Refuxiados
Está o mar asolagado de ollos, de ondas viscerais.
As correntes sanguíneas puxan corpos ata beiras inhóspitas.
Ollar a esperanza colleita polos dedos. As súas costas afundidas,
encollidas pola calixe do medo.
Non oias os choros furtivos que espantan á noite.
Non escoites o estalar das gallas cando o pés arrastran o silencio das fragas.
Escoita as fronteiras, a separación profunda dos delgados alames.
As murallas do óxido que corroen as mans, a violencia do seu tacto.
Os diques onde estoupa o vento.
Fronte aos píxeles, na insistencia cinética, ollas na auga salgada,
sabas de cal e sepia, tallos óseos.
Ollas, nas marxes das areas onde podrecen cadáveres primarios.
Quen poderá xuntar as palmas das mans?
Quen acollerase ao tépedo regazo nutritivo da ausencia do sentir?
Quen recoñecerá a revelación dunha aldraxe na que participas?
Quen, coa finxida dor de sobremesa,
redime a dor
dos que foxen da dor?
Que fica cando o humano afástase da humanidade e absólvese cada corazón
de comunicar os seus latexos?
Non queredes que as vosas cidades de deseño e decepción se infecten
coa súa agónica envexa.
Escoitar:
Só as flores silvestres, bébedas de sal, as sementes que saen espidas do mar,
renacerán
Rafael Catoira (Laxe, 1951). Como escritor gañou o segundo premio do XXXIX Certame literario do Concello de Vilalba; o primeiro accésit en poesía XX edición do Certame literario Manuel Orestes Rodríguez López do Concello de Paradela e o primeiro accésit en narrativa no mesmo Certame. Publicou o libro de poemas “Navegando cara a Ítaca” e o libro colectivo “XX Certame literario Concello de Paradela”.
foto de capa por Mitch Lensink
You might also like
More from Poesia
Yara Nakahanda Monteiro é a vencedora do Prémio Glória de Sant’Anna
Yara Nakahanda Monteiro é a vencedora da edição deste ano do Prémio Literário Glória de Sant'Anna com a obra "Memórias …
5 poemas de André Pinto Teixeira
André Pinto Teixeira (Lisboa, 1993), é autor, investigador em Estudos Asiáticos e tradutor de língua japonesa. Durante seis anos de …