Shomei Tomatsu, fotógrafo social, organizador de fotografías
Despois de 1945 o Xapón afronta unha situación crítica. Debe reporse das Bombas Atómicas, das perdas humanas, da ocupación ianqui, do desastre económico. Unha testemuña privilexiada da diversidade de situacións polas que atravesa a poboación nipoa nesas datas é o fotógrafo Tomatsu, que agora presenta a Fundación MAPFRE nunha meritoria antolóxica. Que son os hibakusha? Por que protestan os estudantes nipóns nos anos 60? Como afecta ás persoas a presencia de tropas dos EEUU en territorio xaponés?
Nagasaki. Hibakusha Sumako Fukuda
Xa estou farta de todo.
A enorme estatua da paz ergueita
sobre a zona atómica
está ben.
Está ben, pero
non podemos comernos unha estatua,
a pedra nunca sacia a fame real.
¿Non podían ter feito outra cousa
con todos eses cartos?
(Sumako Kukuda, 1966)
Sumako Fukuda foi unha hibakusha de Nagasaki a quen Tomatsu coñeceu a primeira vez que visitou esa cidade (1961) devastada pola bomba atómica. Hibakusha é a verba xaponesa que define ás persoas sobreviventes das dúas bombas atómicas lanzadas polos EEUU sobre territorio xaponés en 1945. Fukuda, que padeceu eritematose a consecuencia da bomba, foi poeta. Conta o fotógrafo a quen nestas datas a Fundación Mapfre dedica unha magnífica antolóxica, que cando se coñeceron el quedou moi impresionado polo aspecto que presentaba a poeta, 16 anos despois da fatídica explosión. O impacto que o sacudiu diante de Fukuda foi tanto que –escribiu Tomatsu anos despois– non se lle pasou pola cabeza facer fotografías, que era ao que realmente ía a visitala cun guía. Tivo que ser a poeta a que o fixo reaccionar: Viñeches facerme fotos, non? Pois fainas dunha vez. Cómpre ter presente, tamén, que Sumako Fukuda, hibakusha, viña de perder na explosión da bomba aos seus pais e mais a unha irmá.
As fotografías que Tomatsu lle fixo á poeta hibakusha, e que agora se poden ver na exposición que vén de abrir a Fundación MAPFRE nas súas salas de Barcelona (Casa Garriga Nogués), titulada Shomei Tomatsu, son ben definidoras do estilo Tomatsu: fotografía social, lonxe do sensacionalismo que moitas veces impón o fotoperiodismo, trato delicado ás persoas, e con encadres especiais. No caso das dúas instantáneas que están agora en Barcelona (das que Tomatsu lle fixo) o fotógrafo é respectuoso e delicado coa hibakusha. Na imaxe que acompaña estas liñas, horizontal en branco e negro, a cámara capta unha parede de papeis pintados con motivos vexetais que está bastante deteriorada (efecto da explosión da bomba?). Apenas se abre esa parede móbil e pola abertura amosa o brazo dereito dunha persoa que viste unha camisa branca, remangada por riba do cóbado. O tal brazo vese inzado de pústulas que evidencian a eritematose. A imaxe non revela máis nada. De quen é ese brazo? Que ser humano se refuxia tras da parede? Podería ser calquera dos numerosos hibakusha que sobrevivían na mesma cidade onde foron violentamente agredidas por unha arma destrutora, ata entón descoñecida. Podería ser muller ou home. Na outra fotografía de Fukuda que está na Fundación MAPFRE repítense as características devanditas: a cámara achégase moito á poeta hibakusha para capturar só o seu brazo dereito co antebrazo ao aire (agora moito máis evidentes as pústulas) que manipula un pente. Máis aló do brazo só se intúe o ombreiro, o resto é a negra sombra (metáfora da vida destas persoas?). Estas persoas sobreviventes da bomba atómica –hibakusha— foron rechazadas pola poboación nipoa: a crenza de que estaban contaminadas e que podían transmitir enfermidades fixo, por exemplo, que non puidesen casar nin levar a vida coa normalidade que lles houbese gustado.
No Memorial sobre a Paz e a Bomba Atómica que se ergueu en Nagasaki hai un pequeno monumento no que se gravou o poema Amor á vida da hibakusha Sumako Fukuda. A poeta tamén está enterrada nese parque. Morreu aos 52 anos a causa das secuelas que lle deixou a bomba no seu organismo.
Nagasaki. A bottle meted and deformed by atomic bomb
Ao cuidar que as imaxes que buscaban proviñan do inconsciente, con contidos –fieis freudianos– que consideraban atemporais e universais, os surrealistas non comprenderon o máis brutalmente conmovedor, o irracional, o non asimilable, o misterioso: o tempo mesmo. O que volve surreal unha fotografía é o seu irrefutable patetismo como mensaxe dun tempo pasado (S. Sontag, On Photography, 1973).
Shomei Tomatsu viaxou por primeira vez a Nagasaki 16 anos despois da explosión da bomba. Foi por un encargo. En 1960 o Consello Xaponés Contra as Bombas Atómicas e de Hidróxeno (Gensuikyo) pediulle a Tomatsu que fixese un traballo fotográfico sobre Nagasaki. Este traballo publicaríase só en inglés e mais en ruso, como parte das campañas contra a bomba atómica. A razón de ser publicada nestes dous idiomas era que, en plena Guerra Fría, as potencias que tiñan e ameazaban coa escalada armamentista e nuclear eran EEUU e mais Rusia. Ao final o traballo publicouse ao ano seguinte, 1961, e chamouse Hiroshima-Nagasaki Document 1961, e os autores eran Tomatsu e o fotógrafo Ken Domon, que participou nos testemuños gráficos de Hiroshima. No ano 1966, Tomatsu volve sobre o tema e publica Nagasaki 11:02. Nese libro recolle os traballos publicados con anterioridade, e amplia a reportaxe sobre a cidade con outras tomas anteriores á guerra mundial. O título fai referencia evidente ao feito tráxico que ás 11:02 da mañá do día 9 de agosto de 1945 a bomba atómica cae sobre a cidade de Nagasaki. Tomatsu atopou (e retratou) un reloxo de pulso que quedou parado a esa hora xusta. A esa mesma hora morreron, nesa vila, máis de 150.000 persoas.
Tomatsu non tivera interese en visitar as cidades arrasadas polas dúas bombas de 1945. Con ese encargo do Gensuikyo o autor de Plásticos atopouse diante da realidade da destrución. Pero o que máis lle sorprendeu e afectou non foron os restos arquitectónicos producidos na cidade. O que de verdade o deixou sen verbas foi coñecer aos hibakusha e a súa capacidade de supervivencia ao longo dos anos. Daquela coñeceu a unha nena, Shizuka Urakawa, que perdera un ollo, e á que retratou daquela. Tomatsu regresou a Nagasaki moitas veces, e incluso viviu alí durante cinco anos. Así á hibakusha Shizuka Urakawa foina retratando de moza (1979), cun parche no ollo, e logo en 1999, coas súas fillas e pintándose un ollo por riba do parche branco que tiña posto por riba da órbita ocular esquerda, baleira.
Que vén sendo o que Tomatsu captou nesa fotografía tan estraña (A bottle meted and deformed by atomic bomb)? Entretívose Tomatsu en colgar un animal sen pel para tirar a foto en branco e negro? Ese ser, ese obxecto misterioso que ocupa o centro da fotografía, onde está? Sobre un ceo nocturno con nubes? Tal e como reza o título que o fotógrafo lle puxo á instantánea represéntase aquí simplemente unha botella de cervexa; unha botella de cervexa derretida e deformada pola onda de calor da bomba atómica; unha botella de cervexa que Tomatsu atopa entre os restos da vila 16 anos despois da explosión. Que temperaturas se alcanzan nunha explosión nuclear? Esta fotografía tamén é moi representativa do traballo de Tomatsu, do seu xeito de presentar a realidade, do uso metafórico das imaxes para aludir a calquera tipo de feito. Como di Juan Vicente Aliaga, comisario da mostra Shomei Tomatsu, no magnífico catálogo da mesma: Tomatsu no es un cronista o un fotógrafo historicista que se haya propuesto fijar sistemáticamente en la retina y en el papel los acontecimientos significativos de la historia de su país. (…) Evitó caer en el fotoperiodismo o en los reportages introduciendo a menudo una perspectiva inesperada, incluso asombrosa. Esa rareza visual se percibe, por ejemplo, en su famosa “A bottle meted and deformed by atomic bomb”.
Tomatsu non vai directamente ao máis obvio da destrución nuclear. Prefire amosar un brazo afectado, sen mostrar a face do hibakusha. Sabendo que esta fotografía da botella de cervexa é de Nagasaki, non é máis inquietante que sexa esta a representación da traxedia? ¿Acaso o fotógrafo non xoga co espectador –e as súas asociacións subconscientes– ao chantalo diante desta forma viscosa, intemporal, situada na non-realidade? Obriga esta fotografía a quen a ve a facer a viaxe do surrealismo ao terror? Os encadres peculiares, as perspectivas orixinais, fan das fotografías de Tomatsu imaxes únicas. En A bottle meted and deformed by atomic bomb cal é a posición do fotógrafo? Trátase dun punto de vista cenital? Acaso o fotógrafo simula que captura “esa criatura” desde o ceo? A metáfora está, sexa moi evidente ou non. Noutra das moitas viaxes que fixo a Nagasaki (esta no ano 2000), o autor do Lapis do Sol visitou o Instituto das Enfermidades de Bombas Atómicas, da Universidade de Nagasaki. Alí mostráronlle os numerosos botes de vidro nos que, en formol, se conservan órganos de vítimas da bomba. Como executou a fotografía? Os botes todos xuntos, apertados, de xeito que se pode intuír o que hai dentro, pero non se dá visto. Tomatsu captura a imaxe desde arriba, como se fose o piloto do bombardeiro que está a lanzar a bomba sobre esas persoas que desapareceron. A metáfora está. Por baixo dos innumerables botes, e no espazo baleiro que se abre á esquerda da imaxe, hai follas de xornais. ¿Será casualidade que a frase que mellor se le nunha desas follas de diario sexa unha expresión publicitaria que reza: WHY YUPPI.COM IS SPANISH FOR INTERNET?
Shomei Tomatsu, o gran renovador da fotografía nipona. Fundación MAPFRE
Todo o que ten que facer un fotógrafo é mirar. Por tanto, un fotógrafo ten que mirar sen parar. Debe apuntar ao obxecto e facer do seu corpo enteiro un ollo. Un fotógrafo é alguén que o aposta todo por ver. Iso é o que é un fotógrafo (S. Tomatsu, 1971).
Estes meses a Fundación MAPFRE, nas súas salas de exposicións en Barcelona (a espléndida Casa Garriga Nogués) presenta ao público Shomei Tomatsu, unha soberbia antolóxica do fotógrafo que participou, e mesmo dirixiu, a renovación da fotografía no país nipón despois de 1945. A mostra consiste en 180 imaxes que abranguen todas as etapas da creación de Tomatsu, que van desde os anos 50 ata o novo milenio. Tanta fotografía e de tanta calidade é posible grazas aos préstamos de entidades como a Colección do legado de Shomei Tomatsu–INTERFACE, do Tokyo Photographic Art Museum, do National Museum of Modern Art (Tokio) ou da Taka Ishii Gallery Photography/Film (Tokio). Aquí vistas das salas da exposición. O comisario é Juan Vicente Aliaga, profesor da Facultade de Belas Artes na Universitat Politècnica de València. Está especializado en estudos sobre feminismos e diversidades sexuais nos eidos artísticos. Tamén exerce como comisario independente de renomeadas exposicións, como é o caso presente.
En 1868 o Imperio Nipón da dinastía Meiji, decide abrir as portas dos seus territorios aos produtos e persoas occidentais. A decisión non foi espontánea, xa se encargaron diso as potencias imperialistas para crear novos mercados ás súas mercadorías. Como consecuencia de tal apertura, a Europa chegaron tamén producións xaponesas. Entre elas as famosas estampas nipoas, que tanto rebumbio causaron entre os impresionistas e artistas posteriores. Estes días hai en Amsterdam, no Van Gogh Museum, a exposición Van Gogh & Japan, na que se exhiben pezas elaboradas polo autor d’A Noite Estrelada e na que se comproba que Vincent apropiouse de técnicas e temas das estampas xaponesas que coñeceu en París. Tal foi o impacto do coñecemento das realidades nipoas en Europa que provocou un fenómeno coñecido como xaponismo. Na cidade de Barcelona chegou a haber cinco comercios destinados a vender exclusivamente produtos nipóns, e ademais dous museos de arte xaponés. Nesta vila a popularización de Xapón e a súa cultura deuse a través da Exposición Universal de 1888 (aquela que tan ben comezou a organizar o galego Eugenio R. Serrano de Casanova, e que logo lla roubaron). Moi logo das estampas nipoas van chegando a Europa as fotografías. No século XIX e comezos do XX as fotografías do Xapón que máis se popularizaron foron aquelas que mostraban paisaxes naturais, templos tradicionais e persoas vestidas ao xeito de séculos pretéritos. Fotos de turismo, ou como se lles acabou chamando (por que será?) fotos Yokohama.
Arredor da II Guerra Mundial, antes e despois, houbo reaccións no país nipón contra a occidentalización. Os tradicionalistas rescataron o Yamato-damashii, o espírito da harmonía que –segundo eles– dominaba a concepción da vida xaponesa. O concepto Yamato-damashii acuñouse xa na Idade Media e facía referencia á capacidade que tiña a poboación xaponesa para superar as dificultades da vida. Dalgún xeito, Tomatsu bebe deste espírito, e critica a occidentalización e mais o consumismo que, no Xapón dos anos 50 e 60, ía parello. Tamén por aqueles mesmos anos o novelista Junichirô Tanizaki publica o seu famoso ensaio Eloxio da Sombra (1933), no que gaba os gustos nipóns –mormente o uso tradicional de luces tenues nas casas e mais nos restaurantes– e critica, xa que logo, as luces de neon occidentais que pouco a pouco se van empregando en Xapón: As cores que a nós nos agradan para os obxectos de uso diario son estratificacións de sombra: as cores que eles prefiren (os occidentais) condensan en si todas as raiolas do sol. Nós apreciamos a pátina sobre a prata e o cobre; eles considérana sucia e antihixiénica, e non están contentes ata que o metal brilla a por de refregalo.
Tomatsu tamén critica a ocupación americana nas terras do Xapón despois de 1945. E esa crítica tamén é estética: foxe das imitacións de técnicas e encadres occidentais, e aposta por unha fotografía nipoa específica.
Contra a ocupación americana. Okinawa. Protestas estudantís
Tomatsu is the pivotal figure of recent Japanese photography, his images are an intuitive response to the experience of life itself (J. Szarkowski, director de fotografía do MOMA, 2006).
No ano 1960 Tomatsu publica o traballo Ocupación, na revista Asahi Camera, en tres entregas, baixo o título Senryo e co epigrama: a esa estraña realidade que chegou de improviso eu chámolle ocupación (senryo). Como sempre as instantáneas de Tomatsu non buscan a evidencia. Nas súas fotos non hai soldados ianquis desfilando, non hai instalacións militares. Non. Todo é máis metafórico, dramático. Un bombardeiro inmenso a punto de tomar terra (case se pode escoitar o brutal son que produce) é observado desde terra por unha muller no medio de moreas de lixo. A imaxe, en branco e negro, dunha nena que, en primeiro plano, fai pompas de xabón, mentres ao fondo van aparecendo anuncios de bares e clubs en inglés; un soldado negro observa a escena. Para realizar esta serie (Ocupación), o fotógrafo viaxa por todo o Xapón, visitando as numerosas bases que EEUU instalou nese país para controlar a paz. Nas imaxes Tomatsu busca máis as repercusións que ten esa ocupación norteamericana sobre a poboación nipoa que non unha exhibición do poderío militar foráneo. Cando viaxou a Okinawa quedou asombrado. Nesa illa meridional as bases eran máis de 25, con milleiros de soldados, o que provocaba unha severa alteración da vida dos seus habitantes. Aínda hoxe hai en Xapón máis de 30.000 soldados dos EE UU, repartidos en máis de 30 bases militares. Destas bases, 26 están na illa de Okinawa. As imaxes de Tomatsu da serie Senryo entran dentro desas campañas contra a ocupación, esa estraña realidade que chegou de improviso. Posteriormente (1999) Tomatsu volverá sobre esas imaxes, e o seu significado, e publicará outro libro, este co moi irónico título de Chewing Gum and Chocolate. Como fixo sempre ao longo da súa longa vida profesional, para este segundo libro o fotógrafo introduce imaxes novas, e retoca algunhas das anteriores, buscando novos encadres e focos de interese. Por iso a Tomatsu se lle coñece como o organizador de fotografías: segundo a ocasión, a temática da exposición, as fotografías poden ter unha ordenación ou outra. Nesta segunda ocasión (Chewing Gum and Chocolate) o fotógrafo incide máis nas imaxes dos soldados, como elementos foráneos á realidade na que están.
Desde entón ata a actualidade repetíronse no tempo as denuncias de violacións e as protestas por parte da poboación contra os actos que os soldados executaron contra a vontade das mulleres. No libro Senryo, e tamén na segunda versión, Chewing Gum and Chocolate, Tomatsu inclúe un texto, e nese texto alude a datos oficiais que falan de 330 violacións diarias perpetradas polas tropas americanas en territorio nipón.
Na década dos anos 60 no Xapón medran as protestas, mormente estudantís. A primeira das razóns que levaron á poboación a manifestarse polas rúas foi a discusión, 1960, sobre a posible (ou non) ratificación do Tratado de Seguridade entre Xapón e os EEUU. As protestas ían encamiñadas a rematar con tal Tratado, e asemade coa presencia de tropas norteamericanas nas illas nipoas. A seguir viñeron as protestas contra a guerra do Vietnam. Importante reseñar que moitos dos bombardeiros que arrasaban as terras vietnamitas saían das numerosas bases ianquis nas illas do Xapón, en especial de Okinawa.
Tomatsu, e outros fotógrafos da súa xeración saíron ás rúas para presenciar e mesmo participar nesas manifestacións contra os EEUU. Agora na Fundación Mapfre hai unha sección titulada La Irrupción de los Rebeldes, onde se mostran algunhas das imaxes que Tomatsu foi tomando de tales mobilizacións populares. As instantáneas son diúrnas e nocturnas, en moitas delas prima o sentido de movemento e por iso a imaxe se mostra pouco nítida. A meirande parte en branco e negro. Pode o fotógrafo presentar así as fotografías para que a policía non poida identificar ás persoas manifestantes?
Pero hai unha imaxe (Riot, 1968) en cores, e nocturna, que reflicte perfectamente os xeitos de facer e a sensibilidade de Tomatsu. A imaxe ofrece, na parte superior e un tanto ladeada, o reflexo dunha pantalla (en cores laranxas) na que se divisa unha masa de manifestantes, portando bandeiras e pancartas, fronte aos cascos e uniformes dos policías. Todo esvaído, como unha imaxe antiga. E por baixo outro reflexo dos anuncios publicitarios da rúa en varias cores, e onde se pode identificar marcas como Sanyo ou Min. Esta imaxe ben pode ser resumo de como se vivía no Xapón no emblemático ano 1968: as protesta, o inconformismo, … e ao tempo a economía que despega, que deixa atrás a desfeita da II Guerra Mundial, e que se apunta ao consumismo.
Paralelo a estes movementos de protesta política van aparecendo outros que se orientan máis cara a cultura. O denominador común de todos eles é desligarse da sociedade derrotada herdada de 1945 e rachar co conformismo e mais co consumismo que se estaba a impor. O nacemento desa contracultura (fenómeno paralelo do que está acontecer polos mesmos anos en occidente) afecta a aspectos da vida como a liberdade sexual e o rexeitamento das convencións e tradicionalismos. Por entón en Tokyo xurde o movemento Butoh, creado por Kazuo Ohno e mais por Tatsumi Hijikata, que por medio da danza dálle o protagonismo ao corpo humano. Esta danza provocadora e crítica cos ritmos e sensibilidades tradicionais nipóns, tamén ten moito de liberación sexual dos corpos. Tomatsu recolle todas esta experiencias no seu libro Oh! Shinjuku (1969). O título fai referencia a un barrio de Tokyo que estaba a ser reformado pola especulación urbanística. As imaxes mesturan as protestas na rúa, con imaxes sexuais en bordeis dese mesmo barrio e con instantáneas de Butoh.
Tomatsu, organizador de imaxes, organizador de persoas
Persoalmente, vexo os libros de fotografía como algo que está vivo. É importante producir cousas novas a cada momento e non ten sentido reeditar tal cal aquilo que xa foi publicado. Para min, cada un destes catro volumes é unha obra nova (Tomatsu, 1966).
Shomei Tomatsu pasa por ser un dos renovadores e creadores da nova fotografía nipoa, a que aparecerá despois da traxedia de 1945. Os críticos e estudosos coinciden en atribuír a este artista unhas cantas características definidoras do seu quefacer. Por unha banda, a destacar a súa sensibilidade fronte a calquera aspecto a tratar. O autor de Nagasaki 11:02 busca a instantánea indirecta, aquela que explicita a realidade observada, pero desde ángulos non frontais, non evidentes. Tomatsu prefire as alusións, a metáfora; as elipses. Se fose escritor sería un mestre desta última técnica, un Hemingway. Esa sensibilidade é evidente en calquera das súas series, xa na de Nagasaki, xa en Senryo, xa nas imaxes de Oh! Shinjuku. Nesta última o trato delicado dos temas afecta tanto ás imaxes que explicitan a prostitución como aquelas que se refiren ás protestas nas rúas. Desenfocar a imaxe, ocultar faces, son xeitos de agochar identidades; evitando así que a policía, por exemplo, poida deter ás persoas implicadas. É de coñecemento público que algunhas das primeiras fotografías que retrataron feitos revolucionarios foron as que se tiraron en París no ano 1971, fotos dos communards nas barricadas e na toma do poder; e desgraciadamente tamén se sabe que a policía, pouco despois, usou esas imaxes para orquestrar unha brutal represión contra os revolucionarios, con centos de execucións.
Tratando Tomatsu os temas que tratou, non foi un fotoperiodista. Sempre renegou do fotoperiodismo. Moi novo algún dos profesores xa lle criticou que as súas fotografías fosen en exceso poéticas, e recomendoulle apostar polo realismo (cousa que non fixo). E tivo unha polémica co fotógrafo Yônosuke Natori, moi crítico coa fotografía que se estaba a facer no Xapón de postguerra, por non querer apostar polo fotoperiodismo. O enfrontamento con Natori coñeceuse no Xapón como “a disputa Natori-Tomatsu”.
Os estudosos acostuman dedicar a Tomatsu o epíteto de organizador de fotografías. Como o propio fotógrafo escribiu en 1966, considera que cada novo traballo ten que ofrecer imaxes e/ou visións novas ao público. Fidel ao seu pensamento, Tomatsu refará moitas das súas series; ben para unha nova exposición, ben para a súa edición en libro. O fotógrafo é quen de mudar a orde das imaxes, e mesmo de modificalas retocando enfoques, encadres e tamaños, á fin de lograr a idoneidade dentro do novo traballo.
Outro tanto engaden outros críticos ao entender que tamén é un organizador de persoas. Os que tal afirman fan referencia á capacidade de Tomatsu para sumar vontades. En 1959 é un dos principais promotores da cooperativa de fotógrafos VIVO, que para os seus compoñentes (Eikoh Hosoe, Kikuji Kawada, Ikko Narahara, Akira Sato, Akira Tanno e Tomatsu) pretendía ser algo similar á axencia Magnum. VIVO durou ata 1961, pouco tempo, pero na historia da fotografía xaponesa ao período de comezos dos anos 60 chámaselle a época VIVO. Un ano antes, 1968, o autor de O Lapis do Sol foi o principal promotor da exposición Cen anos de fotografía. Historia da expresión fotográfica xaponesa, celebrada nos almacéns Seibu de Tokyo e organizada pola Japan Professional Photographers Society, da que Tomatsu era socio. Esa mostra púidose facer despois de que os organizadores visualizasen medio millón der fotografías –moitas de afeccionados, fotos familiares–. O resultado foi a visión dun Xapón descoñecido para os propios habitantes dese país. Froito do éxito que tivo esa exposición foi a publicación (1971) do libro Historia das fotografía xaponesa, 1840-1945.
Ecoloxismos, tradicionalismos
Non só transformou (Tomatsu) de raíz a expresión da fotografía xaponesa moderna establecida na década de 1930, senón que puxo en cuestión o significado da fotografía en si mesma mediante unha metodoloxía absolutamente única. Lonxe de ser un simple fotógrafo, Tomatsu desenvolveu un enfoque polifacético que o fai merecedor do título de “organizador de fotografías” (R. Kaneko, historiador da fotografía, 2018).
A exposición Shomei Tomatsu que agora presenta a Fundación Mapfre en Barcelona está organizada, non cronoloxicamente, senón por orde temático. En total once seccións. Isto dá unha idea da complexidade e mais da exhaustividade da mostra. É a primeira mostra antolóxica deste calibre e calidade que se realiza en Europa. Once seccións, once temas diferentes. Habería que falar, por exemplo, da serie que o fotógrafo nipón realizou en Afganistán en 1963. Un país moi pouco coñecido, cando aínda era unha monarquía. As imaxes, delicadas e poéticas coma sempre, deixan ver un país moi pobre, pero onde as mulleres visten máis libremente do que o fan hoxe. Para que serviron as intervencións occidentais?
Por mor dunha doenza cardíaca Tomatsu vaise vivir a illas do sur. E alí comeza a pasear por rúas e praias, dando lugar a series como Plásticos (1980). Sobre a area das praias van xurdindo botellas, tubos, roupas, anacos de bonecas, obxectos que os humanos rexeitamos e que acaban no mar. A conciencia ecoloxista de Tomatsu en datas tan cedas como 1980. Que non faría hoxe ante a catástrofe de Fukushima?, e á vista desa illa de plásticos que ronda Xapón desde as inmensidades do Pacífico norte? Xa con anterioridade, e incidindo no consumismo e dilapidación dos humanos, Tomatsu publicara a serie Asfalto (1960), na que retrata o asfaltado de estradas e rúas para mostrar os elementos da vida industrial que se van incrustando na materia que recubre a estrada (parafusos, arandelas, ferranchos, roscas, …). Algunhas das imaxes mesmo lembran ceos nocturnos. Ilusións ópticas do consumismo.
Desde sempre Tomatsu non deixou de fixar a atención en formas de vida tradicionais que sobrevivían en Xapón, en paralelo á occidentalización, ao comunismo e á ocupación norteamericana. O Yamato-damashii, o espírito da harmonía nipoa, foi ditando a Tomatsu que imaxes debía tomar para testemuñar a pervivencia de formas de vida antergas. En 1961 publica a serie Chindon, na que o autor de Nagasaki 11:02 fíxase nos chindonyasan, actores e músicos pobres que se vestían con roupas do período Edo e usaban instrumentos tradicionais para anunciar comercios, circulando polas rúas. Anos despois proxecta a serie Kioto (1982) na que reflicte as relixiosidades nipoas, os traxes tradicionais, os santuarios, templos, etc.
En resumo, unha exposición imprescindible para coñecer e entender a fotografía do país do Sol Nacente, presentada de xeito atractivo. Un detalle, a iluminación das salas non é forte. Atenderase neste caso ás recomendacións de Yanizaki?
Lito Caramés
EXPOSICIÓN: Shomei Tomatsu
Fundación MAPFRE, Barcelona
ata o 16 de setembro de 2018
You might also like
More from Fotografia
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …