Señor de la Coste e Saumane, copropietario de Mazan, lugartenente xeral nas provincias de Valmory e Gex, coronel de cabalaría, Donatien Alphonse (ou Aldonze) François de Sade, coñecido como o marqués de Sade (1740-1814) nace en París e morre no asilo de Charenton. De 1744 a 1750 o xove marqués vive en Saumane, cun tío seu, o abade Sade d’Ebreuil, encargado da súa primeira educación. En 1750 volta a París e vai estudar cos xesuítas. En 1755, despois dun ano de exercicios na Escola de Cabalaría é nomeado subtenente no rexemento de infantaría do rei. Alférez e despois capitán, sempre na arma de cabalaría, Sade toma parte na guerra do Sete anos. En 1763 casa con Renée-Pélagie de Montreuil, que sempre será unha fiel e devota esposa e coa que terá dous fillos e unha filla (1). Cinco meses despois do seu casamento, Sade é encarcerado durante quince días en Vicennes por excesos cometidos nun bordel. En abril de 1768 é novamente encarcerado debido á denuncia dunha mendiga, outros afirman que unha prostituta (Rosa Keller), que recolle na rúa e a leva á súa casa de Arcueil. Rosa acúsao, entre outras cousas, de flaxelación; cando o fiscal se dispón a procesalo, foxe mais finalmente é detido e encarcerado. Liberado en novembro, regresa ao seu castelo de La Coste, onde se encapricha da súa cuñada, Anne de Launay, destinada pola familia a seguir unha carreira relixiosa. Segundo algúns biógrafos, esta foi a única muller á que realmente amou o marqués. Mais iso son suposicións. En 1772, en Marsella, Donatien-Alzonde é acusado de envelenamento, polo que foxe, coa súa cuñada, a Italia. O Parlamento de Provenza condénao á pena capital por envelenamento e sodomía: o 12 de setembro dese ano é executado en efixie na cidade de Aix-en-Provence. Refuxiado en Chambéry en outubro, é arrestado o 8 de decembro por orde do rei de Sardeña, atendendo a petición da sogra do marqués, madame de Montreuil, «A Presidenta», quizais a muller que máis «influiu» na vida de Sade, é conducido á prisión de Miolans. Cinco meses despois, en maio, evádese. A súa estadía en La Coste, entre 1774 e 1777, está marcada por diversos escándalos. Este último ano, a presidenta de Montreuil obtén unha «lettre de cachet» (é dicir, unha orde de arresto e prisión sen pasar polos tribunais) e consegue que sexa encarcerado en Vicennes en febreiro, sendo en xuño do ano seguinte transferido a Aix-en-Provenza. Malia que a sentencia do Parlamento de Provenza é revogada, continúa en prisión durante once anos. O 19 de febreiro de 1784 é transferido á Bastilla, onde escribe Os crimes do amor, a primeira Justine, Os cento vinte días de Sodoma, Aline e Valcour e as Historietas. Pouco antes do 14 de xullo de 1789, tenta amotinar ao pobo parisino, berrando, desde a fiestra da súa cela, que os carcereiros querían estrangular os prisioneiros: é trasladado a Charenton. Liberado o 2 de abril de 1790, o ano seguinte publica Justine ou as desgrazas da virtude. En 1792 traballa na sección de Picas, como secretario; en agosto do ano seguinte é presidente da devandita sección. Como presidente desta sección, rexeita unha moción a favor da pena de morte, que coidaba inhumana, polo que é acusado de moderantismo e arrestado o 5 de decembro. Encerrado en diversas prisións, o seu nome figura na requisición colectiva de Fouquiler-Tinville, o 8 (é dicir o 27/28 de xullo) de Thermidor, mais ao non ser encontrado en ningunha prisión, Sade escapa providencialmente á morte. Liberado o 15 de outubro de 1794, continúa as súas publicacións: Aline e Valcour ou novela filosófica, A filosofía no toucador, A Nova Justine ou as desgrazas da virtude, Os crimes do amor… No 1801, considerado como autor libertino, o 6 de marzo é arrestado pola policía do Consulado. Despois dunha estadía de dous anos en Saint-Pelagie e Bicêtre, é internado administrativamente no asilo de Charenton, onde Marie-Constance Quesnet, a súa amante, obtén permiso para vivir con el. Grazas á benevolencia do seu director, élle permitido a Sade facer representacións teatrais ás cales asiste, até 1808, a aristocracia do Imperio. Tamén lle conceden permiso para escribir: son anos de grande actividade literaria. En 1813 aparece a súa novela menos «pornográfica», A marquesa de Gange, e ao ano seguinte, o 2 de decembro, morre: na súa pedra tumular non se inscribe ningún nome.
Entregamos a versión galega do seu coñecido texto incluído en A filosofía no gabinete. É, en certa maneira, sobre todo a segunda parte, como comprobará o lector, un texto duro, que pode conducir a confusións: todo o sadismo de Sade, que se saiba, só deu no seu «cerebro» e na súa escrita, e que da súa «filosofía» se poida tirar algo máis que unha forte moral (sempre estivo contra a pena de morte, por exemplo) é algo que se pode discutir, aínda que para min é indiscutíbel. De Sade, da súa filosofía, talvez só se pode tirar unha «premisa», ou, mellor dito, unha conclusión: a soberanía «razoábel» do home, baseada nun poder transcendente de negación; de aí que, para o marqués, como afirma Mauriche Blanchot, «a idea de Deus, é, dalgunha maneira, a falta inexpiábel do home, o seu pecado orixinal, a proba da súa nada, o que xustifica e autoriza o crime, porque, contra un ser que aceptou anularse perante Deus, só se pode recorrer a medios demasiado enérxicos de aniquilamento». É dicir, o sadismo só ten a súa xustificación na existencia da idea de Deus.
Mais non queremos agora lanzarmos a disquisicións sobre o «sadismo» (no sentido literario, o que se desprende da obra do marqués), no entanto, recomendamos o capítulo que lle dedican Adorno e Horkeimer en Dialéctica da Ilustración.
Sirva esta tradución para conmemorar, o próximo mes de decembro, o segundo centenario do pasamento do Divino Marqués, de quen se levan vendidos en Francia 50.000 exemplares da súa obra completa na canónica e exquisita edición de La Pléiade, e de quen, nestes momentos, a maioría de editores se apresurou este último trimestre do ano a editar en edición anotadas e comentadas… de peto.
FRANCESES, UN ESFORZO MÁIS SE QUEREDES SER REPUBLICANOS (2)
A relixión
Veño ofrecervos grandes ideas. Escoitádeas, reflexionádeas. Se todas non vos agradan, cando menos aceptaredes algunha e contribuirei dalgunha maneira ao progreso das luces, e ficarei contento. Non o oculto en absoluto, é con tristeza que observo a lentitude coa que tentamos achegarnos á meta; é con inquietude que albisco que máis unha vez estamos a piques de fracasar. Pensades que a meta será alcanzada cando nos teñamos dado leis? Non imaxinedes tal cousa. Que fariamos das leis sen relixión? Cómprenos un culto, un culto feito de acordo co carácter dun republicano, que está ben lonxe de identificarse co de Roma. Nun século en que estamos tan convencidos de que a relixión debe apoiarse na moral e non a moral na relixión, é necesaria unha relixión que conveña aos costumes, que sexa o seu desenvolvemento, a súa continuación necesaria, e que poida, elevando a alma, mantela perpetuamente á altura desta liberdade preciosa da que fixo o seu único ídolo. Pois ben, pregunto se se pode supor que a dun escravo de Tito, a dun vil histrión de Xudea, pode convir a unha nación libre e guerreira que acaba de rexenerar? Non, compatriotas meus, non podedes acreditar en tal cousa. Se, para a súa desgraza, o francés se mergullase novamente nas tebras do cristianismo, por un lado, no orgullo, na tiranía, no despotismo dos cregos, vicios sempre inherentes desta hora impura, e, por outro lado, na baixeza, na estreiteza de horizonte, na mesquindade do dogma e nos misterios desta indigna relixión, debilitando o orgullo da alma republicana, volvería a se someter ao xugo que acabamos de romper.
Non perdamos de vista que esta pueril relixión foi unha das mellores armas en mans dos tiranos. Un dos seus primeiros dogmas era dar ao César o que é de César. Mais nós destronamos a César e non queremos darlle nada. Franceses, en van poderedes asegurar que o espírito dun clero xuramentado non pode ser o do un clero reaccionario. Hai vicios de raíz que é imposíbel arrancar e destruír. Antes dunha década, a través da relixión cristiá, inzada de supersticións e prexuízos, os sacerdotes, a pesar do seu xuramento e da súa pobreza, poderían recuperar o dominio que tiveran sobre as almas e imporían novamente os reis, dado que o poderío destes afirmou sempre o daqueles. O edificio republicano, rillado nos seus alicerces, acabaría por se derrubar. Oh vós, que tendes o fouciño nas mans, podo dicirvos: dade o derradeiro golpe á árbore da superstición! Non vos contentedes con podardes apenas as pólas: extirpade completamente unha planta de efectos tan nocivos. Podedes ter a absoluta convicción de que os sistemas de liberdade e igualdade incomodarían moito aos ministros dos altares de Cristo para que poida existir un entre eles que o adopte de boa fe, ou que deixe de actuar para ter outra vez un dominio sobre as consciencias. Que padre, comparando o lugar para o que foi relegado con aquel que gozaba no pasado, non será capaz de facer todo o que estiver ao seu alcance para recuperar a confianza e a autoridade que perdeu? Cantos seres débiles e ignorantes volveran ser os escravos do ambicioso tonsurado! Non eran os padres, na infancia do cristianismo, o que son na actualidade? Mais chegaron moi alto. Quen os conduciu até alí? Non foron, acaso, os medios que a relixión lles proporcionaba? Pois ben, se non se arranca este mal completamente, como os seus predicadores dispoñen dos mesmos medios, chegarán a alcanzar o mesmo lugar en que estaban.
Aniquilade para sempre aquilo que algún día poida destruír a vosa obra. Pensade que, como o froito do voso traballo está reservado para os vosos descendentes, é tamén o noso deber e corresponde á nosa probidade non deixar que ningún destes nocivos xermes nos volvan mergullar no caos de que tanto nos custou saír. Os prexuízos comezan xa a se esvaecer; o pobo maldí os absurdos do catolicismo; suprimíronse os templos e derrubáronse os ídolos; resolveuse que o matrimonio é soamente un acto civil. Os confesionarios baleiros serven para as caldeiras públicas e os fieis, desertando do banquete apostólico, deixan os deuses de fariña para os ratos. Franceses, non abandonedes esa tarefa, Europa enteira, coa man posta na venda que tapa os seus ollos, espera de vós o esforzo que ha arrancala do seu rostro. Apresurádevos, non deixedes á Santa Roma, que se axita para reprimir toda a vosa enerxía, tempo para conservar prosélitos. Golpeade sen descanso a súa altiva cabeza e que antes de dous meses a árbore da liberdade espalle as súas sombras sobre a cadeira de San Pedro, cubra coas súas pólas vitoriosas todos eses ídolos desprezábeis do cristianismo, descaradamente erguidos sobre as cinsas de Catón e de Bruto.
Franceses, repítovolo, Europa espera que a liberedes á vez do cetro e do botafumeiro. Pensade que vos resultará imposíbel liberala da tiranía real sen romper paralelamente as amarras da superstición relixiosa: os vínculos entre unha e os outros son demasiado fortes para que vos sexa posíbel deixar vivir unha sen recaeres no dominio do que non aniquilastes. Un republicano non debe gardar respecto nin caer de xeonllos diante dun ser imaxinario nin tampouco diante dun miserábel impostor. Agora os seus únicos deuses deben ser a coraxe e a liberdade. Roma extinguiuse en canto deixou que no seu territorio se predicase o cristianismo, e Francia está perdida se tolera este culto.
Examínense polo miúdo os dogmas absurdos, os horrorosos misterios, as monstruosas cerimonias e a moral imposíbel desta repugnante relixión e observarase que é incompatíbel coas necesidades dunha república. Acreditades de boa fe que me deixaría dominar pola opinión dun home a quen acabase de ver axeonllarse aos pés do imbécil sacerdote de Xesús? Claro que non! Ese home para sempre vil participará continuamente, debido á mesquindade da súas ideas, nas atrocidades do antigo réxime. Xa que puido someterse ás estupideces dunha relixión tan baixa como a que temos a insensatez de admitir, non pode ditarme leis nin transmitirme luces. Só podo ollalo como un escravo dos prexuízos e da superstición.
Para nos convencermos desta verdade, vexamos eses poucos individuos fieis ao culto insensato dos nosos pais; vexamos se non son todos eles inimigos irreconciliábeis do actual sistema, vexamos se entre eles non está comprendida totalmente esa caste, tan xustamente desprezada, dos monárquicos e os aristócratas. Se así o quere, que o escravo canalla coroado se axeonlle aos pés dun ídolo de xeso, dado que semellante obxecto está feito para a súa alma enlamada: quen pode servir os reis ha de adorar os deuses! Mais nós, franceses, compatriotas meus, acaso temos necesidade de nos arrastrarmos humildemente diante de homenaxes tan desprezábeis? Antes mortos mil veces que sometidos outra vez! Porque sabemos da necesidade dun culto, imitemos os dos romanos! As paixóns, as accións e os heroes, eis os seus obxectos de latría. Estes ídolos elevaban a alma, electrizábana e, aínda máis, comunicábanlles as virtudes do ser respectado. O adorador de Minerva desexaba ser sensato. A coraxe latexaba no corazón de quen se inclinaba aos pés de Marte. Ningún deus deses homes estaba privado de enerxía: todos a irradiaban na alma de quen os veneraban e como existía a esperanza de que un cidadán fose venerado algún día, aspirábase a ser tan grande como o deus que tomaba por modelo. En troco, que atopamos nos deuses do cristianismo? Que nos ofrece realmente esta relixión tan imbécil? (3) Infúndevos grandes ideas o pueril impostor de Nazaret? A súa sucia e repugnante nai, a impúdica María, inspíravos algunha virtude? Encontrades nalgúns dos santos que ornamentan o Eliseo cristián algún modelo de grandeza, de heroísmo ou de virtude. É tan certo que esta estúpida relixión non ofrece nada ás grandes ideas que non hai artista que poida empregar atributos cristiáns na súa creación. En Roma, a maior parte das belezas e ornamentos dos palacios dos papas teñen a súa orixe en modelos pagáns, e en canto o mundo existir, só o paganismo animará a palabra dos grandes homes.
Será no teísmo (4) puro que encontraremos máis motivos de grandeza e de elevación? Acaso a adopción dunha quimera, dando ás nosas almas un grao de enerxía esencial para facer abrollar as virtudes republicanas, levará os homes a veneralas e practicalas? Non pensemos niso. Transcendeuse ese aspecto e o ateísmo é hoxe o único sistema digno das persoas que saben razoar. A medida que o home se esclareceu, foi descubrindo que, como o movemento é inherente á materia, o axente a quen se atribuía o xerar deste movemento resultaba ser ilusorio. Como todo canto existe necesita estar en perenne movemento, o motor tornábase tamén inútil. Viuse que ese deus quimérico, inventado polos primeiros lexisladores, era nas súas mans só un medio máis para encadear o pobo e que, ao se reservar o dereito de facer falar só eles a ese fantasma, de aí resultaba o medio máis fácil para lle facer dicir só frases que apoiasen as ridículas leis ás que agora nos pretenden someter. Licurgo, Numa, Moisés, Xesús-Cristo e Mahoma, eses grandes canallas, eses grandes déspotas, todos eles souberon asociar a divindade que adoraban ás súas grandes ambicións desmedidas e, convencidos de cativar ao público coa figura dos deuses, preocupáronse sempre, como se sabe, en interrogalo cando iso era oportuno e non facelos falar senón cando iso lles fose útil.
Esquezamos hoxe con desprezo o deus inútil que predicaron os impostores e enterremos todas as sutilezas relixiosas que resultan deste feito. Tal parvada xa non satisfai os homes libres. E que a extinción total dos cultos se incorpore nos principios que defendemos para todo o continente. Non nos limitemos a romper e destruír os cetros; pulvericemos para sempre os ídolos, dado que da superstición á monarquía só hai un paso. E é necesario que sexa así, xa que un dos esenciais principios do coroamento dos reis era sempre a manutención da relixión dominante como unha das bases políticas que máis contribuíu a sustentar os seus tronos. Desde que o trono non existe, e para a felicidade nosa nunca máis existirá, non teñamos medo de extirpar o que constitúe a súa base.
Si, cidadáns, a relixión é incompatíbel co sistema da liberdade. Xa o experimentastes. Nunca o home libre se dobrará diante dos deuses do cristianismo, nunca os seus dogmas, os seus ritos, os seus misterios ou a súa moral poderán convir a un republicano. Un esforzo máis, franceses, xa que todos nos esforzamos por destruír a totalidade dos prexuízos existentes. Non deixedes que subsista ningún deles, porque un abonda para refacer os outros! Estabelezamos boas leis e non sentiremos máis a necesidade de relixión ningunha… Mais o pobo necesita unha, dise. A relixión divírteo, fréao. En hora boa! Que se nos dea a máis conveniente aos homes libres. Que nos dean os deuses do paganismo! De boa gana adoraremos a Xúpiter, Hércules, Palas, mais non queremos saber nada do fabuloso autor do universo, nada dun deus sen extensión mais omnipresente debido á súa propia extensión; un deus omnipotente mais que non realiza os seus desexos; un ser que é todo bondade mais nos deixa descontentos; un amigo da orde en cuxos dominios só hai desorde. Nada, nada queremos saber dun deus que desorganiza a natureza, pai da confusión, motor do home no momento en que este se entrega a practicar erros. Semellante deus fainos estremecer de indignación e debemos relegalo para sempre ao esquecemento do que o infame Robespierre procurou tiralo.
Franceses, substituamos este indigno espectro cos impoñentes simulacros romanos: tratemos os ídolos cristiáns como xa tratamos os nosos reis. Sobre os promontorios que sostiñan aos tiranos de outrora, colocamos os emblemas da liberdade; reedifiquemos así as imaxes dos grandes heroes, colocándoos nos pedestais onde deposita o cristianismo a súa adoración. Deixemos de temer as posíbeis espiñas do ateísmo e a súa crueza: acaso os campesiños non sentiron a necesidade de aniquilar o culto cristián, tan contrario aos auténticos principios da liberdade? É que non contemplaron, sen ningún espanto, como caían os seus altares e os seus prebisterios? Pois ben, acreditade que renunciarán do mesmo modo ao seu ridículo deus. As estatuas de Marte, de Minerva e da Liberdade serán erguidas nos sitios máis destacados das súas moradas; para estes deuses celebrarase unha festa anual e coroarase civicamente o cidadán que máis teña servido á patria. Na entrada dalgún bosque solitario, Venus, Himeneo e Amor, erixidos en templo agreste, recibirán aló a homenaxe dos namorados e a beleza pola súa man de graza coroará toda a constancia. Non se tratará de amar para sermos dignos desa coroa: será necesario merecer ser fiel: o humanismo, a grandeza de espírito, o talento, o civismo, velaí os títulos que aos pés da súa amada o amante debe exhibir, títulos que substituirán de sobras os do nacemento e de riqueza, que o necio orgullo esixía no pasado. Deste culto, cando menos, nacerán algunha virtudes en tanto que só naceron crimes do que tivemos a debilidade de profesar. Este culto unirá os seus destinos cos da liberdade e animaraa, abrazaraa, manteraa e será o contrario do teísmo que, pola súa natureza, é o peor inimigo da liberdade que estamos a servir.
NOTAS
(1) A este respecto, léanse as cartas que lle dirixe o marqués á súa dona en Sade, Lettres choisies, prefacio de Gilbert Lely, Paris, UGE, 1970.
(2) «Franceses, un esforzo máis se queredes ser republicanos», forma parte (máis ou menos as tres cuartas partes) do «Quinto diálogo» dos sete que compoñen La Philosophie dans le Boudoir ou Les institutions inmoraux, novela publicada por vez primeira en París en 1795. «Franceses, un esforzo…», foi publicado como texto autónomo en diversas ocasións. A tradución está feita a partir da edición de Yvon Belaval, publicado pola Editorial Gallimard, Col. Folio, París, 1976, pp. 185-262 (Ndt.).
(3) Se alguén examina atentamente esta relixión, achará que as impiedades que a enchen proceden en parte da ferocidade e da inocencia dos xudeus e en parte da indiferenza e da confusión dos xentís; no canto de se apoderaren do que podían ter de bo os pobos da antigüidade, os cristiáns parecen ter formado a súa relixión só coa mestura dos vicios que encontraron por todas as partes.
(4) Ao longo de todo o libro, La philosophie dans le boudoir, como ao longo da súa obra, Sade non parece distinguir demasiado entre o teísmo, que admite a posibilidade da revelación, e o deísmo, que non a admite. Sobre o ateísmo de Sade hai controversias. Para uns é crente (vd., P. Klossowki, Sade mon prochain, précédé de Le philosophe scélérat, Paris, Editions du Seuil, 1967) e para outros, a maioría dos seus esexetas e estudosos, non. Mais, con todo, lembremos que os ilustrados franceses cando proclamaban por escrito o seu ateísmo facíano baixo pseudónimo: Sade co seu nome e apelidos. Como a bibliografía é ampla, recomendamos ao lector «Excurso sobre o marqués de Sade», de Francisco Sampedro, incluído en A violencia excedente, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2006. O texto de Sampedro é algo máis que un «excurso»: é unha excelente introdución crítica ao pensamento filosófico e político de Sade. (Ndt.).
You might also like
More from Tradução
Carta aberta à Europa I Chus Pato
No mês de agosto do 2009, e à hora prevista, o avião em que viajava aterrou en Lviv. Um aeroporto …
O duque Ernesto ou os inexplorados camiños da tradución I Almudena Otero Villena
Para falar d'O duque Ernesto, unha obra medieval escrita en alemán medio, coido que é inevitábel comezar referíndose ás dificultades …