O sábado pasado acudimos á Cea das Letras da AELG en Compostela, onde se entregaron os premios concedidos pola Asociación de Escritores a conta dos votos maioritarios dos propios socios, que escollemos cada ano as obras que máis merecen ser resaltadas dentro das publicadas no ano anterior. O sistema de votación deste ano, cun procedemento simple e en liña, facilitou moito máis a participación na elección.
Na literatura infantil e xuvenil gañou Xabier P. DoCampo, un amigo que o ano pasado apostou por un libro de xénero híbrido entre o narrativo e o poético, en paralelo ás ilustracións de Xosé Cobas, entre o figurativo e o abstracto, entre o realista das notas de campo do viaxeiro e a experiencia onírica de toda verdadeira inspiración.
Na poesía o escritor Xulio L. Valcárcel apañou o premio por unha obra en que os corpos se dilúen na líquida melancolía que pinga de todo aquilo que foi vivido, de todo aquilo sobre o que navegamos no presente até que atinximos unha terra futura que inevitabelmente se ha de perder entre os nosos dedos, licuada e gardada para sempre na garrafa da memoria.
No novo apartado de premio ao blogue literario, para o que este mesmo estaba nominado, gañou o de Marcos Valcárcel, un home de dilatado compromiso coa cultura e incontestábel mérito na web. Un home a quen foi un pracer saudar por primeira vez en persoa, e por quen manifesto publicamente a miña admiración.
Canto ao Premio de Escritora Galega Universal, só podemos dicir que a humildade de Elena Poniatowska só pode ser superada pola súa habilidade para falar con economía verbal e total precisión emotiva. A súa é unha mestría difícil de igualar. Eu viña de escoitala no día anterior durante o II Encontro Cidade da Coruña (que a AELG ofrecerá en breve na rede), na RAG, e por iso non me sorprendeu que comezase o seu discurso dicindo que era evidente que o seu corpo tras o atril e o micrófono non sobresaía porque ela mesma non abultaba máis do que “un perro sentado”. É a facilidade que ela ten para falar desde o “cero vaidoso”, para entregarse logo a denunciar as inxustizas que cada día padecen os que andan descalzos na procura do pan, as que entregan a pel na fábrica para logo lles seren roubadas as vidas que duramente arrastran no anoitecer. O escritor non importa, o escritor non ten face, o seu corpo non vale máis do que un can sentado. Mais a obra, aquilo que se destila do interior e debe inocular unha humanidade que penetre as consciencias, aquilo que debe ser escrito con amor polos mais, é o que realmente importa. Porque a obra para algunhas autoras como Elena non debe ser lastrada coas carnes de quen a escribe.
Na nosa mesa partillamos a alegría polos premiados outros nominados daquela noite. Eduardo Estévez, polo seu poemario Construcións, e María Isabel García Fernández, pola tradución d’ O xiro postal.
Durante a cea, o carácter vangardista de Tati Mancebo fixo que se lanzase nunha nova aventura comunicativa. Apañou o seu móbel e, tal como tiña previsto, emitiu ao vivo o ditame dos premios da AELG através do novo portal da Blogaliza. Os resultados foron estes:
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …