Samoylova. Beauty Salon, New York, 2022
Case un século separan os nacementos de Ilse Bing e mais de Anastasia Samoylova. A primeira nace en Francfurt, a segunda en Moscova. Dúas vidas ben distintas para dúas obras non tan diferentes. As dúas apostan pola innovación, pola provocación estética; e, por suposto, as dúas demostran que os seus disparos van cargados co ollar de quen carrexa certa conciencia social. A cámara é a arma ideal da conciencia?
❧
Anastasia Samoylova. Image Cities. Xogos e virtuosismo.
As fotografías quizais sexan os obxectos máis misteriosos que conforman, e intensifican, o ambiente que identificamos como moderno. As fotografías son de feito experiencia capturada e a cámara é a arma ideal da conciencia no seu talante cobizoso. (Susan Sontag, On photography, 1977).
Anastasia Samoylova (URSS, 1984) é unha cativadora fotógrafa, con querenzas especiais polas contornas nas que vive e mais por problemas como medio ambiente, as consecuencias do turismo masivo, por exemplo. É dicir, unha persoa totalmente inserida nos comezos deste novo milenio. Xa leva publicado uns cantos libros, froito de outras tantas coleccións de imaxes que levan títulos tan atraentes como: Floridas (2022), FloodZone (2017). Agora vive en Miami, por iso algúns dos traballos falan das realidades nas que se move acotío.
O mangado de 50 imaxes sobre cidades, Image Cities, que agora se mostran no KBr Barcelona Photo Center son precisamente as instantáneas que Samoylova presentou ao primeiro KBr Photo Award (2020), e que o xuri decidiu por unanimidade concederlle ese importante premio.
As fotografías de cidades que presenta Samoylova nesta serie teñen como precedentes as coleccións feitas xa, nos seus tempos, por Atget ou Brassaï en París, ou Berenice Abbott ou Duane Michals na cidade de New York. Son imaxes tomadas pola autora de Floridas, visións de elementos urbanos ofrecidos polas rúas, sen xente, ou escasamente presente, e cun tamaño que engrandece as arquitecturas ou reduce o humano. Mesmo diríase que o que pretende a autora é seguir presentando collages urbanos, planos superpostos; como se a fotógrafa pretendese evidenciar que esas rúas, eses edificios xa teñen unha idade, xa foron retratados en tempos pasados (aínda que con fasquías diferentes).
Para a serie Image Cities Samoylova percorre moitas cidades, verdadeiras metrópoles actuais. E case que semella a mesma. A fotógrafa sabe indagar espazos, lugares, onde as imaxes de publicidade (ou outro medio do neoliberalismo) que capta a súa cámara (arma ideal da conciencia, a dicir de Sontag) semellan ser as mesmas, trátese da city que se trate. Samoylova, que naceu en Moscova e que agora vive nos EEUU e se move por todos os continentes, é moi consciente de que as cidades -na actualidade e co gallo de mellorar as súas economías- viven (ou morren?) cun decisivo dilema: todas loitan por ter e “vender” sinais de identidade propias, únicas (barrios, rúas, edificios singulares, …), mentres, en paralelo, neses mesmos espazos amosan comercios das marcas multinacionais, con idénticas mercadorías, logotipos, cores, e outros elementos, atópense no continente que se atopen. Neste senso, é moi habitual que en calquera das grandes urbes se poidan apreciar lenzos tan grandes como a fachada de grandes edificios con publicidade de Opel, de Samsung, de Zara ou calquera outra marca. E iso retrátao perfectamente Samoyova. Sobrevivirán as especificidades das vilas a toda esta voragine mercantilista?
A artista Anastasia Somoylova ofrece no KBr Barcelona Photo Center unha escolma de 50 imaxes urbanas de grandes dimensións, das máis de 200 que conforman toda a serie creada para o KBr Photo Award. E son unha imaxes moi traballadas, tomadas desde ángulos diversos, forzando que a pel da urbe que presenta teña máis dunha capa, sexa unha pel curtida polos séculos. Deste xeito os resultados proveñen de procurar reflexos de vidros, de publicidades e arquitecturas. As creacións presentadas en Image cities por Samoylova son trompe l’oeil. Verdadeiros xogos de espellos nos que está capturada a identidade das urbes, das súas realidades actuais. A intención da autora é xogar ás confusións?, ou mostrar con claridade radiografías da vida nas metrópoles actuais? Nalgunhas tomas a fotógrafa provoca con descaro choscadelas á historia da arte: en New York, por exemplo, o collage fai xurdir Warhol como reflexo a carón da sopa Campbell con outros de autos estacionados na rúa, ou de Marilyn, ou fragmentos de Ronda de Noite, de Rembrandt…
Diríase que ao camiñar polas salas do KBr onde están as obras de Samoylova, a persona visitante séntese atrapada. Atrapada na Caverna de Platón. Todo reflexos, todo espellos. U-la realidade? Existe a realidade. Xa non se diga nada do que afirmaban profesionais da fotografía de máis de 50 anos: a imaxe que captura a cámara de retratar é bela, e é verdade. Hogano abonda con tratar de identificar a realidade. E, que realidade? Toda a serie –Image Cities– é un continuum de brinquedo entre o natural e o artificio, entre a imaxe captada en directo e a construción da artista. O paradoxo. Nas grandes e coidadas copias que agora están presentes no KBr, esa capela iconográfica, a persoa visitante vai vendo tomas de rúas, con ou sen xentes, semellan non ter nada de extraordinario, obxectos, elementos cotiás. Pero cómpre recoñecer que os ollares de Samoylova atoparán a volta para insuflar á instantánea unha carga de ironía que invite por exemplo ás dobres lecturas: o edificio histórico, icónico, que non é tal, que só vén sendo unha inmensa iamxe de si propio. O paradoxo.
Como fotógrafa das realidades urbanas -xa ben diversas, xa tipoloxías e oferta comercial que as uniformizan e reducen- as imaxes de Samoylova proceden desa longa tradición de retratar cidades, xa en branco e negro xa en cores. Sorprenden, por exemplo, as fotografías de cores tan fortes e, ao tempo, cativadoras, que Saul Leiter tomou de barrios de New York. Leiter exerceu de Quiet Man polas rúas da metrópole, contemplando e capturando a vida cotiá, o intranscendente, rebuscando en reflexos e transparencias a outra ribeira do espello, e no humilde barrio os ritmos cromáticos dos mellores pintores. E, como non!, engaiolan os grises que tanto empregou o fotógrafo Lee Friedlander, mago do encadre, diso que se pode denominar o “encadre preciso”: a capacidade de meter nunha imaxe aqueles elementos que nin sobran nin faltan, a arte de crear composicións ambiguas. Friedlander, só ou en compañía de amigos: de Garry Winogrand, outro fotógrafo social e incómodo, interesouse pola vida cotiá, polo acontecer intranscendente, decisión que o leva a aprender aos seus ollos a mirar e ver o paradoxo dunha rúa, dun cuarto de motel, e captar esa composición na que, antes ca el, ninguén reparara.
Anastasia Samoylova. Image Cities. Ollares femininos.
Shout, shout, up with your song! / Cry with the wind, for the dawn is breaking; / March, march, swing you along, / Wide blows our banner, and hope is waking. / Song with its story, dreams with their glory / Lo! they call, and glad is their word! (…) Long, long—we in the past / Cowered in dread from the light of heaven, / Strong, strong—stand we at last, / Fearless in faith and with sight new given. (Ethel Smyth.The March of the Women, 1911).
Hai cousa de algo máis dun século a compositora Ethel Smyth coñeceu na súa Gran Bretaña nativa o movemento sufraxista; e desde entón fíxose unha fervente activista. Como parte dese activismo en favor da igualdade, Smyth compuxo The March of the Women, marcha que de contado se converteu no himno oficial das sufraxistas nas súas manifestacións e xuntanzas. A compositora Ethel Smyth non é moi coñecida. Pero non pola súa produción e calidade de traballos musicais: sinfonías,óperas e moitas máis pezas; recibiu premios e recoñecemento público. Que aconteceu logo que desapareceu da memoria colectiva?: o mesmo que a tantas e tantas creadoras e científicas.
Na serie fotográfica Image Cities, gañadora do KBr Photo Award 2020, Anastasia Samoylova vai polos vieiros de Smyth. As 50 instantáneas que a fotógrafa autora de FloodZone, presenta agora en Barcelona, son notas músico-arquitectónicas que van compondo unha sinfonía dodecafónica de lecturas moi diversas. Unha das lecturas, a máis evidente seguramente, é a presenza feminina na pel de tantas e tantas urbes. Quen dispara a máquina de retratar (arma ideal da conciencia) atopa -sen dificultades- faces e corpos de mulleres en calquera rúa deste planeta. É certo: a imaxe pública que o patriarcado emprega como referencia fundamental do mercantilismo, do consumismo é a imaxe do corpo feminino. Corpo feminino idealizado, cousificado, irreal. Iso ten un nome: violencia estética, un dos modos que ten a sociedade capitalista para impor canons de beleza, que repercuten moito máis nas mulleres. Por dar unha referencia: a fotografía Beauty Salon, Milan, (2022), que é o que presenta?, que lecturas se poden facer? Toda a imaxe está ocupada pola dobre representación do busto dunha muller nova, icona de beleza actual, que ocupa unha parede enteira dun edificio (poida que supere os 6 metros de altura). E Samoylova con que contrasta esa modelo?, que xogo propón? O xogo de ficción e realidade?, o da esixencia da beleza codificada? Na parte inferior esquerda da foto aparece unha muller, real, que pasa pola beirarrúa, que non ten os anos da “xiganta perfecta”, …
Unha muller vai capturando polas rúas de metrópoles imaxes de mulleres. Imaxes non gratuítas. Denunciadoras? Quizais. Ou poida que sexan testemuñas do que acontece na sociedade: a máquina de retratar é arma ideal da conciencia. Que cadaquén tire as súas propias deducións.
En moitos casos a fotógrafa Samaoylova entra dentro da Image City. Autorretratos? A fotógrafa nos reflexos que provocan vidros e espellos. A artista na Caverna de Platón. Se se vai retratando por rúas e prazas, unha e outra vez, quere isto dicir -como comentou Avedon, e ao revés do que habitualmente se di- que en cada instantánea na que aparece vai deixando anacos de alma? Ou trátase doutro xogo? O paradoxo da vida.
Ilse Bing. Fotografías innovadoras con conciencia social.
La singularidad de la obra de Ilse Bing estriba sobre todo en el propósito de captar la vibración de la vida (…) es una artista que supo incorporar la gramática innovadora de la vanguardia y la belleza de la abstracción en sus tomas de planos en picado o contrapicado manteniendo a la vez el ojo atento a las realidades sociales y mostrándose sensible ante la poesía particular de los objetos cotidianos. (Juan Vicante Aliaga, comisario, 2023).
No ano 1970 o músico Don McLean le unha biografía de Vincent van Gogh, e inmediatamente soubo que tiña que compor unha canción dedicada a ese pintor tan especial. E ao ano seguinte compuxo e deu a coñecer a cantiga Starry night. Dedicada a Vincent Van Gogh e inspirada no seu lenzo The Starry Night (1889) que, desde os anos 40 se exhibe no MOMA. Na cantiga, o músico de New York di no retrouso, entre outras cousas: And now I understand / what you tried to say to me / how you suffered for your sanity / how you tried to set them free./ They would not listen, they did not know how. McLean xoga co estado de saúde do pintor e mais coas incomprensións que tivo que sufrir en vida; e iso mesturado coas mensaxes que un século despois recibe das pinturas do autor da conmovedora Os comedores de patacas (Aardappeleters,1885).
O ano 1929 foi especial: o crac económico, o comezo da crise que levará directamente ao trunfo do nazismo e outros réximes autoritarios, e máis cousas. Ese mesmo ano Ilse Bing (1899-1998) -que daquelas estaba dedicada ás ciencias e aos seus traballos doutorais sobre arquitectura- coñece en Zurich as obras de Vincent Van Gogh. Para ela foi toda unha revelación. Desde ese mesmo día a autora de Greta Garbo Poster decide abandonar o que andaba a facer e dedicarse á arte, máis concretamente á fotografía. Habería que preguntarse (tamén como no caso de McLean: I understand / what you tried to say to me) que lle dixeron aqueles lenzos coloristas e traballados coas présas que impón a inspiración ante a natureza, que mensaxe lle transmitiron as pinturas de Van Gogh á moza universitaria para que mudase o rumbo da súa vida de xeito tan radical. Quizais entendeu a esencia dos obxectos cotiás: unha cadeira, unha rúa?, ou as vistas de peculiar xeometría: un cuarto, un campo?
Ilse Bing logo se arma cunha Leica e marchará de Frankfurt para París. Quedoulle para sempre -incrementado por amizades como a do arquitecto Stam- o gusto polas arquitecturas. Esa querenza vaise alimentando coas achegas da escola Bauhaus (propostas racionalistas que lle chegan nas súas estadas na universidade), e tamén pola práctica dos cubistas, xa pola simplificación de liñas como da atención prestada a obxectos cotiás, humildes. Picasso, Braque, María Blanchard van facendo camiño cara máis fondas abstraccións.
A gora, comezos do 2023, o magnífico KBr Barcelona Photo Center ten instaladas nas súas salas do Passeig Marítim barcelonés unhas 190 fotografías desta fotógrafa alemá que, por biografía e orixe xudeu, fuxiu do seu Frankfurt natal, pasou por París (onde coidaba que podería instalar a súa residencia definitiva) e rematou vivindo en New York. Ilse Bing é unha antolóxica exhaustiva; non hai tema ou época que non estea representada nas salas de KBr. O comisario Juan Vicente Aliaga, profesor da Universitat Politècnica de València, logra xuntar as mellores copias de temas arquitectónicos ou de danzas; da pobreza instalada nas grandes urbes ou de naturezas mortas. No magnífico catálogo editado pola Fundación Mapfre as imaxes son acompañadas por un clarificador texto do comisario e outro de Benjamin H. D. Buchloh, historiador da arte e profesor na Haward University.
A fotografía de Bing, unha das primeiras mulleres fotógrafas que pode presumir de ter unha dedicación á fotografía, ten preferencia por retratar obxectos sinxelos, de uso cotiá. Influída por varias vangardas artísticas (cubismo, surrealismo) nunca se casou con ningunha, e foi libre para non someterse a ningunha doutrina visual e estética. O seu xeito de ir pola vida e de ollar é singular, propio. Nin se deixou levar polo pictorialismo; preferiu a representación moderna, con encadres forzados, e -ao tempo- desde unha concepción artística emanada do humanismo e da súa conciencia social. A cámara é arma ideal da conciencia.
EXPOSICIÓNS: Ilse Bing e Anastasia Samoylova. Image Cities. KBr Barcelona Photo Center, ata o 14 de maio de 2023
❧
You might also like
More from Artes
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …