Larrain. Niños bajo un puente del río Mapocho, Santiago. Chile, 1955
Moitos profesionais da fotografía son quen de captar a dureza das realidades que os envolve sabendo, ao tempo, inzar as imaxes con pátinas poéticas. O chileno Sergio Larrain foi un deles. E para deixar constancia dos seus quefaceres deixou escrito: Cuando dirijo la mirada hacia fuera, con la cámara en la mano, en realidad busco imágenes hacia dentro. Pódese facer iso?, procurar nas rúas o que vive dentro dun?
Sergio Larrain. El vagabundo de Valparaiso. Chile. Fundación FotoColectania
Desde muy joven, Valparaíso, después de su trabajo fotografiando a los niños de la calle, fue para el fotógrafo un entorno casi uterino. Cada piedra, cada escalera, cada marinero, cada sombra y cada bar se convirtieron en una parte inseparable del vocabulario del gran poema que quería escribir. (Agnès Sire, comisaria).
Na exposición que se comenta, Sergio Larrain. El vagabundo de Valparaiso. Chile están presentes bastantes imaxes da serie que Sergio Larrain fixo nos anos 50 da pasada centuria: Niños de la calle. Tal e como indica o título, a serie está centrada na vida tan dura que levaban (e aínda levan?) os nenos e nenas que sobrevivían como podían nas rúas de Santiago de Chile. Unha situación extrema que daquela varias asociacións benéficas calcularon que había só nas rúas da capital de Chile uns 26.000 nenos e nenas resistindo sobrevivindo. Os nenos de rúa era (aínda é) unha traxedia en moitos, moitos estados. En Brasil fixéronse tristemente famosos os Meninos de rúa polo volume de rapazas e rapaces que moraban sen fogar, polas extremas condicións de vida e mais polas medidas que as autoridades tomaron contra deles. En paralelo, o escritor brasileiro Jorge Amado tomou partido e reflectiu a existencia de tal realidad no seu romance Capitães da Areia (1937), unha descrición realista e atrevida dos avatares polos que tiñan que pasar eses meninos de rúa de Bahía de todos os Santos. O libro molestou tanto ás autoridades brasileiras que foron queimados en prazas e lugares públicos. Así remataban co tráxico problema?
En México ou en Colombia, por citar dous estados americanos filmáronse e aínda se crean filmes sobre a violenta existencia de rapazadas que resisten nas rúas das cidades. Para o caso colombiano valen dous exemplos: Los Reyes del Mundo, longametraxe de Laura Mora, e anteriormente La Vendedora de Rosas (Víctor Gaviria). Abundando nesta casuística, no ano 2008 o cantante español Marwán compuxo a cantiga Meninos da rúa. A letra é contundente, sen concesións; uns dos seus versos din: naciste con la cruz del pobre a la espalda, naciste y te bautizaron con hambre… Esta cantiga ben pode ser a banda sonora das fotografías de Larrain para a serie citada.
A Fundación FotoColectania, nas súas salas do centro de Barcelona presenta unha interesante e particular exposición: Sergio Larrain. El vagabundo de Valparaiso. Chile. Trátase dunha mostra de máis de 80 imaxes, xunto con revistas e documentos, que produce a famosa axencia Magnum Photos e que co-organizan tanto FotoColectania como a Biennal de Fotografía Xavier Miserachs, que ten a súa celebración en Palafrugell. A comisaria da mostra é Agnès Sire, que perante 2003 e ata 2022 foi a directora da Fundación Henri Cartier-Bresson. Hai ano e medio que o KBr Barcelona Photo Center, ese templo da fotografía que a Fundación Mapfre ten aberto na Cidade Condal, presentou tamén a mostra Paz Errázuriz, a antolóxica dunha fotógrafa chilena que, en moitas das súas visións fotográficas, pasa por ser seguidora comprometida de Larrain. En agosto a exposición de Larrain (un tanto ampliada) ten unha segunda vida na Biennal de Fotografía Xavier Miserachs, Palafrugell.
Para facerse unha idea dos xeitos de traballar de Larrain, fotógrafo tan especial, e para animar á visita desta mostra, velaquí unhas verbas coas que o propio artista se define: Cuando dirijo la mirada hacia fuera, con la cámara en la mano, en realidad busco imágenes hacia dentro; suelo materializar ese mundo de fantasmas cuando veo algo que resuena dentro de mi. Pódese facer tal cousa?, procurar nas rúas o que vive dentro dun? Este xeito tan suxestivo (e subxectivo) de aprehender a realidade é o que fan os poetas?
A antolóxica Sergio Larrain. El vagabundo de Valparaiso. Chile que se pode admirar en FotoColectania, céntrase realmente en dúas series ben coñecidas del, e posiblemente as que o fixeron máis famoso, Los Niños de la calle, unha visión dura e dramática dos infantes que sobrevivían a mediados da década dos 50 nas rúas de Santiago de Chile. A outra serie, na que se centra esta exposición, é Valparaiso, serie que remataría por ser un libro publicado en 1991 e que levaba un ensaio de Pablo Neruda titulado Las piedras del cielo. A importancia das vivencias de Larrain na cidade de Valparaíso é tan vital para o fotógrafo que a comisaria, Agnès Sire, afirma que esa vila fue para el fotógrafo un entorno casi uterino Falando de libros e de outras colaboracións, no ano 1966 a editorial Lumen na súa extraordinaria colección Palabra e imagen publica o libro Una casa en la arena, de Pablo Neruda, e que foi amplamente ilustrado polas fotografías de Sergio Larrain. Non se sabe que é máis fundamental nesa publicación, se o material iconográfico ou o literario.
Despois rematar os seus traballos na serie Niños de la calle, e mentres disfrutaba unha bolsa en Londres, coñeceu ao fotógrafo Cartier-Bresson en 1959, que o animou a incorporarse á axencia Magnum Photos. Tras aceptar, foise vivir a París para facer numerosas reportaxes para Magnum. Logo regresou a Chile para concentrarse na serie Valparaíso. Pouco tempo despois deixou a fotografía definitivamente.
Sergio Larrain. El vagabundo de Valparaiso. Misticismo, poesía
Hacer buena fotografía es difícil, lleva mucho tiempo. Intenté adaptarme en cuanto me incorporé al grupo de ustedes para aprender y conseguir que me publicaran. Pero me gustaría volver a hacer algo más serio (…) me gustaría encontrar una vía que me permitiese actuar a un nivel que para mí sea más vital. No puedo seguir adaptándome. (Sergio Larrain. Fragmento de carta a Henri Cartier-Bresson, 1965).
Así foi. Tal e como relata no fragmento da carta que se acaba de citar, Larrain -despois de formar parte da importante e prestixiosa axencia Magnum- abandona esa cooperativa e abandona a fotografía. O autor de Valparaíso quere seguir traballando e implicándose pero a un nivel que para mí sea más vital. Desde entón vivirá dedicado á meditación, a facer ioga, debuxando, ao misticismo. O nivel poético non só da fotografía senón da propia vida. Unha persoa valente que abandona as glorias e os éxitos externos, internacionais, para sinxelamente vivir.
A exposición Sergio Larrain. El vagabundo de Valparaiso. Chile, instalada en FotoColectania é unha ocasión excelente para coñecer os atrevidos traballos deste fotógrafo tan especial. Sergio Larrain é singular, moi orixinal. Cando comeza a serie Niños de la calle faino como autodidacta, cunhas maneiras independentes e cun ollar vivo e distinto. Seguir as súas instantáneas é celebrar a liberdade na mirada, a falta absoluta de prexuízos. É quen de aportar ás fotografías lirismo empregando recursos atrevidos e pouco vistos. Larrain recorta a realidade captada pola súa cámara por onde lle peta, incorpora sombras e diagonais forzadas naqueles casos nos que considera que aportan beleza e dureza á imaxe. Non é raro observar que nas súas series hai personaxes que saen de encadre, que só se mostran nunha parte do seu corpo. As diagonais aumentan a tensión e dinamismo nas instantáneas engadindo aínda sombras ou imaxes tomadas nun sol rachador.
Con esas ferramentas Larrain bota man da cámara para dirixir os seus ollares cara fóra, cando en realidade o que fai é buscar imágenes hacia dentro. As imaxes da serie Niños de la calle (1956–1957) son instantáneas arrepiantes. Daquela Larrain aínda estaba aprendendo e veu naquelas vidas, nas súas duras supervivencias, o xeito de efectuar o que pretendía hacer algo más serio. O refugallo da sociedade chilena, aquilo que se quería ignorar ou tapar, pasa a ser para o fotógrafo o foco das súas pescudas. Pola súa parte, Valparaíso (finales de los 50–mediados de los 60) tratouse xa dun proxecto máis extenso no que Larrain retratou a paisaxe urbana: as rúas coas persoas, as escaleiras coas súas nenas baixando e subindo entre sombras e claridades contrastadas. Na serie Valparaíso hai un espazo especial para os prostíbulos. Larrain pediu permiso para retratar os interiores deses lupanares pois o que o atraía daqueles interiores -con atmosferas tan singulares- era a cantidade de espellos colgados das paredes. Tantos espellos que se reflicten uns aos outros, creando planos e contraplanos, planos equívocos, reflexos de madames e clientes repetidos e repetidos.
Noutro parágrafo do texto que Agnès Sire dedica ás imaxes de Larrain expresa: Los términos que emplea Larrain para describir el estado de gracia necesario para ‘recibir’ una buena imagen son místicos, incluso espirituales, como si las imágenes ya existieran en el cosmos y el fotógrafo solo actuara de medium. Así aconteceu. A finais dos anos 60 Larrain deixa a axencia Magnum Photos e a fotografía. Os seus intereses vanse centrar nese interior propio que quere coidar, e non en viaxar para elaborar reportaxes por terras alleas. A espiritualidade encamíñao cara o ioga e a meditación; actividades que completará coa escrita e mais o debuxo. Ao que se deicou, xa que logo, foi a materializar ese mundo de fantasmas cuando veo algo que resuena dentro de mi.
❧
EXPOSICIÓN: Sergio Larrain. El vagabundo de Valparaiso. Chile. Fundacion FotoColectania, ata o 24 de maio de 2026
You might also like
More from Artes
Maruja Mallo, metade marisco, metade anxo
A pintora Maruja Mallo, aínda non moi coñecida, foi unha das grandes figuras da arte en España e compañeira de …
emotiva abstracción de Sean Scully | Lito Caramés
O artista Sean Scully vén sendo hoxe un dos máximos exemplos vivos de creadores que procuran reflectir as emocións que …





