Amaral. Urubu, 1928
A artista Tarsila do Amaral foi unha peza fundamental na conformación das expresións plásticas propias do estado do Brasil. A súa decisiva participación en movementos como Antropofagia fai dela un referente decisivo ao longo do século XX. Agora o Museo Guggenheim presenta unha ampla antolóxica das súas creacións. Unha ocasión perfecta para coñecer as capacidades artísticas doutra muller que tampouco se valorou como lle corresponde
❧
Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno. Museo Guggenheim. Bilbao
«Só a Antropofagia nos une. Socialmente. Economicamente. Filosoficamente. Única lei do mundo. Expressão mascarada de todos os individualismos, de todos os coletivismos. De todas as religiões. De todos os tratados de paz. Tupi, or not tupi that is the question. Contra todas as catequeses. E contra a mãe dos Gracos. Só me interessa o que não é meu. Lei do homem. Lei do antropófago». (Oswaldo de Andrade, Manifesto Antropófago, 1928).
Nos anos 10 do século pasado a artista Anita Malfatti viaxa de Brasil a Berlín, e así vai estudando e coñecendo as vangardas que comezan a xermolar pola Europa Occidental. Malfatti, amiga de Tarsila do Amaral, Malfatti está considerada como a persoa que introduce as vangardas, o Modernismo, no Brasil. A súa exposición individual en 1917 vén sendo o primeiro chanzo da viaxe da arte brasileira cara as vangardas. Procurando novos vieiros para a arte brasileira, Tarsila (xunto a outros artistas e escritores) miran cara dentro, cara as manifestacións propias do Brasil (e non son refractarios ás propostas que chegaban de Europa). Neses camiños, Tarsila (tal é o seu nome artístico) pinta en 1928 un cadro fundacional: Abaporu. O título para esa pintura (hoxe considerada un emblema da arte dese país) procurárono Tarsila e mais, daquela, o seu home, o escritor Oswaldo de Andrade. Na linguaxe tupi-guaraní: aba significa “persoa” e poru, “que come home”; “antropófago”, “caníbal”. Uns meses máis tarde Andrade escribe Manifesto antropófago, que redondea o nacemento do movemento Antropofagia, a modernidade nas prácticas artísticas no país suramericano: a cultura caníbal que deglute as vangardas para absorbelas e pasalas polas peneiras da arte primitiva, da arte aborixe.
Sinto-me cada vez mais brasileira: quero ser a pintora da minha terra
Nas ribeiras do Nervión, e nestes comezos de 2025, é doado contemplar a moi atractiva mostra Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno, unha antolóxica organizada polo Grand Palais de París e mais polo Museo Guggenheim Bilbao e coa oferta dunha extensa serie de obras importantes e esparexidas ao longo das décadas. As comisarias veñen sendo Cecilia Braschi e mais Geaninne Gutiérrez-Guimarães, do Guggenheim Bilbao. Unha exposición que presenta máis de 110 obras da creadora de Antropofagia, entre pinturas, debuxos, traballos preparatorios e documentos diversos; materiais elaborados desde os anos 20 ata os 60 da pasada centuria moi adecuados para facerse unha idea da riqueza creativa da autora de Urutu.
Tarsila do Amaral (1886-1973) naceu na cidade de São Paulo, e finalmente acabou os seus días nesa mesma metrópole brasileira. Criada do seo dunha familia rica logo puido viaxar por Europa, e a súa vida realmente gravitou entre a súa vila natal e mais París, daquela a capital das artes. Foi unha grande viaxeira xa perante os anos 20, chegando a residir algún tempo en Moscú. Nos anos 20 en París tivo bo coñecemento das vangardas que se xeraban (ou xa xeraran) nesa vila das luces, sendo o cubismo -en principio- a tendencia novidosa que máis a chamou. Puido asistir ás clases de pintores como André Lhote e Fernand Léger (deste último percíbense con claridade as influencias) e con poetas como Blaise Cendrars. Pero de contado soubo que tiña que facer unha aposta propia, e que os seus xeitos de pintar habían pasar polo que lle era propio: polas formas e tradicións do Brasil: quero ser a pintora da minha terra. (Precisamente estes meses é doado asistir -en París- a unha mostra de Nadia Khodossievitch -máis coñecida como Nadia Léger por casarse con ese pintor-, no Musée Maillol, unha muller máis da que nunca se dixera nada).
Como ben expón na carta que escribe á súa familia (1923) desde París, o que agrada na capital francesa son os aspectos diferenciadores, “exóticos”, da vida e cultura do Brasil. Á súa volta a Brasil comezará a formar parte dos reducidos grupos de artistas que procuran introducir no Brasil as vangardas (Anita Malfatti, entre eles), e sempre procurando que a perspectiva terra brasileira estea presente nas súas pinturas. Moitas das obras presentadas agora no Guggenheim (Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno) teñen este denominador común. Nas investigacións que executou Tarsila van collendo peso as influenzas indíxenas (ata nos títulos das súas obras), o peso das pegadas africanas na cultura brasileira e mesmo as paisaxes dese gran país. Trátase de saber combinar o orixinario que perciben nas rúas e “vilarejos” coa modernidade que se vai aproximando; de non reproducir copias das novidades estéticas que chegan de Europa. Non foi ou foron os únicos. Máis tarde artistas como Lydia Clark e os seus compañeiros de “neoconcreto” seguiron creando en tales direccións. En arquitectura Lina Bo Bardi tamén mirou de achegar formas de construción locais aos seus grandes proxectos para museos e outras edificacións, e con posterioridade outras moitos artistas fixeron exercicios similares, como a defensa dos ianomamis por parte da fotógrafa Claudia Andújar. Que influencia puido ter nos eidos artísticos brasileiros a celebración -desde os anos 50- da Bienal de São Paulo?
Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno. Cubismo, primitivismo.
Sinto-me cada vez mais brasileira: quero ser a pintora da minha terra. Como agradeço por ter passado na fazenda a minha infância toda. As reminiscências desse tempo vão se tornando preciosas para mim. Quero, na arte, ser a caipirinha de São Bernardo, brincando com bonecas de mato, como no último quadro que estou pintando.(…) Não pensem que essa tendência brasileira na arte é mal vista aqui. Pelo contrário. O que ser quer aqui é que cada um traga contribuição de seu próprio país. (Tarsila do Amaral, carta á familia, 1923).
A artista Tarsila do Amaral é unha das figuras indiscutibles dos movementos xerados no Brasil para renovar as artes. O elenco abrangue literatura, pintura ou música. Neste último campo, Heitor Villa-lobos, o introdutor de Johan Sebastian Bach nese país publica as súas Bachianas brasileiras, verdadeiro acontecemento cultural. Por outra parte, unha das características vitais e artísticas de Tarsila foi ser un ser libre, saber emanciparse dos controis familiares e sociais que lle tiñan reservados -como muller da alta burguesía-. Xa se dixo que foi unha gran viaxeira e estudosa en academias parisienses e outros lugares. Tales actitudes levárona a non ter boas relacións coa súa familia, así como recibir críticas sociais polo tipo de vida que soubo levar: artista, nai solteira, comunista militante (viviu unha tempada en Moscou e nos anos 30 acabou na cadea por esas súas militancias). De ben nova tomou conciencia de xénero, do que significaba ser muller a comezos do século XX en calquera lugar (e por descontado tamén no Brasil). A poeta Gilka Machado xa escribira en 1915 o poema Ser Mulher no que -entre outras cousas manifesta: «Ser mulher, vir à luz trazendo a alma talhada / para os gozos da vida; a liberdade e o amor; / tentar da glória a etérea e altívola escalada, / na eterna aspiração de um sonho superior… / Ser mulher, desejar outra alma pura e alada / para poder, com ela, o infinito transpor; / sentir a vida triste, insípida, isolada (…) / Ser mulher, e, oh! atroz, tantálica tristeza! / ficar na vida qual uma águia inerte, / presa nos pesados grilhões dos preceitos sociais!».
Esa liberdade persoal tamén a soubo utilizar para escoller vieiros plásticos. Das súas estadas no París dos anos 20 quedouse coas estéticas que propuña o cubismo. A combinación das dúas cidades (São Paulo e París) funcionou nela como un espello: as teimas cubistas de Léger ou Sonia Terk-Delaunay a mesturarse co primitivismo, mesmo naïf, que lle ditaba a súa terra de orixe.
Sinto-me cada vez mais brasileira: quero ser a pintora da minha terra
Nesas miradas ao seu espello (São Paulo-París) Tarsila do Amaral irá combinando elementos, influenzas para alumar a síntese das súas creacións. Nas súas obras máis emblemáticas é doado atopar, por exemplo, o “xigantismo” nas figuras humanas (ou en parte de elas) que ben coñeceu a carón de Fernand Léger, nas súas estadas en París; e. ao tempo, comprobar que as cores -empregadas as máis das veces uniformes, planas- son as cores caipiras, as cores que artisticamente eran desprezadas. Tamén aí se observa o seu traballo reivindicativo. A verba “caipira” fai referencia aos modos de vida e ás persoas que orixinalmente vivían no estado de São Paulo, grupos humanos como os “bandeirantes” que formaban lexións de traballadores rurais (gandeiros maiormente). Así “caipira” tamén se empregou como substantivo despectivo (bruto, inculto) fronte ao refinamento que xa se vivía daquela na capital (Rio de Janeiro foi ata os anos 60 a capital do Brasil). Agora no Guggenheim (Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno) saltan á vista aquelas cores que se dicían que eran de mal gusto, como o verde herba ou o rosa, e aínda o azul ceo. Esas cores puras danlle viveza e forza ás composicións de Tarsila.
Nas idas e vindas dunha cidade a outra, Tarsila logrou o primeiro e importante recoñecemento coa súa primeira exposición individual na galería Percier (París) no ano 1926. Desa mostra, por riba, o estado francés (con esa política cultural tan acertada de ir acumulando pezas de arte de propiedade pública) mercoulle a pintura A Cuca (1924). A personaxe de terrores infantís móstrase no medio e medio dunha paisaxe totalmente “caipira”, tantos verdes herba, tantas tonalidades rosas.
Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno. Urutu, Operários, …
Na interesante e potente exposición Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno, con máis de 110 pezas entre pinturas, debuxos e documentos, todo o que se está a dicir (e máis cousas) salta das paredes do Guggenheim. No ano 1928 Tarsila pinta a obra Distância, unha paisaxe que se pretende desértica e ao tempo tinxida de cores verdes a azuis fundamentalmente. Unha paisaxe brasileira (do Sertão?) que vai falando das influenzas europeas. O cactos coa referencia de Léger e as liñas concéntricas , en verde, da paisaxe que tanto lembran as composicións de Sonia Terk-Dealunay. A outra peza é Urutu. Urutu significa víbora no mato brasileiro; a escolla do nome -tan brasileiro- xa segue a ser un indicativo. E, por outra parte, esa composición con cores tan uniformes, tan “caipiras”, dan o escenario á cobra e mais aos seu ovo. As lecturas poden ser moitas: potencia-acto aristotélicos?, o ovo como símbolo do que está a nacer (a nova arte? antropofagia?), e as referencias á pintura conceptual de Magritte, e mesmo á pintura metafísica de de Giorgio. Os dous mundos a se xuntar na paleta de Tarsila do Amaral.
Nese mesmo ano Tarsila crea Abaporu (home come home), cos seus xigantismos e distorsións do corpo humano, o cactos e ese disco solar tan forte. E en 1923, aínda ben antes, aparece a formidable figura de A Negra, figura que tanto sorprendeu en París. Esa composición con fondos abstractos (case mondrianos) ante a figura distorsionada dunha muller chamou tanto a atención que foi reproducida en debuxos e rematou por seren portada de libros de poesía. O título non ten dúbida: o reclamo da realidade brasileira e as formas poden provir de cubismos e outros ismos europeos. Mesmo se ten dito que o peito tan grande dá credibilidade á “nai negra”, figura tan usual no Brasil da escravitude. Esta figura tan emblemática da traxectoria de Tarsila hogano non recibe os parabéns de todos os sectores. Hai quen segue a ver nesta figura a lectura “colonial” dunha muller negra pintada a mans dunha muller branca. Do mesmo ano, e como sintonía con esa realidade que envolve o mundo “paulista”, Tarsila pinta Caipirinha. Talvez un autorretrato?, unha identificación coa vida caipira?
Tarsila do Amaral seguirá pintando e evolucionando. Nos anos 30 viaxa á URSS para coñecer as propostas revolucionarias do comunismo que se vai ensaiando. Consecuencia da súa estada é a pintura Operários (1933) na que, ante o fondo industrial e obrerístico, a artista presenta moitas cabezas de traballadores de ambos sexos e onde se pode apreciar a diversidade racial que hai e fomenta o estado comunista. Posteriormente Tarsila do Amaral tamén será decisiva para definir a variedade de paisaxes brasileiros. A obra Terra (1943) segue a ter algunhas das constantes das súas creacións.
Sinto-me cada vez mais brasileira: quero ser a pintora da minha terra.
❧
EXPOSICIÓN: Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno. Museo Guggenheim. Bilbao, ata o 1 de xuño de 2025
You might also like
More from Artes
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha