D. de Nuncques. Interieur de foret, 1894
Dentro do mundo da arte non é nada habitual atoparse con exposicións temporais que se centren exclusivamente nunha técnica artística. Falar de Tocar el color. La renovació del pastel permite a excepcionalidade, tanto na propia concepción da mostra como na calidade das pezas que a Fundación Mapfre logrou xuntar con grandes esforzos. A técnica do pastel considérase debuxo ou pintura? O pastel de sempre é considerado unha técnica artística menor, por iso se feminiza?
*
O pastel, unha técnica propia das mulleres artistas?
… en avril 1877, l’un de ses premiers défenseurs, Philippe Burty, notait: “Elle (Berthe Morisot) use du pastel avec la liberté et le charme qu’y apportait au XVIII siècle la Rosalba Carriera… C’est une coloriste délicate qui fait tout rentrer dans una harmonie générale de blancs á accorder sans tomber dans la mièvrerie” (J-D. Rey, Berthe Morisot, Flammarion, 2016).
A Fundación MAPFRE, dentro da súa liña de grandes exposicións vén de presentar en Barcelona, nas salas da histórica Casa Garriga Nogués, unha mostra artística excepcional: Tocar el color. La renovació del pastel. Primeiro é unha exposición diferente; non está dedicada a ningún nome en singular, nin a ningún movemento estilístico. Dedícase a unha técnica artística: o pastel. O pastel sempre foi considerada (e segue a selo) unha técnica menor, que non alcanza os niveis reservados á pintura ao óleo, a pintura con maiúsculas.
Ao comezo do dossier de prensa que publica a Fundación MAPFRE sobre esta mostra –texto suponse que redactado ou revisado polo comisario da mesma, o especialista Philippe Saunier–, lese (ao respecto de por que o pastel non se valora como unha gran técnica artística): … e a súa apropiación por parte de numerosas mulleres impedíronlle acceder ao ámbito da “gran” pintura. Así ábrese a opción a interrogantes como: as mulleres son as responsables de que o pastel non chegue a “gran pintura”? Ou é ao revés: como ten unha consideración inferior, resérvase para ser empregada polas mulleres? A apreciación de que o pastel é unha técnica empregada polas mulleres vén de lonxe, e chega á actualidade. Un exemplo: na publicación J.-D. Rey, Berthe Morisot (Flammarion, 2016, 220 pxs.), ao final do libro, despois dos textos sobre as cualidades pictóricas de Morisot en xeral, o autor introduce un apartado titulado Cabinet des dessins, con ilustracións e sen texto. Só un pequeno parágrafo introdutorio no que se mestura debuxo, acuarela e pastel. Neste parágrafo (e nas ilustracións do devandito apartado, Cabinet des dessins) é onde se evidencia a dedicación de Morisot ao pastel, dicindo que creou unhas 190 pezas con esta técnica, e que, xunto coas 140 acuarelas, son a metade da súa produción artística total. Que valoración dá o autor do libro ao pastel? Se tan importante é a produción de Morisot con esta técnica, ¿por que non lle dedica un apartado especial, en vez de ficar as pezas elaboradas con pastel dentro dun capítulo (sen texto) dedicado aos deseños?
É certo que mulleres artistas optaron polo uso do pastel como técnica artística coa que traballar. Pero non todas. Nestes meses o Museo del Prado presenta a mostra Sofonisba Anguissola y Lavinia Fontana. Historia de dos pintoras, e estas grandes pintoras do século XVI (esquecidas ata agora) empregaron o óleo para os seus retratos e obras mitolóxicas e relixiosas. Ben é certo que no século XVIII houbo pintoras que botaron man do pastel abundantemente. Por exemplo Rosalba Carriera, pintora veneciana que acabou vivindo en París. Carriera alcanzou gran fama como retratista ao pastel; proba diso é que moita xuventude rica europea que facía o Gran Tour, foi retratada por ela durante a súa estancia na cidade dos canais.
Por que o pastel é empregado por bastantes mulleres artistas? Por que se di que o pastel é unha técnica “feminina”? O crítico Arsène Alexandre, para eloxiar á pintora Louise Breslau (que obtivo moito éxito cos seus pasteis a finais do século XIX), afirma: Fixo arte de muller no sentido elevado do termo, e despregou nos seus traballos todas as cualidades dun home de ben… O texto non ten desperdicio. A técnica do pastel non foi empregada exclusivamente por mulleres, certo; pero si que moitas botaron man das barriñas de cor para as súas composicións, e, tamén, que entre os epítetos pexorativos dedicados ao pastel polos críticos sempre aparece a atribución ao xénero feminino.
Seguindo os argumentos que pretenden reducir o pastel a unha técnica “propia das mulleres artistas” (e que se sintetizan moi ben no traballo de Stéphanie Prenant –directora del Musée Antoine-Lécuyer– no magnífico catálogo da exposición) atópanse elementos tales como: o pastel trabállase mormente en pequenos formatos, en papel, con cores en barras e xa preparados, que tamén resultan máis baratas cos óleos. Que os temas preferidos para representar con pastel son os retratos, feitos en interiores (na propia casa), e sen necesidade de modelos espidos (escándalo?) aos que hai que pagar. Que esta actividade “doméstica” non precisa profesionalización (cousa mal vista nunha muller no século XIX), así como que foxe da competitidade masculina que as mulleres atoparían na pintura ao óleo e na escultura. E, de venderse, os prezos dos pasteis son moito máis baixos. ¿Cómpren máis características para estar vendo ante un papel riscado con barras de pastel, na súa casa, a unha muller da burguesía europea do século XIX?
Pero non todas as mulleres que se adicaron ao pastel limitaron as súas producións a un só tema nin se recluíron nas súas vivendas. En Tocar el color. La renovació del pastel hai todo un apartado (¿Un arte femenino?) dedicado ás creacións que as mulleres fixeron con pastel no século XIX e mais no XX, e nel é doado atopar creacións de artistas como Luise Abbéma, de Louise-Catherine Breslau (Chez la modiste) que foxe das composicións máis convencionais dentro da técnica do pastel. Tamén de Louise De Hem (Le chat noir). E, por suposto, as impresionistas Berthe Morisot, a pintora que –xunto con Pissarro— máis veces participou en exposicións dos/das impresionistas, e mais a norteamericana radicada en París, Mary Cassatt. Estas dúas pintoras traballarán moito co pastel, e renovarán temáticas e formas, apostando por creacións máis vigorosas do que se tiña feito ata entón. Por último, en Tocar el color. La renovació del pastel tamén aparece a peza La Bretona, de María Blanchard, pintora cántabra que cultivou o cubismo, entre outras vangardas e que, pouco a pouco, vai sendo considerada a grande artista que foi.
Tocar el color. La renovació del pastel. Fundación MAPFRE
O pastel só produce sombras mates e opacas; non ten a profundidade da pintura ao óleo, pero tampouco ten eses reflexos que a fan brillar e que son tan molestos. A frescura das cores, a viveza e suavidade dos tons da pel, o pelo da epidermes, o veludo dunha froita, o mol dunha tela, non se poden plasmar mellor senón por medio deses lapis con mil matices que é posible xustapoñer vivamente ou fundir co maimiño (Charles Blanc. Grammaire des arts du dessin, Paris, 1867).
Este último trimestre de 2019 conta na cidade de Barcelona cunha exposición singular e sobranceira. Tocar el color. La renovació del pastel vén sendo a excepción ao páramo expositivo que semella terse instalado no mundo da arte en Barcelona. Ofrecer ao público un cento de obras creadas coa técnica do pastel por 68 artistas diferentes, e cun arco cronolóxico que vai do século XVIII aos anos sesenta da pasada centuria representa un esforzo moi importante. As exposicións de pezas elaboradas coas barriñas de pastel son escasas: o transporte e a exhibición das mesmas son delicados, polo que os donos procuran non prestalas. Pois Tocar el color é posible pola confianza na entidade organizadora de máis de 70 prestadores; entre eles –a máis de coleccionistas privados– o Museo Picasso de París, o Centre Pompidou, a Fundació Miró, a Tate de Londres, o Centro de Arte Reina Sofía, o MNAC, o Whitney Museum de New York, etc.
As obras elaboradas ao pastel adoitan ser sobre papel (ou tela) e de reducidas dimensións. Pois ben, en Tocar el color hai abundantes pezas de dimensións grandes, o que aínda complica a posibilidade de préstamo (véxase, por exemplo Portrait de Madame Beale, de James Tissot, con 166×96 cm). Unha exposición interesante e fóra do habitual. As firmas das pezas tampouco defraudan: Morisot, Miró, Delacroix, Millet, Redon, Cassat, Picasso, Blanchard, Degas, Boudin, Renoir, Puvis de Chavannes, Monet, Sisley, Boldini, … Postos a precisar as innegables calidades de Tocar el color, cómpre precisar que se bota de menos que na primeira sala (quizais nunha vitrina á parte) non se presenten os útiles precisos para crear coa técnica do pastel: as barras de cor, os papeis máis habituais e os lenzos (ambos en xeral de reducidas dimensións). Ou un vídeo explicativo.
A mostra Tocar el color. La renovació del pastel está comisariada por Philippe Saunier, que foi durante anos o responsable da colección de pasteis do Musée d’Orsay e coautor do libro L’art du pastel. Na presentación de Tocar el color, o señor Saunier comentou, con humor, a sorpresa que tivo ao saber que en idiomas peninsulares a verba “pastel” ten significados moi diferentes; non así en francés. Cómpre suliñar, tamén, que a Fundación MAPFRE acompaña a mostra Tocar el color coa publicación dun magnífico catálogo, no que se poden atopar varios estudos de especialistas na técnica do pastel.
Auxe do pastel no século XIX. Société des Pastellistes Français
C’est de la rencontre de 2 hommes passionnés que l’art du pastel va trouver ses promoteurs : Roger Ballu, collectionneur, écrivain montmartrois, homme politique et député (fils de l’architecte Théodore Ballu membre de l’Institut), et Georges Petit qui tient une vaste galerie, 8 rue de Sèze à Paris, point incontournable pour les amateurs d’art de l’époque.(…) Le 13 mars 1885 la Société des Pastellistes Français est constituée. Président Roger Ballu, vice-président Georges Petit (Páxina oficial da Société des Pastellistes Français).
O século XIX representa os intres de despegue e consolidación da pintura coa técnica do pastel. Moitos autores e autoras prefiren este medio para tratar con suavidade e poucos trazos algúns temas, como a pintura de paisaxes (fuxindo así o pastel dos interiores domésticos e mais do monotema do retrato), pois a partir dos anos 30 desa centuria, cando os artistas abandonan os estudos para ir á natureza, as barras de pastel son moi doadas de transportar. Segundo os especialistas, o pastel permite elaborar pezas máis delicadas e suaves ca coa pintura con óleo. Nos trazos do ceo con nubes ou nas faccións dunha face, as barras de cor permiten transicións suaves, doces; mentres que as liñas marcadas con pincel sempre acaban sendo máis angulosas e duras. Por iso se ten dito que a pintura ao pastel consegue resultados máis “poéticos”, mentres que o óleo alcanza o “prosaico”.
Na magnífica exposición Tocar el color. La renovació del pastel, están representadas todas as tendencias e estilos artísticos decimonónicos; mormente os franceses. É doado ver, por exemplo, unha pequena paisaxe de Eugène Delacoix que o gran pintor romántico captou nas proximidades de Xibraltar, no ano 1832, cando o mestre ía camiño do norte de África, onde acabaría por pintar Femmes d’Alger dans leur appartement, obra que rachaba co pretendido exotismo inventado de Ingres, e que tanta repercusión conseguiu polas cores usadas, tanto no seu tempo como tempos despois (Picasso e Matisse fixeron as súas versións desta peza). Por seguir citando creadores e creadoras, destacar Berger gardant son troupeau, un pastel de Millet, autor do L’Angélus, que en nada desmerece de recoñecidos óleos como pode ser Des glaneuses. A aposta de Millet pola plasmación realista do mundo rural atopa neste pastel unha proba máis da súa mestría: as terras chans inzadas de ovellas, cun ceo pouco iluminado polo sol que marcvha. ven alterada a súa perfecta horizontalidade pola emerxencia da figura lítica e monocroma do pastor; un menhir.
A nómina de impresionistas é ampla e longa, con temas tratados ao pastel como paisaxes, nus, retratos. Comezando por Berthe Morisot, Mary Cassatt ou Louise-Catherine Breslau, para seguir polos nomes que o patriarcado incluíu no paradigma: Degas, con cinco pezas, Renoir, Sisley, Monet, De Nitis, entre outros. Degas está representado por nus femininos en posicións rebuscadas e pouco usuais (baños, aseos) e tamén por unha escena de cabalos de carreiras adestrándose, pois están a facelo nun campo aberto nos intres en que o sol pinta de vermello e rosado os montes do fondo; está anoitecendo. E simbolistas, como Degouve de Nuncques, Khnopff ou Roussel, que transitan por bosques enigmáticos, por escenas nocturnas ou por rememoracións bucólicas e arcádicas.
A consolidación da técnica do pastel ao longo do século XIX chega á súa cima coa creación da Sociedade de Pintores ao pastel de New York e 1882. No ano 1885 Ballu e mais Petit constitúen en París a Société des Pastellistes Français. E a seguir virán as de Gran Bretaña e mais a de Bélxica (a pintora Berthe Art participa na fundación desta última). Estas asociación pretenden alentar a arte do pastel, aínda que case todas terán vidas efémeras, entre outras razóns –segundo apunta Saunier nos seus traballos no catálogo da exposición– porque non souberon conectar coas vangardas de comezos do XX, e pretenderon gardar os traballos con pastel nun niño para que non fose contaminado.
O pastel camiño do século XX
De qué manera el pastel penetra en el cubismo es una cuestión que parece surgur precipitadamente cuando se pronuncia el nombre santificado de Picasso. Y no es por él, sinó por la vía del color, a través del orfismo de Sonia Delaunay y, en mayor medida, Frantisek Kupka, como el pastel entra en el universo de lenguages para, cargado de dinamismo, alcanzar la no representación en Otto Freundlich (Carlos Martín, no catálogo de Tocar el color).
A utilización do pastel (barras de cor de forma cilíndrica) vén de lonxe. Leonardo da Vinci fala desta técnica que coñeceu en Milán da man dun pintor francés chamado Jean Perréal. Moitos artistas empregaron esas barras para bosquexos de obras posteriores, e foi coñecida co nome de pintura en seco, pois no pastel os pigmentos non se estenden coa axuda de disolventes ou auga, como son os casos do óleo ou a acuarela. Se se usan barras cilíndricas (similares a lapis) e papeis, o pastel que é, debuxo ou pintura? A esta pregunta Philippe Saunier, comisario de Tocar el color e especialista no tema do pastel, afirmou na presentación da exposición que non era doado dar unha resposta clara á pregunta. Que en moitos casos artistas e estudosos falan indistintamente de debuxo ao pastel e de pintura ao pastel. E a seguir comentou que en museos e outras institucións usábase un convencionalismo que non aclaraba a cuestión, pero permitía traballar: se unha obra ao pastel está protexida cun passepartout é debuxo, no caso contrario, é pintura.
No catálogo de Tocar el color. La renovació del pastel hai un atractivo traballo de Carlos Martín, conservador xefe da área de cultura da Fundación MAPFRE, sobre o pastel no século XX: “¡Que coman pastel!” Metamorfosis y popularización en el siglo XX. A primeira parte do título fai referencia á expresión de María Antonieta nos días previos á Revolución Francesa, cando a poboación pedía pan. No devandito artigo Martín percorre artistas e movementos vangardistas para constatar que o pastel foi empregado en todos os casos e latitudes, desde os cubismo ao surrealismo, desde a abstracción ao expresionismo abstracto, do orfismo ao futurismo. Unha das catro versións que Edvard Munch fai do tema Skrik (Berro) está feita con barras de pastel sobre táboa, o que lle permite incrementar a sensación de agorafobia e facer que a riqueza cromática apareza con moita forza, grazas ao po de cores.
Nas salas da Casa Garriga Nogués, dentro de Tocar el color. La renovació del pastel están presentes varias pezas de Picasso elaboradas con pastel. Dúas delas (La Fin du numéro, por exemplo) son pezas de 1901, pintadas en París e que gravitan entre influencias que o novo pintor andaba a recoller daquela: de Toulouse-Lautrec, no que teñen de uso de cores planas, con liña negra remarcando a figura da teatral –tipo cartel–, e tamén de Munch polos trazos e certo desacougo que transmite a escena. Por contra, a outra Étude de mains (1921) xa presenta ao artista malagueño xogando coa volta ao naturalismo, pasadas as experimentacións cubistas. Joan Miró, que tamén traballou bastante co pastel está representado por Bosch de Bellver (1910), unha peza de xuventude, creada con cores sorprendentes (amarelos e azuis) sobre un deseño realista, e por Personnage (1934), obra xa enmarcada nas derrotas surrealistas e tan propias de Miró (os chamados “personaxes plutónicos”).
O percorrido polas creacións feitas con pastel ao longo do século XX, e presentes na excepcional mostra Tocar el color, segue con firmas como Severini, Gargallo (escultor que semella atopar coas cores do pastel os volumes da Moissonneuse pois existe en escultura tamén), por nomes como Le Corbusier, Masson, Mir ou, como xa se comentou, María Blanchard.
*
EXPOSICIÓN: Tocar el color. La renovació del pastel. Fundación MAPFRE Barcelona.
Ata o 5 de xaneiro de 2020
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …