Revisión de Tertúlia, de Xoán Castro,
editada por Xavier Alcalá
a partir dos documentos orixinais do autor
❧
Cuarta parte de Tertúlia revisitada,
Na que o Joán segue a mostrar documentos chave sobre ataques e defensas, ja a piques de se publicaren Tertúlia e O Abrigo do sol (1985). Inclúe histórias persoais de tertulianos e outros artistas.
❧
O ABRIGO DO SOL – Capítulo 10º
Simple lei da selva
Índio pescador prefire auga, areais, as grandes vistas; non é de andar moito polo mato. Ora, tamén entra nel, para escoller bos troncos que acabarán sendo canoas, para facer roza e plantar mandioca e millo; e mesmo para cazar. Mais a sua vida non é camiñar na cerrazón das árvores á procura da paca, a capibara, o veado, o macaco…, competindo con onzas e serpes (a serpe –como dicia o avó do Chico Bernardo– é o verdadeiro competidor dos homes pois ataca coma eles na auga, na terra e polas árbores; e usa veleno).
O Chico, Irrí para a gente índia, avanzaba ao longo do canal ollando o chan ou para riba, á terra, entre a maleza, e ás pólas altas. Se os compañeiros, fartos de comer peixe, querian carne, habian-na ter porque estaban nun bo treito de caza. Nesta zona abundaban bichos de pelo e pluma; no tempo da enchente, os que nadaban mal ia-se juntando polos altos e era doado caza-los pois non se movian. Iso sabian-no as onzas, que nesa época ollaban para os outros asexadores con moito desprezo, deitadas nas pólas grosas das árbores a vigiar as vítimas, a relamber o sangue nos beizos e nos bigotes.
Co devalo das augas o asexo era doutra maneira, máis difícil. Habia moito terreo para os animais vagaren na procura de comida e parella. Por iso Irrí levantaba a vista á esculca dun macaco ben mantido, adormentado, quieto e visible (a mesma presa que unha serpe trepadora buscaria) e tentaba descubrir vieiros dos que fan as pacas, carreiriños que denúncian onde se agochan. Avanzando por aquel canal, a auga formaba lagoas onde se juntaban as capibaras; mais a carne que máis lle apetecia ao Irrí era a da paca, que sabe a porquiño. Ata se lle facia auga na boca ao imaginar uns bos anacos de paca asada, co seu sal, ao estilo dos brancos.
Levaba a carabina para unha emergéncia e o arco para cazar en siléncio. Non conviña alertar a ninguén pois habia un tesouro en jogo. Os sujeitos que apareceran na aldea de San Valentín –un mulato e vários brancos preguntando con descaro por unha muller loura– habian andar percorrendo as ribeiras con piráguas: iso facia o tipo que el tivera que liquidar cando viu como mataba o neno e como lle berraba ao español apampado.
A floresta é moi grande, mais a gente que nela anda sabe atusmar. O Leô Faca Longa que tanto odiaba o capitán Ribeiro era un experto: acertara pensando que a Dikí e os compañeiros irian dar en San Valentín á procura de ajuda (agora, ao pensar na moza, Irrí ollou para tras e viu-na vir, disimulada de índia, os ollos grandes a facer coma os seus, mirar para cima e baixo, á procura de bichos e rastros).
Logo de aqueles fulanos pasaren, cos seus malos modos, ja cadraba a Lua Grande e a Festa das Loitas. Irrí nesas ocasións deixaba de ser o ajudante do mestre e do enfermeiro, mudaba o gesto de Chico Bernardo polo do outro home que el tamén era e entregaba-se á ledícia do pobo da sua mai.
Danzando estaba, en plena regueifa, machucando o seu contrincante a paus e berros, cando sentiu o canto da curuja: “U-rrrrrr-ú. U-rrrrrrr-ú”. Cantaba unha curuja humana. Irrí parou de gritar-lle ao compañeiro e pujo oído: era, sen dúbida, a Dikí, a sua “irmá maior”. Un lóstrego pasou-lle pola cabeza: aquel mulato de ollar furador e os garimpeiros barbudos viñeran pola amiga, ja se foran mais non debian andar longe.
Entón abandonou peleja coa desculpa de que lle doía o peito, sacou o disfrace, lanzou-se ao rio, lavou-se e, imitando o canto triste do paxaro da noite, cantando e oíndo a resposta, chegou ata o punto de encontro na roza do cemitério…
Un leve toque no lombo volveu-no ao inmediato. Virou-se. A Úrsula sinalaba un macaco ben cheo, farto de papar froitiñas, pousado nunha póla fina. Estaba a tiro perfecto. Irrí tensou o arco coa sensación de poder e dúbida de sempre, apuntou, disparou… e ¡acertou!
Caeu o mono e a seguir sentiu-se unha carreira, griñidos e unha voz de triunfo:
–Olla para aquí, ¡olla para aquí! ¡Imo-nos fartar! –a Dikí pisaba o peito dunha paca de pelo brilloso, que estertoraba mostrando os dentes longos de rato.
Irrí e Dikí riron, divertidos: a caída do mono asustara a paca que se ocultaba a pé da árbore. A Úrsula fora máis rápida cá grande roedora de herbas e raíces, que ja se lanzaba cara á auga, o seu refúgio; cravara-lle á man unha das frechas longuísimas que levaba con ela.
–Agiña terminamos a cazada –o Irrí concluiu, co mono ensartado ao lombo.
–E temos que voltar, porque… olla para aí –a Úrsula apuntou a unhas pegadas frescas na lama, marcas de pé ancho de home–. Non somos os únicos pola contorna.
–Son cintos de casca, si –o Irrí fijo sinal de siléncio; tentou escoitar algo entre o escándalo dos animais do arboredo e, coa man que lle quedaba libre, marcou o camiño de retorno a onde deixaran a canoa e o home que levaba o tesouro no cinto.
Cando viron o capitán, tanto a Úrsula como o Chico ergueron a caza nun gesto alegre, mais o capitán, a penas co calzón posto –algo raro–, non respondeu coa ledícia que se esperaba. Estaba sentado no chan, as costas contra a proa da pirágua, as pezas da roupa tendidas sobre a borda. Deixara as botas preto do lume. Non se vian nin o cinto nin a mochila que tanto coidaba.
–¿E o Zé Corcovinha? –a Dikí adiantou-se na pregunta.
–Tan fillo de puta coma o seu amigo Leô Faca Longa –respondeu o Ribeiro, lúgubre, as palabras a saír-lle entre pelos cerrados do bigote e a barba.
–¿Que pasou, logo?
–Colleu-me desprevido, levou-me todo…
–¿Como?
–Ainda non o sei, muller; ainda non o sei.
Entón Irrí discorreu rapidamente: nada importaba a mentira que puidese estar armando aquel home que cada dia tiña máis cara de tolo, cos ollos injectados de sangue, tocado do mal da selva que acaba cos brancos. O que importaba era que o outro tolo, ao que perseguian os espíritos pola noite, lle roubara o tesouro e escapara polo mato.
–O Zé Bento non pode ir longe, capitán –terzou–. Nin vai chegar a ningures como non seja un grande nadador, que non o é porque na terra del non hai rios largos… Imos cacha-lo.
Apañou unhas lianiñas, con elas atou a caza a pólas altas; deixou arco e frechas na canoa e pediu ajuda para ocultaren-na entre plantas. Cubriu as marcas do arrastre con area seca e desprendeu-se dunha média dúcia de cartuchos:
–Tome, capitán. Vista-se, calce-se, revise a arma e imos indo.
Á Dikí ajudou-lle a cubrir o lume. En canto o facian non falaron pois a ela non era preciso explicar-lle o que cumpria facer para seguir un rastro; fora criada entre índios e, ainda por cima, traballaba no Servizo que non se podia declarar, que cumpria ocultar, que ás veces se disimulaba co de Protección dos Indígenas. Perseguindo fugidos, nin os policias máis sabujos eran tan expertos coma a agente Müller.
Logo habian pillar o mulato aluado, porque, mesmo que fose home do mato e soubese valer-se nel, non tiña a cabeza para moito aguante. Se lograba atravesar o terreo onde cazaban os cintos de casca, despois teria que cruzar as lagoas, e outro brazo grande de auga, antes de enfiar para a lomba da Serrinha…
Saíron, a Úrsula diante; a segui-la, o capitán, con ollos de abráio e a espingarda pronta. Pouco andaran cando un canto breve de curuja deu a entender que a “irmá maior” ja atopara indícios. Chico respondeu apertando o paso para juntar-se-lle.
–Velaí –a Dikí apuntaba para uns taliños tronzados–. Pode-nos levar unha média hora de adianto. Imos ter que correr por se nos falta a luz… Bota ti á fronte, Chico… Emílio, ti sempre canda min, e fai un esforzo porque non te podemos deixar atrás. Non te asustes, pero é que os cintos de casca andan por aquí.
O branco tragou cuspe e calou. Ja non era o chefe da expedición; ja non levaba consigo os diamantes que Úrsula Müller tiña que entregar aos seus superiores, como lle repetira ao Irrí. Roubara-llos un negro bébedo…
O sertanejo trastornado tomara boa orientación. Pegadas de bota, roturas de pólas e follas, de canas e láminas de herba, marcaban a sua intención de bordear a lagoa. Os ollos do Irrí non se fixaban soamente nas probas da marcha do fugido traidor, buscaban outras pegadas, algunha marca de óleo e pintura própia dunha tribo que non queria tratos cos civilizados.
Andaba preocupado pois, por cumpriren a Dikí e el cun deber, podian caer nunha emboscada dos cintos de casca feroces (e parvos, convencidos de que unha faixa de casca de árbore os podia proteger de todo mal, mesmo das balas). Tiña que ir alerta, á menor sospeita cumpria facer-lles algunha morte aos tiros, para que fugisen; e retirar-se disparando. Corria-se o risco de alertaren a gente do Faca Longa. Mais non habia outro jeito…
O rastro era cada vez máis fresco, as plantiñas que deitaban as solas do Zé Bento ainda non tiveran tempo de se ergueren. De novo a curuja deu aviso desde atrás. Irrí parou e virou-se: a Dikí pasaba o dedo por un tronco, ollaba o dedo e cheiraba-o; o capitán ia falar e ela mandaba-lle calar. O perigo era inminente: marcas dos cintos de casca, pinturas e ungüentos.
Irrí retomou a pista do Corcovinha, tentando ver, oír e cheirar todo ao tempo. A tarde caía e as árbores rareaban na dirección que levaba. Seguindo o ladrón cada vez estaban máis expostos á vista duns índios sigilosos coma as cobras e celosos dos seus domínios.
A cada paso o terreo era máis húmido, o tacón da bota do Corcovinha afundia-se máis e máis, a herba medraba, non quedaban árbores para agachar-se; apareceu a lámina da lagoa e viu-se unha manda de capibaras, peludas e felices, metidas nela.
De súpeto a liña de pegadas do fugitivo deixaba de ser recta, pasaba a torcer-se, zigzaguear, as puntas das botas cravaban-se na lama, e xurdian outras marcas de pé nu e forte. Irrí fijo á Dikí indicación de avanzar agachada e así avanzou el, a carabina disposta para facer fogo.
Herba e plantas de auga que poboaban o terreo lamacento aparecian machucadas, pisadas e repisadas como despois dunha danza.
A danza da morte: no médio daquel torreiro de lodo estaba o corpo do que fora Zé Bento, por sobrenome Corcovinha. Peito a terra, brazos abertos, tiña a cabeza desfeita a golpes de moca, miolos e sangue espallaban-se pola vegetación; o queixo ficara descolocado e a língua parecia lamber o própio sangue.
–Non gastaron unha frecha –Irrí oíu o comentário da Úrsula e volveu-se para ela. Viu-na en crequenas, ollando para onde el ja mirara, sen perder tempo. Os ollos da muller fitaban o cinto.
O Zé Bento morrera co cinto do capitán posto. Os cintos de casca non o tocaran porque eles non tocaban nada que estivese na cintura dos homes, e menos se for de coiro. Na teima dos cintos sagrados mesmo respectaban os inimigos mortos…
O capitán non daba acrequenado para ocultar-se entre a herba alta; baixaba o lombo e apoiaba as mans nos geonllos, arfando, esgotado. A Dikí levou-no ata un tronco que apodrecia no lodeiro, fijo-lle sentar nel e volveu onda o Irrí.
–Irrí, vai ver o que eses bravos deixaron na mochila –indicou-lla, uns cantos pasos máis adiante, case tocando a auga.
Irrí inspeccionou e retornou onda a Úrsula, que ja lle dera a volta ao cadáver para lle desafibelar o cinto e i-lo sacando.
–Levaron as pezas de ouro pero deixaron a lata co diñeiro –informou-na.
–Ainda ben… Que se divirtan –respondeu a Úrsula facendo un último esforzo para tirar o cinto do pantalón do morto–. Agora farán colares e brazaletes. O chefe da tribo vai estar esplendoroso, con ouro e plumas. O peor é que van acabar matando-se entre eles por eses abelórios… Imo-nos, hai que liscar. Ajuda-lle ao capitán a aguantar de volta.
Achegaron-se ao Ribeiro, que se pujo en pé con esforzo.
–Toma, Emílio –a “irmá maior” sorprendeu o Irrí tendendo-lle ao home exhausto a mochila e o cinto cos diamantes.
Chico Bernardo sabia que as decisións dos superiores non se deben discutir, e que a obediéncia se debe levar ata o punto no que o superior comete actos que comprometen as misións e as vidas dos subordinados sen justificación posible. Na “escola especial” aprendera a calar e tratar de entender o comportamento e as ordes dos chefes. Por iso calaba agora e discorria que a Úrsula lle estaba a dar confianza ao Ribeiro en canto procuraba a ocasión de se facer cos diamantes que pertencian ao dono de todo, o Goberno. A Úrsula pensaba ben, se pensaba que o Ribeiro acabaria enfraquecendo e entregando o seu tesouro en troques de coidados, que habia necesitar.
Ribeiro respiraba con dificultade, camiñaba pesadamente, unha man no ombro do Chico. Úrsula viña após deles, cubrindo-lles as costas, revólver na man. Como o Irrí, sufriria por non avanzaren co apuro necesário, cando ainda habia luz dabondo para que un arqueiro agachado figese albo neles…
A vista da praíña oculta produciu en todos unha sensación de acougo que o Irrí sabia falso pois os cintos de casca podian pensar calquera diabrura; o seu bruxo podia mandar-lles matar os intrusos que se atreveran a tocar no cinto do home que eles antes mataran. Unha idea pareceu-lle o mellor: marcharen, saíren daquel sítio malfadado; e unha observación da Úrsula fijo-lle afirmar-se na decisión:
–Levaron-nos a caza.
Irrí achegou-se á árbore onde deixara amarrados o mono e a paca. As lianiñas estaban desenguedelladas, non rotas dun tirón. Aquilo fora traballo de humanos, que avisaban.
–Imo-nos –volveu apurado–. Marchamos. Haberá que aturar a fame.
Arrastraron a canoa, ja grande de máis para tres ocupantes, e enfrontaron o vento coas forzas que lles ficaban, Irrí á proa, Dikí á popa; o home debilitado no médio.
O sol foi-se metendo rio acima e os ollos do Irrí detectaron unhas luces das que non gustaba: de alí ata á estreitura da Serrinha, no arco da costa que se cerraba contra as lombas, deixaban-se ver lumes de lar, nas plataformas das casas dos caboclos que mataban a fame, bebian e cantaban ao fresco. Era gente valente, que preferia a ameaza dos índios bravos ao juntoiro no outro lado dos rápidos da Serrinha. Augas arriba todo o rio era deles, augas abaixo tiñan que compartir pesca –e marisqueo de caimán– cos veciños de Santa Irene.
Por aquelas casas estarian á espera o Faca Longa e os seus. Segundo as ondas se abrian na proa e lle lavaban o peito nu, Irrí fijo a composición do avance: cumpria buscar de novo unha entrada no mato, unha praíña onde facer parte da noite, descansar e comer algo (pena da carne cheirosa da paca, que ja terian papado os cintos de casca por culpa do Corcovinha). Antes de que o sol saíse, irian procurar o lado máis ruín dos rápidos, por onde ninguén se arriscaria a segui-los.
Ainda máis –e esta idea pareceu-lle chave–, se puidesen desamarrar unha pirágua jeitosiña nunha casa… Era un risco grande, os cans das casas sempre estaban a ventar e escoitar… pero, movendo-se con agilidade…
Recordou un sítio, unha enseadiña caprichosa cunha barra ao médio nesta altura da baixante das augas, e deu-lle indicacións á Dikí.
Chegaron a ver as areas brancas da barra no lusco e fusco.
–¿E aquí non vai haber índios bravos? –preguntou o capitán degradado cando vararon nelas.
–Non saben nadar, Emílio –Úrsula tranquilizou-no.
–¿E que imos comer?
–Peixe –Úrsula foi cortante.
Cearon peixe, que ela soubo pillar con perícia, lanterna para atraer incautos e frecha longa como arpón.
Irrí fijo un monte de area para ocultar o lume a quen puidese navegar preto da barra, e ajeitou as brasas para que desen fume e pouca luz. Así poderian durmir sen medo de homes nin de mosquitos.
Acomodaron-se para o descanso e o sono. A Úrsula advertiu de que o tabaco estaba a tocar fin.
–Mañá terás canto queiras en Santa Irene –tentou anima-la o Irrí.
–Oxalá –foi toda resposta dela, sen ton de ánimo.
–Úrsula –xurdiu a voz do capitán español desde a penumbra–, volve-me contar a teoria do teu pai sobre o Abrigo do Sol
–Realmente non era unha teoria do meu pai –respondeu ela, e Irrí pujo atención no que dicia–. Eu era pequeniña e escoitaba o que falaban os científicos e os exploradores, e todos coincidian en que houbera grupos de gente que escapou aos masacres e ás imposicións religiosas dos españois no império dos incas. Eran pobos peruanos, e foron baixando polos rios desde as abas dos Andes, estableceron-se por aqui e traían un jeito de vivir moi superior ao dos indígenas destas terras. Eran grupos diversos e por iso se repite o mito da Cidade dos Césares, fala-se del de moitas maneiras –parou para dar unhas pitadas, pensativa á pouca luz que sumaban as brasas da lumieira e do cigarro.
–¿O teu pai tamén lera o libro dos misioneiros do que falaba o Brito? –preguntou o Ribeiro, impaciente.
–Non sei, non o lembro. Teria que lles preguntar aos meus irmáns máis vellos… Pero eu oín-lle falar moito sobre o Abrigo do Sol. O problema do meu pai era como conseguir diñeiro para as expedicións; facia o que podia. Por iso me emocionei tanto cando comprobei que chegaramos ao sítio que el imaginaria tantas veces e ao que non dera alcanzado porque sempre se lle acababan os recursos.
–A pena foi que non figese unha expedición de recoñecemento aéreo. Porque ja viches como eu descubrín o lugar no médio do mato.
–Iso era carísimo naqueles tempos, Emílio, e ti sabe-lo ben –a Dikí pujo un acento enfadoño–. O meu vello recibia doazóns e ajudas da universidade, pero só lle alcanzaban para vivirmos cos indígenas do rio, e para facer incursións desde as aldeas da ribeira… Tamén eran tempos moi revoltos, este país estaba moi dividido en relación á Alemaña, os própios alemáns do Brasil estaban enfrontados e o doutor Klaus Müller representaba un bando odiado polo outro. Meu pai non puido seguir investigando porque o mataron. Mataron-no… Quen sabe se teria dado co Abrigo do Sol ainda cos seus médios humildes, por terra, sen fotorrecoñecemento aéreo. Faltou-lle tempo, coitado.
–O problema de andar pola selva, ¿que vos vou dicir eu aos que vos criastes nela?, é que sempre te podes topar con índios asasinos –o piloto lanzou unha hipótese que fijo abrir os ollos á agente. Viron-se-lle brillar mesmo sen luz.
–Pero ao meu pai non o mataron os índios bravos, Emílio. Tiña encontros con eles, e traballaba para convence-los de que tivesen tratos con outras persoas. Nunca mal lle figeron, nin os máis asustadizos. A el mataron-no os nazis.
–¿Como? ¿Non o mataron os índios?
–Non, non… Unha das fontes de ingresos do noso pai era o Servizo de Protección dos Indígenas; traballaba para el; e nós andabamos cos fillos dos funcionários do Servizo, todos eramos amigos… O meu pai era antropólogo, os antropólogos saben moito de psicologia dos pobos, por iso o contrataba o Servizo… É unha história moi complicada –Dikí falou virando a cara para Irrí–. Olla, os nazis estaban moi tolos e aquí habia-os da Alemaña e do Brasil, mesmo cidadáns brasileiros. Andaban polas terras ignotas dos mapas; levaban moitos anos a explora-las, coñecian ben o que chamaban “o espazo de colonización da raza superior”… O caso é que o meu pai descubriu unha rede de nazis que recollia rapaces brancos dos orfanatos, formaba-os para faceren parte das tropas que ian escravizar os seres inferiores, ou liquida-los, coa vista na preparación do espazo de colonización. Entón el denunciou-nos ao Servizo de Protección e esa foi a sua perdición.
–Curioso… –o piloto necesitou intervir–. Un colega contou-me que figera algún transporte para os alemáns. Antes de que o Brasil lle declarase a guerra á Alemaña, os tipos andaban todos rufos, coa esvástica no brazo, e tiñan coma un santuário á beira dunha lagoa onde o meu colega pousaba o hidro… Nese santuário facian consellos e dispuñan o de colonizar toda América do Sur. Tamén me contou que tiñan un cemitério con cruces normais, e cruces gamadas gravadas dentro delas, que lle chamaban “o cemitério dos heroes”. Alí estaban enterrados os colonizadores que morreran das febres e polos ataques dos índios.
–Pois segue todo igual, nese cemitério –asegurou Úrsula–. Iso que dis ja o denunciara o meu pai… A el mataron-no por unha discusión con esa gente. Foi un momento moi malo porque o exército expedicionário brasileiro andaba a bater-se cos alemáns en Itália, os ánimos estaban alterados… Os índios que acompañaban o meu pai non souberon contar ben o que pasou. Polo que explicaron, atoparan uns brancos que ian todos vestidos da mesma maneira: irian con uniformes nazis. Houbo unha discusión grave, berraban-lle ao meu pai, un dos homes brancos disparou cunha pistola contra el e morreu-lles nos brazos aos índios, segundo o traían de volta.
–¿E ninguén perseguiu eses alemáns logo dun incidente tan grave? Porque o teu pai era toda unha figura científica.
–Tardou-se moito en reaccionar, como todo neste país cando se entra no mato… Aquela organización do santuário disolveu-se, Alemaña perdeu a guerra e aos nazis valia-lles pouco a vida aquí; para os brasileiros eran inimigos vencidos e a comunidade judia pedia ajustes de contas. Por iso os nazis foron-se indo ás caladas e hoje andan polo Paraguai e pola Argentina. Teñen outros santuários…
A conversa ainda durou un pedazo. Úrsula e o capitán meteron-se en detalles da guerra mundial que confundian o Chico Bernardo mália non ser un caboclo calquera –fillo de moza índia e explorador branco, mestizo perdido entre índios– senón mancebo educado en colégio de frades e ensinado para traballar en dous servizos, o público e o que se ocultaba.
Deixou-nos a falar e foi collendo o sono, mesturando os pasos a dar na fin da carreira ata Santa Irene con lembranzas da sua vida entre “indígenas” e “civilizados”:
Para chegaren ben a Santa Irene tiñan que conseguir unha pirágua, de borda alta, para tres remeiros. Mais para consegui-la non se podia ir probando sorte en várias casas dos caboclos porque iso levaria a que os cans fosen repetindo avisos ata que alguén acordase e estivese alerta, armado, disposto a indagar o que acontecia. Habia que acertar agiña coa pirágua.
Irrí ja pasara os rápidos da Serrinha cando o rio ia baixo, moitas veces. Ora, sempre o figera con rapaces coma el, bos remadores e mellores nadadores, mais desta volta levaba o capitán español. Con todo, cumpria arriscar-se… cun ollo posto no cinto dos diamantes.
A vida no rio era linda, era un nunca parar de diversións de pesca, caza, marisqueo. Claro que vivir na cidade tamén tiña as suas aventuras: a praia, o porto, os bares, o ritmo tolo da noite adiante, uns bos tragos, mulleres bonitas mesmo que fosen maiores. Cando ja se lle esgotaban os pensamentos, Chico Bernardo recordou o que lle digera o seu pai nun bar da praia, á vista da auga verde: “Tira o mellor das tuas duas vidas, meu fillo. Eu vivo aquí porque me obrigan a família e os negócios, pero nunca esquezo a música da floresta”.
Antes de ningún luceiro anunciar a alba, ja a canoa avanzaba pola marge dereita do rio, a unha distáncia boa para a lanterna da Úrsula ainda alumear os troncos que sostiñan as plataformas das casas dos caboclos. Entre os grandes paus verticais haberian aparecer as embarcacións dos pescadores, orientadas pola corrente.
Coa primeira casa non houbo sorte porque só tiña unha canoa grande e un botiño de tracas mal unidas. O can foi prudente, apenas rosmou de leve.
A embarcación ideal apareceu na segunda casa, esa con dous cans ladradores. Irrí e Dikí foron rapidísimos en desamarrar a pirágua e amarrar a canoa, en transbordar e dar-lles aos remos con fúria. Soamente houbera un momento de perigo, cando o capitán Ribeiro pasaba da canoa á pirágua; case caeu; salvou-se de ir á auga porque o Irrí o aguantou polo cinto.
Segundo se perdian os ladros dos cans por popa, sentiron-se gritiños de nenos, e algunha palabra forte de home, probablemente a expresar sorpresa pola troca de embarcacións. Quizais non fose a primeira vez que algo así lle pasaba ao caboclo pescador, habitante sobre unha ruta fluvial de garimpeiros…
O sol xurdiu por tras da Serrinha para encher de cores o mundo: a floresta virou verde e o rio, castaño claro. O vento collia folgos de mañá, opondo-se ao avance da pirágua, mais co estreitar da corrente, a forza dela aumentaba e ajudaba ao remo. Todo ia ben, polo cálculo do proeiro, cando oíu a voz da Úrsula:
–¡Veñen-nos seguindo!
Irrí virou-se. Efectivamente, justo emproada á pirágua, alá viña unha canoa grande con vários remeiros. Mal asunto, oxalá que só fose o dono da barquiña roubada a exigir que lla devolvesen.
Tocaba escapar, e deu exemplo remando con ánsia. Dirigia-se á marge esquerda, na que só remadores moi bragados se arriscarian, por temor ás rochas. Duas preocupacións acompañaban os golpes de pa, potentes e precisos, do Irrí: que a canoa se lle cruzase antes dos rápidos, e que o capitán caese á auga co cinto cheo de gemas. Un pensamento raro, saudoso, quijo-se-lle impor en momento tan grave: os diamantes; gustaria mostrar aquelas pedras preciosas á sua mai e ao seu pai, a un na aldea, ao outro na cidade. Daria algo importante por ver as caras deles, por oír os seus comentários: o da inocéncia da mai, que contemplaria as pedras coma unha cativa, pensando tal vez en usa-los para enfeitar as bonequiñas que fabricaba con barro; e o da cobiza do pai, que falaria de fortunas e de que facer con tanto…
Soou un tiro. O Irrí ollou para atrás: aqueles tipos acurtaban distáncia como se trouxesen motor. A pirágua entraba ja nas augas máis rizas, facia-se difícil aguantar-se remando.
–¡Capitán! –berrou sen torcer a cara–. ¡Deixe o remo e agarre-se ás bordas!
Soaron vários disparos. Tanta insisténcia facia sospeitar unha mala sorte: o caboclo roubado dera aviso aos homes do Faca Longa… Pero eses tipos non podian relacionar con nada un índio, unha cabocla de cabeleira á índia e un branco barbudo… Ou si que relacionaban, porque o Faca Longa coñecia a canoa que deixaran amarrada para compensaren o roubo. ¡Que imbéciles foran! ¡Como se lles escapara o detalle á Dikí e a el! ¡Que honradez de parvos!
Máis tiros. Ja de preto. Aqueles fulanos eran uns suicidas; ou viraban ja ou alá ian quedar encaixados entre as rochas cunha canoa tan grande. Ian á morte como non fosen grandes nadadores.
Unha lomba de auga fijo subir e baixar a pirágua. No momento en que a estabilizou, Irrí oíu tronar o 38 da Úrsula; e un berro de morte. Outra onda ergueu a proa da lanchiña, e unha man aferrou-se ao brazo do Chico Bernardo de San Valentín do Rio.
Caeu o capitán e arrastrou-no. Dentro da auga, a man do Chico procurou, e agarrou, o cinto do capitán, cheo de diamantes. Chico-Irrí só pensaba nos diamantes, nas caras da mai e do pai ao veren-nos… cando un golpe na testa o deixou xordo, cego, sen pensamentos.
❧
Columna de opinión: “Xanela ao mar”
Autor: Xoán Castro
Data: 22.7.78
Título: “Esforzo inútil”
Escribo rodeado de incendios. Ata o meu cuarto dun piso de cidade chega o cheiro do fume que nos rodea. Desde hai días, por unha grave circunstancia familiar, conduzo frecuentemente cara a un hospital situado nun alto. Malia a preocupación con que alá subo, non me dou abstraído das fogueiras sinistras que cercan o noso burgo marítimo.
Arde o país. Consómense millóns de piñeiros e eucaliptos que nunca deberon nacer en terra de árbores nobres, e aflóranme na mente reflexións impulsadas polo susto dos lumes:
Escribir neste país é esforzo tan inútil coma o de pararlles a man aos incendiarios.
Realizarmos a vocación literaria consiste en irmos dando testemuño, máis ou menos directo, do noso pasar pola vida. Escribir implica facermos análise da vivencia persoal e colectiva, criticármola e ofrecérmola aos demais para que a mediten ao tempo de gozaren a arte de quen a plasmou. O escritor non ten por que ser necesariamente un tipo xenial, capaz de descubrir marabillas como ninguén puido imaxinar antes de el ter chegado ao mundo. Abonda con que sexa capaz de reflectir realidades –ou soños– que o público coñece mais non sabe expresar. O escritor distínguese de quen non se sente chamado a escribir pola súa capacidade de expresión, de explicar e suxerir: polo seu estilo.
Todo home de letras que de tal se prece traballa e esfórzase por entregar a súa obra a uns lectores dos que recibirá aplauso ou desinterese, sabendo logo se acertou ou non co seu esforzo, se fixo producir o seu talento ou non. O escritor necesita receptores da súa mensaxe; e velaí o primeiro condicionamento dos que nos diriximos a unha pequena comunidade humana: escribirmos para poucos. Facémolo –ou polo menos fixémolo en principio– por convicción nacionalista, e amólanos que outros deserten en aras da “universalidade”.
Ben se aceptaría un pouco de rendemento do esforzo se, unha vez satisfeito o reducido público patrio, a obra puidese tomar forma en linguas de maiorías e fose dando a volta ao mundo.
O problema é que o noso dificilmente chega nin sequera a quen vai dirixido en principio. Todo son queixas sobre os editores: os autores quéixanse de que as súas obras non ven a luz, ou vena demasiado tarde, esquecendo que a edición aquí é un negocio sen beneficios, sostido apenas por teimosía e –de novo– nacionalismo.
Vivimos secularmente na economía da subsistencia, na que o libro é luxo dun mundo á parte. A xente, en maioría, non pode comprar libros, nin xornais. A moitísimos concidadáns nosos abóndalles os recibos da contribución como biblioteca.
Por pobreza non se publica. Por tal razón o noso esforzo aínda vale menos.
Mais fica outra razón –a fundamental– para xustificar o pranto: alén de poucos e pobres, somos analfabetos pois non fomos ensinados e ler na nosa lingua senón educados no seu desprezo…
Neste xornal, non hai moito dicía o profesor Mourín que quizais a fin da nosa agonía literaria chegase coa profesionalización dos escritores.
Vaime admitir Alberto Mourín que discrepe. El resiste grazas ás súas aulas, quen isto escribe faino grazas aos seus negocios, en xeral todos os “literatos” desta nación resistimos grazas a profesións que non teñen que ver coa Literatura. E non só no material; no espiritual tamén: necesitamos un emprego no que nos alienar produtivamente durante unhas horas ao día.
De non o termos, o desespero podería levarnos a reaccións extremas.
❧
Non hai nada coma o silencio da noite para un se enfrontar a si mesmo, para sentar diante dese suxeito que vemos no espello por veces con abraio, como se fose o que é: un tipo descoñecido.
Estou aprendendo a coñecerme; un aprende a saber quen é cando as circunstancias lle dan a ocasión, e a morte dun fillo debe ser ocasión importante para calquera. Xa o dicía a avoa Adelaida, a quen lle morreran varios, de meniños e de grandes: mellor ir por diante ca ver morrer unha criatura á que un lle quere tanto.
Eu quérolle á miña filla aínda que é un proxecto mínimo de persoa, e non me podía facer á idea de perdela por culpa da meninxite. Non a perderei pero sufro porque ela padece. Agora sei que está durmidiña, que lle dan algo para que pase a noite; pero mañá volverá sufrir porque, tan pequena, non entende que a teñan amarrada á cama, que a mai non a colla no colo nin tampouco a colla a Ramona…
O curioso de min é que –coñecendo tal drama– ando ao meu, intensamente, pois sei que non podo facer nada pola pequecha. É como cando monto nun avión. Nos avións hai xente que se angustia desde o primeiro momento ao sentir que vai polo aire e pode caer; mais eu sinto que non podo facer nada por min, que estou entregado ao aparello e o piloto, e por iso leo, escribo e durmo.
Nunca tan rapidamente escribín como nestes días de calvario para a nena que algún día será unha muller e levará nun recuncho da mente un episodio horrendo (oxalá que non lle fiquen máis secuelas que o medo aos cuartos de hospital e o pesadelo de que está núa, atada de mans e pés sobre unha cama).
Escribo. Hai minutos decidín non retocar máis un artigo de xornal e, cando acabe este pracer de escribir a man nun caderno de diario, volverei ao final da historia de selva, diamantes, cobizas e traizóns en que me enguedellei.
Os que escribimos non só nos enfrontamos a nós propios, como fan todos os humanos. Enfrontamos tamén os nosos personaxes, os fillos da nosa fantasía, e por veces ficamos sorprendidos, abraiados coas súas reaccións. Por moito que o autor planifique a historia que está a inventar, sempre aparecen desvíos na ruta que levan as criaturas de ficción a facer mesmo o inesperado…
En fin: a Ana dorme despois de ler algo que lle transportou a mente moi lonxe da filliña que ten nun hospital a loitar contra os meningococos. O Antón tamén dorme, logo de que lle contei que a Lúa é unha bola moi grande a dar voltas arredor da Terra, e que houbo uns homes que xa andaron por alí. Case toda a poboación da cidade está a durmir cando eu decido marchar a un mundo –alá no Suroeste de nós– onde tamén é noite, unha noite máis moza cá nosa, chea de calor, ruídos e axitación.
Vexamos se os personaxes están en sincronía comigo ou andan por outra hora.
❧
O ABRIGO DO SOL Capítulo 11º
A caza dos patos
A caída do Emílio e o Chico, por junto, case envorcou a pirágua e deixou entrar nela unha onda que a encheu e arrastrou as mochilas. Vendo-as ir, Úrsula pensou en agarra-las, mais nunha man tiña o revólver, na outra sostiña o remo; e nun instante discorreu que non podía ficar sen remo porque nel lle ía a vida.
A barquiña, aliviada de peso mesmo con moita auga dentro, converteu-se nunha casca meneada pola corrente dun cano entre pedras. A instinto, sen discorrer, Úrsula meteu o revólver pola cintura do pantalón e foi cravando a pá do remo co ollar nos seus compañeiros caídos.
Perdeu-nos de vista agiña, entre ondas e escumas. Só cando o cano ancheaba e a corrente tola comezou a serenar-se, apareceu a cara do Emílio, que tusia e lanzaba chorros de líquido pola boca e o nariz. Estaba vivo. O que non xurdia era o Chico Bernardo, Irrí na aldea dos índios que acolleran a família Müller con veneración.
Úrsula, Dikí para eses índios, aplicou toda a sabenza adquirida deles para colocar a pirágua cortando o paso do home barbudo e fraco, que ja braceaba. Sen deixar de buscar o Irrí coa vista, gardou o revólver na pistoleira e agarrou a camisa do Emílio. A auga remansada, lentamente mais poderosamente, afastaba dos rápidos a pirágua. Había que ajudar o Emílio a subir abordo e retornar contra corrente á procura do amigo e colega.
–Emílio, tes que entrar na pirágua porque temos que buscar o Chico –explicou-lle–. Eu tiro por ti, pola camisa, polo cinto, e ti tenta ir metendo o corpo de lado.
–Non podo, non sinto as pernas –os ollos do Emílio, injectados de sangue, acompañaban a boca nun aceno de dor. Haberia que aguanta-lo a carón da borda e esperar a que aparecese o Chico.
A vista das cachoeiras deixadas atrás facia-se espléndida. O caudal dividia-se en zonas de rápidos con distintas velocidades e desniveis; por partes a auga, mesmo acelerada, non perdia a compostura e adiviñaba-se coma un rio ligeiro; por partes fervia, escumaba, a escuma branca ascendia co vento ata formar nubes. Nun lado e outro, nos extremos da estreitura, as masas do monte da Serrinha erguian-se sobre barrancas de rocha nua.
Dous medos foron gañando o espírito da Úrsula: que o Irrí non aparecese e que polo cano maior, por onde chegaban a subir barcos na enchente, se presentasen os homes do Faca Longa. Os tipos cometeran o fallo de perseguiren a pirágua por un cano angosto, onde entrara o Irrí, mais terian corrigido rumbo e non demorarian en pasar pola parte doada. E ian vir furiosos porque nun deles acertaran as balas do 38 dunha cabocla estraña, capaz de dar tiro certo.
De novo estaba ante situación que só deixaba unha saída, desta vez abandonar o Chico á sua sorte e procurar agachar-se na ramada da ribeira máis próxima, á espera de ver pasar os sabujos cheos de carrage. Despois, de noite, tentaria arribar en Santa Irene. Navegaria polo centro do rio ata alí, e achegaria-se con cantas forzas lle quedasen ata dar na praia junto ao dispensário.
–Emílio, tes-te que agarrar á borda, coas mans e co queixo, ¿podes?
–E poderei –a resposta, razoable, veu dun rostro serenado logo dunha loita contra a morte.
–Ben, daquela vou remando. Como afrouxes, di-mo, que te collo da camisa…
Remou cos ollos en todo: na floresta que se aproximaba, nas mans e na cara barbuda que mostraba desejo de sorrir, na tona da auga á que esperaba ver aflorar un amigo moi probablemente morto; e na outra banda do rio, pola que podian mostrar-se os perseguidores.
A corrente ajudou moito e o Emílio ia resistindo. Agiña as sombras das árbores maiores viñeron suavizar o esforzo de remar co lastro do corpo do home á borda. Úrsula soñou con ser unha das garzas que divisaban todo desde o alto; quigera ver o rio enteiro, en toda a sua amplitude, e saber quen andaba, a motor ou a remo, por el. Remaba ollando para a costa á esculca dun lugar de varage, onde deitar o Emílio e tentar saber o que lle pasaba… ainda que da sua experiéncia ja emergia un prognóstico ruín: o pobre do piloto tiña “a espiña quebrada”, como dicia a gente: vértebras rotas, medula esmagada… En fin… Un sentimento de cariño e compaixón levou-na a ollar para el e imagina-lo barbeado, aseado, ben tratado nun hospital, a recuperar-se.
Se as cousas tivesen corrido como ela as foi pensando, o capitán Emílio Ribeiro, veterano de guerras aéreas na Europa, pasaria a ser heroe tamén no Brasil: o avistador das tan buscadas ruínas do Abrigo do Sol, que viñan confirmar as ideas do profesor Müller e os seus colegas e colaboradores. Unha colección de fotos apareceria en jornais e revistas amosando dous sertanejos curtidos na selva, por sobrenome Corcovinha e Faca Longa, o engenheiro portugués Mendes Brito, grande coñecedor do sochán da floresta, o aviador español Emílio Ribeiro e… Non. Ela non. Mesmo seria borrada das instantáneas.
Divulgaria-se a história tan logo o Servizo tivese disposta unha nova expedición oficial ao lugar mágico que servia de fondo ás fotos dos pioneiros. Haberia medallas e aplausos; mais o prodígio das láminas de ouro con diamantes pasaria a formar parte dos arquivos dun departamento de Arquelogia, onde a estudarian arqueólogos e astrónomos, ja que serviran para a medida do tempo solar.
Todo viñera abaixo porque ao longo da História da Humanidade templos e tumbas acabaran sempre asaltados e violados por quen os viña descubrir cando ja non os defendian os pobos que os figeran. O Leô Faca Longa e o Emílio foran os máis sinceros de todos os membros da primeira expedición: nada lles importaba o templo mítico da Cidade dos Césares. O Leô apañara un diamante e fugiu a mostra-lo a homes coma el para que o ajudasen, excitados pola cobiza. O piloto sempre falaba do “tesouro” e non o soltou salvo cando lle fallou a cabeza.
Despois viñeran as traizóns e as mortes. Agora, perdidas as mochilas e as fotografias, só ficaba un cinto cheo de diamantes á cintura dun home paraplégico, que mal soportaba o pequeno esforzo de meter os cóbados dentro da borda dunha lanchiña en canto o seu corpo aboiaba.
A seca fora forte e facia-se difícil atopar ramage á tona da auga. Sucedian-se barrancas e praias nuas, sen nada para ocultar á vista desde o rio a quen as pisase. A moito espreitar e porfiar, por fin Úrsula deu cun treito de areal que reunia as condicións buscadas: sombra do mato e unha grande árbore caída, as pólas ainda con restos de follage.
Gaivotas que mancharan de branco cos seus detritos o gigante derrubado armaron un barullo de alerta, mais logo se calmaban. Algunha tartaruga meteu cabeza e patas na cuncha brillosa. Para máis tranquilidade, non se vian jacarés á espera de satisfaceren a sua fame famosa, eterna.
Vararon, pirágua e corpo agarrado a ela. Úrsula saltou, cravou ben a panza da barquiña e ajudou o Emílio a virar-se cara ao ceo. Daquela arrastrou-no a un treito de areal limpo e sombreado preto do tronco morto.
–Aguanta sobre os cóbados, que che vou facer unha almofada –mandou-lle e procedeu a face-la, con area cuberta de follas grandes e secas. O Emílio non falaba e ollaba para ela, feble e triste, a rente do chan.
Úrsula volveu á pirágua, a retirar o que ficara no fondo dela: duas carabinas, unhas caixas de balas e un par de frechas. Quedaba por diante un dia de fame, salvo que puidese arpoar unha raia de fogo cunha frecha. Curioso: velaí ata onde chegaran aquelas frechas dun índio defensor do Abrigo do Sol. A image do índio morto contra a árbore fijo-lle pensar que, dos moitos episódios da vida, esa retirada desde o santuário ao longo da liña de lagoas fora do máis perigoso.
–Vou tentar pillar despistada unha raia, para comermos –dijo-lle ao ferido cando retornou coas armas–. Deixa que olle como che funcionan as pernas; e, se precisares ouriñar ou facer de ventre, non te preocupas, di-mo, que che ajudo.
O home respondeu apenas cun sorriso leve, tristoño.
–Vejo que nos quedan armas para resistirmos –falou con esforzo–. Pobre do índio Chico. Petamos na rocha e ja non saiu… ¿Que imos facer agora?
–Agardarmos á noite, para achegarmo-nos a Santa Irene. Alí eu teño amigos, hai dispensário médico e podemos arranjar maneira de seguirmos viage.
–¿A onde, Walkíria, Úrsula, Dikí ou quen sejas?
A pregunta pujo en garda a Úrsula, que non quijo entrar na substáncia do que preguntaba o piloto de jeito oblícuo. Ajeonllou junto a el e foi presionando os músculos flácidos das suas pernas.
–¿Non sentes nada?
–Nada.
–Coido que para ti e para min o mellor vai ser irmos descansar algures, sen medo de que nos maten nin homes nin bichos nin feras –colleu as frechas e pujo-se en pé–. Vou pescar unha raia. As que teñen redondeis no lombo son fáciles de ver e os ferróns delas non perforan as botas.
Marchou. Non queria falar nada máis co pobre tolleito, seguramente de por vida ja. “Walkíria, Úrsula, Dikí ou quen sejas”: por moita discreción e moito disimulo que haja, ao convivir estreitamente coas persoas logo todo se acaba imaginando, sabendo. E o Emílio Ribeiro vivira mesmo guerras, era un militar…
Con moito esforzo ocultou a pirágua tras do tronco enorme, segundo as suas ideas tomaban un rumbo estraño. Imaginaba como avanzarian polo fondo do rio, cara a ningures, as mochilas coas cámaras de fotos, os clixés que ja se terian estragado e mais os que se conservarian un pedazo nas caixas de lata ata que a auga a presión lograse entrar nelas.
Perderan-se as testemuñas gráficas. Morreran o portugués do uránio, o Zé Corcovinha e o coitado do alma boa do Irrí (¿que outra cousa se podia pensar?). Do Abrigo do Sol e o seu tesouro ja só sabian ela, o Leôncio Faca Longa e o Emílio, a quen lle quedaba pouca energia. Toda a aventura que iniciara o seu pai habia vinte anos ficaba reducida a un cinto de coiro forte, con fibela de bronce e cremalleira interna que lucia o piloto.
¿Que facer agora, na nova circunstáncia? Ja non se podia pensar nunha importante acción para o Servizo, porque faltaban os elementos demostrativos.
¿Que facer, logo?
Pois seguir as ensinanzas do profesor Klaus Müller, e as própias do Servizo: cada acción no seu momento; e nese intre o que importaba era distinguir o lombo pintado dunha raia de fogo, ensarta-la e facer un lume.
Despois haberia que cruzar o rio, chegar a Santa Irene e pedir ajuda por rádio. Tal vez puidesen burlar o acoso do Faca Longa. Quizais se puidese negociar co Emílio Ribeiro sobre o “tesouro” que non soltaba…
Úrsula non recordaria como se decatou do perigo inmediato. Quizais fose porque, entre pensamentos densos, de pasado e futuro, tivo un leve de presente, da exposición a que outros a visen camiñando a modiño pola beira da auga. Así foi como levantou a vista –que buscaba raias de fogo– e deu coa canoa que se achegaba.
Podia ser a dos garimpeiros do Faca Longa; ou non. Mais o prudente era desaparecer antes de que a proximidade lles permitise distinguir o seu disfrace de cabocla.
Sen dilación deitou-se na area a foi avanzando coa ajuda dos cóbados ata meter-se por tras das pólas da árbore caída. A seguir achegou-se onda o Emílio e recolleu as carabinas.
–¿Que pasa, Úrsula? –sentiu a voz débil do home.
–Poida que teñamos visita. Deixa-me ver –e marchou, para apostar-se no tronco.
A espingarda do Chico estaba noviña do trinque, unha 21 longo de precisión; a do Corcovinha era vella e vulgar, mais entre as duas sumaban dez tiros.
Tomou posición e esperou a saber quen se acercaba. O corazón soaba-lle forte na caixa do peito. Haberia que saber se unha imprudéncia sua e uns prismáticos alleos deran para unha trampa mortal: fora un erro distraer-se á procura de pesca. Se eran os que viñan á sua busca, non os podia deixar desembarcar. Se eran outra gente, unha coincidéncia, unha casualidade…, haberia que ver.
Pouco a pouco, sobre a superfície beige do rio irritado polo vento, a vista aguda de Úrsula foi distinguindo figuras que ja tiña visto cando entrara no rápido e disparara o 38 sen moito apuntar. Eran eles, os barbudos.
Acariñou o cano do rifle, apoiado no madeiro. Tiña que medir ben a distáncia para non fallar. O corazón serenou-se-lle. Coma sempre, cando chegaban os momentos definitivos, a suor no pescozo substituía-lle a alteración do ritmo cardíaco.
Apuntou, ollo na mira e dedo no gatillo. Cando os garimpeiros comezaban a estar a tiro, a canoa virou de leve e Úrsula puido ver o busto inconfundible, remo en man, do moreno Faca Longa. Viña de segundo, tras do proel. En total eran catro albos que facer. Por un instante tivo o recordo das tómbolas de feira cos patiños a pasar por diante da carabina de aire comprimido e balotes.
Reapuntou sobre a casca da árbore á cabeza do que remaba á popa segundo lle ensinaran no Servizo: matar por tras, para causar máis desconcerto.
Apertou o gatillo. Acertou. As gaivotas habitantes do tronco levantaron voo e a canoa parou. Aqueles sujeitos caeran na sorpresa. O que ficaba ás costas do Faca Longa ofreceu branco doado. Úrsula tirou-lle á cabeza, e volveu acertar. As gaivotas revoaban. O Leô e o tipo que ia á proa deixaron caer os corpos dos compañeiros e responderon con fogo de pistola, sen efecto porque estaban moi longe de quen os atacaba con espingarda.
Houbo unha brevísima discusión entre o Leô e o barbudo restante. ¿Seguian á praia ou fugian?
Úrsula sentiu que ia gañar o prémio da tómbola e tirou, mais errou porque a canoa viraba e as ondas a movian. Volveu disparar e oíu o berro do descoñecido. Quedaba-lle unha bala na recámara cando o sertanejo escuro e traidor decidiu afastar-se da morte.
A tiradora tivo un momento de dúbida pois, á fin das contas, o fugitivo ja non representaba perigo. Mais outra idea foi a que lle fijo apuntar: o miserable era testemuña do Abrigo do Sol…
Disparou e fallou. Maldición. Escapaba-lle. Con mans suorentas deixou a carabina descargada e colleu a outra. Tiña pouca marge para acertar. Afinou, afinou, apuntando ás costas do canalla. Deu na canoa, grande, que ao Leô lle custaba mover. Tirou-lle de novo, deu-lle no ombro. Non era suficiente e ficaban tres balas. Tirou. Fallou, o negro maldito seguia a remar. Tirou, volveu fallar. Coma un lóstrego, pasou-lle pola cabeza perseguir o ferido coa pirágua e abate-lo con 38.
Decidiu, antes diso, un tiro derradeiro con espingarda. Con ese acertou. O Faca Longa soltou o remo e caíu. A canoa, sen goberno, aproou rio abaixo…
Úrsula respirou fondo e saiu do seu “posto de caza” a lavar a cara no rio e remirar as augas á busca dalgún sobrevivente da caceria. Sentia que estaba a tragar un sapo feo, porque matar gente é iso: algo feo; e tentaba consolar-se coa idea de que acababa de limpar o mundo dun fato de rufiáns.
Mentres lavaba a cara aínda engraxada, tingida de cinza para se facer pasar por morena, deu en pensar na tranquilidade con que os índios mataban gente como mataban animais, e preguntou-se por enésima vez na sua vida canto hai de preconcepto nas normas dos “civilizados” á hora de teren que quitar-lle a vida a un congénere.
Ben. A fame cantaba, o pobre do Ribeiro estaba mal, moi mal, e a prudéncia aconsellaba ir cruzando o rio a modo, deixando-se levar pola corrente, que sempre empurraria máis que o vento.
O Emílio recibiu-na co seu sorriso feble, de ollos claros injectados de sangue.
–Eran eles, ¿non? –quijo confirmar.
–Eran.
–¿E afugentache-los?
–Figen algo máis efectivo… Temos o rio despejado e imos marchar –sentou a pé del para recargar as espingardas. Un cheiro forte a ouriños deu-lle a entender que o tolleito non tiña sensacións nin controlaba os esfínteres. Daquela observou-lle a parte do rostro que barba e cabelo bravos lle deixaban ver e reparou na sua palidez. As mans tamén estaban pálidas.
Acabou de meter balas nos cargadores e colleu o pulso do prostrado. O Emílio deixou-se facer coa boca torcida, mal vista entre os pelos da barba. O polgar de Úrsula buscou a artéria contra o óso ata sentir un bater débil, frouxo, difícil de captar.
–Úrsula…, queria dicir-che algo –a man libre de Emílio cerrou-se sobre a que lle buscaba o pulso.
–Ti dirás.
–Non sei se sairemos disto, e como sairemos, pero quero que saibas que pensei en compartir o tesouro contigo, de todo…, completamente –o aceno tenro da cara barbuda alarmou a muller–. Quero que saibas que tiven a ilusión de ofrecer-che compartir vida comigo. Ata soñei con ir a España, ir á miña cidade e pasear contigo por diante dos que nunca me perdoarán que lles escapase ao tiro na caluga. Imaginei un pedazo de vida cunha muller extraordinária coma ti, un treito de vida boa, rica, luxosa… E agora, así como estou, quigera saber se aceptarias a oferta.
Velaí. Logo da matanza dos foragidos, este era o segundo sapo a engulir. Tiña que ser rápida na resposta:
–Todo se pode falar, Emílio; pero tes que ter en conta que a min non me foi ben nos matrimónios. Figeron-me sufrir, figeron-me vella antes de ter idade para se-lo… Ja falaremos. Agora temos que chegar canto antes a Santa Irene e procurar ajuda e transporte –librou suavemente as suas mans das do home quizais namorado, quizais confundido–. Olla, temos que pensar como te metemos na pirágua.
Cando a pirágua bateu no areal de Santa Irene, os nenos curiosos que se bañaban ollaron con sorpresa unha muller rara, unha branca súcia, co cabelo claro pegado con graxa negra, e restos desa sucidade pola cara e o pescozo. Algunha muller que lavaba roupa tamén reparou na forasteira e achegou-se, curiosa.
–Fagan-me o favor –pediu-lles ela na língua dos ribeiriños–, avisen no dispensário de que traio un ferido.
As mulleres repetiron o aviso a uns rapacetes e ajudaron a Úrsula a varar a embarcación.
–Ja estamos a salvo, Emílio –colleu-lle a man–. Agora a fumar un cigarro e comer e beber algo. Devezo por un cigarro, ¿e ti?
–Eu tamén, ainda que seja o derradeiro…
Polo camiño da barranca non tardou en descender unha padiola entre dous mozos fortes, bustos nus de índio remador e pernas metidas en pantalóns de civilizados. Colocaron o ferido e agiña percorrian o camiño en sentido contrário seguidos pola branca súcia, rara, con pistola e duas espingardas, unha a cada ombro.
O “doutor”, que non era tal senón practicante capaz de injectar remédios, recibiu na fala própia unha explicación da muller branca que lle fijo torcer o rostro indígena de grandes ollos riscados e dentes limpos. Mandou deitar o ferido nunha cama e, con moito aquel de médico, colocou o medidor de presión no brazo do paciente e pendurou das orellas o fonendoscópio.
–Emílio, deixo-te en boas mans –Úrsula bateu no brazo do paciente–. Vou facer unha gestión e agiña volvo.
Colleu o camiño de terra vermella cara á escola, alá no máis alto da viliña mínima, sinalado por un mastro branco e a bandeira verde e amarela da nación das mil razas e as inmensas riquezas. Na trastenda dos seus pensamentos quedaba o cinto do home que non sentia as pernas, nin a vejiga, nin sentiria o ventre… Terrible a paraplégia, ter médio corpo nada máis para gobernar, non saber do outro médio. Sen decatar-se do que facia, cravou as uñas na coxa e respirou aliviada ao comprobar que as sentira…
O profesor Atílio Barros, un belo mulato, salientaba entre o grupo de nenos índios descalzos mais vestidos con roupa de civilizados –camisas brancas, saias ou calzóns azúis– a formaren grupo ao sol, quizais preparados para cantar o himno pátrio arredor da bandeira.
–¡Úrsula! –o profesor desprendeu-se da rapazada e veu onda a visitante– ¿Que lle figeches á cara, muller de Deus? –soltou unha gargallada tan ampla coma o seu peito e veu-lle tender os brazos.
–Despois che conto… Preciso usar a rádio e duchar-me.
–Adiante, que logo acabamos o ensaio e disolvo a tropa…
Média hora despois Atílio Barros e a sua compañeira no Servizo falaban na cociña da casa do mestre, sentados á mesa cunhas cervejas e un paquete de cigarros, ela cuberta cunha bata leve, grande de máis, adecuada ao tamaño do dono.
Outra média hora máis tarde Úrsula xurdia ao torreiro vermello, ollando a beleza do rio largo e a selva sen fin. O seu cabelo volvera ser louro e solto; vestia blusa branca e pantalón azul, ajustados de máis para os seus volumes de muller (“É o uniforme maior que teño: non parece que pasases tanta fame”, digera-lle o mestre, sempre a rir). Nos pés levaba chinelas, tamén pequenas de máis. No cinto, con descaro, pistoleira e cartucheira, revólver a marcar distáncias.
Encamiñou-se ao dispensário e alí enfrontou o home barbudo que lle sorria de leve desde a cama.
–Ja temos transporte, Emílio.
–¿A onde, Walkíria?
–A un bo hospital.
Úrsula observou o aceno insistente que lle facia cunha cella o “doutor” e, cun ton falsamente alegre, como de brincadeira, preguntou-lle en língua de índio que pasaba.
O “doutor” respondeu-lle no mesmo ton falso cunha explicación nesa língua tentando evitar palabras “civilizadas” da medicina que fosen entendidas polo seu paciente: o home tiña unha hemorrágia interna e era mellor non o mover. Habia que confirma-lo cos médicos do hospital.
–¿Podo levantar-lle a cabeza? –Úrsula preguntou en portugués.
–Pode, para que beba mellor. E que vaia bebendo auga con azucre e sal: velaquí… –o enfermeiro pasou-lle unha jerra e un vaso, e saiu do cuarto branco con camas e mosquiteiros. Ia ata a escola, falar pola rádio co hospital.
Úrsula acomodou-lle duas almofadas ao Emílio, prendeu un cigarro, pasou-llo e foi buscar unha bandejiña de aceiro para usa-la de cinceiro. Prendeu outro e fumaron, en siléncio.
–Walkíria, dime quen es de verdade, muller –rompeu el a falar–. Eu levo toda a vida gardando segredos.
–¿Queres sabe-lo? –ela meteu os dedos coma un peite polo cabelo solto–. Vou-che dicir esa verdade: non che sei quen son, porque son várias persoas. Son unha nena alemá nunha cidade de casas de tijolo cunha igreja moi alta, tamén de tijolo, cunha cúpula verde, de bronce… Son-che tamén unha nena nua e descalza a pisar a lama da chúvia sen fin dunha aldea de índios, a jogar na chúvia, a bañar-me nunha cachoeira, con chúvia e sen chúvia… Son-che unha mociña de colégio de cidade que gozaba soñando con volver ao mato e andar entre amigos que todo entendian dos animais e dos homes do mato e do rio… Son-che unha profesora de universidade que abandonou a carreira por culpa de moitas cousas… E ben sabes quen é a Walkíria do cabaré.
–Iso ja mo contaras, muller; pero hai algo máis. Ten que haber algo que non me contas.
–Ja cho contarei, Emílio… Imos pasar moito tempo juntos nos próximos dias, e eu teño que tomar decisións.
A agente Úrsula Müller e o agente Atílio Barros falaban, fumaban e bebian uns grolos na frescura da noite cun ventiño moi leve do rio. Trataban do de sempre entre eles: os límites do “subcontinente” que fora colónia duns poucos portugueses, chegara a império ultramarino e acabara sendo federación de estados con espírito de nación única. Tamén falaran do uránio, de energia nuclear, dos grandes projectos do país que debia converter-se polas suas magnitudes nos “Estados Unidos da América do Sur”.
Foi o própio “doutor” do dispensário quen se achegou á varanda da casa do mestre para lles dar a nova:
–Boa noite, señor profesor; boa noite, señora dona.
–Boa noite, Nelson, veña acá, tome asento.
–Obrigado, profesor, mais teño que volver. E para dicir-lles que o noso home ja mal alenta; por se a señora quiger ter unhas palabras derradeiras con el.
Úrsula ergueu-se a modo, o corazón a bater-lle con tal vigor que tivo medo de que se lle notase; e esperou que a cor da faciana se lle disimulase coa calor, ainda que non fose tanta.
Apurou o paso seguida polo mestre, e non parou ata erguer o mosquiteiro da cama do Emílio.
O enfermeiro ilustrado, colleu-lle o pulso ao accidentado; pujo o fonendoscópio, aproximou a cápsula ao peito, esperou uns segundos e pronunciou sentenza:
–Chegamos tarde. Ja me digeran pola rádio que debia ter unha rotura importante, quizais do bazo…
Daquela a Úrsula pechou os ollos grandes, azuis coma as lagoas de auga de chúvia, e unhas bágoas viñeron percorrer as suas fazulas.
Os homes que a contemplaban ficaron á espera de que falase algo, pois tiñan que saber o que ela dispugese do defunto.
E non tardou en repor-se da emoción. Decidida, pediu que a ajudasen:
–Quigera quedar co cinto del, quero-o gardar de lembranza.
O mestre e o enfermeiro ergueron un pouco o torso ainda quente para que as mans da moza puidesen mellor sacar aquel recordo das presillas do pantalón que cheiraba a mejos.
Ela sacou-no e pujo-o, abrochou-no por cima do que levaba; e, sen dicir máis, foi mirar o ceo infindo, os millares e millares de estrelas e a lua que se viñan reflectir nos recantos do rio onde o vento respectaba o espello das augas.
You might also like
More from Narrativa
Doce Setembro | Morgado MBalate
Morgado Mbalate Doce Setembro Nasci do amor entre o senhor Henrique e a dona Palmira, numa madrugada de 6 de Setembro de …
Comentario crítico e preocupado dun pai a Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa | Salvador Camba
Nestas liñas pretendo compartir a miña opinión e preocupación ante o libro que leron durante o sexto curso de primaria, …