Revisión de Tertúlia, de Xoán Castro,
editada por Xavier Alcalá
a partir dos documentos orixinais do autor
❧
[COPIÓN_‘TERTÚLIA REVISITADA’ _P/ FERMÍN_ENTREGA 2]
1978, si. Calquera día fago trinta e un anos. Chove, e o da Constitución Española impórtame un carallo porque nela van meter a monarquía, vaia hostia. Kepa: aínda ben que te mataron a tempo, compañeiro. Xa non verás o pelele Bobón a comandar o exército de ocupación de Euskadi…
Chove; durante tres días vén chovendo sen parar, longos rosarios de pingas verticais, as mesmas pingas venres, sábado e domingo. O venres fun á tertulia e ninguén falou do concurso, mesmo sabendo todos o principal: prazo ata o 15 de agosto, catro copias, sobre e plica, lema, mínimo de duascentas páxinas mecanografadas a dobre espazo; 250.000 pesetas… O Abel Souto –de quen esperei un acto de honradez– nada comentou do que nos ocupa e lanzouse a dar doutrina das comisións obreiras xusticeiras e as cadeas de transmisión partido-sindicato; o Pereirázar trouxo Amnesty International e o cono Sur, o Pinochet matando e triunfando, a xunta arxentina matando aínda máis e o peso seguindo pautas inflacionistas que o marco alemán trazara ata o advento do Führer. Cameselle e Valcarce atenderon aos disertadores e hoxe non se agrediron polo do enxebrismo versus lusismo. A Xulia tamén calaba, salvo para apoiar desde os nosos cómodos lonxes as mais da Praza de Maio, e eu aproveitei o meu propio silencio para ilos imaxinado a todos no intento de competiren coas artes do Mourín, todos espremendo os miolos, desenterrando historias abandonadas, ou –se cadra– algún a repasar a novela que reserva para a grande ocasión das 250.000 pesetiñas soñadas.
Mirei moito o Horacio Pereira e gañei medo. Distante e superior dentro do seu elástico negro e a barba de seis días é o máis escritor de todos nós, o máis posibilitado para competir co Mourín, polo sweater mouriniano e a colección de pipas para mostrar ás mozas que visitan o seu estudio. Imaxinei o galaico-porteño a corrixir frases recocidas en prebe cortazariano, traducíndoas á nosa lingua. Vinme tentado a chamalo á parte e dicirlle “Mirá, che, pasame tu original que le saco la paja y rehago la redacción”. Aínda máis, Pereiriña, redáctocho no meu idioma, que eu sei falar porque mo aprenderon a Felisa que me criou e non sabía falar outra cousa e o Tonecho da aldea, que tampouco falaba como falaban na radio porque na súa casa non había radio e nela cheiraba a bosta que fedía, pero era a casa a onde eu sempre escapaba ata que me viña buscar a Felisa, que non quería que eu estivese alí porque a Antonia, a mai do Tonecho, andaba con dous homes á vez. Quero que che dean o premio sen reservas, coa miña axuda, para que o Mourín escriba que “a aplicación e o traballo levan o Horacio Pereira ao punto de encontro onde o estabamos esperando; Pereira, mestre da narración plena de efectos imaxinativos, móstrasenos agora tamén mestre da lingua que aprendeu con máis amor: a dos pais emigrantes…”. Non che me importa, Horacio, che, mirá, porque, se todo este guiñol de monicreques non se derruba cun golpe de estado ou un estalar de oxivas nucleares, alguén algún día se decatará de que a prosa é miña e non túa. Pero, no entanto, indo a medias no choio, eu metería no pero 125.000 pesetas coas que volver a Bristol de vacacións sen présa…
Calei mirando os vellos lentísimos do Barlovento tomaren café e contemplei reflexos de farola e anuncio luminoso sobre paraugas mollados ao pasaren. Gardei silencio escoitando os demais, cavilando que a obra é de cada un e non se pode compartir con outros; que só un mamalón gordiño e bancario coma o Cameselle é capaz de crer na “literatura colectiva”.
Non. O traballo de escribir é individual –individualísimo– e propio. Escribir en paralelo é de bobos utópicos. Plaxiar é indecencia…
Domingo, señores. E, como dicía, chove, chuviscou toda a xornada. Á procura de sosego fun á aldea cos cativos, abrín o caserón e chovía, gotexaban mansamente pingas verticais dun ceo de chumbo que parecía zumegar auga sen vontade. Prendín a lareira e botei leña nela, toros sen couto porque necesitaba un lume farto e compañeiro. Deixei os nenos xogar coas pezas da “construción” de cortiza que aínda resisten o roer dos anos e fun para a xanela ollar desde o alto como a chuvia encharcaba o xardín espido.
No inverno o xardín resulta como un esquema claro e distinto do que fora no verán. Mesmo a cúpula de pólas dos pradairos é iso: ramada ósea, sen carne nin verdor, deixando ao descuberto a mesa e os tallos de granito.
Aquí fixo vida o abade ao que lle debemos o apelido, os xenes, a existencia nosa como é. Tal vez el plantou os pradairos e esperou anos a fío, podando e xuntando ramos ata que cubriron de verde teito o lugar das enchentas, dos praceres gástricos con bo tempo. Se cadra, desde esta fiestra chegou a contemplar case o que eu vexo, xardín e valados, roseiras, edras, o emparrado, e, por tras, o mar indiferente.
Aquel crego pecador algún día tamén se achegaría á xanela para ollar e non ver nada, xardín e arredores todo baleiro, sen significado ante o que dentro lle petaba: un desexo de deixarse ir brandamente mentres ao tempo se quere vivir o que a vida nos nega. El tamén tería os seus concursos; eclesiásticos quizais pero concursos.
Ora, o home non sabía que existen os buracos negros esparexidos polo Universo, que no interior do sol ten lugar constantemente a fusión do hidróxeno, que o sol eterno só vai durar cinco mil millóns de anos… e que algún día se poden disparar os foguetes dos dous imperios do mundo e canto non desapareza de súpeto irá morrendo aos poucos, languidecendo nunha atmosfera cuberta coa capa de po que levante o estourar dos megatóns rusos e americanos.
Eu seino e, malia iso, sigo querendo vivir, escribir, gañar cartos, aparecer nos xornais do noso impaís mínimo…
A Ana escusouse de vir á aldea dicindo que ten moito traballo pero eu sei que nos botou da casa para chorar tranquila; e onte tamén chorou, dixo que pola tensión baixa, que lle baixa moitísimo cando por fin –¡por fin!– lle volve o período despois dun atraso longo.
Chorou. O Avelino di que só temos bulbo raquídeo, que aí empeza e acaba o invento da alma. Por iso, por algo entre a presión arterial o bulbo, Ana Parguiña leva dous días a chorar, marcando en cada contracción do choro os sucos que a idade xa lle manda ter.
A miña Ana está triste coma todos, porque este é un inverno frío sen esperanzas nun país imaxinario, e un ponse a pensar e dálle medo.
Ana cavilou como poderiamos ser nós, ela e eu, se chegarmos a celebrar o cincuenta aniversario do casamento. Parece imposible que cheguemos ao 2023; mais hai o perigo de alá darmos chegado, ruína contra ruína, vellos enxoitos, incapaces.
Díxomo e caleille o que inmediatamente me veu á mente, como e cando haberá ser o noso derradeiro intento de unirnos no íntimo: como chocarán óso contra óso, como tremerán os músculos decaídos transmitindo o tremor a unha miríada de engurras, como a mente nun momento de frieza –sabendo que é a fin– traerá ao presente a lembranza da primeira vez: pel tersa, panículo e músculo facendo túrxidas as curvas que súan co gozo.
Ana, compañeira, eu quero vivir o que teño diante, matando a visión de canta tristura nos axexa. Non cho dixen pero levo todo o día perseguido pola canción do Vinícius que ti repites, sen te decatares, cando algo lindo che vén á cabeza:
“Que a coisa mais divina
que há no mundo
é viver cada segundo
como nunca mais”
Ana, Aniña amada tenramente, ándoche con eses versos a todo momento, tentando lamber a miña ferida. Non che sei como actuar: quero gañar, gozar, e para conseguilo non me atrevo a facer o que, vestido de roupón moralista, eu sempre descualificaría. Mira, muller, enténdeme: a tentación de copiar e arranxar é coma… coma a de se masturbar, mesmo cando un xa está deixando de crer en Deus e sabe que o pene é seu e súa a man e a soidade do retrete da casa ou do colexio.
Así é a tentación porque miñas son as follas DIN A4 e a máquina; e porque a ignorancia é dos membros do xurado, que nunca penetrarán no meu retrete literario, no que nin ti entras.
“Que a coisa mais divina
que há no mundo
é viver cada segundo
como nunca mais.”
Enténdeme, comparte, camarada. Trátase de que me chamasen para asistir á cea do concurso, a un restaurante de sona, con mesa presidida polos membros do xurado que, á fin das contas, serían os enviados polo Big Brother Barros, o Mourín entre eles. Imaxina o secretario do xurado erguéndose para ler a acta de acordo de adxudicación do premio, a urxencia por que chegase ao final, ao “resultando gañadora a obra…”. Serían tres segundos de gloria, tres, para tres sílabas: “O abri…”. Tres segundo de gloria en que eu non vería nin as cortinas e os espellos do restaurante, nin as faces e os cigarros e as evolutas de fume dos comensais, nin sequera as caras dos membros do xurado viradas para min. Vería só os ollos avultados, verdes, do Horacio Pereira pescudando os do Mourín tras dos seus lentes críticos, as pálpebras cortazarianas a contraerse nunha dúbida de traizón para logo se reporen nun xesto de indiferenza. Miraría eu con gusto de gran coñac os ollos pampos, acuosos, abraiados, do Cameselle, a boca torcida e retorcida no tic que lle vén cos sustos; e os olliños renegros, sorridentes, do Abel Souto aceptando por fin, de grado, a derrota que sempre soubo natural porque sabe que a súa arte proletaria, industrial, non se debe estender a máis de cincuenta folios…
Deixei que o lume fose consumindo de vagar a madeira, que se fose facendo noite e que a nena adormecese no meu colo. No tempo en que durou esta paz –morneza, crepitar de leña e os ruidiños do cativo teimando coa “custrución” – a tentación volvíame chea de cores, de cheiros e sons coma a propia selva; e con ela a voz, o aceno doutoral da Amanda Coelho:
–Mas veja você que ca isso é só subliteratura. Nem tem consideração de obra literária.
Eu tentaba defender o autor de “Verde solidão”, a súa sinxeleza, o coñecemento da realidade punxente e a súa expresión cunhas pinceladas de poesía. Mais ela voltaba, fea, aindiada e rotunda:
–Não, não, João. O que você está me dizendo é mesmo insultante para a nossa Literatura Nacional.
Literatura nacional, minada polas modas do boom ao norte e ao sur do inmenso Brasil. Gabo e Cogggtazaggg. En fin, Amandiña, literatos a mexaren polos narradores…
Tan logo espertou a cativa no meu colo, deille moitos bicos e dispuxen a marcha. Conducín falando cos filliños, sentadiños no asento traseiro. A Mariña anda coa teima do tamaño dos animais. A Antón someteume a duro interrogatorio sobre as cousas que existen ou non. Pola secuencia das preguntas vin deducir que, en cuestión de existencias, a súa lóxica non é binaria senón ternaria: para el pódese existir, non existir ou existir na televisión.
Desisto. Por hoxe abonda. Só me peta, de verdade, redactar o prohibido.
❧
–Ana, ¿ti recolliches as cartas na caixa do correo?
–Recollín, si. Deixeinas a xunto do teléfono.
–Podíalas ter posto no meu despacho, ¿non?
–Viña coas bolsas do súper… Mira, ¿oíches? ¿Sabes o que me pasou co Antón? Púxenlles mazás de sobremesa e, como el non ma daba comido, pregunteille por que non a comía, que a Mariña xa a comera, e díxome “A mazá non existe”… ¿A onde vas?
–Vou mirar as cartas.
A mazá non existe porque o tolo lindo non a quere comer e bórraa da mente. As cousas existen ou non existen a vontade. Cando non se desexan, esváense e un pasa a través delas.
Así durante o mellor da vida; ata que medras e chocas co que non querías e esnáfraste e sentes o sangue a correr polo fociño e a pingar na roupa…
Carta da nosa insufrible asociación cultural minada pola guerra entre patriotas e vendepatrias socio-listos.
Circular do concello.
Recibo da puta Afanosa.
Enciclopedia Británica: que pesados, hostia. Xa chega con comprarmos as ampliacións.
Ei, ei, ei… velaí, ¡a carta! Isto si que é, si señor, presentido. Seguro que vin polas cartas porque presentía un sobre apaisado, ianqui.
Coidado, non estragues o selo.
Data de carimbo, data, data, velaquí, media borrada. Catro días: os avións fanche marabillas hoxe. Marabillas, si señor…
❧
Boston, 24 de febreiro de 1978
My dear Xoanolas, Pirolas, Pipirrindolas,
En primeiro lugar, literatura, o orixinal que me mandaches, de virxílico título “O mirto e os loureiros”. Por favor, comeza por lle mudares o nome, My God! Lino de corrido a partir da páxina 50, cando xa colle folgos a narración, axudada por un idioma moderno, alleo a invencións vacasagrádicas (¿por que serán tan gratuitamente burros? Factor principal da nosa impotencia é o minifundismo, da terra e do idioma; pero o da terra é menos perigoso porque os bancos xa están para dar cabo del). O teu acerto é o idioma posto ao día, mais non acertaches coa trama pois no principio soltas demasiados datos entre os que o lector dificilmente é capaz de navegar. Ou sexa, meu caro, que invalidas a novela porque a narración de nada serve se o lector se ve obrigado a un esforzo de vontade para continuar adiante. OK?
E unha crítica teño que facerche á túa fodida necesidade de realismo. O tema é tan aggiornato que lle dará curta vida á narración. O personaxe central é tan autobiográfico que amola. Sempre ten que haber moito de un na obra, aquecido con sangue propio para que teña forza. Mais o exclusivamente persoal debe chegar ao papel ben moído e remoído, inidentificable.
Por fin, no enfrontamento dos adolescentes de “O mirto e os loureiros” hai contraposición de clases sociais e ti empéñaste en que gañe “o fillo do pobo”. Aí fállache o realismo: normalmente gañamos os burgueses.
Ben. Penso que debes refacer o comezo da novela, ocultarte máis e non identificarte cun personaxe que non che corresponde. Porque ti, por fortuna, non es fillo do pobo, que cheira a bravío e non sabe usar o garfo e o coitelo.
Un bo repaso, un novo título –breve– e, se cadra, pode pagar a pena publicar ese libro…
Outro asunto. Estiven en Montreal co teu amigo Alfredo Pardo, o galaico-lisboeta. Polo que me contaras e polo que falei con el, penso que o desterro o está sublimando. Éche un suxeito de veras peculiar, filosófico. De propósito levoume a un barrio onde se amorean galegos e portugueses en mestura, no que se confunden cheiros de bacallau e groserías comúns das nosas falas. Vagamos por alí, no frío canadense, e falamos do que non puido ser na Historia. O Alfredo culpa de todas as nosas desgrazas á debilidade do poder feudal galego. O feudalismo fracasou porque somos un pobo desobediente, incapaz de organizarse baixo o mando dun señor feudal. Lembroume a Maruxa Veiga coas súas teorías. Os dous comparten visión sobre as raíces do noso mal histórico, alén do cal se afirman de cheo no liberalismo, no laissez-faire para que triunfe o mellor dotado. E ambos son anticlericais (¿que fai dona Maruxa? ¿Escribiu algo máis sobre a Galicia feudal? Cando eu chegue por aí, ela vai ser unha des primeiras persoas que visite).
E, xa feito un adianto de intencións, descúbroche logo a segunda razón desta misiva, meu caro e indispensable Xoán. Primeiro a Literatura e despois a Industria: retorno, con experiencia e patentes.
Fartéicheme de ianquis gordos, zurdos, negros; de spaghetti, pizza, pantalóns de fibra brillosa e zapatóns de buzo ou de chúchame a punta. Retorno coa idea de fabricar aí os únicos produtos ubicuos no mundo: trebellos electrónicos. Volvo pero sen queimar as naos, porque a empresa seguirá a funcionar aquí.
Encontrei fortes resistencias na Peggy, que pensa que en España todos somos “barbarians” (como ves, os ianquis están ben informados, que para iso teñen a CIA e a American Express). Pero, como non vou renunciar a ela porque é unha boa house wife, cociñeira imaxinativa e muller preocupada polos beneficios dunha sexual life ordenada, decidín traela con enganos. Ela anda entregada a un tal Spiritual Improvement Movement e convencina de que en España, cunha relixión caduca, gasta por séculos de sempre predicar o mesmo para nunca o cumprir, hai grande mercado para as súa invencións. Asegureille que os mormóns están a facer furor nas nosas freguesías. Xa me axudarás a montarlle o teatro…
Quixera non tardar en aparecervos por aí. Mesmo gustaría de chegar ao show da “Xunta Preautonómica” (¡Cristo, que nome!).
Remato. Memorias ao Luís e ás vosas pacientes esposas. Ídevos preparando para unha esmorga de sete estralos.
Unha aperta.
Fermín.
❧
–Xoán…
–¿Que?
–Esa carta é do Fermín, ¿non?
–É, muller, é.
–¿E que che di?
–¿Interésache?
–Home, non moito, pero sei que a ti che interesa e por iso che pregunto…
–Vale… Pois dime que vén, definitivamente.
–Vaia, ho. Outro máis que caeu na trampa.
–Outro, Aniña, outro… Se cadra, ti querías que quedásemos en Bristol toda a puta da vida, ¿non? Como o imbécil do Sobroso: facéndolles aos fillos aprender a tocar a gaita e plantando grelos no back yard.
–Eu non falei de nós.
–Dixeches “outro máis”, Ana… Sei por onde me vés, seicho ben, que en Bristol ti seguirías facendo carreira na universidade, e eu cobrando todos os meses.
–Vai prá merda, Xoanciño, please, anda… ¿Que máis che conta na carta?
–Que tamén vén a muller… Podedes montar unha English school entre as dúas. É cousa de lle pedires cartos ao teu vello.
–Pois é boa idea, non te rías… ¿E que máis di?
–Fálame d’O mirto e os loureiros.
–Ah…
–Di que teño que reformar a novela, que teño que refacer as primeiras cincuenta páxinas.
–Xa…
–Todos pensades, Aniña, que unha novela se fai e se refai como quen fuma, e non che é así: se che sae virada non hai quen a endereite. Éche mellor tirar con ela e ao carallo.
–Eu sempre che dixen que o principio d’O mirto parecíame espeso, espesote.
–Sempre o dixeches. Iso é ben doado de dicir. Pero son eu o que ten que facelo… Voume.
–¿Xa te vas encerrar?
–Exactamente. Vou ver se escribo un artigo.
–Escoita. Chamáronte o Lantaño e mais o Caruncho. Que os chames.
–Que lles dean… –que lles dean a eses amigos e a todo. Oxalá rebente todo: a asociación, o partido, a merda das empresas, as miñas novelas, eu e a puta que nos pariu a todos.
Un whisky.
Non, que vai moito frío.
Un coñac, logo.
Mellor un viño tinto espeso, espesote… Cago en todo: “espesote” o principio da novela…
Fermín, compañeiro, aparéceme axiña; vén rápido que, ata que ti aparezas, xa non paro tranquilo. Necesito falar contigo do que estou a escribir. Pensa que eu tivese vivido as aventuras que conto. Daquela o único que tería que facer sería relatalas, sairíanme frase a frase, fluidamente. O quid estaría en non perder detalle e redactar con xeito, ¿non? Ora pensa que alguén analfabeto, ou cego despois de moito vivir, me pedise relatar a súa experiencia única. Neste caso eu iría imaxinando canto tivese que fabular, ordenándoo e dándolle forma de libro segundo os canons das novelas… Pois, á fin das contas, é o que estou a facer coa historia selvática e salvaxe d’O abrigo do sol (espero que este título che pareza decente). Éche como se alguén me pedise que lle pasase a limpo un manuscrito, ordenándoo para que se puidese presentar a un editor.
Son duascentas cincuenta mil pesetas de premio, cincuenta mil pesos, Ferminciño querido…
“Então, João, você gosta desse romance selvático? Mas diga lá quando é que já viu referência a sério sobre isso?”
“Ó Amanda, mas também nunca se verá na Espanha referência às novelinhas de cow-boys do Marcial Lafuente Estefanía, e elas são uma realidade popular… Vocês têm cá um género de muita maior qualidade, e Verde Solidão é um bom exemplo.”
“Em fim, meu amigo, não lhe nego que você tem um jeito engraçado de entender a Literatura”.
Debo telo, si, india renegada.
❧
O ABRIGO DO SOL – Capítulo 2º
O relatório do capitán Graça
Emílio Ribeiro cumpriu cos seus deberes e compromisos na “cidade” (título que non deixaba de forza-lle un sorriso revirado). Pousara o hidro na enseada do rio, deixara-se remolcar ata o hangar, indicara detalles de revisión aos mecánicos, fora-se bañar e mudar no albergue e jantara co director do banco. Aproveitaron para revisar as contas, que subian en positivo, e volveron falar dos investidores no projecto da liña aérea, cada dia máis numerosos.
Todo en orde. Despois dunha grande sesta, fijo repaso á lista de encargos e compras. Ao caer da noite, tivo outra refección de negócios, cos comerciantes sírios e, finalmente, recalou no cabaré que animaba a Walkíria, moza enigmática, beleza nórdica que mastigaba o portugués coma unha nativa do inmenso país tropical “abençoado por Deus”.
Foi ela quen lle presentou na barra “o profesor Mendes Brito”, tipo académico, con lentes grosos, aparentemente seco por fóra mais sempre ben mollado por dentro: engulia whisky que daba génio, caramba. Era portugués, dos anos do Emílio, e agiña entraron en conversa doadamente pois tiñan inimigos comúns, os ditadores ibéricos: o Generalísimo Franco e o Profesor Salazar, os únicos fascistas que o “contubérnio anglo-americano” permitia subsistir na Europa.
Embalados na conversa, deixaron a barra e sentaron. Ribeiro contou a sua peripécia de oficial aviador republicano, o seu adestramento con fogo real sobre uns ceos de España que viñeran dominar alemáns e italianos coa superioridade das suas máquinas. A guerra civil española fora a preparación da que ja se via vir na Europa. Mendes Brito sabia-o ben, e apenas se sorprendeu oíndo que nela non se respectasen os pilotos inimigos cando caían co paracaídas: eran cazados a tiros de fusil.
Álvaro Mendes Brito era engeñeiro de minas. Fora profesor de universidade. Os valedores de Oliveira Salazar non gustaban das suas ideas demócratas, advertiron-no contra espalla-las entre os alumnos e, para proteger-se, abandonou a facultade e foi para as Áfricas onde todo estaba por descubrir. A guerra de España chegara-lle polas ondas de rádio con sabor a impoténcia, a perda geral para os pobos oprimidos polo fascismo. Despois, durante a guerra mundial, as cousas pugeran-se difíciles nas colónias portuguesas. As boas relacións do engeñeiro Brito con colegas franceses e ingleses converteron-no en sospeitoso para a policia política portuguesa e, tan logo tivo unha proposta de traballo no Brasil, tomou o barco.
–Daquelas selvas e aquelas praias de África, amigo Ribeiro, trouxen para aquí unha grande admiración polos descubridores lusitanos –confesou–. ¡Que valentia! Imagine aqueles portuguesiños incultísimos, descoñecedores dos mares do Sur, das costas de África, dos rios, das falas, das relacións entre pobos africanos… Primeiro en Marrocos e despois polos países de negros, dando a volta ao cabo da Boa Esperanza e dominando rutas ata o Japón… E, finalmente, aquí no Brasil. Mesmo aquí, neste mato sen fin, rios adentro. Ata neste rio figeron heroicidades magníficas.
–¿Neste rio? –Emílio Ribeiro estrañou-se.
–Pois si… –Mendes Brito pareceu non querer esclarecer o detalle, lanzando unha pregunta–: ¿E logo entrou vostede como piloto na guerra mundial?
–Entrei, si, de inmediato. Non todos os oficiais da República ficaron en Fráncia. Os ingleses tiñan interese nalgúns de nós. A guerra europea era inminente e os aviadores republicanos loitaramos contra os pilotos alemáns e italianos. Coñeciamos as suas artes… ¿Outro whisky?
O ex-profesor aceptou cun sorriso e recolocou os lentes grosos para fixar a ollada na Walkíria, que facia duo en inglés cun mulato da Guaiana holandesa. A branca loura e o moreno tiñan en común os ollos de auga clara, o balanceo e a sensualidade ao interpretaren cancións do sur cálido dos Estados Unidos a onde os escravos africanos levaran estilos tamén própios de Cuba e Brasil.
Curioso personage o bebedor de whisky, que se deleitaba co espectáculo. O piloto sentiu enveja del, das paisages que teria visto quizais en Angola e Mozambique. Veria selvas coma as americanas, e tamén sabanas con leóns e elefantes.
–O que importa son os tesouros, capitán –o engeñeiro aproveitou un descanso entre toadas–. Como esa muller… ¿Sabe cal é o seu nome verdadeiro?
–Non. E debe ser segredo ben gardado, porque esta cidadiña de merda non dá para moito agochar. Terei que lle preguntar ao chefe de policia.
–Vou-lle dicir algo, que en parte ja lle digen, amigo Ribeiro: os engeñeiros andamos a descubrir jacementos de minerais rendibles pero, no fondo, devecemos por atopar tesouros. Non é o mesmo tirar gemas da terra que atopa-las nun cofre; como non é igual picar en calquera moza que convencer unha grande muller para amante.
–Entendo que os dous somos solteiros.
–Seremos… E diga-me: ¿cal seria o tesouro da sua vida?
–Unha liña aérea que cubrise o rio desde a boca ata os Andes…
–Iso dá traballo, querido aviador –os ollos riscados e grises de Álvaro Mendes Brito pecharon-se–. Eu hai moito que soño cun achado de pedras preciosas, coma os das novelas de aventuras. Por iso lle falaba dos descubridores, e deste rio, desta selva. Esta “cidadiña de merda”, como vostede lle chama, sabe dos meus afáns desde 1946. Nese ano cheguei para facer a primeira prospección, e isto non era nin a décima parte do que é hoje. Eramos tan poucos que eu falaba cos misioneiros, mesmo sendo ateo militante como debe ser un científico… Mais, cousas da vida, intimei cun padre portugués. Ese home mostrou-me un libro antigo, un relatório de descubertas. Os misioneiros viñan-no usando polas descricións excelentes que fai da zona. É un libro que fala das condicións do rio, dos ventos da seca que ajudan a subi-lo, algo tan importante para quen viña navegando a vela, e a remo se faltaba o vento. O relatório resultou-lles tan interesante aos frades que chegaron a imprimi-lo para eles… Os descubridores que ajudaron a escribi-lo viñan con licenza real, mandaba-os un capitán Emérito da Graça, e meteron-se na breña á procura da Cidade dos Césares, algo ja soñado de vello.
O relator detivo o relato: a Walkíria chiscaba un ollo e apuntaba para duas mociñas novas, mestizas tenras, mal cubertas de tea brillosa. Unha delas achegou-se á mesa cunha bandeja de cigarros finos. Ribeiro colleu dous deles, meteu-lle á rapaza un billete generoso entre os peitiños e despediu-na cunha palmada na coxa. O seu interese estaba longe do que a infeliz podia ofrecer-lle.
–¿E de cando é ese relatório, profesor Brito?
–Pois de ben dentro do século XVIII.
–¿E daquela aínda se mantiña o mito da Cidade dos Césares?
–Mantiña-se, pero eu coido que o relatório ten algunha fabulación para confundir e conseguir a licenza real… Probablemente os organizadores e os financiadores da expedición tiñan referéncias previas sobre algunha forma de vida ordenada, superior á dos índios pescadores; falaba-se dos própios incas… Por iso figeron os trámites de permiso exagerando sobre as marabillas da cidade dos tales césares… O escribán do Emérito da Graça fijo relato dunha expedición acertada nas descubertas pero case fracasada no objectivo principal dela: os tesouros, que non conseguiron moitos. Deixou feitas descricións verosímiles, dun grande templo de pedra dedicado ao deus Sol no médio da floresta, e de salvages moi sanguinários, e mesmo de morcegos horrendos a protegeren ese templo. O balance final da aventura do Graça foi de moitas mortes, por febres, por ataques de índios e de animais. Ora, esa gente trouxo ouro, que se vendeu; e un diamante misterioso. Do destino de tal pedra non di nada o escribán, pero, pola época, coincide cunha lenda portuguesa, a do “diamante do gobernador”. Foi unha gema que nunca chegou á metrópole, que pasou no alto mar dun navio portugués a outro holandés. En Antuerpe, ao brillante que saiu del chamaron-lle “O rei do rio”. Así é…
Mendes Brito parou de falar, quizais canso de facer-se escoitar por cima da voz poderosa do mulato que imitaba a Louie Amstrong. Engadiu soda ao vaso de whisky e bebeu como se o matase a sede. Ribeiro fijo que se distraia coa imitación do guaianés, mais tiña na mente no relato interrompido.
–¿E o libro indica onde estaba ese templo? –non puido reter a pregunta.
–Fala dun número de dias de navegación rio arriba que serve para facer cálculos, tendo en conta que os ajudaba o vento da seca, que vai contra corrente –o engeñeiro agardou a que o piloto figese sinal de coñecer as propiedades dese vento–. O relatório dá unha referéncia que ja debian ter oído o capitán Graça e os seus sócios: un grande furo na selva, á marge esquerda, estribor subindo o rio. Ese furo prolongaba-se nun canal longo, que chegaba a pé do templo nunha clareira grande no médio da floresta… Eu teño percorrido en detalle a zona onde calculo que estaria ese canal e, certamente, Ribeiro, hai algún furo entre o arboredo que daria para imaginar que fose o canal cara ao tal templo do deus Sol; pero non chega moi longe dentro do mato.
–E seria canal profundo, tendo en conta as diferenzas de nivel das augas entre tempos de chúvias e de seca.
–Sen dúbida. Unha grande obra, dun pobo laborioso…
A botella de whisky non tiña ja máis que para un grolo derradeiro e frases cansas dos convivas, unha do Mendes Brito repetida con insisténcia de bébedo:
–Máis vale tesouro ca mina.
Solícita, amosando en exceso o torneado perfecto do seu busto, Walkíria ajudou a que o profesor se erguese. O piloto ajudou-no a chegar ao hotel sen tropezo; e marchou para o seu albergue entre pensamentos confusos, dos que non se atrevia a culpar o whisky. Non, habia algo máis que o confundia, algo que o sorprendera á vista e se lle mesturaba coa conversa no cabaré…
Algo co que espertaria tras dun sono breve. O corazón batia-lle forte cando espertou: soñara que facia despegar o hidro desde un grande furo, un canal case cuberto polo enramado das árbores. Era-lle difícil librar as ás das pólas dos lados, e para fronte pouco podia manobrar pois á fin do canal se erguia unha pagode dourada, chea de pedras preciosas, descomunais. Ja se ia esnafrar contra ela cando acordou; acordaba co susto de espetar a máquina contra o templo cegador.
Ergueu-se, bebeu auga e retornou á cama. Custaba-lle coller o sono. Lembraba treitos do que lle contara o engeñeiro portugués… Ata que caeu na conta do que lle bulia na cabeza desde que saíra co Brito do cabaré da Walkíria.
Daquela incorporou-se. Mirou a hora no espertador e foi-se duchar cunha decisión tomada.
Saíu do albergue. Amañecia. Do rio viña unha brisa amable. Buscou unha cafeteria madrugadora en canto o perseguia unha visión da selva: a da liña recta de lagoas percibida desde as alturas do voo cando se desviara para evitar a tormenta.
O recepcionista do hotel de Álvaro Mendes Brito aceptou con dificultade deixar-lle ir esperta-lo pois, insistiu, “o profesor” pedira que non o molestasen.
–É por unha emergéncia –porfiou Emílio Ribeiro, para que o recepcionista, somnolento, lle digese o número do cuarto.
Logo que o soubo, alancou escaleira arriba e bateu á porta do infeliz. Non obtivo resposta. Volveu petar e daquela sentiu un apagado “Vou”.
Segundos despois tiña á sua fronte o engeñeiro sen a máscara de carei e vidro con que protegia os ollos.
–¡Ribeiro! –sorprendeu-se cando a miopia e a resaca lle permitiron identifica-lo.
–Perdoe, profesor Brito: veño busca-lo porque quero que me acompañe a identificar algo que só desde o avión se pode comprender.
–¿Como?
–Quizais o canal que descubriu o capitán Graça.
–¿Como? ¿Que me di, Ribeiro?
–Olle, se un canal se abandona e se vai arruinado por partes, pode acabar sendo coma unha sucesión de lagoas, ¿non?
O engeñeiro, coas mans nas tempas, os dedos entre o cabelo gris, tardou en responder:
–Certamente, si.
–Ben… Por favor, tome un baño mentres eu lle pido embaixo un café dobre ben negro… Van ser só unhas horas de voo, e volvemos. Non lle vou roubar moito tempo.
❧
Notas de caderno, curiosa sensación de escribilas a man. A máquina enmascara, distorsiona o discurso verdadeiro. Que lindo era escribir con plumiña mollada no tinteiro do pupitre…
Retomo exercicio do íntimo:
Houbo anuncio de sol. Parou de chover e un nordés finamente frío tróuxonos o azul dos ceos para mitigar tanta pesadume.
A media mañá cobramos. Cando tiven o cheque na man lembreime da Carmichael, das libras que nunca faltaron na miña conta corrente, e saín da oficina ás carreiras.
Entrei no banco ledo coma un xílgaro, porque recibira a miña paga. En canto esperaba facer o ingreso, mirando xente que non me parecía tan sórdida coma sempre –ignorante, autodestrutiva e avasalada–, fóiseme o acordo ao Alfredo Pardo e a súa preocupación pola seguridade da vida no caso de que algún día pasase “algo”. Lembrei os nosos paseos pola Lisboa que cheiraba a frango ao espeto. Iamos a falar de porvires e seguridades cando ao noso arredor se esboroaba un mundo seguro, colonial, salazarista. En calquera volta daquelas fomos dar a unha praza onde se xuntaban negros xornaleiros á espera de seren contratados.
–¿Que têm de diferente un sujeito destes e un paisano galego? –preguntoume o Alfredo.
Calei porque me daba reparo comparar o máis montesío dos nosos aldeáns cun africano da Idade da Pedra.
–A única diferença é a cor da pel, Joám. Só isso –conluíu el, con aires de mofa fidalgona, de pensador sempre ben mantido.
Agora, logo da revolución dos caraveis poéticos, os africanos colonizados polos portugueses son libres (ao menos nos papeis, que xa é algo); e nós seguimos no impaís coma sempre, á espera de ordes de Madrid.
Hoxe, en canto facía o ingreso do cheque, tentei imaxinar o que estaría facendo o Alfredo Pardo, lonxe da quente inseguridade revolucionaria portuguesa, entregado á seguranza xélida do Canadá –mais quizais saudoso dos pretos que contrastaban a cor da pel co branco das pedras dunha praza na “Lisboa doutras eras, dos cinco reis das esperas e das touradas reais”.
El rico alá, e eu na Terra Mai do carallo sen case nada: roupa, libros, a merda do coche e unha parcela hipotecada onde quero construír unha casiña para vivir como se fose inglés.
Máis nada.
E aínda menos teñen os meus fillos, criaturas: roupiñas e xoguetes, cousas que collen nun caixón (se algunha vez me morrer un neno, queimo todo o seu por xunto, fotos incluídas, para que nada mo faga lembrar).
Feito o ingreso dos cartos e coñecido o saldo, volvinme enfriar porque aquilo era pan comido e agora viña gañar máis. Rúa e xente volvéronseme figurar o que son en todo o seu horror: cemento roto na calzada, baldosas levantadas na beirarrúa, papeliños, pavas de cigarro, couces de grelos, ósos de polo e espiñas de peixe. Sucidade polo chan. E casas de oito pisos cubertas de gresite coma piscinas invertidas, xanelas abertas ao sol, señoras de bata floreada tentando sacudir a alfombra mentres non pasan transeúntes que lles poidan protestar.
Xa me encamiñaba de volta para a oficina cando vin o director do xornal, cheo e feliz, seguro na súa prepotencia de administrador da información local, e mesmo da rexional que non veña subministrada por teletipo.
–A ver, ho. A ver se lle metedes man ao concello –espeteille–. Mira como está a rúa. E a tipa aquela, ¿vela?, coa alfombra preparada: miasmas fóra.
–Tranquilo, Castro, que, total, ninguén le nada… Así non merecemos a autonomía –respondeume e, ao dicilo, levantou o canto esquerdo da boca, unha liña fina na redondez da carota rubia. Mais, como nese momento o sol lle daba de cheo nos lentes escuros, non puiden descubrir o cariz do xesto que nos seus ollos se pintase.
¿Mofábase da autonomía? Apostei a que si.
Polo gran tema autonómico tirou da Maruxa Veiga: pena dela, caramba, que, sendo alta e loura, non puidese chegar polo menos a “vice-raíña”. Canto ao “delfín de Carrero Blanco” fixo tristes prognósticos: que co tempo había quedar so.
O director lanzaba criptomensaxes políticas e distrainme recordando un orzamento incompleto enriba da miña mesa de traballo. O home non tiña apuro (apenas amañecería no seu serodio día xornalístico) pero eu si; e deixeino cunha nova promesa de artigos sobre o impaís que el me pide (“unha serie ao teu xeito”) e nunca lle escribirei.
Porque serían amargos, deprimentes, sempre contra algo: contra os negros de pel branca das nosas oficinas de emprego, contra o tal delfín de Carrero Blanco (quen sexa) e os que ocupan os despachos onde se fabrica a Historia dun pobo sen memoria; contra dona Maruxa e os da súa alianza, contra o Barros e os que non parecen aliados –mais son– aliados da Maruxiña.
Uns e outros danzan o mesmo baile de posuídos, enlouquecidos, cegos pola chama dun poder querqueneco, rexional apenas, que aínda non naceu e xa pode estar morrendo de susto, só de imaxinar leves murmurios de cuartelada.
A todos odio ou desprezo, non sei; e estou escribindo para un concurso no que pode influír calquera deles –calquera deses personaxes da Batracomiomaquia preautonómica…
Cheguei ao xantar amargurado. Xantando, o Antón dixo que quería facer caca. Leveino ao cuarto de baño, volvín e tentei continuar cortando e comendo a costeleta de porco con gusto a allo, pero axiña o rapaz berraba que xa rematara. A Ana non se moveu, tentando así demostrar que está farta de nenos e cacas. Fun eu, engulín a prosa do trámite e, á volta do cuarto de baño, discutín coa Ana pola Ramona, que marcha á súa casa á hora do xantar e que lle bota ese puto allo pailán á carne para fritir.
Xa andaba amargurado e enfadado cando a nena espertou da sesta, asomou á sala de xantar e desapareceu. Levanteime tras dela cunha sospeita e, ao ver desde o corredor aberta a porta do meu escritorio, o enfado tornóuseme asaño. Viña disposto a soltar toda a acedume do meu querer e non poder nas cachiñas da criatura… pero o seu sorriso desarmoume.
–Mía, papá, mía –apuntou para a alfombra–. A drumí zeñore todo que lindo.
Alí, en cadansúa portada de libro, estaban Orwell, Castelo Branco e un caudillo arxentino, arroupados con anacos de folla de xornal.
Collín a cativa no colo e aperteina contra min na desesperanza de quen se agarra á derradeira posibilidade de salvación.
O Avelino (o “doutor Cagigao”) insiste en que os escritores somos todos uns psicópatas máis ou menos controlados…
Por non perder o costume, eu non lera o xornal a media tarde, cando me chamou o Luís para me preguntar se sabía que o Blanco-Amor viña falar no ateneo.
De súpeto, ao saber que o vello andaba por aquí, deume unha alegría e torneime falangueiro: pregunteille ao Luís como andaban a Laura, os cativos máis vellos e o Dispositiviño; e rinme cando me explicou que “o fillo do DIU” tiña que ir ben á forza porque o condendo viñera ao mundo malia o dispositivo intrauterino, vencéndoo, con el na man facéndolles un corte de manga aos que non querían que nacese.
Despois conteille ao Sieiro, o meu colega, mesa con mesa, por que me rira, e rin con el de novo porque todos andamos en ter –e non ter– fillos; en darmos hoxe e mañá unha foda satisfactoria sen consecuencias, ou con elas sen entendermos por que hostia temos que foder con consecuencias.
Foder. Castas (tapadas) curvas a da Nucha, secretaria que secretamente con alguén ha deitarse (non se lle sabe mozo). Chameille “bombón” e a parva corou.
E xa non fixen papel dereito pensando e repensando no Eduardo Blanco-Amor. Vino vestido de inverno cando nos coñecemos no colexio maior Loyola, onde nacionalistas coma min tentaban ensinar á xente que ser “gallego” non era ser merda. “Doña Eduarda” (que fillos de puta os galegos de Buenos Aires) falounos do exilio de todos os españois escorrentados por Franco. Distinguiu México, Chile (o seu Chile amado, con amantes) e Arxentina. Centrouse na súa procura dunha lingua literaria galega para facer prosa.
En Buenos Aires estaban “todos os galegos, de todas as subpatrias galegas”. Falto de formación na ciencia exacta da filoloxía, a base de bo oído alá tentara unha coiné, “recollendo retallos do idioma de toda unha etnia que se refundía, que se casaba, que xuntaba familias de Ribadeo con outras de Tui para aglomerar apelidos”. Para modernizar esa coiné contaba co idioma “cosanguíneo”. Na xornada do Loyola sorprendeu moito estudante de todas as Españas cunha frase histórica: “Al lado de la Argentina, Brasil es un monstruo productor de cultura en portugués moderno”.
Hoxe paróuseme a memoria naquel encontro. “Admiro a coherencia da túa prosa”, dixo para todos –e para min en particular– cando aínda non puidera ler máis que os meus textos iniciáticos. Vinme arroupado por un escritor de grande categoría, de vasta visión.
Distraído con planos, cadros, cálculos, chamadas, fun ao pasado e volvín ao presente. Eduardo aparecía por cafés decadentes de Madrid, e de Ourense máis tarde, en gozada compañía de rapacetes, fumando cigarros cunha boquilla longuísima, ceibando fumaradas e mensaxes de literatura e liberdade entre lampexos dun sufrimento que a ninguén revelaría: o de ser “puto” en termos que ben coñece Horacio Pereira.
Puto. Pobre Eduardo. Hai dous anos, no verán (aquí, inverno alá) o traballo levoume á Arxentina. En Buenos Aires reencontreime cun señoriño simpático e xeneroso, que un sobriño me presentara había moito, nos tempos da efervescencia cultural contra o Xeneralísimo Cerillita (ou Paquita, o da voz de señorita). Don Rodolfo Prada, o valedor de Castelo na Capital do Exilio, contoume que moitísimos anos atrás (Eduardo e el deben ser eternos) moraba na pensión de don Francisco de Ourense, e certo día achegóuselle na sala de xantar o patrón para pedirlle permiso para que “un rapaz novo e culto, chegado recentemente da Terra” se lle sentase á mesa de veterano. Ese rapaz chamábase Eduardo e o Prada lembraba con emoción o encontro cun ser diferente dos que se lle manifestarían polo marasmo porteño en décadas de filantropía.
Don Rodolfo é un filántropo, aínda hoxe, neste ano triste de 1978; e Blanco-Amor é un suxeito diferente, tan diferente coma o seu mentor Prada. O vello Prada soa a diferente no moito que conta; o vello Blanco-Amor, no moito que non conta, que cala.
Por iso cheguei cedo de máis ao Ateneo. E non fun o único. Á parte dos de sempre (incluída a señora da perruca con cabelo de plástico) adiantárase un bo feixe de fans do autor de ‘A esmorga’ (ocorréuseme que nisto das conferencias habería que facer como coas xuntanzas das sociedades, apenas sinalar “ausentes” á marxe esquerda do libro de actas).
Entre os ausentes hoxe, o Pepe Lantaño, presidente da nosa asociación cultural militante a prol da Nación. Comenteille esa ausencia ao Caruncho, e el deume a entender (un velado xesto de mofa a alargarlle a cara xovial e sanguínea) que o Pepe está no máis profundo da crise, que vai da casa ao choio e do choio á casa. Seica a muller púxolle condicións: ou a familia ou a política, e o coitado pregouse (“Chi non lavora non fa l’amore”. Ao carallo, neno). Todo está preparado para a substitución do Lantaño, acaba unha época; e o Caruncho rematou co chiste ruín de imitar o Pepe eleccionándonos: “Non abonda con ser socialista. Cómpre vivir en socialista”.
Non abonda con dicirse católico; cómpre vivir en católico. As mesmas tolerías dos carallos dos cregos. Unha mudanza de dominio en termos matemáticos… Deume moita pena do Lantaño, que se queimou vivindo en socialista, fodéndolle os cartos e a paciencia á muller. Deume rabia de nós, todos, os do partido socialista galego e os do colectivo traidor entregado ao PSOE de Madrid, todos, ilusos, aos que se lles perdoa a vida desde as covas dos que sempre mandaron. E gañei medo do Fermín, que está para caer polo Impaís de merda e a quen lle vou ter que explicar polo miúdo o desastre do social-nacionalismo antes de que llo conte o Luís cos seus acenos teatreiros.
Con pena, carraxe e receo, busquei a cara chupada e os lentes sen aro do noso Luís. Ao non divisalos, dirixinme á tertulia do Barlovento transplantada a un recanto da sala de entrada do ateneo (ausencia para anotar: a do poeta Valcarce).
Do que nela se falou –en canto agardabamos o Eduardo– coido que debo salientar o que segue:
Unha intervención do Cameselle, redondamente mantido, con pantalón novo, das rebaixas de xaneiro, e ollando para min de relance en canto os outros evitaban ollarme: “Blanco-Amor non é universitario, e Joyce tampouco o era. Joyce era empregado de banca, coma min”.
Outra do Abel Souto, a peitear as barbas bravas, vermellosas, cun panfleto de “FÓRA BASES IANQUIS” na man:“Os soviéticos son o pobo máis humano do mundo. Se algunha vez hai unha hecatombe e os meus fillos quedan sos, que mos leven á Unión Soviética”.
A da Xulia (que cada día se me parece máis a unha efixie da Illa de Pascua con ollos azuis):“O Barros é masón e da CIA”
O remate do Pereirázar, falando cos dentes apertados sobre a pipa fría:“Londres é moito máis acolledor ca París”.
Abriuse un silencio expectante seguindo o rumor de que chegaba o Blanco-Amor. Pero, como se prolongaba de máis, dirixinme ao Horacio:
–Polo visto, deixaches medrar barba e cabelo e fumas en pipa para que se note que es escritor. Pero mira que outros andamos rapados e mais escribimos.
O porteño tirou da boca a “paipa” (así o dí, “á inglesa”) e entrecerrou os ollos avultados para dirixirse a min:
–Rapado vas, e dixéronme que eras escritor; pero non sabía que practicases.
Engulina. Daquela sentín que me golpeaban no ombro. Era o Luís. A pos del viña o Eduardo, flanqueado polos directivos do ateneo.
Acabouse de encher a sala, acabaron de soar as cadeiras arrastradas, o escritor acomodouse dando un toque ao cabelo branco e liso, outro á bufanda. De lonxe, Eduardo Blanco-Amor parecía unha avoa caricaturizable coma paxara de bico ganchudo. Atento aos flashes dos fotógrafos, posou coas mans entrecruzadas sobre a mesa, o sorriso preparado, experto.
En canto un perspicaz directivo do ateneo repetía que Mestre Blanco-Amor non precisaba de presentación, eu dei en imaxinar o pequeno Horacio Pereira, fillo de “gayegos patas sucias”, a ruar pola casa nunha mañá de xaneiro austral e caloroso, oíndo a radio ao lonxe –Gardel, Gardel, tango rachado– e facendo zumes gástricos co ulido da carbonada que xurdía da cociña, soñando coas papas, o choclo, o zapayo, o durazno cheiroso, a carne…, e pensando idioteces sobre pratos voadores e encontros con marcianos.
Realismo máxico e realismo fotográfico. Mourín e Pereira. Barros (que é da CIA, ¡manda nabo coa Xuliña!) no fondo de todos os manexos.
Alerta. Blanco-Amor ataca desde o comezo cunha lingua de escalpelo que sarxa e chega rapidamente ao perihostio e, se non alcanza o miolo do óso, é porque se cadra non fai falta para inutilizar o inimigo:
Cunqueiro, ¡arriba España! Sempre beneficiado por simpático.
Os galeguistas de Buenos Aires, canalla a se beneficiar de saudades e necesidades. Silencio sobre Prada e Castelao.
Volta a España (non di que volveu escorrentado por “corruptor de menores”). Represión. O Fraga era un pailán no cume político de Madrid e tiña un “cuñadísimo” eclesiástico, diplomático, censor, inquisidor, “unha madre superiora” (¿que putadas lle faría o Robles Piquer?).
Neste país que se soña á beira barrenta do Río da Prata non hai nada que facer. Neste buraco verde, “eles” (usa o pronome de xeito incisivo) fano todo; e non pagan nada. Nada. En Galicia cómpre afacerse a vivir de pobre, da esmola (no que di hai tristeza de vella artistona perdida por un asilo entre outras que só foran donas de casa. No seu ataque vai a defensa; nel a sorna é débil couraza).
Falou de si e vai rematando: nunca quixo ser académico. Lembra o caso do Guimarães Rosa como exemplo nefasto de quen recibe honras de vaca académica e axiña morre.
Frase final, redonda: “Agora só me resta ir camiñando cara ao Nada, como todos os que non cremos en relixións transcendentes”.
Aplausos. Invitación ao coloquio por parte do coordinador do acto. Silencio como é normal á conclusión das conferencias, mais desta volta o silencio debe ter moito de grave homenaxe a quen xa está a pasar da vida –con gloria– e sábeo.
Érguese un brazo. A incondicional da perruca plástica di ser de Ourense e supor relacións de “Xente ao lonxe” cunha señora misteriosa, dona Angelita Varela, arxentina de orixe mais descendente da nobreza auriense. Responde Blanco-Amor mentindo por dereito de fabulante eterno (mentres fala, contrasto o escoitado por min en longas paroladas co Prada no Centro Ourensán de Buenos Aires); despacha a vella e recolle unha pregunta do Pereirázar sobre vidas e milagres de galego-porteños coñecidos por eles.
Agora o Eduardo ataca con artillería grosa. Lanza obuses pesados contra “o refugallo pailaroco e submiso que se fixo cargo do Centro (Galego) ao iren desaparecendo as figuras menos indignas”. Alá van restras de nomes, máis ou menos indignos segundo “doña Eduarda” (¡como lle deberon foder a vida!). Pérdome. Levaba eu intención de preguntarlle por García Lorca e Guerra da Cal, pola realidade que todo o mundo quere coñecer e acerca da cal ninguén arrisca preguntas (o Alfredo Pardo aseguraba que o Eduardo conserva os orixinais dos poemas “medios galegos” do Lorca, manuscritos polo Guerra). Mais tampouco me arrisco.
Pasa o tempo. Veñen outras preguntas, e respostas en correspondencia, con precisión lóxica e perfecta dicción. O presidente do acto olla con frecuencia o reloxo. Quizais teña pena de cortar porque hai certos praceres que dificilmente se poderán gozar de novo: Eduardo Blanco-Amor é un ancián de dubidosa saúde.
Pasadas as 10 da noite fría, lanza o aviso de “última pregunta” e apunta para alguén. Xorde unha cuestión arredor dun neno e unha catedral. Blanco-Amor supérase, di que “a vida do adulto é un continuo intento de involución uterina”. Remata separando as palabras, provocando saudade delas na audiencia. Calcula que a derradeira sexa “fin”.
Rebenta o aplauso e a xente vai saíndo, que os estómagos mandan. Fican algúns con libros para asinar polo xenio. O Luís e eu ficamos, el coa desculpa de lle roubar un minuto ao vello para explicarlle a súa idea dun teatro de farsas, eu apoiándome na desculpa do amigo.
En canto asina, un par de veces, o Blanco-Amor fixa o ollada en min. Detectárame e síntome gratificado polo seu ollar simpático. ¿Observaría ese detalle o Pereirázar?
El e o Luís son os últimos en recibir o autógrafo de Eduardo. Falan ambos co autor de novelas, poemas e comedias. Eu esperoa un canto. Desfaise a escena da mesa de discursos e sinaturas e avanza unha comitiva cara a olnde estou, o Horacio Pereira ben arrimado ao personaxe retratable; que se achega a min cun sorriso de moitas curvas, moita engurras, e a man tendida.
–Xoán Castro, querido amigo –estréitolla e logo el olla arredor, diríxese á comparsa–: Velaquí o noso novo Mourullo… ¿Onde te meteches, ho? Hai anos que non te vexo.
–Pois aquí che levo uns cantos, Eduardo; desde o 74.
–¿E como non volviches escribir? Ti eras dos que máis prometían…
❧
O ABRIGO DO SOL – Capítulo 3º
Explorando por aire e terra
Despois de tres pasadas sobre a liña das lagoas e o claro na selva, o piloto e o engeñeiro ficaron convencidos de estaren sobre unha boa pista. Poderia ser certa ou non, mais cumpria-lles verifica-la pé a terra. O visto alimentaba a suposición de sobrevoaren o espazo explorado polo capitán Graça, de onde saíran valores de vulto, en ouro e algún diamante. Quizais mesmo o Rei do Rio, De Koning van de Rivier famoso en Antuerpe.
–Profesor Brito, agora impon-se a discreción e un comportamento aparentemente normal –o capitán Ribeiro tentou ser frio–. Non sei o que vostede terá que facer de inmediato, pero si sei o que eu teño que facer para que todo pareza rutineiro: como mínimo, debo volver á vila do garimpo, rio acima, onde teño moito cliente. Teño que ir alá cos pedidos que me figeron. Na vila imos deixar o hidro e collemos un par de canoas con homes de confianza que nos acompañen a explorar esa Cidade dos Césares –cargou o acento sen ton de mofa– ¿E vostede?
–A radioactividade tarda séculos en desaparecer, ou milenios.
–¿Como? –motor e hélice non ajudaban o piloto a oír ben.
–Pois que dia máis, dia menos, o contador Geyger vai seguir funcionando.
Ribeiro comprendeu: Mendes Brito buscaba uránio. A figura dos fungos de Hiroxima e Nagasaqui veu-lle á cabeza, mais preferiu non seguir na esculca.
–Ben, daquela, imos de volta –levantou a man dos mandos e bateu con ela na do engeñeiro, quen ollaba a floresta, rio abaixo, como se non a vise tras dos lentes grosos…
Brito caeu no sono e Ribeiro, entregado ao seu siléncio, deixou-se levar pola emoción vella das saídas á procura dos pilotos inimigos. Mesmo tivo unha confusión ante dous hidros que o precederon en voo á cidade: emocionado, buscou o botón de disparo das metralladoras…
Ja no peirao de atraque despediu-se do sócio na nova aventura. Dijo-lle tiña que organizar a recolla de encomendas para a vila garimpeira. Brito respondeu-lle que el habia de comunicar “unha auséncia de dias” á empresa para a que traballaba. Non se podian logo reencontrar ata a noite. Ficaron de face-lo no cabaré onde brillaba a melena loura da Walkíria.
E alí se habian atopar, con grande sorpresa do piloto cando viu que a moza reja (¿germánica, escandinava, eslava…?) compartia whiskies co portugués feble. Cando Ribeiro tentou unir-se-lles, a Walkíria foi apeniñas cortés. Saudou-no, bebeu un resto de whisky, remexendo co dedo fino, elegante, no geo; e afastou-se coa desculpa de volver ao escenário, ao micro e os boleros desa noite. Estaba espléndida, embutida nun vestido de abelórios que lle facia parecer unha serea. O público varonil devoraba-a coa vista encirrada polo whisky.
O capitán español soubo manter co seu parceiro unha conversa amical. Falaron das posibilidades infinitas da energia atómica. Mendes Brito daba por seguro que esa energia –“ja prevista por Verne”– ia resolver todas as necesidades humanas. Mesmo poderia propulsar os avións; e os foguetes para explorar o espazo.
Non falaron do que acordaran manter en secreto.
Cando se deron as boas noites, o engeñeiro buscador de mineral uranífero parecia firme nos pés; non se excedera bebendo, contivera a sua posible emoción ante o que semellaba un anúncio de soño. O piloto que soñaba cunha liña aéreo-fluvial colleu camiño para a sua residência, unha sospeita a cantar-lle no oído: parecia rara tanta sobriedade do Mendes Brito. Quizais se contivera pola resaca da noite anterior. Quizais, pero non era dese tipo de homes que, cando as fan, as pagan con peniténcia; máis parecia vicioso, necesitado de beber para esquecer… Tal vez non bebera porque estaba alerta. Habia pois indícios de que crese na Cidades dos Césares brasileira. Non era mal síntoma.
A Emílio Ribeiro confundiu-se-lle o mundo na cama do hotel, húmida de suor. Remoía na sospeita e pensaba que, afortunadamente, podia permitir-se o luxo de ir explorar uns quilómetros de selva; o ajudante Corcovinha e calquera colega del pouco lle habian cobrar polo auxilio de remada e camiñata. Ora, ¿de verdade ian descubrir algo semellante a un tesouro?
Á mañá o piloto acabou de recoller pedidos pola cidade, incluso o da auga bendita para a coitadiña da Bunda Brava (que lle custou propina a un padre español, bo home mais convencido de que Franco salvara España de “las hordas rojas”). Na hora convida, polo mediodia, ja tiña as compras estivadas no hidro e comezou a pasear polo peirao flotante, ollando o relojo, á espera do Mendes Brito.
A sua sorpresa foi magna ao ver achegar-se o engeñeiro vestido para explorar, con roupa forte, botas, chapeu e mochila…, seguido por unha persoa de avio semellante mais con formas ben distintas. Era muller. Unha muller de linda escultura.
¡A Walkíria!
¿Que diaño viña facer a junto deles?
Mendes Brito pousou a mochila nas pranchas do peirao diante do hidro e nin deu o bo dia ao piloto.
–Ribeiro –asaltou-no empurrando os lentes sobre o nariz–, esta señora vai-nos acompañar á exploración. Ela coñece ben os segredos da floresta e dos seus moradores.
O piloto tivo unha reacción estraña para el mesmo: apalpar-se, comprobar que non deixara a pistola no albergue. O profundo ollar azul da cabareteira en roupa rústica inducia-o a precaver-se contra algo incomprensible… Despois, ajudou-na a abordar o bote que os levaria ata o hidro. Ao face-lo, chegou-lle á pituitária un glorioso recendo coa lembranza dunha frase escoitada na guerra de España: “Muller, sempre muller, mesmo sendo guerrilleira”.
Montaron no avión. O engeñeiro, galante, cedeu o asento de copiloto á rapaza de nome artístico wagneriano. El acomodou-se atrás, entre vultos.
Na viage rio arriba á vila dos mineiros pouco falaron os tres. As máis das palabras cruzaron-se no desvio para revisaren a liña de lagoas que haberian explorar; e sobrevoando a beleza brava dos rápidos da Serrinha, onde o rio perdia a sua compostura marrón para virar iradamente branco. Tanta beleza obrigaba á admiración.
Máis adiante o engeñeiro calou, caía no sono. Cando o piloto comprobou que durmia, dirigiu-se en baixa voz á Walkíria:
–Olle, ja que imos partillar trochas e vaos, polo menos, diga-me o seu nome non artístico.
–Úrsula Müller.
–¿Alemá, austriaca, suíza?
–Digamos que alemá polo apelido.
Sobre a fita do rio, vendo praias nas que imaginaba tartarugas e caimáns entre pólas e toradas, Ribeiro sentiu aumentar a sua intriga; e a necesidade de precaución…
Chegaron sen incidente. As ondas lanzadas polos flotadores do hidro figeron danzar a canoa do Corcovinha, e divertir o grupo de cativos que nadaban arredor dela.
Emílio Ribeiro non gustou de tantos pícaros a dar a benvida, porque todos eles irian espallar vila adiante que no avión chegaran duas persoas raras, un branco de lentes e unha branca loura.
–Zé Bento –o piloto dirigiu-se ao Corcovinha polo nome–, os señores van ficar na miña casa esta noite. Veñen moi cansos –ollou para eles cun gesto de adverténcia– e non imos saír a cear. Despois lle digo o que nos vai traer para a cea.
Evitando a Rua do Porto, por ruelas de cabanas e ranchos Ribeiro levou os convidados á casa. Explicou-lles as comodidades. Prendeu o gerador de electricidade e pediu-lles paciéncia para sacaren da geladeira cervejas ben frías. Volveu ao rio ordenar co Zé Corcovinha a entrega de pedidos. El reservou-se levar a morfina e a auga bendita á doente grave na casa das mulleres.
Alá a Cándida, chefa do negócio, serviu-lle un whisky generoso e contou-lle unha ilusión: aproveitar o capitaliño que fora sumando durante anos de madama. Queria vivir no Rio de Janeiro, por Leblon, nas amplitudes das grandes praias. Esperaba unha benzón da vida logo de tanto vivir malamente nos garimpos.
De volta na sua casa, o capitán atopou o Corcovinha no limiar fumando cigarro de palla. Falaron o justo: da cea desa noite, dun home que soubese remar ben e calar a boca; e de saíren pola madrugada a percorrer un treito de selva. Era un capricho daquela gente estraña, que pagaba ben. Haberia boa paga para todos. E non ian demorar máis de catro ou cinco dias na excursión.
Amañeceu-lles no rio. Nunha canoa grande ian o capitán á proa, “a gringa” atrás del, o “portuga de óculos” tras dela, e o própio Zé Corcovinha á popa. Noutra canoa, pequena, seguia o Leôncio Faca Longa, levando carga.
Corcovinha escollera o Faca Longa por teren compartido escravitude no seringal do coronel Saldanha, de mal recordo. De alí fugiran juntos, en pirágua; juntos chegaran remando á vila dos garimpeiros; juntos se meteran a lavar areas; juntos, despois, traballaran na batea co escafandro, a bomba de aire e os medos cotiáns: ao derrubo de terra sobre o que mergulla e cava na barranca, e á frecha do índio contra o que dá aire e lava o que lle chega de abaixo.
O Leô era un compañeiro sen dúbida nin sospeita. Sufrira da mirage dos diamantes, coma todos; soñara co garavanzo que justifica calquera sacrifício; mais cos anos aprendera que na vidiña o mellor é un bo pasar sen quimeras. Faca Longa exercia ofício famoso: puña orde no garito das maiores apostas. Evitaba arroutadas e vinganzas de perdedores. Recibia propinas de gañadores…
Na primeira jornada de avance polo rio, contra as rafas de vento da seca que ja comezaba, estableceuse a rutina que habia durar dous dias máis. O capitán Ribeiro marcaba rumbo, sempre afastando-se das aldeas de pescadores. Ribeiro e a gringa “Valquira” (con tal nome lla presentara ao Zé) remaban con jeito mentres o portuga lia libriños receando que os salseiros llos mollasen, ou escribia en cadernos cando o aire calmo llo permitia.
Para jantar arrimaban en enseadiñas, e facian noite en areais que xurdian coa seca afastados das barrancas, illados, canle por médio. Os patróns tiñan o costume feo de falaren gringo entre eles, cando mesmo a Valquira falaba portugués. O Zé e o Leô agiña se decataron de que aquela gente non queria partillar propósitos. Por iso eles afastaban-se nos momentos de conversa incomprensible. Nun deses apartes, o Faca Longa deu opinión:
–Non están de acordo entre eles, Zé; algo discuten. A Valqui pregunta e pregunta. Pareceria macho se non tivese tal corpo de fémia. Tiñas que ve-la como eu a vin tomando baño…
Ao solpor da terceira jornada a discusión foi evidente. Ocorreu na canoa. O “profesor” portuga pasou-lle un papel á gringa, que ela lle pasou ao capitán. Os dous homes berraron-se. Ás veces escapaba-lles unha palabra portuguesa: “referência”. O piloto impujo-se:
–Alí, por tras do illote… Zé, imos para alá. Imos durmir en terra firme. Vaian vostede e o Leô buscando unha entradiña segura.
Non custou moito esforzo achar unha pequena praia sumida nun furo. Armaron fogueira. A muller brava falou de pillar peixe con veleno mais acabou comendo carne de lata. Fumou-se, bebeu-se café e bagazo. Todos contaron algo de si, como se agora fosen membros da mesma partida. A gringa non o fijo claramente: nunca dijo onde nacera; pero si que, seguindo os pais, andara moito na selva e sabia costumes de índio.
Co lume aceso e os sons da noite no mato cadaquén colleu o seu sono. O Zé, como sempre que imaginaba algo estraño relativo á breña, tivo medo de sufrir o pesadelo peor, o do seringal en tempo de chúvias:
Soñaba cunha casa alzada sobre paus. Embaixo dela, a selva inundaba-se, o nivel da auga subia. Na vivenda estaba un home só, sen poder mover-se. Chovia sen fin; habia chover un mes e outro, e non se podia facer máis nada que esperar a que o verán pasase, e con el o diluvio. Maldito caucho, maldito engano, os seringueiros sempre a deberen-lle ao coronel Saldanha, patrón sen alma. Eran escravos del. Só lles ficaba fugir. E os homes fugian, juntos, nunha canoa, polo rio grande. Remaban e remaban, non paraban nin para durmir. Ficaban durmidos co remo na man.
O peor do pesadelo era espertar na seguranza de ser collido durmindo, un cano de rifle na gorja. Era a espingarda do capataz do seringal. O corazón do fugitivo retumbaba, o sangue batia na cabeza, martelaba os oídos.
O capitán Ribeiro dispujo objectivo e orde de marcha. Tiñan que atopar unha liña de lagoas na dirección que lle indicaba o compás. Avanzarian separados, lanzando asubios de contacto, evitando voces pois non sabian que tribos de terra adentro podian andar pola zona. Nos extremos da liña de avance irian o Leô e o Zé. No médio, o capitán; entre el e os antigos seringueiros, a un lado o profesor e a outro a moza.
O profesor foi para o lado do Leô, desarmado pois dijo que de nada lle servian as armas a quen, coma el, mal via para apuntar. A Valquíria seguiu o Zé. Ia armada. Levaba revólver de cano longo. Moita arma para muller.
Camiñaron, escrutando. Cando o sol ja andaba á procura da vertical, o Zé oíu o seu nome na voz da muller pistoleira. Repetia-o quedamente desde algún punto da galeria de árbores. El achegou-se para alá e ela mandou-lle segui-la. Ao pouco juntaban-se ao capitán, quen os conduciu ata unha clareira onde o portuga de pouca vista media o fondo dunha lagoa cunha vara longa.
A partir dese momento ja non pararon máis que para beberen algo de auga; ou de bagazo, ou de whisky. Sempre na mesma dirección, os cinco preto, ian atopando grandes treitos de auga alongados naquel rumbo dentro da floresta. O capitán e o profesor parecian reloucar, case tolear. Conversaban en portugués sobre “os niveis das augas” en tempo de chúvia e de seca”, sobre un “canal” e un “templo”. A muller seguia-os calada, os ollos grandes de máis, azuis, furadores, a esculcaren o arredor.
Nun momento, a Valquíria pediu que parasen para aliviaren a vexiga; como figeron, ela retirada discretamente. Cando volveu a junto dos homes, mostrou unhas follas. Unha tiña un risco vermello, que tocou. Mostrando a polpa do índice pintada, advertiu:
–Amigos, cautela, que non estamos sos.
You might also like
More from Narrativa
Doce Setembro | Morgado MBalate
Morgado Mbalate Doce Setembro Nasci do amor entre o senhor Henrique e a dona Palmira, numa madrugada de 6 de Setembro de …
Cidade Cinza, de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos
Sobre Cidade de Cinza de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos