Ao longo da súa vida, Ramón María del Valle-Inclán (Vilanova de Arousa, 1866-Santiago de Compostela, 1936) foi construíndo unha imaxe pública de carácter singular, cunha autorrepresentación, excentricamente bohemia, con boa dose de elitismo estético e decadentismo, que é un exemplo perfecto de uso da imaxe como autoafirmación, algo que os movementos idealistas de finais do XIX e comezos do XX explotaron e que o simbolismo levou ás artes plásticas de xeito preferente.
Partindo destas coordenadas, non pode estrañar a presenza da imaxe do escritor na arte do seu tempo, tema que se tornou obxecto de análise e mesmo de proxectos expositivos (1). Alén diso, Valle-Inclán foi unha influencia sobranceira na estética das primeiras décadas do pasado século, en particular o seu coñecido ensaio La lámpara maravillosa, publicado en 1916, texto de notábel idealismo e no que desenvolve conceptos como o “quietismo estético”, que logo levarían ao lenzo pintores como o cordobés Julio Romero de Torres (1874-1930).
Os diversos retratos de Valle-Inclán constitúen, en conxunto, unha singular escolma do retrato das primeiras décadas do século XX e entre eles destacan os tres retratos que do escritor realiza o pintor vasco Juan Echevarría (1875-1931), un de 1919 e dous de 1922. Echevarría foi un dos introdutores da modernidade estética no ambiente artístico vasco, sendo un firme defensor da arte moderna. Para moitos foi o grande retratista da xeración do 98, realizando entre 1917 e 1930 unha serie de cadros que constituían unha verdadeira galería iconográfica, retratando, alén de Valle-Inclán, a Unamuno, Baroja, Azorín, Maeztu ou Juan Ramón Jiménez. No escritor galego, o pintor procura unha captación da psicoloxía do retratado e na linguaxe plástica insire ecos fauves que transmiten unha contida modernidade.
Outro dos retratos do escritor, quizais dos máis coñecidos, é o que lle realizou Ignacio Zuloaga (1870-1945) en 1931. Pintor que se asocia ás experiencias vitais, sentimentos e ideas estéticas dos escritores da xeración do 98, nesta altura o artista vasco posuía unha longa traxectoria artística e, en concreto, como retratista. O retrato de Zuloaga concentra toda a forza da figura do escritor na cabeza, amosando o seu corpo feble en contraste coa enerxía que deita a personalidade do dramaturgo.
Non son estes retratos os únicos do escritor, de feito tamén foi captado polo escultor Victorio Macho (1887-1966) –un debuxo e unha escaiola- e polos pintores Anselmo Miguel Nieto –tres óleos- (1881-1964) e Gregorio Prieto (1897-1992).
Entre todos, cómpre salientar o óleo que realiza Daniel Vázquez Díaz (1882-1969) Zuloaga, Unamuno e Valle-Inclán (1929), un excepcional retrato de grupo dun dos mellores representantes da modernización do xénero, dentro dunha linguaxe de ecos poscubistas e unha atmosfera neofigurativa ben característica da arte de finais dos anos vinte.
Con seren estes exemplos obras de notábel calidade, quixera salientar un dos exemplos máis relevantes deste xogo de influencias, dentro das característica estéticas e temáticas simbolistas: trátase do cadro intitulado Retrato de Castelao (ca. 1909, colección particular), do pintor galego Xesús Rodríguez Corredoyra (1887-1939). Estamos perante un traballo en que o artista compostelán amosa a intensa relación que manteñen retratista e retratado desde 1907, e que continuará até finais da seguinte década. Na dedicatoria ao retrato “A Castelao este exvoto, que florezca”, Corredoyra preséntao amosando a común e sacral reverencia polo escritor e cunha vontade de fonte de inpiración. Para ambos Valle-Inclán é un referente e un influxo na súa arte. O retrato representa o pintor e escritor rianxeiro na súa época moza, con aspecto triste, corporeidade pálida e alongada figura, termando dun debuxo que reproduce a face de Valle-Inclán, homenaxeando esta influencia literaria de raíz simbolista, completando o cadro cun fondo de paisaxe cunha fuxida a Exipto. O tema da fuxida a Exipto hai que entendelo desde o simbolismo como unha referencia á incomprensión social a respecto do individuo singular, asociado aos protagonistas do cadro.
Esta utilización do tema non é única na pintura galega desta altura; de feito o pintor Alfredo Souto (1862-1940) realizou en 1902 unha obra que intitula Los perseguidos (Colección particular, Vigo) e nela autorretrátase -con roupas contemporáneas- coa súa esposa e un naipelo fuxindo nun camiño, nunha evidente evocación da escena do Novo Testamento.
Voltando ao retrato de Corredoyra, a obra amosa outra grande referencia dos retratos, e en xeral da pintura do autor, que tamén comparte co pintor andaluz Julio Romero de Torres: O Greco, artista que fascina a pintores e escritores nos anos finais do XIX e as primeiras décadas do XX, provocando o entusiasmo e deixando a súa impronta no traballo de creadores como Darío de Regoyos, Ignacio Zuloaga, Santiago Rusiñol, Miguel Utrillo ou o Picasso azul.
O propio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) tampouco non está moi lonxe destes principios estéticos en obras destes anos e o seu debuxo Ecce Homo. Vera efigie de don Ramón María del Valle-Inclán (1908, Mosteiro de Poio) responde tamén a este mesmo ambiente cultural, presentando o escritor como vítima da incomprensión e o escarnio, como evoca o título que o liga á paixón de Cristo.
TESTEMUÑOS DA MORTE DO ESCRITOR
Capítulo á parte merecen os debuxos nos que se recolle a efixie de Valle-Inclán no leito de morte, testemuños notorios do suceso singular que representou o pasamento do escritor en Santiago de Compostela, en 1936, feito que é recollido en debuxos dos pintores Carlos Maside (1897-1958) e Castelao e nos do médico e escritor Domingo García-Sabell. O pintor Carlos Maside xa o retratara en vida, ao igual que Castelao, evidenciando todos a admiración que no contexto cultural galego se tiña pola obra e a personalidade de Valle, unha admiración que viña xa dos primeiros anos do século e xa viramos patente en obras simbolistas de Corredoyra, José María Joaquín Louzao ou Castelao.
NOTA
(1) Retratos de Valle-Inclán [catálogo da exposición] Museo de Pontevedra-Sexto Edificio, do 28 de outubro ó 11 de decembro de 2011 / [dirección, Xosé Carlos Valle Pérez ; textos, Luisa Castro Delgado, Xosé Manuel López Vázquez].
You might also like
More from Carlos L. Bernárdez
As leccións do mestre Castelao
O chegada do óleo A derradeira leición do mestre, propiedade do Centro Galicia de Buenos Aires e agora exposto na …
A pintura de Alfonso Sucasas: o costumismo transcendido
A vizosa obra de Alfonso Sucasas (Lalín, 1940 – Vila de Cruces, 2012) estivo marcada polas súas fondas fidelidades pictóricas …