Custou unha gota de sangue a destrución dos ídolos pagáns durante o Baixo Imperio? Esa revolución preparada por un pobo que retornaba á escravitude, tivo algún obstáculo no seu camiño? Non. Como podemos acreditar que a obra da filosofía resulte máis terríbel que a do despotismo? Só os prebisterios manteñen aínda cativo ao pobo, aos pés do deus quimérico, a ese pobo que tanto temen instruír. Afastade eses monstros do pobo e o veo caerá por si mesmo. Crédeme, este pobo, moito máis sensato do que imaxinades, liberado das cadeas da tiranía, moi cedo estará libre da superstición. Temedes a un pobo sen ese freo… Que extravagancia! Crédeme, cidadáns, a quen non detén a espada material da lei, tampouco o deteñen os suplicios do inferno, dos cales se moquea desde a nenez. É verdade que as paixóns cegan, que levantan diante dos nosos ollos unha nube que oculta os perigos que as rodean. Como podemos supor que aquelas que viven lonxe de nós, como os castigos anunciados por deus, poidan disipar esa nube que é impotente para facer evidente a espada da lei, suspensa sobre as nosas paixóns? Se fica demostrado que os freos relixiosos son complementarios, e sobre todo inútiles, se fica demostrado que son perigosos polos seus efectos, pregunto, que utilidade pode ter e que motivos nos levarían a prolongar a súa existencia? Acaso se me dirá que non estamos abondo maduros para consolidarmos a nosa revolución aínda de forma definitiva? Ben, cidadáns, o camiño percorrido desde o 1789 era moito máis difícil do que agora necesitamos percorrer! E temos que modelar moito menos a opinión co que vos propoño que co que fixemos desde a toma da Bastilla. Pensamos que un pobo bastante sabio e coraxoso como para levar a un monarca impúdico desde o cumio das súas grandezas ao pé do cadafalso, que nuns cantos anos soubo vencer tantos prexuízos e romper tantos ridículos freos, continuará a selo o suficiente para inmolar ao ben e á prosperidade da república un fantasma aínda máis ilusorio do que o dun monarca.
Franceses, vós daredes os primeiros golpes. A vosa educación nacional fará o resto, mais que esta tarefa se converta nunha das vosas máis importantes ocupacións e teña como base unha moral esencial, tan descoidada na educación relixiosa. Substituíde a necesidade mística con que fatigades os vosos fillos por excelentes principios sociais; no canto de lles recitardes inútiles pregarias das que se esquecerán aos dezaseis anos, instruídeos sobre os deberes para con a sociedade. Ensinádeos a venerar as virtudes de que apenas lles falabades noutras épocas e dicídelles que estes principios abondan para conseguir a felicidade individual, que consiste en tornar felices os outros como o desexamos ser nós mesmos. Se asentades estas verdades nas quimeras cristiáns, como parvamente se facía antigamente, apenas os vosos alumnos descubran a trivialidade das súas bases, demolerán todo o edificio e converteranse en delincuentes, porque terán a certeza de que só a relixións os apartou daquilo que os impedía ser. Mais, pola contra, facéndolles sentir a necesidade da virtude como base da súa propia felicidade, por egoísmo serán persoas honradas e esta lei que rexe os homes será a máis segura de todas, así que non se lle debe acrecentar ningunha fábula relixiosa que a poida atrofiar. Non perdamos de vista que desexamos formar homes libres e non escravos adoradores de deus. Que un filósofo sinxelo instrúa estes novos alumnos nos sublimes segredos da natureza e fique demostrado que o coñecemento dun deus sumamente perigoso para os homes nunca favoreceu a felicidade, e os homes nunca serán felices se admiten como causa do que non comprende algo que comprenderían menos; que é moito menos importante entender a natureza do que gozar das súas leis; que estas leis son tan eficaces como simples e están escritas no corazón de todos os homes, e abonda interrogar o corazón para saber o que elas esixen. Se insisten en que lles faledes dun creador, dicídelles que as cousas sempre foron o que son, que nunca tiveron principio e nunca terán fin, ao home resúltalle inútil remontarse a un principio imaxinario que nin nada explicaría nin os levaría a parte ningunha. Dicídelles que a un home resúltalle imposíbel ter idea sobre un ser que non é accesíbel a través de ningún dos nosos sentidos.
Todas as nosas ideas son representacións de obxectos que nos impresionan. Que nos ha representar a idea de deus, que é unha idea sen obxecto? Dicídelles que esa idea é imposíbel, como un efecto sen causa. Acaso unha idea sen base non é máis que unha quimera? Algúns doutores, continuaredes a dicirlles, aseguran que a idea de deus é innata e que os homes xa a posúen no ventre materno, mais isto é falso, dirédeslles, xa que todo principio é un xuízo, todo xuízo é efecto dunha experiencia e esta só se adquire mediante os sentidos, polo que os principios relixiosos non responden a nada nin son «innatos». Como se puido persuadir a seres racionais de que o máis difícil de comprender sexa o máis esencial? Debido ao medo, dirédeslles, que cando se ten se deixa de razoar. Porque se recomendou que non se fiasen da súa razón e cando o cerebro está turbado, acredita en todo e non examina nada. A ignorancia e o medo. Eis os dous piares de toda relixión. A incerteza con que se debate o home a respecto do seu deus é o principal motivo que o leva a adherir ao culto. O home ten medo das tebras, tanto no aspecto físico como no aspecto moral. O medo tórnase habitual nel e revélase despois como unha necesidade de protección… Faládelles axiña sobre a necesidade da moral: dádelles sobre este gran tema moitas probas e poucos libros e lograredes crear bos cidadáns, bos guerreiros, bos pais e bos esposos, tanto máis fieis á liberdade do seu país porque ningún pensamento servil posuirá os seus espíritos e ningún terror relixioso perturbará as súas intelixencias. Só nesa altura o verdadeiro patriotismo brillará en todas as almas, reinará con toda a súa forza e pureza ao se converter no sentimento dominante e non haberá ideas estrañas que debiliten a súa enerxía. A vosa segunda xeración ficará, así, asegurada, consolidará a vosa obra que se tornará lei do universo. Mais se por temor ou parvada non se seguiren estes consellos, se se deixaren impunes as bases do edificio que se comezou a destruír, que acontecerá? Sobre estes alicerces reporanse os mesmos colosos, mais esta vez estarán consolidados con tal forza que nin a vosa xeración nin a que virá será quen de os derrubar.
Ninguén dubide que as relixións son o cume do despotismo. O primeiro de todos os déspotas foi un sacerdote. O primeiro rei e o primeiro emperador de Roma, Numa e Augusto, asócianse un e outro ao sacerdote. Constantino e Clodoveo foron máis sacerdotes que soberanos. Heliogábalo foi o sacerdote do sol. En todos os tempos, ao longo de todos os séculos, existiu entre o despotismo e a relixión un vínculo que se desvela ao non poder destruír un sen mirar o outro, xa que o primeiro serve sempre á segunda. Non propoño masacres nin exilios en masa: estes erros están moi lonxe da miña alma para que logre concibir algún. Non asasinedes, non expulsedes a ninguén do país: estas atrocidades pertencen aos reis ou aos canallas que tentan imitalos. Só debemos recorrer á forza contra os ídolos: basta o ridículo para quen os serve. Os sarcasmos de Xuliano (5) prexudicaron máis á relixión que os suplicios ordenados por Nerón. Si, destruamos para sempre a idea de deus e fagamos dos seus sacerdotes simples soldados. Algúns xa o son. Que se entreguen a ese oficio tan nobre para un republicano, mais facede que non falen máis do seu ser quimérico, das súa crenzas fabulosas e cubramos de lama, exhibíndoo nunha encrucillada, ao primeiro deses charlatáns que aínda se atreva a nos falar de deus. A prisión perpetua será a pena se incorresen dúas veces na mesma falta. Que as peores blasfemias e as obras máis ateas sexan logo autorizadas para poder extirpar do corazón e da memoria dos homes eses desprezábeis xoguetes da nosa infancia. Que se efectúe un concurso para escoller a obra máis capaz de esclarecer os europeos sobre tan importante materia. Que un considerábel premio, concedido pola nación, sexa a recompensa para quen diga e demostre todo e deixe soamente aos seus compatriotas o machado para tombar (o facho para iluminar) os espectros e un corazón recto para os odiar. En seis meses estará acabado. O voso infame deus estará reducido á nada, sen que o home deixe de ser xusto, celoso da estima allea, sen deixar de temer a forza da lei, xa que o home se dará conta de que o auténtico amigo da patria non pode, como o escravo dos reis, ser dominado por certas quimeras. Nunha palabra, nin a frívola esperanza no outro mundo nin o temor a maiores males que os causados pola natureza deben orientar a conduta republicana, cuxa única directriz será apenas a virtude e o seu único freo o remorso.
Os costumes
Despois de demostrar que o teísmo non convén de maneira ningunha a un goberno republicano, paréceme necesario probar que os costumes franceses non lle conveñen tampouco. Este artigo é tanto máis esencial canto son os costumes que van servir de motivo ás leis que van promulgar.
Franceses, sodes demasiado intelixentes para non percibirdes que un novo goberno vai necesitar novos costumes; é imposíbel que o cidadáns dun país libre se conduzan como o escravo dun rei déspota. As diferenzas dos seus intereses, dos seus deberes, das relacións entre eles, determinan esencialmente unha maneira diferente de se comportar no mundo. Unha multitude de pequenos erros, de pequenos delitos sociais, considerados como moi esenciais baixo o goberno dos reis, quen debían esixir tanto máis canto necesitaban de impor freos para se faceren respectábeis ou inabordábeis aos seus súbditos, van converterse agora en inútiles. Outros delitos coñecidos co nome de rexicidio ou de sacrilexio, baixo un goberno que non coñece nin rei nin relixión, deben desaparecer dun Estado republicano. Concedendo liberdade de consciencia e de prensa, pensade, cidadáns, que con moi pouco máis debe concederse a de actuar, e que agás o que topa directamente coas bases do goberno, quedan menos crimes a castigar, xa que existen poucas accións criminais nunha sociedade da que a liberdade e a igualdade son as bases, e que se se miran ben as cousas, só hai de criminal o que reproba a lei. Porque a natureza, ditándonos igualmente vicios e virtudes, en razón da nosa organización, ou máis filosoficamente aínda, en razón da necesidade que ela ten duns e doutras, o que ela nos inspira converteríase nunha medida moi incerta para regularmos con precisión o que está ben ou o que está mal. Mais, para mellor desenvolver as miñas ideas sobre un tema tan esencial, imos clasificar as diferentes accións da vida do home que se deron, até hoxe, en chamar criminais, e logo avaliarémolas cos verdadeiros deberes dun republicano.
Consideráronse desde sempre os deberes do home baixo as tres diferentes relacións seguintes:
1. Os que a súa conciencia e a súa credibilidade lle impoñen para co Ser supremo;
2. Os que está obrigado a cumprir cos seus irmáns;
3. Finalmente, os que só teñen relación con el.
A certeza que debemos ter de que ningún deus tivo nada que ver connosco e que as criaturas necesitadas da natureza, como as plantas e os animais, estamos aquí porque era imposíbel que non estivésemos, esta certeza sen dúbida elimina sen máis, como se ve, a primeira parte destes deberes, quero dicir, aqueles dos que nos cremos falsamente responsábeis cara á divindade. Con eles desaparecen todos os delitos relixiosos, todos os coñecidos cos vagos e indefinidos nomes de impiedade, sacrilexio, blasfemia, ateísmo, etc., todos os que, nunha palabra, Atenas castigou en Alcibíades e Francia no infortunado La Barre (6). Se existe algunha aberración no mundo, é ver homes que, non coñecendo o seu deus e o que pode esixir este deus pero que segundo as súas ideas limitadas, queren decidir, no entanto, sobre a natureza do que alegra ou molesta a ese ridículo fantasma da súa imaxinación. Xa que logo, non me limitaría a permitir indiferentemente todos os cultos. Desexaría que fósemos libres de nos rir ou de nos moquear de todos, que os homes reunidos nun templo calquera para invocaren o Eterno á súa maneira, fosen vistos como comediantes nun teatro, de cuxa representación está permitido a todos ir a riren. Se non vedes as relixións baixo esta perspectiva, recuperarán a seriedade que as torna importantes, e protexerán cedo as opinións e tan pronto como se volva discutir sobre as relixións volverase a combater polas relixións (7). A igualdade destruída pola preferencia ou pola protección concedida a unha delas desaparecerá axiña do goberno, e da teocracia reedificada nacerá axiña a aristocracia. Por tanto, non sabería repetilo demasiado: nada de deuses, franceses, nada de deuses, se non queredes que o seu funesto imperio vos volva mergullar axiña en todos os horrores do despotismo. Mais só é burlándose deles que os destruiredes. Todos os perigos que provocan renacerán masivamente ao momento se lles concededes indignación ou lles dades importancia. Non derrubedes os seu ídolos con ira: pulverizádeos xogando, e a opinión caerá por si mesma.
Acho que isto seria de abondo, espéroo, para demostrar que non debe ser promulgada ningunha lei contra os delitos relixiosos, porque quen ofende unha quimera a nada ofende, e porque sería unha inconsecuencia castigar os que aldraxan ou desprezan un culto do que nada vos demostra con evidencia a prioridade sobre os demais. Sería necesario adoptar un partido e influír desta maneira sobre a balanza da igualdade, primeira lei do voso goberno.
Pasemos aos segundos deberes do home, os que o vinculan cos seus semellantes. Esta clase é a máis extensa, sen dúbida.
A moral cristiá, demasiado vaga sobre as relacións dos homes cos seus semellantes, estabelece alicerces tan cheos de sofismas que é imposíbel admitilos, porque, cando se queren edificar principios, é necesario procurar en non dar sofismas como alicerces. Dinos, esta absurda moral, amar ao noso próximo como a nós mesmos. Nada sería seguramente máis sublime se fose posíbel que o que é falso puidese ter os trazos da beleza. Non se trata de amar os semellantes como a un mesmo, porque isto vai contra todas as leis da natureza, porque o órgano desta é quen debe dirixir todas as accións da nosa vida. Só se trata de amar os nosos semellantes como a irmáns, como amigos que a natureza nos dá e cos cales debemos vivir tanto mellor nun Estado republicano canto que a desaparición das distancias debe necesariamente estreitar os vínculos.
Que a humanidade, a fraternidade e a beneficencia nos prescriban segundo isto os nosos deberes recíprocos e cumprámolos individualmente co simple grao de enerxía que sobre este punto nos outorgou a natureza, sen censurar e sobre todo sen castigar a aqueles que, máis fríos e máis atrabiliarios, non experimentan nestes vínculos, tan conmovedores non obstante, todas as dozuras que outros encontran neles; porque, estaremos de acordo, sería un absurdo palpábel querer prescribir leis universais. Este procedemento sería tan ridículo como o dun xeneral que pretendese que todos os seus soldados se vestisen con uniformes da mesma talla. É unha inxustiza abraiante esixir que homes de caracteres desiguais se pregaren a leis iguais: o que serve para un non serve en absoluto para outro.
Estou de acordo en que non se poden facer tantas leis como homes hai. Mais as leis poden ser tan benignas, tan pouco numerosas, que todos os homes, do carácter que sexan, poidan facilmente pregarse a elas. Esixiría aínda que estas poucas leis fosen de maneira que se adaptasen facilmente a todos os diferentes caracteres. O espírito que as dirixiría debería afectar con máis ou menos rigor, en razón do individuo que fose necesario atinxir. Está demostrado que existen virtudes cuxa práctica é imposíbel a algúns homes, como hai remedios que non serven a certos temperamentos. Ora, quen será o culpábel da vosa inxustiza se golpeades coa lei a aquel que lle é imposíbel pregarse á lei? A iniquidade que cometeriades non sería igual a aquela da que seriades culpábeis se quixésedes forzar un cego a distinguir as cores? Destes primeiros principios deita a necesidade de promulgar leis benignas e, sobre todo, de eliminar para sempre a atrocidade da pena de morte, porque a lei que atenta contra a vida dun home é impracticábel, inxusta, inadmisíbel. E non é, como direi a continuación, que non haxa infinidade de casos en que, sen aldraxar a natureza (e é o que demostrarei), os homes non recibiran desta nai común a enteira liberdade de atentar contra a vida dos outros, senón porque é imposíbel que a lei poida obter o mesmo privilexio, porque a lei, fría por si propia, é inaccesíbel ás paixóns que poden lexitimar no home a cruel acción do asasinato. O home recibe da natureza as impresións que poden facerlle perdoar esta acción, e a lei, pola contra, sempre oposta á natureza e sen recibir nada dela, non pode ser autorizada a se permitir os mesmos extravíos: ao non ter os mesmos motivos, é imposíbel que teña os mesmos dereitos. Eis distincións sabias e delicadas pasan desapercibidas a moitas xentes, porque moi pouca xente reflexiona sobre elas; mais serán acollidas polas xentes instruídas ás que me dirixo, e elas influirán, espero, sobre o novo Código que se prepara.
A segunda razón pola que se debe eliminar a pena de morte, é que nunca reprimiu o crime, porque se comete cada día ao pé do cadafalso. Nunha palabra, débese suprimir esta pena porque non hai peor cálculo que o de facer morrer un home por matar a outro, porque resulta evidente que este procedemento, no canto dun home, elimina dous, e só aos verdugos ou os imbéciles pode ser familiar tal aritmética.
Por último, calquera que fosen os delitos que podemos cometer contra os nosos irmáns, estes redúcense a catro principais: a calumnia, o roubo, delitos que, causados pola impureza, poden atinxir desagradabelmente aos outros, e o asasinato. Todas estas accións, consideradas capitais nun goberno monárquico, son tan graves nun Estado republicano? É o que imos analizar co facho da filosofía, porque é á única luz que se debe emprender tal exame. Que non se me tache de ser un innovador perigoso; que non se diga que existe o risco de atenuar, como quizais o fagan estes escritos, o remorso na alma dos malfeitores; que é extremadamente perigoso aumentar coa dozura da miña moral a inclinación deses mesmos malfeitores cara aos crimes. Declaro formalmente aquí non ter ningún deses propósitos perversos. Expoño ideas que desde a idade da razón se identificaron comigo e ás cales o infame despotismo dos tiranos opúxose sempre desde hai moitos séculos. Tanto peor para aqueles a quen estas grandes ideas poidan corromper, tanto peor para aqueles que só saben apañar o mal nas opinións filosóficas, susceptíbeis de se corromperen con todo! Quen sabe se non se gangrenarán coas lecturas de Séneca e Charron! Non é para eles para quen falo: eu diríxome a xentes capaces de me entender, e estas leranme sen perigo.
Confeso, coa máis extrema franqueza, que nunca acreditei que a calumnia fose un mal, sobre todo un goberno como o noso, no que todos os homes, máis unidos, máis achegados, teñen evidentemente o máis grande interese en se coñeceren. Unha de dúas: ou a calumnia cae sobre un home verdadeiramente perverso ou cae sobre un ser virtuoso. Admitirase que no primeiro caso é indiferente que se fale un pouco máis mal dun home coñecido por facer moito mal. Talvez mesmo o mal que non existe esclarecerá quen é este home, eis o malfeitor mellor coñecido.
Reina, supoñamos, unha influencia malsá en Hannover, mais se me expoño a esa inclemencia do ar, só corro o risco de coller un acceso de febre, debo acaso alporizarme co home que, para impedirme ir alá, me dixese que morrería ao chegar a ese lugar? Non, sen dúbida, porque ao me asustar cun gran mal impediume sufrir un pequeno. A calumnia refírese, pola contra a un home virtuoso? Que non se alarme: abondará con que se mostre e todo o veleno do calumniador caerá inmediatamente sobre el mesmo. A calumnia, para tales xentes, non é máis que un escrutinio depuratorio do que a súa virtude sairá máis brillante. Mesmo existe aquí proveito para a masa das virtudes da república, porque este home virtuoso e sensíbel, estimulado pola inxustiza que acaba de sufrir, aplicarase a actuar aínda mellor. Quererá superar esta calumnia da que se coidaba protexido e as súas boas accións adquirirán un grao de enerxía maior. Así, no primeiro caso, o calumniador producirá bos efectos ao agrandar os vicios do home perigoso; no segundo, producirá excelentes ao obrigar á virtude a se nos ofrecer por completo. Ora, pregúntome, en que sentido vos poderá aparecer perigoso o calumniador, nun goberno onde é tan esencial coñecer os malvados e aumentar a enerxía dos bos? Coidémonos moito de pronunciar ningunha pena contra a calumnia; considerémola baixo o duplo aspecto de fanal e de estimulante, e en todos os casos como algo moi útil. O lexislador, cuxas ideas deben ser grandes como a obra á que se aplica, non debe estudar nunca o efecto do delito que só golpea individualmente, o que debe examinar é o seu efecto masivo, e desde o momento en que observe desta maneira os efectos que resultan da calumnia, desafíoo a encontrar neles algo puníbel. Desafíoo a que poida pór algunha sombra de xustiza á lei que a castigará. Será, pola contra, o home máis xusto e máis íntegro se a favorece ou a recompensa.
O roubo é o segundo dos delitos morais que nos propuxemos examinar.
Se percorremos a antigüidade, veremos que o roubo foi permitido e recompensado en todas as repúblicas de Grecia. Esparta e Lacedemonia favorecíano abertamente. Outros pobos considerárono como unha virtude guerreira. É certo que mantén a coraxe, a forza, a habilidade, todas as virtudes, nunha palabra, útiles a un goberno republicano e, xa que logo, ao noso. Atreveríame a preguntar, agora sen parcialidade, se o roubo, cuxo efecto consiste en igualar as riquezas, é un gran mal para un goberno cuxo fin é a igualdade. Non, sen dúbida, porque se por unha parte mantén a igualdade, pola outra impúlsaa a conservar os propios bens. Había un pobo que non castigaba ao ladrón, senón a aquel que se deixara roubar, a fin de lle ensinar a coidar as súas propiedades. Isto condúcenos a reflexións máis amplas.
Deus me garde de atacar ou de destruír aquí o xuramento de respecto ás propiedades que acaba de pronunciar a nación; mais permitiráseme expor algunha ideas sobre a inxustiza dese xuramento. Cal é o espírito dun xuramento pronunciado por todos os individuos dunha nación? Non é o de manter a perfecta igualdade entre os cidadáns, o de sometelos igualmente a todos á lei que protexe as propiedades de todos? Ora ben, pregúntovos se é moi xusta a lei que ordena a aquel que non ten nada respectar a aquel que ten todo. Cales son os elementos do pacto social? Non consiste en ceder un pouco da súa liberdade e das súas propiedades para asegurar e manter o que se conserva de ambas?
Todas as leis descansan sobre esas bases; son os motivos dos castigos inflixidos a quen abusa da súa liberdade. Tamén autorizan os impostos; o que fai que un cidadán non proteste cando se lle esixen, porque sabe que mediante o que dá se lle conserva o que lle queda. Pero, máis dunha vez, con que dereito aquel que non ten nada se encadeará por un pacto que só protexe a quen o ten todo? Se facedes un acto de equidade conservando, polo voso xuramento, as propiedades do rico, non cometedes unha inxustiza esixindo ese xuramento do «conservador» que non ten nada? E por que queredes que prometa unha cousa unicamente favorábel a aquel que difire tanto del polas súas riquezas? Non existe seguramente nada máis inxusto: un xuramento debe ter un efecto igual sobre todos os individuos que o pronuncian. É imposíbel que poida encadear a aquel que non ten ningún interese no seu mantemento, porque entón non sería xa un pacto dun pobo libre, sería a arma do forte contra o feble, contra quen debería rebelarse sen cesar. Ora ben, isto é o que acontece co xuramento de respecto ás propiedades que se acaba de esixir á nación. Con el só o rico encadea o pobre, só o rico ten interese no xuramento que pronuncia o pobre con tanta desconsideración que non ve que mediante ese xuramento, arrebatado á súa boa fe, se compromete a facer algo que só se pode facer contra el.
Convencidos, como debedes de estalo, desta bárbara desigualdade, non agravedes pois a vosa inxustiza castigando a aquel que non ten nada e ousa roubar algo a quen ten todo: o voso desigual xuramento outórgalle máis que nunca tal dereito. Ao obrigalo ao perxurio mediante ese xuramento absurdo para el, lexitimades todos os crimes aos que o conducirá ese perxurio; non vos corresponde, xa que logo, castigar aquilo do que fostes a causa. Non direi máis para mostrar a horríbel crueldade de castigar os ladróns. Imitade a lei do sabio pobo que acabo de mencionar. Castigade ao home abondo neglixente para se deixar roubar, mais non pronunciedes ningún tipo de pena contra aquel que rouba. Pensade que o voso xuramento o autoriza a esa acción e que ao se entregar a ela non fai máis que seguir o primeiro e máis sabio dos movementos da natureza, o de conservar a propia existencia, non importa a expensas de quen.
Os delitos que debemos examinar nesta segunda clase dos deberes do home para cos seus semellantes, consisten nas accións que poden conducir a emprender a libertinaxe, entre as que se distinguen particularmente, como máis atentatorias ao que cadaquén debe aos outros, a prostitución, o adulterio, o incesto, a violación e a sodomía. Non debemos dubidar certamente, nin un momento, de que todos os que se denominan crimes morais, é dicir, todas as accións do tipo que acabamos de citar, só son perfectamente indiferentes nun goberno cuxo único deber consiste en conservar, polos medios que sexan, a forma esencial do seu mantemento: eis a única moral dun goberno republicano. Ora, xa que sempre ten en contra os déspotas que o rodean, non se pode imaxinar razoabelmente que os seus medios de conservación poidan ser medios morais, porque só se conservará mediante a guerra, e nada menos moral que a guerra. Pregúntome agora como se conseguirá demostrar que nun estado inmoral polas súas obrigas, debe ser esencial que os individuos sexan morais. Digo máis: é bo que non o sexan. Os lexisladores de Grecia percibiron perfectamente a necesidade de gangrenar os membros para que, ao influír a súa disolución moral sobre a que é útil á máquina, provocase a insurrección sempre indispensábel nun goberno que, perfectamente feliz como o goberno republicano, debe necesariamente excitar o odio e os celos de todo o que o rodea. A insurrección, pensaban aqueles sabios lexisladores, non é en absoluto un estado moral; debe ser non obstante o estado permanente dunha república. Sería, xa que logo, tan absurdo como perigoso esixir que os que deben manter a perpetua axitación inmoral da máquina fosen pola súa parte seres moi morais, porque o estado moral dun home é un estado de paz e de tranquilidade, en tanto que o seu estado inmoral é un estado de movemento perpetuo que o achega á necesaria insurrección na que é preciso que o republicano manteña sempre o goberno do que é membro.
Vaiamos agora aos detalles e comecemos por analizarmos o pudor, ese movemento pusilánime, contrario ás afeccións impuras. Se estivese nas intencións da natureza que o home fose pudoroso, seguramente non faría que nacese nu. Unha infinidade de pobos, menos degradados que nós pola civilización, van nus e non senten ningunha vergoña. Non hai que dubidar que o costume de se vestir ten como única base a inclemencia do ar e a coquetería dos mulleres. Estas percibiron que perderían todos os efectos do desexo se os evitaban no canto de deixalos nacer. Acharon que como a natureza as creara con defectos, pensaron que asegurarían mellor todos os medios para gustar disfrazando eses defectos con adornos. Así, o pudor, lonxe de ser unha virtude, non foi, xa que logo, máis que un dos primeiros efectos da corrupción, que un dos primeiros defectos da coquetería feminina. Licurgo e Solón, convencidos de que os resultados do impudor manteñen o cidadán nun estado inmoral esencial para as leis do goberno republicano, obrigaron ás rapazas a se mostraren núas no teatro (8). Roma imitou axiña este exemplo: bailábase nu nos xogos de Flora. A maior parte dos misterios pagáns celebrábanse desa maneira: incluso nalgúns pobos a nudez era considerada mesmo como virtude. Sexa o que for, o impudor xera inclinacións luxuriosas. O resultado destas inclinacións constitúe os pretendidos crimes que analizamos e dos que a prostitución é o primeiro defecto. Agora, cando superamos a multitude de erros relixiosos que nos escravizaban e estamos máis preto da natureza pola cantidade de prexuízos que acabamos de eliminar, non escoitamos máis que a súa voz, seguros de que se hai algo criminal consistiría máis ben en resistirmos tales inclinacións inspiradas por ela que en combatelos, persuadidos de que, ao ser a luxuria unha consecuencia destas inclinacións, se trata menos de extinguir esta paixón en nós que de regular os medios para satisfacela en paz. Debemos, por tanto, traballar en pór orde nesta parte, en estabelecer nela toda a seguridade necesaria para que o cidadán, cuxa necesidade o achega aos obxectos de luxuria, poida entregarse con estes obxectos a todo o que as súas paixóns lle prescriben, sen nunca estar encadeado por nada, porque non existe ningunha paixón no home que teña máis necesidade de toda a extensión da liberdade que esta. Serán erixidos en todas as cidades locais sans, vastos, adecuadamente amoblados e seguros desde todos os puntos de vista. Aquí, todos os sexos, todas as idades, todas as criaturas serán ofrecidos aos caprichos dos libertinos que acudan a gozaren e a máis completa subordinación será a regra dos individuos presentados. A máis leve negativa será inmediatamente castigada segundo o arbitrio de quen a sufrise. Debo aínda explicar isto, axustalo aos costumes republicanos. Prometín que aplicaría sempre a mesma lóxica. Manterei a palabra.
NOTAS
(5) Emperador romano que tentou restaurar o paganismo (Ndt.).
(6) Jean François de La Barre (1745-1766) foi acusado sen proba ningunha de romper un crucifixo: o seu crime real foi non ter saudado unha procesión. Despois dun longo proceso, foi torturado e decapitado en 1766, a súa memoria foi defendida o mesmo ano por Voltaire. (Morreu co Dicionario filosófico deste nas mans.) Foi rehabilitado pola Convención o 25 Brumario do Ano II (15 de novembro de 1794). (Ndt.)
(7) Cada pobo pretende que a súa relixión é a mellor e apóiase, para persuadirnos, nunha infinidade de probas, non só discordantes entre elas, senón case todas contraditorias. Na profunda ignorancia en que estamos, que o que pode gustar a Deus, supondo que haxa un Deus? Debemos, se somos sabios, ou protexelas todas igualmente ou igualmente proscribilas todas. Ora, proscribilas é seguramente o mais seguro, porque temos a certeza moral de que todas son supersticións, que ningunha pode compracer máis que as outras a un deus que non existe.
(8) Dise que a intención destes lexisladores era, ao atenuar a paixón que os homes senten por unha rapaza, mudar máis activa a que os homes senten ás veces polo seu sexo. Estes sabios facían mostrar o que eles querían que se aborrecerse e agachar o que coidaban feito para inspirar doces desexos. En todos os casos, non traballaban para o fin que acabamos de mencionar? Sentían, vese, a necesidade de inmoralidade nos costumes republicanos.
You might also like
More from Tradução
Carta aberta à Europa I Chus Pato
No mês de agosto do 2009, e à hora prevista, o avião em que viajava aterrou en Lviv. Um aeroporto …
O duque Ernesto ou os inexplorados camiños da tradución I Almudena Otero Villena
Para falar d'O duque Ernesto, unha obra medieval escrita en alemán medio, coido que é inevitábel comezar referíndose ás dificultades …