Reflectía onte Martin Pawley sobre os reparos que pode ter un crítico literario para publicar unha crítica negativa dunha obra galega. Non resulta fácil asumir que as actitudes que presupomos como consecuencia terán que ver coas relacións intestinas dos axentes do sistema literario (entendido en sentido amplo, como mercado), que en ocasións delatan valoracións asentadas en factores extraliterarios (relacións ou intereses persoais de autores, editores e críticos, por exemplo). Estas consideracións poden dificultar o traballo dun crítico literario que pretenda desenvolverse de xeito rigoroso e eficiente? Esta é cuestión que pon á vista Pawley.
Poñamos por caso que o crítico se ve na situación de falar dunha obra á que non lle atopa mérito algún, e si unha longa restra de aspectos mal focados ou recursos literarios deficientemente aproveitados. Digamos que a obra, ao seu entender, “non ten apañadoiro”. É proveitoso que se sinta incómodo porque a súa crítica poida interpretarse como vontade de chamar a atención, vinganza persoal, ou falta de respecto ao sistema literario?
Vexamos a cuestión desde outro ángulo, máis próximo a el. Cando chega ás súas mans a encomenda de facer a crítica a obra ten xa penduradas da capa varias etiquetas:
1. É unha obra literaria, pois o seu autor é un escritor.
2. É unha obra que merece publicación, pois a editorial considerou conveniente a súa publicación.
3. Até pode ser que sexa unha obra que foi galardoada cun premio, polo que pertence á fina-flor das obras dese ano.
4. É unha obra que merece ser referenciada, entre outras editadas, no medio de comunicación que ao crítico solicita o traballo.
5. Como obra literaria a súa divulgación contribúe á normalización cultural do país, e devén por isto unha das pedras basilares da nosa milenaria e doente cultura.
É nestas circunstancias que o crítico, considerando que debe converterse nun referente de opinión especializada, e que portanto ha de obedecer á sincera exploración do que a súa sensibilidade e saber lle reclaman, non sabe que facer. E resulta comprensíbel, terán que recoñecer, que ante a dúbida sobre as consecuencias e a alegría de comezar a publicar decida inclinarse por valorar aqueles aspectos máis positivos da obra, manténdose distante dos negativos, cómplice consciente da necesidade de apoiar unha literatura que loita polo seu futuro. Como el polo seu.
Mais, tamén no texto de Pawley está implícita a seguinte reflexión: unha actitude así contribúe a crear una crítica literaria estábel, rigorosa, con futuro? E esta axuda á estabilización real dun sistema literario? Nós, e intuímos que Pawley igualmente, non o cremos. Non se trata, desde logo, de que as fallas atinxan máis relevancia que os acertos; non se trata de procurar os defectos como premisa fundamental, nin de dar a entender que retorcer unha obra até que sangue durante tres mil caracteres ten máis mérito que escribila. Os críticos que tamén somos escritores sabémolo, e os críticos que merecen tal nome tamén. Trátase de que hai que respectar a opinión do crítico para que poda traballar con rigor, é dicir, comprometéndose cun criterio persoal fundamentado en afirmacións convincentes. Porque se as obras pobres non poden ser valoradas conforme os seus méritos reais, as obras boas tampouco poderán recibir a consideración que merecen. E isto é o máis lamentábel: que nos tempos que corren dunha obra meritoria poda pasar desapercibido o seu verdadeiro valor.
PS: O 24 deste mes terá lugar en Compostela a Asemblea fundacional da Sección de Crítica Literaria da AELG.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …