de décadas. Con estes traballos de pescuda agora tense unha visión de conxunto da súa vida e obra. Cómpre salientar que sobre Tina Modotti (Údine, 1896-Ciudad de México, 1942) hai bastantes biografías escritas, malia ese silencio espeso que a sepultou. Biografías -iso si- que cargaron as tintas e a meirande parte das súas redaccións sobre aspectos da vida privada da fotógrafa udinesa: amoríos, expulsións e outras facetas da súa persoal historia. Nada dos seus traballos profesionais; de aí a definición deThe best-known unknown photographer of the twentieth century.
A mostra Tina Modotti ofrece aos visitantes unhas 250 fotografías, das que algunhas son copias vintage, feitas pola propia autora. Para dar cumprida relación da riqueza produtiva de Modotti tamén están nas salas do KBr moitos exemplares de revistas mexicanas nas que a fotógrafa publicou as súas instantáneas e mais nas que escribiu artigos, pois tal era a diversidade da súa produción. Noutras revistas publicou poemas (como por exemplo, a revista The Dial, de San Francisco, onde publicou Plenipotentiary, 1923). Por suposto non poden faltar imaxes tomadas polo que se considera o seu mestre en fotografía, o pictorialista Edward Weston, nin filmes nos que actuou como unha das protagonistas. Neste eido da actuación teatral -moi practicada por Modotti- sobresae a película The Tigers Coat, de Roy Clements (1920), un filme mudo onde a futura fotógrafa demostra as súas capacidades interpretativas e unha carga dramática que sabe explotar perfectamente acompañándose do seu físico moreno e latino. Tina Modotti sempre foi corpo e espírito.
No ano 1929, en México, Tina Modotti publica o artigo “Sobre la fotografía” na excelente revista de cultura mexicana Mexican Folkways. Ese artigo sérvelle á artista para definir as súas instantáneas (fotografías honradas). Que é o que pretende facer ao disparar a cámara contra algunha persoa, contra algunha realidade social?: En realidad, lo que trato de producir no es arte, sino fotografías honradas, sin trucos ni manipulaciones, mientras que la mayoría de los fotógrafos aun buscan los “efectos artísticos” o la imitación de otros medios de expresión gráfica, de lo cual resulta un producto hibrido y que no logra impartir a la obra que producen el rasgo más valioso que debería tener: LA CALIDAD FOTOGRAFICA».
Recoméndase ler este escrito acompañados polos compases de corridos mexicanos. A poder ser corridos revolucionarios.
Tina Modotti. Plenitude mexicana. Revolución.
Carabina 30-30 / que los rebeldes portaban / y decían los maderistas / que con ellas no mataban. / Con mi 30-30 me voy a marchar / a engrosar las filas de la rebelión / si mi sangre piden mi sangre les doy / por los explotados de nuestra nación. (Versos do corrido mexicano Carabina 30-30, himno dos revolucionarios nos anos 1910).
Despois de vivir en Italia a súa infancia e adolescencia, Modotti emigra (anos 10) aos EEUU, á costa oeste, San Francisco, onde a comunidade italiana era moi numerosa e moi activa. Alí comeza as súas iniciativas teatrais e tamén comeza a escribir. Como xa se dixo, o teatro lévaa a Los Ángeles ao cine mudo. E nese ambiente de novidade cultural e industrial protagonizar filmes, sendo The Tiger Coat (1920) o que alcanzou máis sona. Tamén aí coñece ao fotógrafo Edward Weston que tanto a influirá nos seus comezos, tanto como para poder afirmar que foi o seu mestre nas artes da retratística. Weston comezou sendo pictorialista e logo evolucionou cara unha fotografía con liñas de abstracción, e sempre esteticista. Polos anos 20 Modotti sentiu o atractivo do país veciño e viaxou xunto con Weston a México, indo ambos nas mesmas liñas de traballo. Hai bastantes exemplos de imaxes nos que ambos captan coas súas pesadas cámaras os mesmos motivos, pero sempre hai diferenzas. Weston quédase nas pura abstracción das liñas, por exemplo, mentres que Modotti mestura esas abstraccións coa visión humanista de persoas, de traballadores.
E vai ser precisamente aí en México, cando o fotógrafo volva a EEUU, cando a friulina farase absolutamente autónoma e iniciará os vieiros cara unha fotografía humanista, comprometida social e politicamente. Case todas as instantáneas de Modotti que se coñecen (e agora coñécense moitas, ou polo menos -grazas as pescudas que se fixeron antes desta magnífica mostra antolóxica- sábese que é dela a autor) son destes anos en México (de 1923 a 1940). A cámara de Modotti xírase cara as persoas desfavorecidas -mulleres, nenos, homes-, cara aquelas situacións que a sublevan e que a levarán a comprometerse política e socialmente no Partido Comunista Mexicano. As instantáneas de mulleres traballando nas labores cotiás,tan “ordinarias”, tan esquecidas na meirande parte das traxectorias de fotógrafos prestixiados; as numerosas veces que o obxectivo de Modotti xira cara aqueles recunchos por onde transita a infancia anónima de tantas nenas e tantos nenos (facendo traballos desde ben novos); noutros casos as imaxes procuran a dureza dos choios que exercen os homes máis obrigados a exercer as labouras máis duras e peor pagadas.
Sorprende moito que un dos temas recorrentes da estética obreirista e mais rural da retratista da revolución mexicana sexan só as mans. As mans rexas, cuarteadas polos rigores climáticos e mais polas tarefas que executan. Mans humanas, humanistas; moi, moi expresivas dentro dos canons que procuraba Modotti. Aquí é doado contemplar unha galería de mans inmortalizadas por Modotti.
Tina Modotti tamén tirou fotografías de composición nas que amosa elementos propios dos movementos revolucionarios que andaban a suceder en México. Cananas, guitarras, fouces, sombreiros, espigas de millo … son pezas que retrata arreo. Precisamente comeza este apartado da reseña cos primeiros versos dun famoso corrido mexicano que foi empregado como himno en moitos dos casos das revolucións mexicanas. Aquí unha versión de Carabina 30-30.
Tina Modotti. KBr. “The best-known unknown photographer of the twentieth century”.
Unhas poucas mulleres aparecían con certa regularidade para representar todo o que non era arte, non era arte porque se asociaba co xénero feminino. É o que chamamos o “estereotipo feminino” (…) Ese estereotipo funcionou ao tratar a artistas mulleres como seguidoras ou discípulas de artistas homes, ou como artistas que, por natureza, facían cousas lixeiras: retratos, naturezas mortas, pintura de flores… (R. Parker e G. Pollock, Maestras Antiguas. Mujeres, arte e ideología, 2021).
Tina Modotti é dona dunha grande actividade en moitos eidos: sociais, políticos, culturais. En México foi a fotógrafa oficial dos procesos creativos de moitos dos muralistas. Por exemplo de Diego Rivera ou de Clemente Orozco. As súas instantáneas serven agora para constatar a evolución de tantos e tan potentes murais como se foron xestando nese estado aló polos anos 20 e 30. Por iso mesmo, tamén, coñeceu persoas importantes e ben coñecidas, como Frida Khalo. En 1982, concretamente, nunha galería de Londres presentouse a exposición Frida Khalo and Tina Modotti, o que demostra as estreitas relacións de ambas artistas.
Os compromisos e os traballos levaron á fotógrafa a colaborar en moitas revistas, xa publicando as súas imaxes (tiradas en calquera barrio popular), xa publicando artigos de diversa temática. Atópanse traballos seus en revistas como Forma, Horizonte, ¡30-30!, Mexican Folkways, El Universo Ilustrado, entre outras. Cando morre inesperadamente dun infarto en 1942 en Ciudad de México, Pablo Neruda publica o poema Tina Modotti ha muerto.
Con todas estas informacións semella evidente que Tina Modotti foi unha muller comprometida cos seus tempos e ben coñecida en moitos ambientes da sociedade. Por que logo foi totalmente esquecida?
O esquecemento foi tal que, en 1995, Sarah M. Lowe (comisaria) no catálogo da exposición que lle dedicou o Philadelphia Museum of Art (Tina Modotti: Photographs) definiu a Modotti -con toda a ironía- como The best-known unknown photographer of the twentieth century.
Por que a escura brétema borrou as súas pegadas? Pódense argumentar dúas razóns, a lo menos. A primeira e fundamental nesta sociedade patriarcal é polo feito de ser muller. Modotti neste senso non é excepción. A nómina de mulleres artistas desaparecidas dos tratados de arte pouco despois do seu pasamento é infinito. A primeira exposición -por citar un caso- que se fixo en España sobre mulleres artistas surrealistas aconteceu no ano 2017. Ata que ano da pasada década o MNAC, por exemplo, non colgou na súa colección permanente ningunha obra feita por unha muller? No mesmo MNAC houbo que agardar a 2017 para que se adicase unha exposición monográfica á primeira muller artista: Lluïsa Vidal. Outro tanto aconteceu no Museo del Prado e en tantos outros.
A outra causa pola que Modotti molestaba era porque era comunista. Ao acabar a Segunda Guerra Mundial o peor que se podía ser era comunista. Tanto que o nazismo e os nazis xa pouco molestaban (estarase volvendo a 1950?). A caza de bruxas decretada polo macartismo levou á ignominia a moitas (e moitos) creadoras. É ben coñecido o rol que exerceu nestes aspectos a CIA promovendo aos artistas do chamado Expresionismo abstracto (e as súas ansias de liberdade) como contraposición a toda a arte que tivese algo que ver co comunismo. Tina Modotti era comunista militante, ergo pagou o seu prezo. O ano pasado o Guggenheim Bilbao presentou unha magna exposición na que había obras de máis de cen mulleres que fixeran arte abstracta: Mujeres de la abstracción. Onde estiveron antes todas estas creadoras?
❧
EXPOSICIÓN: Tina Modotti. KBr Barcelona Photo Center, ata o 3 de setembro de 2023
You might also like
More from Artes
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …