TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter titulado A CASA DESARTELLADA, pero optei pola primeira nomenclatura aproveitando o significado da palabra utopía como sinónimo de ningún lugar. Está dividido en catro partes: a primeira a modo de limiar, “toxomar acende unha lumieira, avolto de lume e toxo”, vai seguida de outras tres: interior, interno e íntimo a través das que se leva a cabo a desconstrución dun mundo e a necesidade, visible na subsección “peixes voadores”, dun lume, un soño, ilusión ou esperanza, cando todo está perdido e se cae a ningún lugar.
Este poemario naceu precisamente en ningún lugar, isto é, no servidor “TERRA” e que fun capaz de pendurar alí despois de asistir a un curso organizado pola FIGA que tiña por obxectivo dotar ás participantes duns coñecementos básicos para construír páxinas web e apañarnos no uso das novas tecnoloxías. Alí quedou toxomar é unha utopía, vivindo no silencio dese ningún lugar durante anos ata que ese mesmo silencio o disolveu, xa que o recurso non se atopa dispoñible, e agora, a través de Palavra Comum volve resucitar na súa mesma esencia intanxible, camuflado na arañeira.
toxomar acende unha lumieira, avolto de mar e toxo
A Estrela prende lóstregos nos carozos,
arrecende a piñeiro e simalveira,
desata foulas, paseniño,
e o vento penetra do nordés entre palabras.
Estamos na beira do cantil,
ti saltas, valente, no baleiro circular
das frases escorregadas dun tobogáncoiraza,
coma un feixe de nervios estrelados
nos teusmeus beizos,
e o silencio estrepitoso repite dentro de min
a forza da túa voz, facendo eco.
***
O ceo afogou na pinga varada
dos ollos do mamut,
do gran mamut que mira
os trazos estomballados do muíño.
Homes de lata, mexillóns,
corpos de terra cara ó fondo
as buguinas con lingua choran,
e nós, ancorados ó despropósito de hoxe
amarrade o cabo e levalo lonxe,
¡Lonxe do farallón azul a luz
non existe! Non.
Só néboa contida do reflectir
dun mamut branco. Ou baleamamut.
E mamut
E pinga
E ceo
Nos látegos das mans.
Varados.
***
Mariñeiro corpo a auga
no escuro sen radar
nin solsticios no teu ventre
desartellando tecidos de arroaz
asubías ás atoutiñadas boias
nos croques dos ollos
perdidos no inferno do sal
e calas polo escuro.
Berra lúa e ti de goma
coma a bota dun soño
regresas ó silencio,
e o mar, alá abaixoabaixo
rosma un líquido estelar
e non será quen de afundirte.
Non afundirte
aínda nesta noite.
Interior
Soportar o peso das paredes en nós, cando xa só somos muro e caemos, derrotados, dos espazos, cara a dentro, e non chegar a ningún lugar
Escaleiras
Subir banzos de ferro
e beiras de desolación
caendo cos pés
nos labios ermos,
caendo na distancia
finita dunha luz absurda,
artificial, e outro banzo,
e un tempo novo, escuro,
cuspindo ladaíñas
de amorfas rúas e ecos,
intermitencias subíndonos
polas coxas, ancoradas
no berro contido,
e chegar, extenuados,
como pingas de desterros.
***
Porta
A porta percorre
fronteiras,
ameazan cun prohibido, ¡alto!,
horas de laxe,
¡identifíquese!
Só sombra de rúa
e golpes de fendas,
e un busca-busca lambido,
e os dedos son serpe,
e o señor de madeira
estampa muros coma selos
sen carta nin destinatario.
A porta percorre,
vai invadindo, impón,
non sei que acto sen pasado,
sen presente.
Identificación frontal.
Remexo. Bato as mans,
o seu ollo cativo,
case cego, selecciona
metais e náufragos.
Naufrago na cidade,
os dedos posúen
poderes de ferro para cegar.
Agora goberno o silencio
absurdo do corredor.
***
Corredor
Apañando acubillos
coma folerpa bretemosa
anicada nas paredes,
na pintura iniciática do exilio,
amante tóxica do baleiro
anoada a esta noite
coas lámpadas dos dedos
e o cabelo desleixado.
Só se implantan ecos,
voces extraviadas
dalgún estúpido telexornal
amortecendo o eterno
acubillo da extrema soidade.
***
O corredor labirintiza
o branco dos dentes
sobre a alfombra.
E o noso verme vai
bordeando o ocaso
xeométrico coma pulgas
ou dardos, espetados
rectilíneos no epicentro
do canto número trinta e tantos
dos soños, e os pasos van,
e os pasos volven,
e repítense, e fican
coma un terrible eco
de silencio, e non hai voz,
non hai nada,
só a noite fecha da parede
e do ventre resignado
a ser só tixolo.
***
Cociña
Artellarase unha culler
onde sementar líquidos
esfarelados da pedra
e do cemento triste.
Será unha culler fría,
estraña, coma o aceiro
náufrago do seme
estrelándose nos beizos.
Emitirá tan só un abismo
para nos mergullar en silencio.
***
A luz percorre fiestras
lambendo cristais, cortinas
de soños. Percorre os peitorís
das olas, círculos, aneis fondos,
latexos ígneos no forno,
en nós, circular centro, escuros,
sombras repenicando pin, pin, pin,
bafos negros de notas dos testos,
monotonía, e cadeados de aceites
onde esvarar, pinga a pinga,
pin, pin, pin, torrados.
***
Pirixel seco, tarros,
cristais, allo, anacos
esfolados de vapores salgados,
loureiro, restras de cebola
amolecendo bágoas ou garduñas,
escorregando prebes polo corpo
inanimado, invadido de bombas,
estropallos, lavalouzas,
placa, neveira e os teus pés
estrados na baldosa
coma xélidos morcegos
untados na manteiga;
fusións de caracois e silencios,
insípido abafo de palabras.
You might also like
More from Beatriz Dacosta
Toxomar é unha utopía (e V), por Beatriz Dacosta
TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter …
Toxomar é unha utopía (IV), por Beatriz Dacosta
TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter …