Onte á noite, cando o denso e mollado tránsito nos permitiu chegar á pretendidamente deostada Galería Sargadelos da Coruña, acudimos á presentación do libro de ensaio Saudar a vida. Unha defensa das humanidades na sociedade do coñecemento, de Xavier Seoane.
Segundo Manuel Bragado e Cesáreo Sánchez, que alí estaban defendendo a mesa, é este un traballo que non se afasta da liña marcada pola esencial pulsión poética do autor. Aínda máis lonxe quixo ir Sánchez cando afirmou: “Xavier é poeta mesmo cando fai activismo cultural”. Pola súa parte, o arquitecto Manuel Gallego entendeu o humanismo defendido por Seoane como “un proxecto político totalizador”, que parte da “confianza no home”, ademais de constituír “un manifesto pola dignidade e unha denuncia das carencias humanistas da sociedade actual”.
Na súa intervención, o autor recoñeceu que o Sistema con certeza non ha de estar receptivo a un seu discurso que promove, en definitiva, a emancipación do individuo. E lamenta que até os círculos ideolóxicos progresistas manifesten tamén esta tendencia.
En palabras de Seoane, aliás, o concepto de Humanismo necesariamente debe entenderse unido á existencia dun espírito crítico: “Debemos perder o medo escénico e saír a ágoras amplas de debate”.
Canto ás motivacións para encetar a escrita desta obra, algunhas foron exprimidas en negativo: “Comecei este proxecto a causa dun malestar: a calquera predicador se lle atribúe un certo tipo de autoridade. Porén, ao intelectual e ao profesor ténselle xa retirada toda a súa auctoritas“.
Todas foron palabras que nos suscitaron un profundo interese pola obra. Porque humanistas tamén nós nos sentimos, en verdade, nestes tempos en que, libres talvez desde hai pouco dunha autoridade inxusta, estamos a ser asolagados nunha marisma de autoridades incertas.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …