E. Torent. Niña de la Clavelina. 1897
A recuperación de creadores que por varias razóns foron esquecidos é continua; no caso de mulleres artistas con máis necesidade. Eveli Torent foi con toda liberdade progresista e masón. Non contaba coa Guerra Civil provocada polos fascismos, e acabou pagando coa morte e o esquecemento, a morte civil
❧
Eveli Torent. Entre Els Quatre Gats i la maçoneria. MNAC. Modernismo.
Il a veritablement fallu qu’il eut chevillée au corps et á l’esprit de la volonté de peindre, car sa familia, de notaireset de banquiers opulents et devots, bourgeois catalans, avait decrété qu’il fit son droit, et trimat sur les compoirs. Torent -un nom si impetueux oblige- s’en fut a l’Academie locale, d’oú s’evada, d’ailleurs, bientot, avec autant d’horreur de l’Escole de beaux arts et de poncifs, que de l’Ecole de droit et de ses proposicions. (Louis Vauxcelles, revista Gil Blas, 1905).
O Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) presenta estes meses de finais de 2024 unha mostra sorprendente e interesante a un tempo: Eveli Torent. Entre Els Quatre Gats i la maçoneria. Esta retrospectiva sobre un artista de comezos de século XX é novidosa polo que ten de ser a primeira sobre este artista. O MNAC leva décadas organizando monografías sobre artistas da pasada centuria que deixaron de estar en primeira liña, que foron esquecidos. Entre as exposicións antolóxicas xa feitas cómpre lembrar a Gosé, Pichot, Casagemas, e tamén -aínda que sexa a única- a unha grande artista, Lluïsa Vidal, no ano 2016, e que coincide ser a primeira exposición monográfica que o importante MNAC dedica a unha muller artista. Xaora! Da calidade artística de Vidal fala claramente que, despois de morrer algúns dos seus cadros foron manipulados e vendidos coa firma de pintores ben coñecidos; entre eles de Ramón Casas (Mujer con labor, 1872, por exemplo). A firma de Vidal foi borrada adrede e, por riba, púxose a de Ramon Casas, pois deste xeito o óleo ganaba en cotización. O caso de Eveli Torent é aínda máis chamativo: un artista recoñecido e que logo desaparece. Canto de culpa tivo niso que Torent fose un destacado membro da masonería? O franquismo non perdou certas cousas…
Torent (1876-1940) foi un verdadeiro moinante, un personaxe que se negou a conformarse co que as expectativas familiares tiñan destinadas para el. De familia ben acomodada entre Badalona e Barcelona, foi endereitado loxicamente cara os estudos de dereito, suponse que co propósito de rematar dedicándose -como parte sa súa familia- a manter a fortuna que herdaría e á política. Pero a arte chamou á súa porta e non puido facer outra cousa que seguir ese chamado estético e mais ético. Eveli Torent chegou por primeira vez a París en 1901, xusto acababa de celebrarse nesa vila das luces a Exposition Universel Paris 1900, que foi posiblemente o aparador onde mellor se exhibiu a arte e as tecnoloxías, e onde se demostrou que la Ville Lumière era a capital mundial das artes. Pois, cal sería o impacto que Torent provocou nos cenáculos artísticos parisienses para que, en 1905, o máis afamado crítico de arte -Louis Vauxcelles, o que deu nome ao cubismo e mais ao fauvismo- dedicase parágrafos a este pintor acabado de chegar a aquela metrópole. Nese mesmo ano (1905), ante a exposición que montaran Matisse, Derain e amizades, escribe o crítico: Au centre de la salle, un torse d’efant, et un petit buste en marbre, d’Albert Marque, qui modèle avec un science délicate. La candeur de ces bustes surprend, au milieu del’orgie des tons purs: Donatello chez les fauves… O esquecemento de Torent foi tan absoluto que o propio director do MNAC (Pep Serra) afirmou na presentación desta mostra que, ata hai pouco, descoñecía a existencia deste artista.
Torent comeza os seus traballos artísticos na onda do modernismo. En concreto súmase á aquel foco de efervescencia cultural que foi por uns anos El Quatre Gats, o local de Pere Romeu. Segundo escribe Pau Bejarano no catálogo dunha magnífica exposición sobre ese xa mítico local, Els Quatre Gats era el lloc de trobada on els adults, ja sedentaris, compartien mestratge i experiències amb els joves enlluernats i atrets pel focus de la Ville Lumière i l’obscuritat de les nits de Montmartre. Aínda que polo de agora nada se diga de Torent, xa participou na primeira exposición artística que se organizou nos locais de El Quatre Gats, ao carón de moitos outros artistas, por exemplo un xuvenil Pablo Picasso, artista co que Torente terá bastante relación perante uns anos, xa en Barcelona, xa en Madrid e logo tamén en París.
Eveli Torent. Entre Els Quatre Gats i la maçoneria. Publicidade e ilustración
Un feito destacado é ver nas salas de Arte Moderno do MNAC, e dentro da mostra Eveli Torent. Entre Els Quatre Gats i la maçoneria, os retratos (en plural) que Picasso lle fixo a Torent. Feito que explica por si só a relación de ambos. Perante a presentación a comisaria, Lluïsa Sala Turbert, afirmou que Torent era un membro moi activo dentro do grupo de Els 4 Gats, a carón de Isidre Nonell, Picasso, Ramon Pichot, Manolo Hugué, Joaquin Mir ou Carles Casagemas, do que viña sendo parente e a quen dedicou algunha das súas obras.
Eveli Torent formou parte da segunda xeración de artistas modernistas. Xa tiña como mestres aos Rusiñol, os Casas ou os Nonell. Por informacións diversas coñécese que un dos artistas que máis pesou na súa formación e estilos creativos foi precisamente Santiago Rusiñol, aquel polifacético personaxe que tanto creaba pinturas de gran calidade como escribía pezas de teatro e artigos de opinión.
Torent ganou a vida coa súa profesión de artista. Foi quen de facer retratos de amizades e persoas coñecidas. Na retrospectiva Eveli Torent. Entre Els Quatre Gats i la maçoneria hai un retrato do músico Enric Morera (que aquí se reproduce) e que fala perfectamente das súas calidades profesonais. A factura, de 1910 (cando xa estaba en París, mesmo se podería dicir que aposta pola forza das cores, como se os aires que pola vila do Sena xeraban a escola do fauvismo lle estivesen chegando a Torent directamente. O retrato é austero, pero non tan formal como semella, pois a posición ladeada non é a máis habitual; e o contraste da roupa en branco e negro con ese fondo vermello e uniforme impón tensión a quen -mentres posa para o pintor- elabora nos seus miolos novas melodías.
Sorprende tamén a pintura de 1903-06 que titulou La rambla. Un cadro horizontal no que a luz do día cae con forza sobre os edificios que pechan -ao fondo- a composición; o resto da escena queda á sombra, escurecidos os numerosos personaxes que por ela se moven (e bailan?). Algunhas das figuras mesmo se reducen a siluetas negras, retalladas sobre a luz que pecha a composición, outras pouco perfiladas. A pegada de Nonell e mais do modernismo está ben presente nesta obra.
Outra das facetas profesionais máis practicada por Torent é a do cartelismo para publicidade industrial. Na exposición abundan os carteis de produtos variados. Por exemplo, para unha xastrería, ou para o anís Perla, outro dos anises producidos en Badalona (en paralelo ao Anís del Mono, para quen Ramon Casas facía os carteis). Todos eles seguen os patróns modernistas, igual que demais artistas do momento, tanto esteticamente como no contido. O cartel para a xastrería Peralta sobresaca o machismo da sociedade. O home moi ben vestido é observado (admirado?) por varias mulleres elegantes que pasan polo segundo plano da obra. O machismo no cartelismo destes tempos quedou reflectido na mostra “Cigarrillos París” i la publicitat moderna, organizada pola Fundació Vila Casas. No caso de cigarrillos París aínda o peso do patriarcado foi máis evidente, pois o corpo feminino era empregado como principal reclamo publicitario.
As inquietudes de Torent levárono a percorrer medio mundo. Despois de estar en París dez anos, entre 1903 e 1913, capital cultural e lugar de formación obrigada para calquera artista que se valorase. É significativo o que lle escribe Joan Miró a Pablo Picasso nunha carta aínda décadas máis tarde (1930): Amigo y maestro: (…) He pasado unos días en Barcelona. Efecto, después de haber vivido en París, muy aplastante. La intelectualidad viven 50 años de retraso y los artistas hacen el efecto de aficionados. (…) Conforme con U., en que para ser pintor hay que quedarse en París. E neses primeiros anos do novo século, Torent tamén se deixa levar pola moda que tanto trunfara na exposición Universel de 1900, a moda da España tópica, e realiza varias pinturas se españolas ou manolas, tal e como facían polos mesmos tempos Casas e tantos outros pintores. Na exposición de 1900, o espectáculo que máis trunfou con diferencia foi l’Andaloucie aux Temps de Maures, o gran topicazo daquela España remota, salvaxe (romántica?).
Durante a súa estancia en Francia percorre outras rexións, por exemplo a Bretaña, pois consérvanse bastante pinturas e deseños sobre habitantes desa zona tan característica. Tamén lle chegarían a Torent as influencias do que fixeran alí Gauguin e compañía en Pont Avon? De aí dará o salto atlántico e aparecerá en Arxentina, onde efectúa moitos retratos (entre eles o do músico Morera, xa citado), para aparecer en New York e pasar alía a Gran Guerra, non regresando a Europa ata 1921.
De regreso a Barcelona instálase definitivamente na cidade. E nunha vacacións coñecen (el e mais a súa muller) a illa de Ibiza. Namóranse da illa das Pitiusas e mercan un torreón de defensa, a torre d’en Rovira, e alí organizará unha especie de museo ao que convida amizades e intelectuais. Eles, na súa torre ibicenca, facíanse chamar el Gran Califa y la Califina del Califato de es Pallaret. En Ibiza e en Barcelona Torent levará moita actividade dentro da masonería, chegando a alcanzar un alto grado dentro desa organización. Todo parece indicar que os seus primeiros contactos coa masonería tiveron lugar perante a súa estancia en New York. Era unha persoa coñecida neses círculos e de influencia internacional, así como amigo de moitos dos ministros republicanos (Marcelino Domingo, por exemplo).
Coa chegada da Guerra Civil provocada polos fascismos, a pertenza á masonería tróuxolle problemas. Foi detido en 1939 e morreu ao ano seguinte no cárcere Modelo de Barcelona ao ano seguinte.
EXPOSICIÓN: Eveli Torent. Entre Els Quatre Gats i la maçoneria, MNAC. Ata o 16 de febreiro de 2025
❧
You might also like
More from Artes
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha