Texto lido o 29 de agosto de 2014 na inauguración da exposición Mobília na Fundación Vicente Risco de Allariz.
Son tan pobre coma unha viúva india.
Busco os desertos
o peso do infinito
en cada gran de area.
Toda a vida baténdome con ese exército que teño detrás.
Quero ter a serenidade ausente do lirio, rézolle á nada para que non sexa baleira.
Teño que recoñecerme no espazo que ocupo, para estar en equilibrio. Tan corpo…
Busco a lei, que alguén me dicte o deber. Vou deixar sanar as pernas. E que a vida camiñe soa.
Calquera felino bañándose na lúa.
Arríncome as palabras da boca, para botar todo o Real por fóra.
Contigo aprendín a falar soa.
Teño un certo goce os instantes nos que o sinal da radio se perde.
Vivo coa porta aberta á rúa para sentir a vida.
O que me matou fíxome máis forte.
Volcándome no corpo de deus é o que quero. Así: palpo a cidade. Vivo coa man no seu peito e sinto como latexa o pulso do animal.
Busco o pasto.
Bule, bule,
que as rosas veñen
(e no meu corpo imperceptible non sangran as espiñas).
Let me hear tonight!
Déixame escoitar esta noite:
espírito santo espírito santo que nadas nos océanos,
non teñas piedade, pero sé xusto.
Ao carón do veleno nace o antídoto.
Non quero ver trofeos nas miñas mans.
No way is the way.
And the dream is lost on me.
E cando os soños se derrumban, estrépitos, queda o Real espido. Cos ollos silentes en sangue.
Non pasa nada, morrín soa noutras ocasións.
Concentrada e prudente, que ningunha gota de té se derrame da taza chea.
a vida quérenos na nosa máxima potencia.
Golpeei forte a porta dos abismos, derretín as chaves no lume e camiñei resolta sen converterme en estatua de sal.
Deixa a pota ao lume.
As campás tocan a morto, descanso en paz.
Son o mortero no que se machaca o antibiótico natural.
Escribo, escribo sen tinta, para os cegos. Que só nos sucos se lean, ao tacto, os mandalas.
Abre as palabras, así, Abrada Ke Dabra, mira como morre a palabra atopando o que hai entre as letras. Escribo, ocupo os ocos.
Non quería dicir estar no mundo, quería dicir palpar a vida.
Utilizar a nosa experiencia ao noso favor. Nada máis:
(dreams into tears)
and
(pain into gold)
Non sabedes con quen estades a falar. Cunha supervivinte.
Calzo unhas botas de lume para quecer os pés.
Cheiro, ulo, olfateo o signo que redima este instante.
O silencio dos bosques ventosos.
Pingan os kiwis, pingan os kiwis. Están suando, con esta calor do inferno? Non, ho, iso non é suar. Os kiwis choran cando se podan tarde.
O rego non tapado chama por un.
Non tiña tempo, non tiña tempo para nada, nin para vivir, sequera. Velaquí como se perde unha vida.
Cada célula se excitaba ao paso do zume. Schh non a molestedes! Está rezando.
Os dentes eran espadas nos seus beizos.
Rompo un ovo para salvar outro. Saio constantemente da zona de confort, rompo constantemente os meus límites e retírome, larva, a recoller toda a vida en min para a seguinte explosión.
You might also like
More from Filosofia
Seguir a pergunta pelo meio I por Heraclita
Escutei, numa dessas lives intermináveis da pandemia, uma poeta dizendo que escrevia poemas porque tinha perguntas, porque se não as …
APRENDIZAGEM | Artur Alonso Novelhe
Aprendizagem, por Artur Alonso Novelhe: Depois de muitos anos, começas a entender o início e o final do caminho.