Maria Helena Vieira da Silva. O Desastre, 1942
A historia da arte vén sendo parte sobranceira da historia da humanidade. Como afectan os grandes conflitos bélicos á creación artística? O MNAC convida a observar e reflexionar sobre as repercusións da II Guerra Mundial (e mais a Guerrra Civil Española) nos xeitos de facer arte. A vergonza pola barbarie xerada, impedía mostrar a figura humana? Eses grandes conflitos fixeron pular a arte abstracta? Nous ne sommes pas les derniers.
❧
A Humanidade entre barbaries. Nous ne sommes pas les derniers
Acotío pasaba por diante dos fornos crematorios, e dicíame un amigo checo: “Ves? Mañá ou pasado pasaremos pola cheminea. Nunca máis pasará unha cousa similar. Nós somos os derradeiros que veremos unha cousa como esta”. Anos despois, cando a carga interior foi demasiado forte, os recordos do campo reapareceron, e comecei a pintalos, e decateime de que non era verdade. Non somos os derradeiros. (Zoran Music, nos anos 70).
Zoran Music (1909-2005), de orixe dálmata, tivo por oficio o periodismo, aínda que sempre practicou a pintura. Destinado a Venecia (1944), os nazis detivérono acusado de actividades ante-alemás e ingresado no campo de exterminio de Dachau. Os meses que estivo no campo debuxa cadáveres amoreados, con tinta que rouba na enfermería; debuxa a dor das vidas eliminadas, a dor da vida diaria. Liberado o campo, volve a Venecia. Na vila dos canais regresa á vida de antes de estar no campo de exterminio, e pinta paisaxes e paisanaxes dálmatas: mulleres, cabalos. O pesadelo do campo desapareceu dos seus miolos.
Por contra, a comezos dos anos setenta volven os cadáveres. Volve debuxa os mortos do campo de Dachau, aquelas imaxes que levaban trinta anos agochadas nas fonduras interiores do pintor. Por que saen agora? Que proceso psíquico se produce ao longo dos anos? Zoran Music dá unha explicación dura e arrepiante. No seu caso os cadáveres saíron nos anos setenta cando comezou a ver as atrocidades doutras guerras (mormente a guerra do Vietnam). A evidencia doutra nova barbarie humana faille revivir a dor, dispara algún subconsciente mecanismo de autodefensa e provoca que as imaxes traumáticas reaparezan outra volta. O que dixeron -con esperanzadora convicción no ano 1945- as persoas que saíron con vida dos campos de exterminios organizados polas autoridades do réxime nazi: Nous sommes les derniers, era desgraciadamente falso. E a serie de pinturas que Music elabora no ano 1973 titúlase: Nous ne sommes pas les derniers. Os corpos sen vida que Music reflicte teñen a cor da terra, do lugar no que descansan. Nunhas declaracións Music afirmou que a súa pintura sempre gravitara arredor dun tema: a paisaxe desértica que é a vida.
As reaccións deste periodista e artista (de perder totalmente as imaxes dunha realidade aterradora e recuperalas ao ser abaneado por novas crueldades) aconteceulles a bastantes persoas, xa en circunstancias similares, xa noutros escenarios e latitudes. Son os casos de Jorge Semprún ou de Primo Lervi, por nomear dous ben coñecidos.
Novos tempos, novo milenio. Mais as barbaries veñen sendo as de sempre. Que humanidade poden representar agora os artistas sobre as atrocidades que están a acontecer en Gaza, en Ucraína, en Sudán, por citar só algúns dos conflitos?
Nous ne sommes pas les derniers.
❧
Quina humanitat? La figura humana després de la guerra (1940-1966). MNAC
O sol abrazaranos / Desde unha terra preñada de sangue / Unha vez máis nacerá o pan / Un po dourado. / (…) Sairán os pans dos fornos / e onde só había fume, mira: / O carreiro da guerra pecharase con flores / rosadas. (Agnieszka Osiecka, Nim Wstanie Dzien, 1964).
Nestes meses finais de 2023, o MNAC presenta unha interesante e intelixente exposición temporal: Quina humanitat? La figura humana després de la guerra (1940-1966). A tese que defende o comisario, Àlex Mitrani, vén sendo: despois da guerra global, do holocausto e da bomba atómica que provocou a Segunda Guerra Mundial, que humanidade -que figura humana- é representada polas e polos creadores plásticos? Esta mostra é heteroxénea na súa composición, pero fiel ao propósito. Está conformada por máis dun cento de obras entre deseños, esculturas, fotografías, pinturas, vídeos e outros soportes, que foron creadas por uns 80 artistas. Destes creadores, unha ducia aproximadamente son mulleres artistas; o resto “artistos”. Tamén houbo -por parte do MNAC- a intención de incluír unha 20 pezas que forman parte da colección (dos fondos) do propio museo, e que poucas veces (ou ningunha) foron exhibidas. En algo se reflicte que o comisario, Àlex Mitrani, é o conservador de arte contemporáneo do propio MNAC.
Á hora de presentar creacións que van desde o ano 1940 (en plena guerra mundial) e mais o ano 1966, a presente mostra mira de reseguir as olladas que artistas moi diversos deitan en papeis, lenzos, bronce e outro tipo de soportes cando queren expresar os fracasos individuais e colectivos, a desesperanza, os cambios, as infinitas dúbidas que as novas realidades que resultan evidentes a finais dos anos 40 e primeiros 50 ante a interrogante: que humanidade sairá destes tempos convulsos? E, nesa pescuda, a exposición temporal Quina humanitat? La figura humana després de la guerra procura presentar ás vítimas; as vítimas como protagonistas dos seus avatares históricos.
Nous ne sommes pas les derniers.
Outra apreciación que paga a pena ter presente é a atención que Mitrani e outros responsables dedican a creadores de España e Cataluña. Cando se trata de presentar unha tese que evidencie as posicións da internacionalidade de artistas sobre a figura humana, logo das grandes matanzas executadas por todos os contendentes, o MNAC escolle un bo mangado de creadoras e creadores que traballaron baixo o franquismo, baixo a forte e longa noite de pedra.
Co gallo da exposición Quina humanitat? La figura humana després de la guerra (1940-1966), tan ben artellada e tan oportuna (acaso o período dos 40 anos posteriores á II G. M. foi -en Europa- a grande excepción á solución de conflitos pola vía da violencia?), o MNAC ofrece ao público interesado a publicación dun importante catálogo, coa reprodución de todas as obras expostas e coa inclusión de artigos de importantes estudosas e estudosos deses anos 40 a 60, tamén coñecedores das pegadas da violencia na arte. Ao longo dos séculos, do pasado e presente da humanidade, cantxs artistas crearon sen ter nas súas vidas a presencia monstruosa de violencias?, violencias familiares, individuais, colectivas?
Relacionado co parágrafo anterior (a ausencia de traballos de artistas españois nas importantes mostras internacionais), cómpre lembrar que en 2007 o MACBA presentou unha exposición temporal, amplísima, comisariada por Borja Villel, baixo o título de Sota la Bomba. El jazz de la guerra d’imatges transatlántica. 1946-1956. A retrospectiva, de mais de 400 obras, procura captar a vida daqueles anos e non só a pintura, é multidisciplinar. Nas salas do MACBA -e seguindo unha orde cronolóxica- era doado contemplar e oír xornais, filmes artísticos e documentais da época, arquivos en papel, fotografías, moda téxtil. Todo acompañado de pinturas e debuxos. Todo para dalgún xeito evidenciar as contendas estéticas e propagandísticas, neoliberais e proteccionistas, que mantiñan os EEUU e Europa (New York versus París) na primeira década posterior á Segunda Guerra Mundial. Alí apreciáronse as manobras da CIA para promover aos mozos do Expresionismo Abstracto da Escola de New York en contra de artistas como Matisse, Picasso e tantos outros (véxase o exhaustivo traballo de F. Stonor Saunders, La CIA y la guerra fría cultural, 2013). En Sota la Bomba non estaban representados os traballos que se facían na península Ibérica. (Daquela a CIA –a través do MOMA de New York e de todo tipo de axudas– está impulsando por todo o mundo a arte dos enfants terrible do expresionismo abstracto: os Pollock, de Kooning e compañía).
Nous ne sommes pas les derniers.
❧
Quina humanitat? Artistas e obras
Les Allemands étaient chez moi / Ils m’ont dit “Résigne-toi” / Mais je n’ai pas pu / J’ai repris mon arme / J’ai changé cent fois de nom / J’ai perdu femme et enfants / Mais j’ai tant d’amis / J’ai la France entière (The Partisan, 1943, cantiga da Résistance française, logo adaptada por Leonard Cohen).
Perante a II Guerra Mundial comezou a sentirse nas filas da Résistance française –esa guerrilla interior na que militaron tantos republicanos españois- a cantiga da que aquí se transcriben algúns versos. Logo a letra pasou a unha versión en inglés para ser retransmitida pola BBC desde Londres como parte da propaganda. A finais dos anos 60 Leonard Cohen fai a súa propia versión, na que mestura as dúas linguas. Aínda nas músicas animosas que se crean ao longo dunha guerra, a violencia, as vítimas están presentes.
J’ai perdu femme et enfants / Mais j’ai tant d’amis (I’ve lost my wife and children / But I’ve many friends)
Ao rematar esa gran barbarie mundial -e por extensión a Guerra Civil Española-, Europa queda destruída e totalmente empobrecida (Unha proba da situación de Europa vese nas imaxes que a fotógrafa Lee Miller fixo no salon Gervais, de París en 1944, onde homes en tandem, pedaleando, accionan secadores do cabelo para as mulleres que están no salón de peiteado). Nese escenario é no que cómpre seguir coas creacións artísticas. Que tipo de representacións facer? Figuras humanas figurativas? ¿Ou optar por manifestacións nas que non sexa obrigado mostrar a anatomía dos “animais” que teñen a insensatez de destruír o seu fogar (a Terra), e mais de destruírse a si propios? Nas segundas vangardas -chamadas así as que xorden despois de 1945- é certo que a abstracción gaña terreo. O surrealismo anterior (moi figurativo) dá paso ao Expresionismo Abstracto, e fan a súa aparición o minimalismo, ou o informalismo; todas elas tendencias artísticas que contorsionan os corpos humanos ou, sinxelamente, elimínanos das súas teimas estéticas.
Neste proceso de abstracción que en boa parte se produciu a partir de 1945, canto peso tiveron obras de Picasso como Guernica, ou Dama Oferente, ambas de 1937? Ese mural que denuncia o primeiro bombardeo sobre poboación civil?, que emprega linguaxes propias de grafittis?, que vieiros indicou para accións artísticas posteriores? Seguirá sendo un faro para as denuncias actuais de bombardeos de civís en Gaza, en Ucraína, en Iemen? E esa figura entre relixiosa e prehistórica, entre románica e informe, que significou para Henri Moore ou Giacometti?
A nómina de artistas presentes en Quina humanitat? La figura humana després de la guerra (1940-1966) é extensa e de cualidade. Hai obras de Juana Francés, de Joan Miró, de Francis Bacon e de Manolo Millares, de Jorge de Oteiza xunto con Josep Ginovart, de Julio González e tamén de Niki de Saint Phale. María Helena Vieira da Silva, Alberto Giacimetti, Germaine Richier, Pablo Picasso, Louise Bourgeois, …
Na sección titulada “Exilio interior”, sorprende a potente obra de Francés, Silencio (1953). Juana Francés foi a única artista fundadora do grupo EL PASO, de tanta transcendencia nas vangardas da España dos anos 50. Que silencio? O silencio que impuña a ditadura franquista? A muller de face pouco definida ergue a man esquerda e tapa por completo a boca. Autocensura? As cores apagadas tampouco axudan a redimir á muller de ombreiros caídos e azos aínda máis deprimidos. No tocante a “El Monstruo y el Santo” a nómina de nomes é espectacular: Jorge de Oteiza está representado por varias cabezas de apóstolos destinados ao santuario de Arantzazu; figuras que -logo dunha forte polémica co Vaticano- foron colocadas no sitio que ocupan hoxe na fachada da igrexa. A conto das barbaries, nun dos seus poemas manifesta un anxo (por boca do escultor): porque cómo vivir arriba un cielo indiferente y mudo / conociendo este mundo irracional y enfermo? / el ángel no sabe vivir aquí no quiere / pero se niega a regresar al cielo. Acompañan ás pezas de Oteiza unha crucifixión de Antonio Saura que afonda na negrura da longa noite de pedra; E outra de Francis Bacon que xoga co desgarro, coa insinuación de figuras que semellan batracios e non humanas, cos anacronismos de espazo e tempo.
Ao comezo da exposición Quina humanitat? preséntase o Desastre, o inmediato consecuente á destrución nos conflitos bélicos. Deses desastres xa ilustraron polo extenso artistas como Goya e mais como Castelao, entre outros. Galicia mártir e Atila en Galicia son dous álbums de debuxos que rachan a alma sobre as brutalidades, violacións e impunidades que aconteceron perante a Guerra Civil Española. É aquí, nos comezos, onde están situados deseños de Z. Music, testemuña directa das barbaridades acontecidas no campo de exterminio de Dachau, e mais de Lasar Segall (artista xudeu que reproduce o que lle contaron persoas que estiveron nos campos programados polos nazis) ou debuxos estarrecedores de Mercé Rodoreda (a escritora). Un pouco máis adiante o comisario escolleu, con bo criterio, debuxos que Josep Bartolí fixo para o libro Campos de concentración. Non se trata de visións de campos nazis. Non. Son os lugares onde os franceses recluíron a tantas e tantos republicanos españois que fuxiron da morte que lles tiña destinada a ditadura franquista. As imaxes evidencian as malas condicións nas que viviron esas persoas e o trato que recibiron por parte de “demócratas” franceses. Un dos debuxos explicita a violación dunha muller por parte dun soldado francés. Tamén dentro da visión da traxedia desde o lugar das vítimas, atópanse varias obras do fundamental escultor Julio González: dúas mans (que semellan berrar ao ceo “por que?”) e a contundente Cap de la Montserrat cridant (1942). Esta última é un dos traballos posteriores que González creou a partires da Montserrat, a escultura que no Pavillón da República Española na Exposición Universal de París, 1937, miraba directamente ao mural grafittero de Guernica, do seu amigo Picasso.
A mostra Quina humanitat? La figura humana després de la guerra (1940-1966) segue por carreiros similares sala tras sala. Visitar esta exposición temporal é unha boa oportunidade para reflexionar (e actuar) diante dos desastres das guerras, pasadas e presentes (e de certo das futuras). Nas “Epístolas a Lucilio”, o filósofo Séneca escribiu hai 2.000 anos: Os homicidios individuais castigámolos, e que dicir das guerras e mais do glorioso delito de arrasar pobos enteiros? As valoracións sobre dualidades morais veñen de lonxe…
Por desgraza cómpre seguir afirmando —a carón de Zoran Music: Nous ne sommes pas les derniers.
❧
EXPOSICIÓN: Quina Humanitat? La figura humana després de la guerra (1940-1966). Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), ata o 11 de febreiro de 2024
You might also like
More from Artes
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …