Eu estaba alí, eu mesmo estiven próximo da idea inicial e da organización da presentación da obra de Catherine François na Coruña. Coñecía as dificultades de tempo que a autora e o tradutor, seu cónxuxe, superaron para viren promocionar o libro dela na cidade. Eu fixen fotos e gravei vídeos. Eu estaba alí.
Por iso me sorprende tanto que o título da reseña e o texto lle outorguen moita maior relevancia ao tradutor e prologuista, por outra parte divino cantante, letrista extraordinario, teórico da música sorprendente, conferenciante inspirado, crítico perspicaz e sólido intelectual… que non presentaba ningunha obra propia na Feira do libro. Del realmente poucas referencias dispensou La Voz de Galicia cando o músico comandaba A Coruña Son, este obradoiro de canción cunha fórmula inédita en España, e ningunha xa cando descubriu que tal evento era respaldado por unha concellaría con persoal nacionalista a traballar. De nada servíu que A Coruña teña visto nestes últimos anos que a Cultura existe na política municipal para alén das touradas, os músicos anglófonos, o teatro español e a ópera italiana. Quen non ve na cultura coruñesa como creceu a demanda a base de oferta autenticamente galega, aquela que nos permite relacionarnos con escritores, pintoras, ilustradores, cineastas, escultoras, bailarinos, actrices, editoras e tantas persoas que ao noso carón alimentan o seu talento con esforzo perante unha política institucional que llo quer deixar morrer de inanición…
…Quen non quere ver a realidade social non a ve, mais que despois non anuncie que o seu traballo é un baluarte das liberdades públicas. Evidentemente, estas actitudes non permiten un xornalismo digno, aquel que conta o que acontece para que o que ignora pase a saber, aquel que debemos apoiar porque non debe desaparecer. A diva desta festa foi Catherine François coa súa obra El árbol ausente, unha noveliña dunha sensibilidade tal que semella antes unha esencia literaria, un produto de bouttique ao que só os moi exixentes, aínda que sen vaidades económicas, poden acceder.
Se cadra o/a xornalista que acudiu referenciar o evento tivo que actuar así perante a insensibilidade dun seu superior. Se cadra un superior fai o que pode para mostrar a diferenza ao xornalista entre o xornalismo cultural e o xornalismo rosa, sen resultados polo momento. Nada sei dos porqués, recoñézoo, e aínda por cima nin xornalista son, así que mellor debería recomendarlles que especulen polos seus propios medios.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …