Sempre se dixo que Gala fora a compañeira de Paul Éluard e logo de Salvador Dalí, engadindo epítetos case sempre negativos sobre a súa personalidade. Agora a primeira exposición sobre ela trata de presentar a Gala como unha muller activa, dona de si propia, creadora. Os tempos da xustiza para as mulleres están chegando. Neste caso concreto a mostra escora máis ben cara unha biografía, iso si, riscada cos pinceis e lapis de Salvador Dalí.
*
Dream of Venus, at the 1939 World’s Fair
Os meus versos escritos tan cedo / que non sabía aínda que era poeta, / inquietos como gotas dunha fonte, / como chispas dun cometa. / lanzados como áxiles diaños ao asalto / do santuario onde todo é soño e incenso, / os meus versos de xuventude e de morte / –os meus versos que ninguén le!–. / No po dos estantes dispersos / –que ningunha man toca!–, / como viños preciosos, os meus versos / tamén terán a súa hora. (Marina Tsvietáieva, Os meus versos, escritos tan cedo)
Estes meses de verán, e comezos do outono, o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) ofrece ao público a exposición temporal titulada Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol, unha suma de pezas artísticas e documentos de todo tipo organizada e producida polo propio MNAC e mais pola Fundació Gala-Salvador Dalí de Figueres. Helena Dmitrievna Diakonova (Kazán, 1894) –co tempo Gala– naceu dentro dunha familia rusa acomodada. Como compañeira de estudos tivo a Anatasia Tsvietáieva, a irmá máis cativa da gran poetisa Marina Tsvietáieva. Anos máis tarde Anastasia escribirá na súa autobiografía (A miña vida con Marina): Cando no diván de Marina falabamos do futuro –descoñecido–, das viaxes, dos asubíos dos trens, Gala escoitaba a Marina como se bebese auga viva. Marina Tsvietáieva foi un espírito libre, inclasificable como poeta e que tivo unha vida moi dura; acabou por suicidarse aos 49 anos.
Os versos do poema de Tsvietáieva, reproducido ao comezo deste apartado, levan o signo da premonición: que non sabía aínda que era poeta. En 1912, con 18 anos mozos e expectantes, Helena Dmitrievna Diakonova viaxa a Suíza, ao sanatorio de Clavadel (Davos) para curar dun mal pulmonar. Era aquel un lugar de encontro de literatos e artistas. Alí coincide co poeta brasileiro Manuel Bandeira e tamén cun xove chamado Paul-Eugène Grindel. A Grindel atráelle Helena, rusa misteriosa, de ollos profundos e boca determinada. Acabarán por ser mozos e co tempo casar. E Paul-Eugène Grindel será un gran poeta e mudará tamén de nome, devindo Paul Éluard. Cando se coñeceron, Éluard aínda non sabía que acabaría sendo poeta. Igual que Marina.
A ampla exhibición de obras e obxectos diversos que conforman a temporal Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol, teñen como finalidade evidenciar que Gala foi unha muller moi libre, artista de seu, e non o que sempre se dixo dela: egoísta, dominante, avara; cualidades coas que pasou por seu musa e compañeira de Éluard e mais de Dalí. Logra esta magna exhibición ofrecer outra faciana de Helena Diakonova–Gala?
Un dos argumentos que esgrime a catedrática Estrella de Diego, comisaria, para abundar na tese da autonomía artística de Helena Diakonova-Gala é a coautoría da peza O Soño de Venus xunto con Salvador Dalí. Realmente trátase de todo un pavillón que lle encargan a Dalí para ser confeccionado e presentado na Exposición Universal de New York de 1939 (1939 World’s Fair). O que ten pensado Dalí é un edificio revestido de entroido surrealista onde se mesturan –iluminadas seguramente polas influencias da psicanálise– as liquid ladies, que se bañan espidas nunha piscina de cristal, onde habitan manequíns e outras bonecas, así como reloxos brandos con espellos; e tamén amosan por algunha fiestra ou porta figuras pintadas por Boticelli e por Leonardo da Vinci, e o mesmo Dalí.
Nas fotografías e outra documentación que conserva a Fundació Gala-Salvador Dalí, Gala non asiste á concepción e construción deste pavillón (Soño de Venus) como unha espectadora, como a esposa que alenta ao home-artista. Non tal. Nas instantáneas vese a Gala que participa activamente na elaboración, Hai toda unha chea de fotografías de Eric Schaal nas que se pode apreciar a Gala traballando na elaboración do pavillón e mesmo discutindo con Dalí os detalles da realización desta obra tan complexa. Estas fotografías pódense ver no magnífico catálogo que publica o MNAC sobre a exposición, nas páxinas 112 e seguintes.
Nin musa, nin muller de… Discurso feminista
Busquei homes, conservei algúns, quixen a uns e a outros, adorei as terras deste país que me espanta (como me espanta Rusia), angústiame España, este país de gracia, de luz fermosa a todas horas, de pedras bonitas, base sólida da nosa civilización, pedras talladas nos miolos máis perfectos, pedras que formaron a pel deste país, pedras de pazos marabillosos, que forman as prazas máis admirables (Gala Dalí. La vida secreta. Diario inédito. 2011)
Arriban tempos de chegadas masivas de turistas á vila de Barcelona, de alugueres imposibles, de bochornos varios; días para conmemorar o primeiro aniversario da matanza das Ramblas. En medio deste remuíño estival o MNAC aposta por organizar e patrocinar –gastando 950.000 euros– a exposición Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol, iso si coa axuda da Fundació Gala-Salvador Dalí. Pode ser unha boa opción para atraer visitantes á montaña de Montjuïc (que semella que sae dos circuítos máis ofertados polos tour operators). Quizais estes pulos de importancia mediática vaian ben para levar xente aos museos. Hai pouco Miguel Falomir, o novo director do Museo del Prado, afirmaba que o 80% dos museos están baleiros. Abundando no acerto desta mostra temporal, é de xustiza dicir que Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol ten unha hipótese e unha mirada feminista, orientación que aínda segue a ser minoritaria. Haberá que ver agora se esta oferta tan tentadora convence ao público para lograr importantes números de visitantes ata o mes de outubro. E tamén hai que mirar de comprobar se a hipótese inicial ten realmente o seu reflexo nos materiais expostos.
Hipótese da comisaria e catedrática Estrella de Diego: ¿Se Gala era tan mala, tan manipuladora e lle interesaban tanto os cartos (como se vén repetindo hai décadas), por que en 1929 deixou ao xa famoso poeta Paul Éluard, poeta mimado do surrealismo (e a vida con el en París), e toma a decisión de irse vivir a Cadaqués cun descoñecido Salvador Dalí? Será porque Gala é totalmente autónoma e libre e non ten tantos amarres como sempre se dixo? Boas preguntas, si señor. Cómpre ter presente, tamén, que Helena Diakonova deixaba París, deixaba a fama de Éluard e deixaba á súa filla Cécile.
Estrella de Diego xa se enfrontou coa personalidade de Gala (e mais de Salvador) con anterioridade. No ano 2003 a catedrática da Universidad Conplutense de Madrid publicou o libro Querida Gala. Las vidas ocultas de Gala Dalí. De Diego, colaboradora tamén do xornal El País, arrinca o seu estudo sobre Gala (despois de traballar nos arquivos da Fundació Gala-Salvador Dalí) a partir do comezo da novela Nadja, escrita por André Breton, o pope do surrealismo e bo coñecedor de Gala (á que odiaba) e de Salvador (ao que rematou por expulsar do grupo surrealista). Ao comezo de Nadja Breton fai que a súa personaxe se pregunte: Quen son? Por que non se podería resumir todo unicamente en saber con quen ando? Deste xeito, de Diego tamén bota man, para encarar a personalidade de Gala, do refrán: dime con quen andas e direiche quen vés sendo. Con tal comezo de Diego está a recalcar, enfaticamente e con ironía, a visión que desde os anos 20 os mesmos surrealistas foron vertendo sobre a rusa fermosa e intelixente. Os surrealistas –como os compoñentes de moitas outras vangardas do século XX (pódese dicir de todas?) non só eran machistas senón que en moitos casos alcanzaban o cume da misoxinia.
Agora no catálogo da exposición Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol –catálogo magnificamente aproveitado por de Diego, a catedrática, comisaria e especialista nas creacións desta parella ampurdanesa (aínda que Gala de adopción). O que fai a comisaria é actualizar e afondar en todo aquilo que xa fora adiantando no seu libro Querida Gala. O proxecto expositivo que alberga nestes días o MNAC consta de 315 pezas, entre pinturas, deseños, fotografías e moitos documentos relacionados con Gala. Concretamente están presentes 28 óleos de Dalí e un de Max Ernst, algúns tan coñecidos e relevantes como Naissance des désirs liquides, 1932 (colección Guggenheim, Venecia), Un segundo antes del despertar de un sueño provocado por el vuelo una abeja (Museo Thyssen, Madrid) ou La Madonna de Portlligat (Marquette University, Milwaukee). Logo entre os documentos hai obxectos tan importantes e diversos como postais, cartas, libros dedicados a Gala; hai bonecos e bonecas, hai vestidos. Están os seus libros en ruso que só ela podía ler (Dostoiesvski, Chejov, Lemontov, Pushkin, Maiakovski), pois ao seu arredor nunca tivo a ninguén que soubese ruso. De todas as pezas (315) a maioría, unhas 234 proceden da Fundació Gala-Salvador Dalí (algunhas delas nunca saíran dos almacéns da fundación), e o resto son préstamos de 18 museos e tamén de coleccións particulares.
A mostra Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol é o primeiro proxecto expositivo que se fai para alumar á persoa de Helena Diakonova-Gala, aquí e fóra destas contornas. Estrella de Diego gosta de comentar que Gala é a personaxe chave que falta no taboleiro surrealista. Seguro? Seguro que non hai máis mulleres que participaron activamente no movemento surrealista ás que o machismo anulou e agora comezan a aflorar as súas vidas e as súas creacións? O ano pasado por estas datas a Galería Mayoral de Barcelona abría as portas do que resultou ser a primeira exposición en España de Mulleres Surrealistas. A primeira; hai tan só un ano. Ali estaban Mallo, Varo, Carrington, Khalo, Santos, Maar, Miller, e outras. A seguir o Museo Picasso de Málaga –que está a facer apostas moi interesantes– programou Somos plenamente libres. Las mujeres artistas y el surrealismo, a mostra onde se podían ver creacións de 18 mulleres artistas que se integraron ou relacionaron co surrealismo. En Málaga estaban algunhas firmas que se puideran ver en Barcelona, e outras moitas que non: Agar, Cahun, Oppenheim, Fini, Sage, Tanning, etc.
¿Pódese afirmar hogano –tal e como van as investigacións e as reivindicación feministas (xaora!)– que nos eidos surrealistas non quedan máis creadoras por recuperar e valorar tal e como se merecen?
De Helena Dmitrievna Diakonova a Gala Dalí
Tamén xogabamos ao chíjik-píjik, sen dubidalo o xogo máis pobre do mundo: para xogar só cómpre un pau duns cinco centímetros cos dous extremos afiados e un garrote co que se lle dá un golpe nos extremos do pau. O chíjik-píjik salta ben arriba e, antes de que caiga a terra, tes que volverlle dar un golpe hábil e envialo canto máis lonxe mellor. Cantas fiestras rachadas non pesan desde aquela na nosa conciencia! (Gala Dalí. La vida secreta. Diario inédito. 2011)
Estrella de Diego, comisaria, tanto no seu libro do ano 2003 (Querida Gala) como nos escritos do catálogo de Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol valora todas as etapas da vida de Helena Diakonova. Outras biografías anteriores descartaban toda a súa vida en Rusia, e comezaban a interesarse por esta muller tan singular no ano 1912, á súa chegada a Clevadel, que será cando coñecerá ao futuro Paul Éluard. Así acontece nas biografías de Gala que escriben, por exemplo, Dominique Bona, Une vie de Gala, publicada tanto en España como en Francia e mais na de Chantal Vieuille, Gala, 1989. deste xeito queda fóra das valoracións os 18 primeiros anos de vida de Helena Diakonova, os anos de formación.
Helena Dmitrievna Diakonova nace en Kazán (1894), dentro dunha familia culta. Á morte do pai, a nai cásase cun avogado de Moscú. A relación da futura Gala co seu padrastro é forte ata a morte; Gala escríbelle cartas contándolle como lle vai a vida. Como anécdota paga a pena suliñar que no libro póstumo, La vida secreta. Diario inédito, Helena Diakonova escribe que nos veráns que pasaba en Siberia os seus irmáns, primos e mais ela, xogaban ao chíjik-píjik, o xogo máis pobre do mundo, explicado no texto que abre este apartado. Hai xogos universais? É posible que a tantos milleiros de quilómetros se xogase ao mesmo? Pódense seguir as relacións entre Siberia e Galicia en tempos pasados?
En 1910 a poetisa Marina Tsvietáieva publica o seu primeiro poemario (Album de soir), e dedícalle a Gala o poema Nai no xardín. Por problemas de saúde pulmonar, Gala viaxa (1912) ao sanatorio Clavadel, en Davos (Suíza). Alí pasará dous anos. Alí atopa un ambiente literario e artístico, e coñece, entre outros, a Paul Eugène Grindel, un mozo que está alí polo mesmo. Logo comezan unha relación sentimental. Grindel aínda non sabe que será poeta e se chamará Paul Éluard. Á volta a Moscú segue cos seus estudos e comeza unha relación epistolar con Éluard que non se interromperá ata a morte do poeta. Nestes anos as cartas teñen un contido amoroso, á espera de volver atoparse. En 1914 Éluard publica o poemario Dialogue des inútiles, e Gala escribe a introdución ao libro, firmando co pseudónimo de Reine de Paleuglnn. É o seu primeiro texto literario coñecido, e nel escribe: non deben asombrarse de que unha muller –mellor dito, unha descoñecida– presente este pequeno volume ao lector. Todo indica que Gala xa axudara a Paul na elaboración dos poemas.
En 1916 cruza outra volta toda Europa –Europa en guerra– para ir a París, vivir á casa do seu mozo, Paul Éluard. Pero Paul xa está mobilizado pola guerra. En febreiro do ano seguinte consigue un permiso e casan. A única filla de Gala, Cécile, nacerá ao ano seguinte. Acabada a guerra coñecen a André Breton (1919) que os introduce nos ambientes literarios e surrealistas de París. En 1921 o matrimonio Éluard coñece ao pintor Max Ernst, moi apreciado polos dadaístas. Logo comeza unha colaboración entre o poeta e o pintor na publicación de varios libros de poemas; e ao tempo comezará unha relación amorosa entre Gala e Max, que ao comezo é animada e aplaudida por Paul, pero logo o poeta non poderá soportala. O matrimonio Éluard cada vez está máis metido dentro do círculo surrealista; o artista Giorgio de Chirico escríbelle a Gala (1924) A estima e e o interese que me demostra adúlanme e empúrranme a seguir pintando cada vez mellor. É vostede a muller máis intelixente e fascinante que xamais coñecín e pídolle que me crea.
No mes de agosto de 1919 os Éluard son invitados por Dalí a visitalo en Cadaqués. Tamén estará alí 0 pintor René Magritte e Luís Buñuel, entre outros. É neste encontro cando Gala e Salvador senten unha atracción moi especial. Ao final do verán, cando todos marchan, Gala queda en Cadaqués con Cécile. A partir de 1930 Gala xa aparece como administradora e xestora das exposicións de Dalí, e o pintor comeza a firmar algunhas pinturas coa enigmática firma de “Gala-Salvador Dalí”. Quere isto dicir que as pezas son concibidas e executadas entre os dous? En moitas delas Gala é a modelo, trátase de autorretratos? En 1934 Gala e Salvador cásanse en París polo civil.
En 1939 –como xa se dixo– están en New York para crear a pezas Dream of Venus para a Exposición Universal. E ao ano seguinte, a causa da II Guerra Mundial, os Dalí embarcan cara os EEUU, onde permanecerán ata 1948. Alí logo coñecen ao fotógrafo Halsman –o inventor da jumpology— co que iniciarán colaboracións (Dali’s Mustache, 1954) ata a morte do fotógrafo. En 1944 Salvador Dalí publica The Secret Life of Salvador Dalí, dedicado a Gala, e dous anos despois a novela Hidden Faces, unha reflexión sobre a decadencia de Europa nos anos 30 do século XX. Tanto para a publicación da autobiografía como para a da novela, Gala é a correctora, a que pule os escritos. Voltos a Europa, instálanse en Portlligat, e casan catolicamente en agosto de 1958 (Paul Éluard morrera 6 anos antes). En 1969 Gala dille a Salvador: acepto el castillo de Púbol, pero con una condición: que solo vendrás a visitarme al castillo por invitación escrita. Ao ano seguinte, despois dos amaños necesarios, Gala instálase no castelo de Púbol. Alí creará o seu propio lugar, aquilo que Virginia Woolf dicía: a habitación propia. O castelo de Púbol foi entendido por Gala (e mais por Salvador, que lle axuda a decoralo) como un gran obxecto surrealista. En xuño de 1982 Morre Gala; está enterrada na cripta do castelo de Púbol.
Gala-Salvador Dalí. Una habitación propia en Púbol. MNAC
O máis esencial para min é o amor. É o eixo da miña vitalidade e do meu cerebro, o resorte que me impulsa cara diante con elasticidade e axilidade, con máis claridade e precisión en todos os movementos dos meus sentidos, … Quizais por iso eu non son deste tempo, no que xa non hai espazo para o amor? (Gala Dalí. La vida secreta. Diario inédito. 2011)
As verbas anteriores escríbeas Gala no seu caderno, que se atopará entre os seus papeis despois do seu pasamento, e que poida que formasen parte dun proxecto autobiográfico amplo que nunca deu rematado. Eses apuntamentos de vida están agora publicados pola Fundació Gala-Salvador Dalí, como xa se ten dito. Cando Gala afirma que “non é deste tempo”, pois agora non se valora o amor, está de certo criticando aos surrealistas? Tense dito e repetido que os surrealistas (a lo menos a parte masculina, a que sempre foi visible) rexeitaban o amor, e apostaban polo desexo, polo sexo. Iso pode explicar as relacións a trío que perante anos mantiveron Gala, Éluard e mais Ernst. Con todo, Paul Éluard levará estas relacións abertas e ceibes bastante mal, e acaba afastándose delas. Isto que escribían os surrealistas non sería no fondo puro machismo? A proclama de non ao amor, quedábase en “puro postureo”? As relacións abertas son perfectas sempre e cando o macho sexa o que escolle?
Abundando nesta idea do machismo, sorprende que no cadro de Max Ernst Au rendez-vous des amis, sexa Gala a única muller. Onde están as outras mulleres? Por que sae só Gala? Por que era daquela a amante do autor? Por contra Ernst ten espazo e capacidade pictórica para retratar coa micidade surrealista a Rafael Sancio e a Dostoievski, escritor ao que odiaban e que Gala sempre dixo que era o seu preferido. Na pintura, Gala (Gala Éluard, daquela) é plasmada á dereita de todo, e nunha actitude sorprendente: está comezando a camiñar para saír do cadro, escapando. Xa anuncia aquí, indirectamente, Ernst a independencia desta muller?
Estrella de Diego insiste nos escritos do catálogo de Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol que Gala tiña dotes de escritora. A calidade –explica a comisaria– vese nas cartas que lles escribiu a Éluard durante moitos anos, as que lle escribiu ao seu padrastro e a outros amigos. Por que non chegou a escribir algunha obra sólida, tal e como apuntan as súas cualidades? Fálase moito de que Gala tiña ideado a escrita dunha novela, e na Fundació Gala-Salvador Dalí seguen a rebuscar entre os papeis que a parella deixaron por mor de atopar os escritos que acaden como os fragmentos dese gran proxecto inacabado.
Na mostra ( e no catálogo) Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol tamén se fai mención das creacións estéticas de Gala. Xa se falou da súa participación activa na creación da peza Dream of Venus para a Exposición de 1939 en New York, pero seica Gala elaborou outros obxectos que se exhibiron nalgunha efémera exposición e que desapareceron; quedando só algún vestixio fotográfico en revista e xornais. Agora no MNAC tamén se poden ver algúns cadavre exquis que confeccionaban de xeito colectivo os surealistas e nos que está comprobada a participación de Gala.
Primero creí que ella iba a devorarme; pero, por el contrario, me ha enseñado a comer lo real. Firmando mis cuadros como Gala-Dalí, no hago más que dar nombre a una verdad existencial, porque no existiría sin mi gemela Gala. Estas verbas son de Salvador Dalí, que non só firma obras co nome Gala-Salvador Dalí, senón que o explicita por escrito. Outro argumento a favor dunha Gala creadora, inventora, activa e dinámica.
Por que se marchou de a carón de Éluard e de París? Quizais porque con Dalí, e fóra da gran urbe-albergue de creadores, era máis libre? Porque Dalí lle deixaba ser quen ela era e quería ser? Porque Salvador non era machista? O proxecto de que Púbol sexa o refuxio de Gala, o seu propio cuarto, como reclamaba Virginia Woolf, cuarto no que Salvador só pode achegarse con invitación escrita, parece indicar a forza persoal e Gala e o respecto de Salvador cara ela.
A exposición Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol que agora se pode ver e ler no MNAC presenta 315 obxectos (pinturas, debuxos, fotografías e documentos como manuscritos de Gala, vestidos e obxectos persoais). Todo coa intención de mudar o prisma que sempre se proxectou sobre esta muller, e que a vía con cores máis ben negativos. Mágoa que, neste intento, falten máis argumentos definitivos para proclamar con rotundidade a forza de Gala como escritora e mais como creadora estética. Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol proxecta luz sobre Gala, pero agora cos cristais de Salvador Dalí. Todas as salas están inzadas de obras de Dalí, das súas pinturas e deseños. Quizais porque éo que teñen na Fundació Gala-Salvador Dalí, que é de onde proceden case todas as pezas? Gala segue a estar en segundo plano.
Insistir, para rematar, na importancia do catálogo como fonte ineludible para o coñecemento e estudo de Helena Dmitrievna Diakonova, a moza rusa que rematou sendo coñecida como Gala Dalí.
EXPOSICIÓN: Gala Salvador Dalí. Una habitació pròpia a Púbol, no MNAC, ata o 14 de octubro de 2018.
You might also like
More from Artes
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …