APÉNDICE I
Para axudar á «propaganda» da representación de Ubu enchaîné, o grupo surrealista decidiu publicar un folleto como homenaxe a Ubu, a Alfred Jarry. Concorren neste folleto poetas, teóricos e debuxantes, algún deles, por certo, nun fora nin sería surrealista. Os textos, o lector teraos a continuación. Os debuxantes e/ou pintores que participaron no folleto foron os seguintes: Jean Effel, autor da portada, que nunca foi surrealista, Pablo Picasso, Wolfgang Paalen, Yves Tanguy, Lord Loris (Fabien Loris, cantante, actor e debuxante que se movía no entorno de Prévert: nunca foi surrealista), Marcel Jean, Lucien Coutaud (a súa pintura, de tipo fantástico, realizouna sempre fóra do surrealismo), Man Ray, Roger Blin, Maurice Henry, Joan Miró, René Magritte. O folleto titulábase, simplemente, Ubu enchaîné, e apareceu pouco antes da representación da obra de Jarry. Non diremos nada destes textos, só chamar a atención sobre a pobreza do poema de Georges Hugnet.
ECLOSIÓN E PROLIFERACIÓN SOCIAL DE UBU
Ao ser evidente que o humor representa un desquite do principio do pracer vinculado ao superego sobre o principio de realidade vinculado ao eu, non se terá ningunha dificultade en descubrir no personaxe de Ubu a encarnación maxistral do id nietzscheano-freudiano que designa o conxunto de potencias descoñecidas, inconscientes, rexeitadas das que o eu só é a emanación permitida completamente subordinada á prudencia: «O ego, di Freud, só recobre o id na súa superficie formada polo sistema P (percepción) por oposición á C (consciencia) máis ou menos como o disco xerminal recubre o ovo». Neste caso o ovo é o Sr. Ubu, triunfo do instinto e da impulsión instintiva, como o proclama el propio: «Semellante a un ovo, a unha cabaza ou a un fulgurante meteoro, roldo sobre esta terra na que farei o que me pete. De aí nacen estes tres animais (os palotinos) con orellas imperturbabelmente dirixidas cara ao Norte e os seus narices virxes semellantes a trompas que aínda non soaron». O id arrógase, co nome de Ubu, o dereito de corrixir, de castigar, que só pertence de dereito ao superego, última instancia psíquica. O id promovido á suprema potencia procede inmediatamente, como se sabe, á liquidación de todos os sentimentos nobres («Veña, pasade os Nobres pola trapela»), do sentimento de culpabilidade («Á trapela os maxistrados») e do sentimento de dependencia social («Á trapela os financeiros»). A agresividade do superego hipermoral cara ao ego pasa así a un id totalmente amoral e dá toda licenza ás súas tendencias destrutivas. O humor, como proceso que permite afastar a realidade no que ten de demasiado aflitivo, non se exerce xa aquí máis que a despensas de outros. Sen dúbida ningunha, continuamos a estar na fonte mesma do humor, como o demostra o seu chorro constante.
Tal é, na nosa opinión, a significación profundo do carácter de Ubu, así como ao mesmo tempo a razón pola cal supera calquera interpretación simbólica particular. Como tivo a precaución de declarar Jarry: «Non é exactamente nin Sr. Thiers, nin un burgués, nin un groseiro. Será máis ben o anarquista perfecto máis aquilo que impide que nos convertamos no anarquista perfecto que é o home, de onde nace a covardía, a sucidade, etc.». Mais a calidade esencial desta creación é someterse ás máis variadas formas da actividade humana, a comezar polas formas colectivas. A partir de aí, o propio Ubu estaría disposto a renunciar ao proveito persoal que en Ubu Roi constituía o seu único móbil para ingresar na masa humana cuxas emocións, tanto máis contaxiosas canto máis groseiras, tenderá a personificar. Á vontade de dominación a todo custe de Ubu Roi, Ubu enchaîné oporá unha vontade de servilismo a todo custo. O superego non se libera da aventura máis que para reaparecer baixo un aspecto estereotipado e consternante, do que van participar no mesmo grao o fascista e o stalinista. Recoñecerase que os acontecementos destes últimos vinte anos confiren ao segundo Ubu un valor profético inapreciábel, tanto se se evoca a manobra dos «homes libres» no Campo de Marte prolongada até nós por todas as pantallas do mundo cun máis que nunca unánime «Viva o exermerdra! (7)» como a atmosfera dos «procesos de Moscova»: «Pai Ubu (ao seu defensor) –Síntoo, señor! Cale! Está a dicir embustes e impide que se ouza o relato das nosa fazañas. Si, señores, intenten abrir as orellas e non fagan ruído… Eliminamos a multitude de persoas… só pensamos en desangrar, rebentar, asasinar; todos os domingos, publicamente, sobre un túmulo, nas aforas, cos cabaliños de tiovivo e os vendedores de coco arredor… E todo eses vellos casos son clasificados, porque temos moita orde… e por este motivo ordenamos aos Señores xuíces que nos condenen á maior pena de que sexan capaces, a fin de que nos sexa proporcionada; non a de morte, no entanto… Gustosamente veriámonos recluso, cunha bonita pucha verde, alimentado a conta do Estado e ocupando os nosos leceres en miúdos traballos».
André Breton
O FOGO NO TEATRO
Non se trata dun deses Estados completamente cubertos de oprobio e de débedas. Esta noite imos respirar o ar dunha Barbarie hiperromántica na que Ubu se volvera como prisioneiro. O lugar é, verédelo, o medio entre o Eldorado e Perú. E porque se agacha graciosamente no seo dun volcán sen outra pretensión que inspirar moita curiosidade e un pouco de terror, é un lugar de exilio, en suma, a medida para o exercicio das nosas máis apremantes liberdades. Nada, xa que logo, é menos cruel no horizonte, sobre todo a ollos de Ubu, amo-déspota e déspota-escravo até nos pequenos preparativos da morte. Un inferno, dígovolo, semellante a todos os infernos, vermello como o menor mal en todo o seu esplendor.
A vida corrente sería extraordinaria se se achegase a ela máis cinismo do que é necesario para soster a nosa enteira sinceridade. Ousalo e toleralo ao mesmo tempo son maneiras puramente poéticas. A literalidade da existencia non se acomoda; esixe, pola contra, un pragmatismo de mala calidade de acordo coa negación que o eu dá ao non-eu na natureza. Cada individuo impono á Sociedade da que depende e está impono, a cambio, con usura. Mais ao se querer sempre sublime, o criterio da liberdade fica sempre anárquico. Desde ese momento, os desvíos do pensamento que nos solicitan baixo o manto constelado de adorábeis psicoses merecen completamente outro exame. É aquí onde quería chegar Jarry. E chegou correndo, tan rápido como era posíbel, polo camiño da liberdade.
Gui Rosey
APARICIÓN EXTREMISTA DO CALZADO
O extra-albanel cravado no Himalaia
Instalaba o teléfono na mansión feudal,
Lúa, túnel, cadafalso de guillotina,
O can de Merdresse sobre as súas patas aritméticas,
Mírache, o ollo de boi, péndulo de mármore.
A bela Landaisire para as necesidades da cousa
Cambiaba o seu corpo en insignia luminosa,
Na cadea o brasón saboreaba toda a súa noite
De cornamusa pendurada nos puños cardinais
Como grosos fantasmas en telas de tarántula.
Alá abaixo, a casa entrégase a experiencias de óptica:
Retrocede para ver como no fronte dun baúl
O ostensorio de coxas separadas,
A curuxa de marfil na súa luz de acuario,
Unha pluma, é todo o paxaro,
Os negros bruxos estremécense no bordo da súa mesa
E a alba que ascende no cheiro do verán,
O pintor, o poeta, ao ter a súa cucaña,
Sepultan o seu orgullo nas grandes areas movedizas
Onde o torreón para marcar a hora
Queima unha charanga prosternada.
O palleiro da cátedra fica impreso
Nas nádegas pálidas e rubias da lectora da procesionaria.
E xa, inmensamente namorada, nace máis lonxe.
É tan verdade que o real non se esquece.
Os castores cerran o seu tríptico de espello
Ao introducirse como no declive dun día
O canto do buscador de ouro, de cazador de cabaleiras,
Toda a cor dos mortos
E deste modo todas as palabras dos escravos,
P vestido de xofre con riscadas de puñal
E, védeo ben, o calzado na encrucillada dos magos.
Georges Hugnet,
25 de febreiro de 1936
UBU DEUS
Rei por aquí
Escravo por alá
Hoxe fíxenme anxo
E descerebro en calquera tempada
Como un abridor de ostras
Aquí para a civilización
Cristiá ou aria que importa
Por outra parte para o ben dos futuros descerebrados
Os farmacéuticos puxeron o meu ventre luminoso na súa vitrina
E a miña digna femia escoita nas portas dos veciños
Para denuncialos á policía.
Por tanto son anxo
Vede como se me venera en todos os países
Mais parva besta que son
Anxo fico escravo dun deus
Pronto píncholle o fol
Así seu deus á miña vez
E poderei retorcer a nariz dos reis
E bañarme os pés no sangue
Como un verdadeiro deus
Benjamin Péret
TORMENTAS
Tormentas da traxedia, fervor das indignacións, cobre tumultuosos do heroísmo, son aínda feridas e estremecementos da pel. Na fonte vermella das profundidades, a vida brinca co seu gran riso profético.
A voz do guiñol emerxe sempre dos gruñidos dos canóns. A xustiza dos homes debúxase ao carbón nas murallas exteriores dos palacios. E estes non poden resistir moito tempo ao asalto dos trazos máxicos que desatan a potencia do lume.
Os vivos e os mortes son igualmente xulgados ao fin do exercicio seguindo a escala chistosa. Un riso como un ciclón aniquila as formas desecadas. Un riso máis forte que un terremoto para facer estoupar as cabezas frías. Entón a porta ábrese sobre o descoñecido do que se falaba.
Pierre Mabille
ACREDITÁDEME EU SON A LEI
Erguido sobre as súas sandalias
Mais as súas pernas son serpes
Alto como un soto
O árbitro
A súa boca constrúe torres
Quéixase
Quería as xoias
O tesouro
Ten o veleno
Que tome por tanto o loito
De si mesmo
Este incurábel
Todas as súas cordas están rotas
Que caia este crepúsculo
No río xordo
Deste tempo negro
Non comprende xa nada
Coñece non obstante
O que debe ser coñecido
E a práctica
Fala á súa vez de inxustiza
De vulgar cobiza
De tiranía de barbarie
Mais as palabras están desarmadas
Este modelo fixo
O seu tempo entre nós
Este soberano negativo
Parella pingüín curiosos corpos
Repítese unha última vez
Diminúe
A súa cara sagrada vense abaixo
Máis baixo que a terra
Nos nosos ollos un só estremecemento
Un sorriso extinto o árbitro
Que quería unir
Todo deixando no seu lugar
Cada parte deste todo
Nos nosos ollos un só estremecemento
E todo tomou todo o lugar.
Paul Éluard
INTERVENCIÓN A PROPÓSITO DE JARRY
Non pode pórse en dúbida, no curso desta intervención, a moi cristiá santidade de Xudas, que o empurrou á abnegación até revestir a ollos do mundo crente a máscara do traidor, do pecador entre os pecadores, co fin único e previamente determinado de permitir que se realizasen as escrituras. Así se carga de todas as fealdades, de todas as monstruosidades do mundo vivo o personaxe perfectamente repoludo e pulido por ser por todas as partes rugoso do Señor Ubu, os pés chantados en todas as Polonias.
A través desta enorme lente, Jarry gústase de ser unha perpetua alucinación, é dicir, unha percepción débil e é porque nós aceptamos que Ubu ensombrece a Jarry que o pariu.
O Señor Ubu é conde do Papa, por suposto. O Señor Ubu non concibe os ferrocarrís na súa posíbel utilidade. O Señor Ubu morde aos seus inimigos, o señor Ubu pesa moito no imperio colonial, é dicir, oprímeo. O Señor Ubu é feroz sen sutileza; non é verdadeiramente cruel; a súa maldade é máis ben a da violencia. O Señor Ubu é unha xenial intelixencia intestinal. Goberna como se nos goberna, como o diría Jarry, goberna cos seus «instintestinos». Para nós, hoxe, non se trata de dar a coñecer a Jarry presentado as súas obra menos coñecidas ou as menos descoñecidas. Isto é indiferente a Jarry e a nós mesmos: morreu e nós estamos vivos. É simplemente unha declaración de guerra, un acto de ruptura que quixésemos o máis decisivo posíbel, e unha promesa de agresión a curto prazo.
Ubu encadeado é un fermento de revolta permanente, pero a liña constante da filosofía do Pai Ubu incitaríanos ao desespero se, por outra parte, Jarry non afirmase unha vontade consciente de ir máis alén, se o epígrafe mesmo da obra non nos deixase albiscar un devir necesario, en fin, se non quixésemos utilizar a forza destrutiva sistemática, a dinamita Ubu, para romper duradeiramente unha demasiado compracente serenidade. Insisto no feito de que Ubu encadeado, que non achega ningunha conclusión ou solución concreta, e na que trunfan unilateralmente as potencias inferiores, aniquila as cousas estabelecidas e, por este feito, debe servir de saída á nosa acción e non de alimento ao noso escepticismo.
Nela critícase vigorosamente unha democracia reducida a fórmulas místicas, unha república simplemente formal, os actos de fe cega en que se converteron os dereitos do home e do cidadán, en fin, todo un aspecto irrisorio e conxelado do que é a nosa propia existencia, pero esta crítica debe ter o efecto de suscitar en nós a exaltación moral sen a cal a vida non será restituída á verdadeira liberdade, de facer revivir en toda a súa violenta apoteose os principios mesmos dunha revolución humana, deshonrados, podres, por varios lustros de estancamento e reacción.
E para que ningún equívoco sexa posíbel, e porque o acento de Ubu encadeado bate particularmente sobre o réxime existente, non atacando máis que fragmentariamente –con todo o desprezo suficiente pero sen insistencia– a estreita idiotez dos monárquicos, o absceso purulento das finanzas, a cagaleira da xustiza burguesa, é dicir, toda a merdra, o contido máis voluntario desta declaración será que ningunha obxección é de lonxe comparábel para nós á adestrada-dereita militar que querería impornos a pallasada tráxica dos Césares delirantes.
Neste momento particularmente impresionante do destino humano, é necesario ter perante os ollos a masa chea d e noxenta gloria deste Pai Ubu que nos será necesario asasinar na luz.
Ubu combate sen coraxe, pero con insolencia e éxito, todos os mitos do mundo burgués e antes de nada o da liberdade concibida na necesidade social. Pero é porque posúe no máis alto grao as calidades da burguesía dirixente das que el supera: é máis avaro que os seus pares, máis egoísta, máis brutal, máis envexoso, máis testán, máis colérico, máis imperioso. Diante del non hai máis que os seus discípulos, os seus gardas e a multitude de imbéciles, badulaques e parvos que veñen ver descerebrar cun secreto desexo de seren descerebrado á súa vez «para veren». –Ubu triunfante non ten xa outro reino a protexer que a súa birollice, outro amo que o seu bandullo que medra. –«Percibo, di, que a miña andorga é máis grosa que toda aterra e máis digna de que eu me ocupe dela». –Facendo camiño ensínanos a historia contemporánea, porque todo é franco, sen psicoloxía, e porque Ubu é Ubu o magnífico, Ubumagnus, Ubu o home de goberno. Fermosa lección das cousas!
Sylvain Itkine.
(Fragmento dun ensaio a aparecer).
CÚPULA DE VOITRES
Bela como a clínica de Charcot
Tesouro dos recentemente-nados das bruxas en fuga.
O conciliábulo dos paxaros asasinos
O aparato antigo destas caras
Eu previra esta xove besta de orellas de xofre
Todos os paxaros xuntos non sufrirán no suplicio
Hermafrodita
A fecundar a si mesmo Ubu-deus
Os arcos da alba sostéñeno
Os corzos saúdano cunha ala
Os pés máxicos da muller ramifícanse na sombra
Terceiro e definitivo desmembramento de Polonia
Todos morren por un sol verde
Nos cabelos da ala crepuscular do obxecto amado
Gilbert Lély
VIVA A O EXERMERDRA
Supondo que a obra de Jarry sexa antes que nada metafísica, dialéctica no que arrastra ao espírito ao descubrimento de sentidos múltiples, raros., diversos, contraditorios e agachados, percíbese que a súa significación máis inmediatamente accesíbel, sen dúbida non a máis marabillosa, mais ao meu parecer a máis meritoria, é unha subversión dun notábel valor obxectivo
Viva o exermerda!
Aínda que a acción de Ubu encadeado acontece en ningures, é dicir, en todas as partes e sempre, este hurra co acento rimbaudiano máis auténtico, sitúase no espazo e o tempo dunha maneira singularmente precisa:
Cando aparece Ubu encadeado, en abril de 1900, completamente actual é aínda a escena ridícula do 23 de febreiro de 1899: Deroulède (8) a se precipitar á brida do cabalo: «Sígame, meu Xeneral, por Francia!». Mentres que a multitude dos patriotas ouvea: «Viva o Exército!» até perder a alma.
Henry Pastoureau
A PALABRA DO PASADO
No instante preciso en que o bandido-de-ideas tira do seu peto do cu a metralladora de bandas momificadoras e apoia o seu instrumento no auto do vendedor de billetes, desaparece no horizonte o as de Faustroll levando na súa ala as cadeas da liberdades e as alegrías da escravitude. E cando o empregado bancario sangra por todas as partes, o audaz bandido expresa a súa satisfacción mediante: «merdra!».
Esta palabra, equivocadamente quíxose facer dela unha exclamación decepcionante, mentres que o home non alcanza o maior desenvolvemento da súa personalidade máis que cando é capaz de facela soar claramente nos oídos aterrados dos curas e dos xefes. Co choque prolongado das letras que a compoñen, caen as cadeas, derrúbanse as barreiras, disólvense as mordazas e o P. U. que o saber rexeita, cando quere ser escravo, empregala unha soa vez.
E como as posturas pasionais cóntanse por 32, hai diferentes maneiras de pronunciar a palabra completamente de rebelión e de desafío, pero a máis extraordinaria paréceme estar constituída pola pesimista historia alegre seguinte:
Un home entra nun café, escolle unha mesa que está perante un grande espello, séntase e pide unha consumición que non toca. Os dedos entrelazados, fai coas súas mans un coxín ao seu queixo e contempla con vivo interese o espello até o momento en que xulga que xa chamou abondo a atención. Chama entón ao camareiro e infórmase sobre o prezo dun espello semellante, á resposta do camareiro, coloca algúns billetes de banco sobre o mármore, tira un revólver do seu peto e destrúe o espello a tiros. Logo, virándose cara o mostrador, avalía o groso home que está alá e articula: «E un patrón como este, CANTO?».
Os balbucios e as palabras sufocantes das declaracións de amor, o «Ah! Ah!» de Bosse de Nage, quintaesencia de cultura, «Merdra» para as relacións humanas, velaí o único vocabulario válido, cando se afunden baixo os lóstregos as nocións pestilentes e malditas de obediencia e de autoridades.
Léo Malet
ACTUALIDADE DE JARRY
Convén, ao evocar Alfred Jarry, Henry Monnier ou algúns outros, disertar sobre o mito e a natureza antropofáxica desta creación que se nutre do seu autor. todo isto é claro e evidente mais non implica necesariamente a vitalidade do mito considerado. Ora –e é o que nos importa– a peza que compuxo, á idade de quince anos, para un escenario de marionetas, Jarry puido vela, aos sesenta, realizada sen ruptura no escenario do mundo.
Porque Ubu non é un mito caducado, senón o prototipo moderno do Ditador: e velaí por todas as partes, entre dúas guerras, os ditadores nacendo dunha prodixiosa xeración espontánea. O personaxe de Ubu Roi escandalizou París, dise, en 1896. Corenta anos máais tarde, outros Ubus, en carne e con botas, escravizan descaradamente os pobos. Sen esforzo, calcados un do outro, as Súas Excelencias toman posición. No moral: apetitos, ferocidade, cinismo. No físico: amplitude de costas, vulgaridade, queixadas. Unha máscara de gas e o parecido co Pai Ubu é escandaloso: tal pai, tal fillo, mais semellante don de previsión non consagra, en Jarry, ao poeta?
Non é menos verdade que a súa imaxinación, por inventiva que sexa, fica curta fronte á presente realidade. Pobre pequena máquina de descerebrar da rúa de L’Echaudé!
Vede, vede a máquina xirar,
Vede, vede o cerebro saltar,
Vede, vede os rendeiros tremar…
Amábeis xogos de barrio! Agradábeis recreacións dominicais! Idílico espectáculo dunha idade sen cine! Para ir ver isto, quen se molestaría hoxe? Hoxe, en que son ofrecidas, ás poboacións marabilladas, as fazañas de tanques con permiso de circulación… Tanques, femias sen alas, aínda mal liberadas da eiruga e cuxo macho só podería ser ese monstruoso bombyx (9), o avión de bombardeo… E esta fauna de aceiro, co sangue de aceite pesado a circular nun corazón motorizado, este zoolóxico apocalíptico obedece docilmente aos Ubus desencadeados.
De agora en adiante Ubu, ao ter moi bo xogo, non se encadeara á el mesmo. En rebelión permanente contra a humanidade, declara rebelde a calquera que se lle resista. Sádico asasino, condena a morte a calquera que respecte a vida. Caníbal por temperamento, preña todos os ventres; e unha puericultura apropiada, seguida dunha educación racional, asegúralle unha reserva inesgotábel de carne humana, metodicamente descerebrada, este estado de cousas pode prolongarse, como, pola contra, precipitarse a catástrofe terminal… O destino do mundo depende en suma da insanidade –física ou mental– dun tirano.
Á espera do incerto desenlace, é satisfactorio para o espírito que Ubu encadeado se represente nun tempo tan fondamente contraditorio. Como noutrora de Ubu Roi, van emanar unha irreverencia total, unha burla perfecta, que humillarán, con toda a inoportunidade desexábel, as horríbeis «Personalidades respectábeis» que os rabaños humanos veneran.
Maurice Heine
(22 de setembro de 1937)
APÉNDICE II
A Maison de la Culture, en nome dos seus 45.000 asociados, dirixiu ao Presidente Companys e á Casa do Pobo de Madrid o telegrama seguinte:
Saudamos fraternalmente ais heroicos combatentes pola liberdade de España. Esperamos firmemente a vitoria final do pobo español contra criminal tentativa aventureiros.
Viva a España popular, gardiá da cultura e das tradicións ás que un indestrutíbel afecto nos liga.
Jean Cassou,Tristan Tzara, Pierre J. Jouve, Luc Durtain, René Arcos, André Gide, Élie Faure, P. Nizan, Ramon Fernandez, Jacques Lipchitz, R. Desormières, O. Zadkine, Ozenfant, André Lurcat, Gromaire, A. Lhote, Jean Painlevé, Aragon, E. Dabit, André Viollis, J. Guéhenno, A. Chamson, Pierre Abraham, P. Picasso, J. Prévert, M. Martin du Gard, Marie Bell, René Blech, Robert Desnos, Charles Vildrac, Ilya Ehrenbourg, Pierre Parad, H. Rivière, André Varagnac, Jacques Doustelle, Marcel Herrand, Jean Marchat. Daniel Lazarus, Peyanis Safa, Jean Lucat, F. Léger, H. Jeanson, J. Renoir, Germaine Dulac, Robert Vidalin, Tony Gregory, L. Larive, S. Itkine, Chabannes, G. Besson, Ullman, Valentine Hugo, Lawrens, Henri Matisse, G. Pillement, Moussinac, J.-R. Bloch, Georges Sadoul, A. Wurmser, Martin-Chauffier, Claude Aveline, Léopold Chauveau, Lenormand, Alejo Carpentier, Othon Friesz, Pitoëf, André Germain, Pierre Unik, Jeran Carterfet, L. Guilloux, L. Pierre-Quint, René Moulaert, Peters-Rosset, G. Baulhan, René Daumal, J.Brunius, M. Sibon-Etchevery, A.Delons, Elkouken, Alberto Giacometti, Roger Caillois, Borès, Pierre Robin, Delaunay, Survage, Rene Paraf, Claude Morgan, Louis Séchan, Agustin Hamon, Henriette Hamon.
NOTAS
(7) Exermerda: Armerdre, palabra inventada por Ubu a partir de Armade (exército) e Merd(r)e (merd(r)a). (Ndt.)
(8) Político dereitista francés, unha figuras do movemento de extrema dereita coñecido como boulangismo, intentou dar un golpe de estado contra a III República e fracasou, precisamente ese 23 de febrero, exiliándose en España, país campión dos golpes de Estado (a lembrar, que un dos poucos fracasos tivo precisamente lugar un 23 de febrero 82 anos despois do falido golpe en Francia). Foi fundador da antidrefuysard Liga da Patria Francesa.
(9) Especie de bolboreta.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …