Para sabermos algunha cousa de César Barja hai recorrer, maiormente a Wikipedia, que entrega unha entrada máis ben axeitada. O lector curioso pode, logo, recorrer ás enciclopedias e dicionarios de escritores. Non sei se algunha destas publicacións dirá, por exemplo, que foi condiscípulo de Lois Porteira Garea, de Enrique Rajoy Leloup e de Euxenio Vázquez Gundín –todos os tres estudantes de dereito en Santiago de Compostela, e todos os tres galardoados, nun momento ou outro, con algunha matrícula de honra–, os que eu consultei non din palabra do tema. Estes pequenos datos, que non adoitan aparecer nas enciclopedias e nos dicionario de escritores, ás veces serven para comprendermos actuacións, feitos e persoas: por exemplo, Vázquez Gundín, sendo deputado da CEDA en Madrid, rompera a disciplina de voto en cuestións, maiormente, referentes a Galicia.
César Barja acabou de catedrático nos Estados Unidos, publicou varios, poucos libros, sobre literatura española e un sobre o lirismo galego do século XIX. A recensión deste último na revista francesa Bulletin Hispanique é o «documento» que entregamos hoxe en tradución. Tamén colaborou ocasionalmente nalgúns xornais e revistas españois como El Liberal, Nuevo mundo, La correspondencia de España ou El Noroeste, da Coruña. No número 1 da revista España, fundada por Ortega y Gasset, o seu nome aparece entre os colaboradores de Galicia: nas nosas pescudas non demos con ningún artigo de Barja neste órgano.
César Barja é, talvez, o precursor dos galegos que exerceron en Universidades norteamericanas: J. Rubia Barcia, E. Fernández Granell, Emilio González López, Ramón Martínez López, X. González-Millán, Carlos Feal Deibe, Carlos Peregrín Otero, etc. Mais non esquezamos que os tres últimos, como o propio Barja, non eran exiliados políticos a raíz da desfeita de 1939.
Bulletin Hispanique, xaneiro-abril 1927, volume 29, número 2, p. 227-228.
En torno al lirismo gallego del siglo XIX, por César Barja (Smith College Studies in modern language, vol. VIII, nº 2 e 3, Xaneiro e abril 1926). Northampton, Mass, Smith College; París L. Champion, VIII-149 páxinas in-8º.
Este é o primeiro estudo no que se refire a España que entrega esta publicación trimestral. Débese a un universitario do que xa falaramos sobre a súa obra e a súa personalidade (Bull. Hisp., 1926, p. 193). Infórmanos sobre un movemento interesante e sobre poetas dos que unha, Rosalía de Castro, ocupa varias páxinas no manual sinalado por nós. Como preliminares, atoparase primeiramente un breve recordo da lírica galega dos séculos XIII e XIV; consideracións interesantes e prudentes sobre as relacións entre o romanticismo e o rexionalismo; un capítulo sobre o lirismo popular e un sobre o lirismo artístico. O renacemento deste lirismo, dinos, podería ter as súas orixes no século XVIII nos versos dalgúns poetas dos que cando menos un goza de reputación universal (mais non como poeta), o P. Sarmiento, a quen se quixo engadir o P. Feijóo; data con máis seguridade de 1861, ano memorábel por un concurso de xogos florais no que, polo demais, poucos poemas foron xulgados dignos de recompensa, mais no que se deu o impulso e no que figura Rosalía de Castro. O ambiente estaba creado; nacían ou se revelaban poetas, xurdían revistas rexionais, elaborábanse traballos lingüísticos e sobre todo unha muller de grande talento, Dª Emilia Pardo Bazán, achega a Galicia a magnífica publicidade de varias das súas novelas. É o que nos explica o Sr. Barja antes de estudar os poetas un a un, a comezar por Rosalía de Castro.
O que o Sr. Barja nos dá a coñecer do lirismo popular será particularmente gustoso, tanto polas mostras que entrega como pola maneira como o caracteriza. A importancia do tema de amor e o matiz de tristeza fan «un lirismo amoroso y saudoso», que por outra parte non ignora a nota bromista e picaresca. A forma é estudada rapidamente; móstrasenos o que é a muiñeira, cuxo metro, en principio mais non constantemente, é o hendecasílabo de gaita galega, mais que é á vez poema, música e danza, e que se presta a combinacións diversas. O Alalá, canto do serán, cuxa execución debe ser máis difícil que a composición, reducida á acumulación dos la le li lo; a Alborada, canto da mañá.
Neste Renacemento non todo é cuestión de lirismo. É que o lirismo é todo. Como semella que o foi todo en Galicia na época brillante en que Alfonso X reunía as Cantigas de Santa María. É posíbel, con efecto, que a poesía galega fora sobre todo lírica; mais existe tamén unha prosa galega: testemuño, os manuscritos galegos da Crónica xeral. No que respecta á epopea, parece que esta preferiu o castelán, como lingua e como dominio. Non obstante, o Sr. Barja sinala a existencia de romances en galego e reproduce un, A Romeira, no que se acharía cun pouco de boa vontade un tema do Fernán González –non segundo o poema conservado, senón segundo a Crónica xeral– no que o agresor da muller é degolado co seu propio coitelo. Na epopea, pola contra, é o compañeiro (encadeado) da muller quen mata. Aquí é a propia muller, asaltada mentres camiñaba soíña:
O bien hayas ti, romeira, ben hayas ti, miña filla
Que matache un caballero con as armas que el traguía.
G. Cirot
You might also like
More from Críticas
ATIRAR UM OSSO À ESPERA de Rita Pitschieller Pupo | Luís Serguilha
ATIRAR UM OSSO À ESPERA de Rita Pitschieller Pupo, por Luís Serguilha
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!