“A educación musical debe ser social, non individual. A música acompáñanos desde que nacemos cun axóuxere ou un canto de berce até que morremos cos sinos da igrexa”
A ORQUESTRA DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA (OMTG) é unha proposta do profesorado da Escola Municipal de Música de A Coruña como nova agrupación do centro para o curso 2013-2014. A diferenza esencial a respecto doutras agrupacións existentes na escola é que a OMTG se crea como un “taller” aberto tanto para alumnado interno como externo á propia escola.
O prezo para alumnado interno é gratuíto, e para alumnado externo hai que pagar a matrícula da escola e unha cuota mensal de 28 euros. A admisión na agrupación é a criterio do profesorado, precisando uns niveis mínimos instrumentais para esa admisión. A idea inicial é a de dinamizar a música tradicional na cidade da Coruña, permitindo un diálogo entre diferentes Asociacións Culturais e Escolas que a practican (tanto na cidade como en localidades próximas) e a Escola Municipal de Música, sen necesidade de que isto se interprete como unha competencia polo alumnado. En definitiva: facer unha agrupación novidosa que non compita senón que comparta a súa actividade con todas esas asociacións culturais e todo o alumnado da Escola Municipal de Música, en favor da dinamización da música tradicional na cidade.
A resposta inicial foi variada. Houbo unha participación alta por parte de alumnado do ámbito clásico e moderno da propia escola e de fóra dela. Do ámbito tradicional apuntáronse fundamentalmente como internos e externos alumnado e ex-alumnado do centro. Houbo mesmo unha petición tamén de participación desde Portugal, que se desestimou por distancia; mais tamén houbo a parte negativa: unha nula matriculación por parte dese alumnado das Asociacións que procurábamos, tal vez en parte por falta de publicidade suficiente, ou en parte por lóxica desconfianza.
Porén, conseguimos facer unha base sólida e a partir daí só foi traballar.
Que facer? Na escola tíñamos experiencias previas como a Aula Folque no ano 2002:
ou a longa e magnífica suite “De Galicia á Habana”, composta e dirixida por Scott Stroman no ano 2007 sobre repertorio tradicional galego:
Tamén, por suposto, coñecíamos e contábamos cos exemplos de varios proxectos levados a cabo por diferentes centros dos ámbitos da música folque ou tradicional: Conservatorio de Lalín e Central Folque en Santiago, Sondeseu na E-trad e Moxenas musical galego, dirixido por Xosé Oliveira en Vigo, as bandas de Xarabal e Suevia en Ribeira e Porto do Son con Pepe Romero ao frente; ou diferentes e novidosos conxuntos instrumentais criados no entorno de conservatorios de música, como o contemporáneo combo folque do Cmus de Viveiro con David Bellas, etc…
A cuestión era: que facer agora?
En principio pretendíamos unha especie de “big band” baseada en repertorio tradicional antigo e moderno con espazos mesmo para a improvisación musical; e fuxindo un pouco do que entendemos por “folque” convencional mais, era posíbel? Dependía un pouco do tipo de alumnado que se matriculase. Efectivamente, o propio alumnado imprimiu un carácter á agrupación definindo pouco a pouco cara onde tirar: levar adiante todo e adaptado para todos convertíase en demasiado traballo ao profesorado (sobre todo sen ter clara a permanencia do alumnado e mesmo da agrupación para un próximo curso), polo que ademais dos arranxos e composicións propias, decidimos recuperar vellas e inéditas partituras de coleccións particulares, de bibliotecas dixitalizadas de todo o mundo, etc.
Comezamos a remexer e apareceron cantidade delas, moitísimas completamente descoñecidas: desde fragmentos de zarzuelas, cantos populares e recollas manuscritas antigas na propia cidade, a repertorio de compositores como Adolfo Sierra co seu “Aires d´a Festa” de 1947 (un dos grandes do tango e probabelmente de orixe galega), ou a descoñecida “Muiñeira para Orquestina Coruñesa” dun tal H. Rossy, cunha 1ª edición (e probabelmente única) de 1930. Nada mellor se adaptaba á nosa idea. Estas obras leváronnos ao convencemento, máis unha vez, de que ás veces pensamos que imos parar o mundo e o mundo nos dá mil voltas, póndonos no noso lugar.
Na procura deste repertorio xunto a outro máis moderno, da tradición ou da composición actual; conseguimos o carácter propio, a personalidade da agrupación.
A recén creada OMTG comprende, pois, unha base de músicos afeccionados e un conxunto de repertorio (aínda pequeno) que ás veces soa máis clásico e ás veces máis moderno; con pequenas seccións de cordas e de metais, de gaitas, percusión tradicional e moderna, piano, acordeóns, contrabaixo, etc. Esta base, unida á magnífica resposta por parte de músicos profesionais para unirse e colaborar, permitiu que, en poucos meses desde a súa creación, a OMTG se presente por vez primeira ante o público.
O próximo día 24 de Maio ás 19:30 no Fórum Metropolitano de A Coruña (adiantado unha hora, como non!, pola coincidencia con eventos futbolísticos) faremos a primeira presentación ao público do proxecto. Esperamos que este artigo sirva para promovelo.
Non foi nada fácil chegar até aquí, moito traballo e ilusión de varias persoas: idas, vindas. Colaboradores e alumnos que se suman a última hora, outros que teñen que abandonar. Dunhas 35 persoas que se chegaron a sumar ao proxecto en diferentes momentos até as aproximadamente 25 que nese día subirán ao Fórum.
Non sabemos nen tan sequera se a agrupación chegará a consolidarse como tal nun futuro. Dependerá de varios factores: da resposta do alumnado e do público, do apoio institucional e do propio centro, e sobre todo do ánimo do profesorado para levalo a cabo, porque implica moitísimas horas de traballo non remunerado.
Tamén o de que cumpra o seu obxectivo fundacional: o de socializar a música tradicional na cidade. Para iso estará sempre aberta a calquera iniciativa ou proposta de diálogo e colaboración con outras Escolas, Asociacións, Institucións. As aportacións serán mutuas.
Área de música tradicional da Escola Municipal de Música da Coruña
You might also like
More from Eduardo Méndez Baamonde
Entrevista a Dúbi Baamonde
- Palavra Comum: Que é para ti a música? - Dúbi Baamonde: A música é em primeiro lugar comunicação. Acompanha ao …
Plastic: Mónica Tecland
PLASTIC é un trío dedicado á improvisación xunto a bases electrónicas formado na Coruña por Ismael Berdei (teclados e programación) …