ESTREA MUNDIAL DE UBU ENCADEADO
Nunha anterior entrega vimos como reaccionaron o público e a crítica á estrea de Ubu roi, de Alfred Jarry. Hoxe, seguindo con este autor, queremos ofrecer unha serie de textos nos que se informa (sic) da recepción que tivo a primeira estrea de Ubu encadeado, tamén do propio Jarry. Unha obra que aparecera impresa en 1900 e que tivo que esperar 37 anos para verse representada.
____________
En xuño de 1936, pouco antes de que se iniciase o levantamento fascista contra a legalidade republicana en España, en París, capital de Francia, unha Francia gobernada polo goberno da Frente Popular e por un presidente que levantaba as iras dos antisemitas, porque era xudeu, e a dereita francesa afirmaba –e logo, a partir de 1940 o demostraría– que prefería Hitler ao seu presidente: Léon Blum; en xuño de 1936, diciamos, aparecía en diversos xornais da capital gala a noticia de que unha nova Compañía teatro, dirixida por Sylvain Itkine ía representar Ubu encadeado, de Alfred Jarry. Ademais desta obra do ciclo Ubu, a nova compañía, que finalmente se chamaría «Le diable écarlate», tamén ía representar outra peza de Jarry: L’object aimé (O obxecto amado).
Mais estas representacións serían en 1937. Durante varios meses repetiuse a «operación» publicitaria, tanto en xornais como en revistas semanais e mensuais. Sabíase que os decorados de Ubu encadeado serían do pintor surrealista Max Ernst e os de O obxecto amado de Jean Effel, xa coñecido polos seus debuxos humorísticos. A música sería de O’Brady e a posta en escena do director da Compañía, Sylvain Itkine.
Que era este Sylvain Itkine? Nacido en 1908, de orixe xudía, desde moi novo interesouse polo teatro e… o cine. Desde moi mozo participa en diversas compañías teatrais: sendo as máis coñecidas o Théatre des Arts, próximo ao grupo teatral Octobre, cuxo mentor era o poeta Jacques Prévert e que estaba achegado ao Partido comunista francés. A este debeu pertencer Itkine, non se sabe certamente, mais en 1936 xa formaba parte dos grupos de oposición (trotskista). Ese mesmo ano funda, despois de abandonar o Théâtre des Arts, do que era co-responsábel, a súa propia compañía, «Le Diable écarlate», antes participara en diversas obras teatrais como actor ou axudante de dirección. Entre estas, as máis coñecidas: Os inocentes, de Lilian Hellman, Lanceurs de graines, de Jean Giono, Le viol de Lucrèce, de W. Shakespeare, Le coup de Trafalgar, do ex-surrealista Roger Vitrac (e que el montará posteriormente nunha nova versión), etc. Tamén participara como actor en diversos filmes, algúns dos directores franceses máis interesantes dos anos 1930-1940: Jean Renoir, Marcel L’Herbier, Jean Gremillon, Max Ophüls, etc. –en filmes dalgúns destes directores en datas posteriores a 1937. A partir de 1937 tamén é un asiduo do teatro radiofónico, sobre todo do dirixido Maurice Diamant-Berger (tío de quen sería poeta surrealista Jean-Claude Diamant-Berger), que coma el era de orixe xudía.
En 1934 coñeceu a Paul Éluard e André Breton –cos que asinou o panfleto Chamamento á loita, contra o fascismo, aparecido en febreiro de 1934 e que era un chamamento á unidade antifascista: o Partido comunista non asinou tal chamamento, daquela estaba, ás ordes da Internacional comunista, pola delirante consigna «clase contra clase»– e foi este último quen o convenceu de que debía montar algún Ubu, como así foi. Itkine, xa naquel momento trotskista, aínda que asinará despois algún panfleto argallado nas oficinas do Partido comunista –un telegrama ao presidente Companys e á Casa do Pobo de Madrid, que ten a súa orixe na Maison de Culture parisiense, dominada polos comunistas, enviada en agosto de 1936, a pouco de iniciarse a guerra civil española (telegrama do que damos a tradución –Apéndice II). Itkine decide estrear Ubu encadeado, que nunca fora posta en escena e, debido á pouca duración da obra, outra peza de Jarry: O obxecto amado. Chama para os decorados de Ubu encadeado ao pintor surrealista Marx Ernst, e para os de O obxecto amado a Jean Effel, como xa se dixo. E comezaron os ensaios e as «propaganda» por parte dos amigos de Itkine. A obra, que debía estrearse en 1936, foise pospoñendo, até que foi estreada en setembro de 1937, o dia 22, na Comèdie des Champs-Elysées no Théâtre d’Essai da Exposición Universal de 1937, para que coincidise co trinta aniversario da morte de Jarry.
O semanario Marianne (Marianne é o símbolo da república francesa), editado por Gallimard, quería ser unha resposta aos diferentes semanarios de dereitas que dominaban o cotarro en vendas e lecturas. Marianne defendía a Frente Popular e estaba dirixido por Emmanuel Berl, personaxe nada claro, que pasara de defender un novo realismo, reivindicando a Zola, a escribir panfletos sobre o amor burgués e estar achegados aos comunistas logo de publicar unha revista Les derniers Jours, co escritor, xa fascista declarado, Pierre Drieu La Rochelle. Curiosamente, La Rochelle era antisemita e apoiaba os partidarios da exclusión dos xudeus da vida francesa; Berl era xudeu. Cando desapareceu Marianne, Berl fixo varias viaxes-viraxes ideolóxicas, sendo partidario das concesións a Hitler e pacifista fanático: denunciaba á prensa partidaria de se enfrontar á Alemaña nazi de estar comprada polos financeiros xudeus, no que era apoiado polo líder da extrema dereita francesa Charles Maurras, dirixente máximo de L’Action française. Cando Francia foi derrotada polos nazis, o pacifista Berl (tan odiado no seu día polos surrealistas, debido, sobre todo, a que casara con Suzanne Munard, da que estaba namorado André Breton), pasou a redactar os discursos do Mariscal Pétain, e foi o creador da famosa frase pronunciada por este nun dos seus discursos: «A terra non mente».
Marianne, a revista, en setembro de 1937 apoiaba, como dixemos, á Frente Popular e a súa ideoloxía poderiámola denominar, hoxe, socialdemócrata, aínda que ás veces era abondo confusa. No entanto, era unha revista fundamentalmente de esquerdas. O 15 de setembro dese 1937 dá a primeira noticia da representación próxima de Ubu encadeado, nunha columna titulada «Os bastidores» [Les coulisses], na sección «Teatro e cine», asinada por André Frank, un xornalista de orixe xudía que colaboraba en diveras revistas e xornais a falar, sobre todo, de temas literarios. Velaí o que escribía este:
Les Coulisses
Jarry en L’Exposition
No teatro dos Champs-Elysées, consagrando aos grupos estranxeiros e os escenarios de Cartel abondo afastados da Exposición, pódese falar dunha semana Alfred Jarry –semana teatral, por suposto– na nosa gran feira 1937.
Con efecto, á clase 70 pertence o único escenario da Expo. A partir do xoves 21 de setembro, estará consagrada a Alfred Jarry.
Sylvain Itkine e os seus camaradas de «Le Diable Écarlate» fornecerannos materia de reflexión. O 23 de setembro é un xoves. Ora, foi un xoves tamén, un xoves do ano 1896, que tivo lugar, no Théâtre de L’Oeuvre, a première de Ubu roi.
Polo demais, durante os días que seguiron todos os abonados de l’Oeuvre enviaron á dirección a súa carta de dimisión.
Perdémonos en conxecturas para sabermos das desgrazas que golpearán a clase 70 despois da representacións de Ubu; o Théâtre d’Essai, ao non ter abonados, non poderá ter desabonamentos…
Ademais, o espírito de Ubu encadeado é diferente do de Ubu roi. A Ubu roi, farsa grotesca, que conviña ben á época 1900, continúao Ubu encadeado do que unha cita –é o epígrafe– dá ben o sentido actual:
«Cornachedrolla! [cornegidouille (1)] Non demoleremos todo se non demolemos tamén as ruínas! Ora, non vexo outro medio que equilibrar fermosos edificios ben ordenados».
[…]
André Frank, Marianne, núm. 256, 15 de setembro de 1938.
Outro «texto» que avanzaba a estrea de Ubu encadeado apareceu no conservador Le Figaro, naquel momento furioso contra o goberno da Frente Popular, o martes 21 de setembro, a poucos días da estrea da obra. Na sección «Le Figaro Théâtre», que se publicaba os martes, escribíase o seguinte:
VELAÍ O PAI UBU…
A exposición vainos devolver o pai Ubu; esta vez non o veremos rei de Polonia e de Aragón, senón escravo, encadeado.
Este ano 1937 cúmprese o trinta aniversario da morte de Jarry.
Nacido o 8 de setembro de 1873 en Laval, morreu de alcoholismo e de tuberculose no hospital da Charité, en París, o 1 de novembro de 1907. No liceo Henri IV, onde prepara a Normal, ten a Léon-Paul Fargue como condiscípulo, que non lle encontra «aínda nada desa sequidade fabricada, dese acento ubuesco, desas actitudes que debía adoptar logo…». Mais o soldado Jarry, que se obstina en chamar ubuescamente aos seus superiores «señor», será licenciado por «imbecilidade precoz».
Cada vez máis Jarry vivirá nun mundo rexido polas leis da patafísica e no que Ubu é rei. Mundo imaxinario? Xulgamos que non se pode afirmar seriamente. E non porque Jarry se inspirase nun profesor do liceo de Rennes para argallar Ubu, senón porque o universo patafísico é o noso mundo de todos os días, coa hipocrisía exceptuada! Tense a impresión de que Jarry ergue para nós un pano a fin de que poidamos comprender máis doadamente os móbiles dos homes.
Xa na súa peza Guignol, que foi premiada no seu tempo por L’Écho de Paris, áchase isto: Ubu quérese liberar de Achras, que de oficio é «criador de poliedros»:
Sr. Ubu. – Cornachedrolla! [cornegidouille] Sr. a Miña Consciencia, está vostede seguro de que non pode defenderse?
A Consciencia. – Absolutamente, señor; así sería moi covarde asasinalo.
M. Ubu. – Grazas, señor, non temos xa necesidade de vostede. Mataremos o Sr. Achras porque non hai perigo e consultarémolo máis a miúdo porque vostede sabe dar mellores consellos do que xulgaramos.
Todo isto é abondo realista, en suma. E cando o pai Ubu, no tempo en que aínda era rei de Polonia, precipita os seus nobres nunha trapela, despois de se informar sobre as súas rendas, a fin de se asegurar as ditas rendas, non está permitido pensar que é unha solución a moitas dificultades de orde orzamentaria? Se o pai Ubu nos dá leccións de realidade, a súa patafísica non nos ensina a relatividade? As leis da patafísica non teñen á súa maneira a súa lóxica irrefutábel? Cada vez máis Jarry transfórmase en pai Ubu. Embútese nunha levita demasiado estreita, no seu brazo prende un paraugas de pico curvo que se semella curiosamente ao gancho para finanzas, un farrapo de veludo violeta sérvelle de gravata. Mesmo a súa andorga toma mares fastuosamente confortábeis. A súa linguaxe é tamén o do pai Ubu: só xura pola súa candea verde e o seu cabalo de finanzas: di «Nós» como as maxestades.
Quen non se lembra do retrato que Andre Gide traza de Jarry en Os falsificadores de moeda? A súa palidez mortal, a súa voz ronca, disparando? Este Jarry –Ubu, sensíbel e groseiro, era no entanto capaz de moita delicadeza, todos os que o coñeceron afírmano.
De onde procede esta contradición?
No fondo, Jarry era un sentimental, mais non era o bastante forte para poder mostralo. Hai na base do personaxe que compuxo un grande complexo de inferioridade. Jarry non podía aturar nin as hipocrisías nin as infamias que se despregaban baixo os seus ollos. Non hai dúbida. Destruíuse.
Falouse ao seu propósito de «mimetismo literario». Talvez, se se quere dar a esta expresión un sentido absoluto. Jarry era dos que non poden vivir a súa obra. Jarry puido facer carreira na universidade ou en calquera outro sitio; Jarry só foi Ubu, é dicir, un xusticeiro e un heroe. Actualidade do pai Ubu! Hoxe, en que, máis que nunca, se trafica con todo, o pai Ubu quítalle amabelmente as cirolas a toda a compañía. A palabra do pai Ubu, a famosa palabra á que un espectador respondeu: «Mangre» (2), o día da estrea, a palabra, afirmo, converteuse en toda unha filosofía e como nun berro de unión de todos aqueles que non aturan máis. Ubu mostroulles o camiño.
Así é coa máis grande curiosidade que se pode esperar ver aparecer ao pai Ubu encadeado, no país en que os homes libres desfilan en desorde mandados polo cabo Pissedoux, que o teatro Le Diable Écarlate presentara, por vez primeira, na Comédie des Champs-Elysées, con decorados de Max Ernst, sendo o seu director Sylvain Itkine, Temerson facendo o papel de pai Ubu e Gabrielle Fontan o da súa nobre esposa.
Hubert Gabail
Le Figaro, 21 de setembro de 1937.
Le journal, xornal no que no seu día, 1896, se publicara unha favorábel recensión a Ubu roi cando aparecera en libro, recensión de Armand Silvestre, como vimos na anterior entrega desta serie, e un comentario da estrea da obra non desfavorábel escrito polo crítico oficial do xornal, o poeta e escritor Catulle Mendès, non publicou recensión ningunha da estrea de Ubu encadeado, mais a un día desta fixo aparecer este comentario debido a Léo Marches:
Este Ubu enchainé que a xove compañía do Théâtre d’Essai nos presenta, na Comèdie des Champs-Elysées, é o irmán pequeno do famoso Ubu roi que, un pouco antes do fin do século pasado, tivo un grande éxito de escándalo no Théâtre de l’Oeuvre. Esta farsa, á vez desencadeada e infantil, tivo o 2 de decembro de 1896 (3) as honras dun barullo grandioso. Lanzábanse cousas ao escenario, berrábanse gritos de animais na sala e Gémier, que interpretaba ao pai Ubu, recibiu unha pequena ferida sobre o que o texto de Jarry denominaba «andorga» [gedouille]. Mentres que a Sra. Marie Louise France, como nai Ubu, palidecía de medo detrás da súa máscara (4).
Dez anos despois, Ubu roi era clasificado, nos medios estetas, como unha sátira xenial, como unha das obras mestras do espírito humano. O pobre Jarry, vítima desas dúas esaxeracións en sentido contrario, non resistiu máis. Morreu algúns anos despois sen poder liberarse dos vestidos do pai Ubu, que se pegaban á súa pel como unha túnica de Neso.
O seu Ubu enchaîné, continuación de Ubu roi, coñeceu un destino menos ruidoso. Publicado en 1900, por vez primeira vai afrontar a representación pública. Encontraremos, atenuados, os excesos fantasistas que fixeron a fama do seu irmán maior e a famosa palabra de seis letras que escandalizou un tempo. Este tempo está xa lonxe de nós: a nova aparición do pai Ubu interesará a aqueles que teñen o sentido do retrospectivo e o gusto de evocar un sensacionalismo caduco.
Léo Marches, Le Journal, 22 de setembro de 1937.
Ao día seguinte, día da estrea, no vespertino Ce soir, un xornal fundado polo Partido comunista francés e que tiña dous directores: o antifascista e compañeiro de viaxe do PCF Jean-Richard Bloch e o xa funcionario do Partido e escritor Louis Aragon, entre os seus colaboradores e redactores estaban os nomes de Paul Nizan, Georges Sadoul, Tristan Rémy (un dos primeiros defensores en Francia da literatura proletaria), Pascal Pia (mais ben anarquista que comunista, un dos grandes críticos literarios, aquel que daría o seu primeiro emprego a Albert Camus), a exsurrealista Lisa Deharme, o director de cine Jean Renoir, Louis Parrot (que sería un dos biógrafos oficiais de Paul Éluard cando este se pase ao Partido comunista abandonando o surrealismo), Edith Thomas, Georges Soria, xornalista comunista que argallaría un libro contra o POUM afirmando que este estaba ao servizo de Hitler e de Franco e tamén unha moi infumábel historia da guerra civil española en tres volumes, etc.; e entre este etcétera, seguindo a consigna de Frente Popular, un dos colaboradores era o moi dereitista (logo cantor do Mariscal Pétain) Jean Cocteau. Digamos que a última páxina do xornal estaba inzada de fotografías, moitas delas, durante o tempo da guerra civil española, de Robert Capa e da súa compañeira, morta en Brunete, Gerda Taro; diciamos, Ce soir, o mércores 22 publica unha pequena entrevista con Sylvain Itkine:
«Ubu Enchaîne»
no Théâtre d’Essai
—–
Co nome de «Le Diable Écarlate», Itkine constituíu un novo grupo que representará do 23 ao 27 de setembro, no Théâtre d’Essai: Ubu enchaîne e L’object aimé, de Alfred Jarry. Cada manifestación do Théâtre d’Essai achega unha concepción escénica diferente e a maior parte do tempo ideas novas na decoración teatral –obxectivo primitivo e sempre dominante da clase 70–. Fixemos a Itkine as preguntas usuais:
– Cal foi o seu obxectivo principal ao fundar «Le Diable Écarlate» e aos montar estas dúas pezas de A. Jarry?
– Non era un obxectivo esencialmente teatral, senón máis ben un desafío. Queremos estabelecer unha cidadela, a palabra é un pouco forte, digamos: un débil reduto de non-conformismo no teatro. E porque quería debutar en liberdade, baixo o signo de Jarry, modelo de non-conformismo.
Tomamos tamén unha actitude social e artística á vez, o que nos permite investigacións interesantes susceptíbeis de expresar algo novo e revolucionario.
– Como xustifica o nome de «Le Diable Écarlate» adoptado pola súa compañía?
– O nome expresa soamente un contista e o seu personaxe. Non existe ningunha pretensión no espectáculo que preparamos. Podo mesmo dicir que pode existir sen min e sen os que son os intérpretes.
Se soubese que alguén se propuxera a mesma empresa, eu sentiría o mesmo pracer. Penso que Ubu, creado por Gémier é interpretado máis tarde por Fauchois, achou o seu personaxe en Temerson. Puiden percibir no curso dos ensaios canto marabilloso é este encontro.
– Quen son os seus decoradores e os seus intérpretes?
– Max Ernst, intelixente, pictórico e sutil, fixo fermosos decorados para Ubu enchaîné. En canto aos de L’object aimé, obra de Jean Effel, merecen unha explicación. Este pequeno acto que dura apenas un cuarto de hora, e que é unha sátira do xénero «ópera», foi inspirado a Jarry por unha serie de episodios de debuxante suízo Töpferr: O primeiro suicidio do señor Vieux Bois. Pedín, xa que logo, a Jean Effel que reencontrase o espírito dun debuxante a través dun literato.
Gabrielle Fontan será a nai Ubu, Pierre Asso o irmán Tiberge. Os outros papeis serán interpretados por Roger Blin, Jacques Gautier, Émile Rosen, Decamble, M. Severin. Daguerre, Berget, Leduc, Dariaud, os irmáns Marc, e Marthe Barrault, que fará o seu debut en L’object aimé. Non podo esquecer ao meu colaborador Frédéric O’Brady, políglota, bailarín, comediante, compositor, escritor e marionetista, que é para min un asistente precioso.
Yves Bonnat.
Ce soir, 22 de setembro de 1937
O día 24 deste mes de setembro, na sección «Dernières nouvelles théâtrales» (últimas noticias teatrais), do xornal Paris-soir, Annie de Mèredieu asina a pequena entrevista que se dá a continuación:
ESTA NOITE, NA COMÈDIE DES CHAMPS-ELYSÉES
O pai Ubu regresa a París grazas a «Le Diable Écarlate»
– «Le diable Écarlate», dinos Sylvain Itkine, é unha compañía teatral apaixonada polo non-conformismo. Así, que heroe nos podería ser máis simpático que o Pai Ubu, inimigo declarado da hipocrisía, que non incomoda a ningunha doutrina, a ningún prexuízo.
– Un heroe ao que lle acontecen moitas desventuras, se se acredita no título da obra de Alfred Jarry que vostedes presentan esta noite na Comédie des Champs-Elysées, porque de rei de Polonia e de España (sic) en Ubu roi, que desencadeou un grande escándalo no momento da súa estrea en l’Oeuvre, convértese en escravo en Ubu enchaîné.
– Escravo nun país en que os homes que se xulgan libres obedecen as ordes ditatoriais do cabo Pissedoux. É curioso, máis que nunca, presentar a obra en que Jarry baixo a aparencia da fantasía máis louca, dá leccións bastante realistas.
– Despois de Gémier e Fauchaois,Temerson interpreta o pai Ubu.
– Diga que é o pai Ubu. Raramente encontrei máis marabillosa concordancia entre un papel e o seu intérprete. Gabrielle Fontan será a nai Ubu, Pierre Asso, que xa estaba na creación de Ubu roi, en l’Oeuvre, é o irmán Tiberge. Os outros papeis son interpretados por Roger Blin, Jacques Gautier, Émile Rosen, Decoble, Mireille Severin, Daguerre, Baryet, Leduc, Darlaud, os irmáns Marc. Finalmente Marthe Barrault debutará nun acto de Jarry: L’object aimé, pequena sátira do xénero «ópera».
Max Ernst é o autor dos decorados de Ubu enchaîné. En canto aos de L’object aimé, son obra de Jean Effel.
Annie Mèredieu,
Paris-Soir, 24 de setembro de 1937.
Cando se estreou Ubu enchaîné, e a carteleira teatral parisiense ofrecía aos franceses e aos visitantes da Exposición Internacional de 1937, entre outras, algunhas obras de interese e outras non tanto. Entre as de maior interese salientaban: no Théâtre Athenée, Electra, de Jean Giradoux; no Madeleine, Quadrille, de Sacha Guitry; no Montparnasse: Madame Bovary, de G. Flaubert, adaptación en 20 cadros de Gaston Baty; no Antoine: Les amants terribles, de Noël Coward; no Étoile: L’opéra des quatre sous, de Bertold Brecht, no Danou, Pamplenousse, de Andre Birabeau, e no Sarah Bernhardt, La mère, de M. Gorki. Isto quere dicir que os comentaristas teatrais tiñan traballo abondo, como o demostra a recensión máis madrugadora de todas, que foi a que apareceu no xornal Le Petit parisien, o sábado 25, asinada por Paul Riboux, literaro, crítico, gastrónomo, etc., que era coñecido sobre todo polos «pastiches» que facía de escritores famosos, desde Chateaubriand a Conan Doyle, pasando por Proust, Daudet, etc. Neste xornal, no afastado ano de 1896, cando a estrea de Ubu roi, por man do seu crítico oficial de teatro, Paul Ginesty, «maltratara» a obra de Jarry, xa que o comentarista era un home ligado ao naturalismo zoliano (véxase a anterior entrega). Como foi recibida esta nova obra de Jarry en 1937 por ese mesmo xornal. Velaí a recensión de Riboux, André Amillet no rexistro civil:
PREMIÈRES REPRÉSENTATIONS
THÉÂTRE D’ESSAI DE L’ÉXPOSITION. – Ubu enchaîné, L’Object aimé; Bec dans l’eau.
Mentres Sacha Guitry obtiña un éxito esplendoroso no Théâtre de la Madeleine, la Comédie des Champs-Elysées, servía de cadro ás manifestacións do Théâtre d’Essai, que nos presenta unha peza nova e dúas pezas que revelaban máis ben un afán de retrospectiva.
Estas dúas pezas teñen por autor a Alfred Jarry, este escritor espontáneo, fantástico, persoal, absurdo, atraente, que se fixo célebre grazas á adición que fixo dunha consoante a unha palabra histórica. A súa notoriedade, vese, débese a pouca cousa. Mais esta pouca cousa hai que encontrala.
Como estaba imposibilitado de me desdobrar, tiven que darlle toda a confianza a un espectador da Comédie des Champs-Elysées. Voulles transmitir o seu xuízo.
Ubu, rei de Polonia e de Aragón, este abracadabrante déspota do que Lugné-Poe, en l’Oeuvre, nos presentou a inesquecíbel caricatura, é o heroe deste Ubu enchaîné, en que Alfred Jarry nolo mostra encadeado nas galeras de Soliman, a gozar da escravitude que lle fornece leito e comida sen que se teña que ocupar de nada. Durante este tempo os homes libres están obrigados a desobedecer as leis para se probaren que son libres. E o resultado é que á súa vez fanse encadear.
Esta louca farsa permitiunos cando menos apreciar o gran talento de Jean Temerson, do que non ceso de dicir que é un comediante descoñecido.
O espectáculo remataba con Bec dans l’eau, de Etienne Decroux. É unha historia dunha sabedoría, dunha intelixencia e dunha oportunidade considerábeis. Xulguen polo argumento da peza. O rei de Tautomobile substituíu os seus obreiros por máquinas. Estas, privadas de salarios, non compran xa aos comerciantes que, arruinados, xa non compran automóbiles ao rei. Desde ese momento, a rebelión dos parados é posíbel. Para sufocar a rebelión nos seus inicios, o «rei» envía o seu economista canda eles, coa misión de lles enredar o entendemento. A tentativa fracasa. Chámase entón ao ditador que intentará embrutecer o pobo a forza de desfiles.
O director Sylvain Itkine ten dereito a calorosos eloxios pola parte que tivo neste espectáculo, digno de ser visto.
Paul Riboux
Le Petit parisien, 25 de setembro de 1937.
No conservador Le Figaro, cando a estrea de Ubu Roi, como vimos na primeira entrega desta serie que acabará na terceira, o crítico teatral deste xornal puxo o berro no ceo, por pór en francés unha expresión castelá. E, ademais, aos poucos días atacou duramente aos defensores de Ubu roi, acusándoos de ser o «terror nas letras». No entanto, desta vez había poucos días que dera a noticias da representación que se daría da obra de Jarry Ubu Enchaîné. Como vimos, a noticia era, en certa maneira, favorábel a Jarry, seríao a recensión da representación da súa peza? Velaí dita recensión:
UBU ENCHAÎNÉ
Presentado por Le Diable écarlate
Isto iníciase dun modo moi á maneira do Pai Ubu, por un atasco espantoso perante o control de entrada. Os portadores de butacas numeradas eran confundidos cos que só tiñan pases gratuítos. O acomodador volvíase tolo e in petto debía maldicir á maneira do Pai Ubu. Mais todo ficou en bo humor e cando o pano se ergueu todo o mundo estaba colocado e non quedaba un asento libre e a atmosfera era a que conviña.
Le Diable Écarlate presentou primeiro L’object aimé, de Alfred Jarry, con decorados de Jean Eifel (sic), dunha graza e dunha fantasía deliciosas. É unha faísca, case nada, mais dun espírito burlón e encantador. O papel principal é interpretado pola señorita Barrault, que debutaba así fermosamente no teatro.
Mais é o Pai Ubu a quen se esperaba. Despois de que o Sr. Pierre Asso lese unha Eséxese de Ubu, ergueuse o pano e apareceu acompañado pola Nai Ubu.
Ubu enchaîné non é certamente Ubu roi. Polo tempo en que estamos, o Sr. Itkine puido tamén montar o verdadeiro Ubu. Mais en Ubu enchaîné é igualmente a gran figura de Ubu, rei de Polonia e Aragón, que volvemos ver.
O caso Ubu non está, por outra parte, resolvido. Despois das batallas da creación, a reedición do libro en 1921 levantou de novo moitas polémicas. Ubu, obra xenial para uns, non é para outros máis que broma e farsa de obradoiro. Ao noso parecer, un pouco dos dous. É unha farsa de obradoiro con escintilacións de xenio. Ubu enchaîné, sen ter a brutalidade de Ubu roi, é non obstante da mesma vea.
Os decorados de Max Ernst son dun espírito moi no carácter da peza e a posta en escena fai honra ao Sr. Silvain (sic) Itkine.
O papel de Pai Ubu é interpretado polo Sr. Temerson, e o da Nai Ubu pola Sra. Gabrielle Fontan. Son bastante bos, mais dunha maneira xeral gustaríanos que a farsa fose máis truculenta e en particular que o pai e a nai Ubu levasen até a caricatura, até o innobre, a grandilocuencia e a solemnidade do seu papel, como o fixeran Gémier e Louise France.
Le Diable Écarlate tivo unha idea excelente ao resucitar o Pai Ubu. Esperemos que un día nos dea Ubu roi e outros espectáculos. É unha compañía, con Itkine e os seus compañeiros, na que se pode ter confianza.
André Warnon, Le Figaro, 27 de setembro de 1937.
NOTAS
(1) Palabra inventada por A. Jarry, empregamos a tradución que realiza Henrique Harguindey Banet na versión que fixo de Ubu Rei, A Coruña, Cadernos da Escola Dramática galega, 1979 (Ndt.)
(2) Como xa anotaramos na entrega en que se fala da estrea de Ubu roi, a palabra deNa estrea de Ubu, os actores ían enmascarados, como se dixo na anterior entrega sobre as estreas de Ubu. Ubu é Merdra, algúns espectadores da velada da estrea contestaron Mangre, é dicir, com(r)e .
(3) Non foi o 2 dese mes, senón o día 10.
(4) Na estrea de Ubu, os actores ían enmascarados, como se dixo na anterior entrega sobre as estreas de Ubu.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …